Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 18 de xuño de 2014 Páx. 27533

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se amplía o prazo da disposición adicional única da Resolución do 12 de maio de 2014, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2014-2015.

O 26 de maio de 2014 a Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicou a Resolución do 12 de maio de 2014, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2014-2015 (DOG número 99, do 26 de maio).

A súa disposición adicional única establece as datas e condicións para presentar o Plan de aproveitamento cinexético anual correspondente á tempada 2014-2015. Concretamente, no seu punto 1 reflíctese o seguinte:

1. Os tecores ou explotacións cinexéticas que teñan vixente ou aprobada a renovación do Plan de ordenación cinexética, deberán achegar o Plan de aproveitamento cinexético anual ao correspondente Servizo de Conservación da Natureza, no prazo máximo de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Por problemas técnicos, a aplicación informática non estivo operativa á disposición dos interesados para a presentación do dito plan.

O artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece que a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición dos interesados, unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiro.

Con base no exposto, tendo en conta que non se prexudican os dereitos de terceiros e no uso das funcións conferidas polo disposto no artigo 14 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

Artigo único

Ampliar en dez días hábiles o prazo establecido na disposición adicional única, punto 1, da Resolución do 12 de maio de 2014, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, para que os tecores ou explotacións cinexéticas, que teñan vixente ou aprobada a renovación do plan de ordenación cinexética, acheguen o Plan de aproveitamento cinexético anual ao correspondente Servizo de Conservación da Natureza.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2014

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza