Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 23 de xuño de 2014 Páx. 28381

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (1260/2011).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fai saber que no procedemento ordinario 1260/2011 deste xulgado do social, seguido por instancia de José A. Vázquez Cambón contra a empresa Juan Canzobre Bau, sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se xunta:

A Coruña, 24 de abril de 2014

Vistos por Miguel Herrero Liaño, maxistrado xuez do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo nº 1260/2011 seguidos por instancia de José A. Vázquez Cambón, asistido polo letrado Sr. Grobas Blanco, fronte á empresa Juan Canzobre Bau, que non comparece, sobre reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A parte demandante antes citada formulou demanda con entrada o día 16 de decembro de 2011 que correspondeu a este xulgado, contra a parte demandada xa mencionada, en que despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, terminaba solicitando que se ditase sentenza pola que se condene a demandada ao pagamento da cantidade debida por importe de 11.432,88 euros máis o xuro do 10 % en concepto de mora no pagamento.

Segundo. Que admitida a trámite a demanda, convocáronse as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar o día 24 de abril de 2014 coa asistencia da parte demandante e sen comparecencia da demandada, correctamente citada. A parte demandante ratificou a demanda, e a demandada opúxose. Recibido o xuízo a proba, propúxose documental e interrogatorio e, logo de declaración de pertinencia, uníronse os documentos aos autos; seguidamente as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais vixentes.

Feitos probados.

Primeiro. A parte demandante prestou servizos para a empresa demandada, desde o día 2.1.1990 coa categoría profesional de oficial de 2ª e cun salario mensual de 1.613,87 euros con inclusión do rateo de pagas extraordinarias.

Segundo. Con data do 13.10.2011, con efectos do 31.10.2011, o demandante foi despedido por causas obxectivas. O importe da indemnización de 20 días de salario por ano traballado cuantificouse en 19.054,80 euros, sinalando desta a cantidade de 11.432,88 euros como a cargo da empresa, sen que se aboase ningunha cantidade.

Terceiro. En virtude de papeleta presentada o 28.11.2011 tivo lugar acto de conciliación ante o SMAC co resultado de sen avinza.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A anterior relación de feitos despréndese da valoración conxunta da proba practicada para os efectos do artigo 97.2 da LRXS, tomando en consideración a presentación da carta de despedimento e da acta de conciliación en que o empresario recoñece a débeda, e a aplicación do artigo 91.2 da LRXS ante a incomparecencia da empresa ao acto de xuízo.

Segundo. Acreditado a falta de pagamento da cantidade sinalada como indemnización e en aplicación do artigo 53 do ET, en relación co artigo 33, procede acceder á pretensión de condena polo principal equivalente ao 60 % da indemnización por despedimento obxectivo.

Terceiro. En relación cos xuros, as previsións do artigo 29.3 ET non son extensibles á indemnización por despedimento pola súa natureza extrasalarial, pero si se deben conceder os xuros legais ao abeiro da regulación xeral dos xuros moratorios en obrigacións en diñeiro.

Neste sentido, a STSX de Asturias do 10.2.2014, r. 1911/13, explica que “Aínda que o xuro por mora no pagamento de salarios previsto no artigo 29.3 do ET, que suporía unha cantidade maior da agora reclamada, é inaplicable á débeda indemnizatoria, non por iso se pode privar o demandante da compensación económica polos danos derivados da demora no aboamento total da indemnización extintiva. Os artigos 1.100, 1.101 e 1.108 do Código civil obrigan a empresa ao aboamento dos xuros legais das cantidades en cada momento pendentes de pagamento, sen que a demandada poida eludir tal devindicación cando incumpriu a obriga de aboamento puntual que lle incumbía.”

Isto determina a estimación parcial da demanda.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolvo que debo estimar e estimo parcialmente a demanda interposta por José A. Vázquez Cambón fronte a Juan Canzobre Bau e, en consecuencia, condeno a parte demandada a lle aboar á demandante a cantidade de 11.432,88 euros, que se deberá incrementar co xuro legal computable desde a interposición da papeleta de conciliación.

Modo de impugnación. Advírtese as partes que contra esta resolución poderán interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia, ou mediante escrito presentado na oficina xudicial dentro dos cinco días seguintes ao da notificación desta sentenza, ou por simple manifestación no momento en que se lle practique a notificación. Advírtase igualmente ao recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habente causa seus, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros na conta aberta en Banesto a nome desta oficina xudicial, co núm. 1532/0000/36/1260/11, debendo indicar no campo concepto “recurso” seguido do código “34 Social Suplicación”, acreditando mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, deberá consignar na conta de depósitos e consignacións aberta a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario a primeiro requirimento indefinido por esa cantidade, en que se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, e incorporalos a esta oficina xudicial co anuncio de recurso. En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso, no momento de o anunciar.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando, pronúncioo, mándoo e asínoo.

E para que sirva de notificación en legal forma á empresa Juan Canzobre Bau, en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 3 de xuño de 2014

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial