Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 23 de xuño de 2014 Páx. 28264

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de maio de 2014 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Olga Gallego.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Olga Gallego, con domicilio na rúa Rosalía de Castro, número 13, na Coruña.

Feitos:

1. Gabriel Quiroga Barro, secretario do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Olga Gallego foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 24 de febreiro de 2014, ante o notario José Manuel Lois Puente, co número de protocolo 445, por Pilar Gallego Domínguez, que actúa no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– A protección, defensa e fomento dos arquivos e do patrimonio documental de Galicia e de interese para Galicia, e doutros territorios con vínculos culturais coa nosa comunidade como América e Portugal.

– O fomento da investigación sobre arquivos e documentos de Galicia e de interese para Galicia e doutros territorios con vínculos culturais coa nosa comunidade como América e Portugal.

– O fomento e estudo da arquivística.

– O fomento da formación dos profesionais dos arquivos.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Pedro López Gómez, como presidente; María Dolores Pereira Oliveira, como vicepresidenta; Gabriel Quiroga Barro, como secretario, e María del Mar García Miraz e Olimpia López Rodríguez, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Olga Gallego, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 19 de maio de 2014,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Olga Gallego, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza