Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 6 de xuño de 2014 Páx. 25775

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 28 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á identificación do gando equino, así como das axudas para a subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros para cabalos en réxime extensivo e se convocan para o ano 2014.

O Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie equina, modificado polo Real decreto 1701/2011, do 18 de novembro, sinala as condicións de aplicación da normativa comunitaria no Estado español, e o Decreto 142/2012, do 14 de xuño, polo que se establecen as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia, establece e regula, entre outros aspectos, o sistema obrigatorio de identificación individual dos équidos e o seu rexistro.

Conforme estas normas, os titulares das explotacións gandeiras equinas terán que identificar os animais e comunicar ás autoridades competentes os movementos do gando que se produzan na súa explotación mediante xustificación documental ou por medios informáticos. Esta medida contribuirá á ordenación do sector equino en Galicia, de especial dificultade pola existencia dun importante número de cabalos en réxime extensivo. Non obstante, a súa implantación nestas explotacións, caracterizadas pola escasa renda que xeran, terá un impacto notable nos custos de funcionamento.

A subvención que se regula nesta orde compensará parcialmente os gastos derivados da identificación dos animais da especie equina que se manteñen en réxime extensivo.

Así mesmo, o fomento da contratación de seguros agrarios de responsabilidade civil fronte a terceiros convértese nun importante instrumento para a regularización e profesionalización do sector gandeiro equino en réxime extensivo en Galicia, xa que aseguran o mantemento da explotación gandeira no caso de producirse un accidente cunha responsabilidade civil subsidiaria, cubrindo con iso todas as eventualidades que se poidan producir no caso dunha posible saída do animal da explotación. A finalidade desta subvención é conseguir un nivel amplo de implantación destes seguros que permita aos produtores de gando equino en extensivo contar cun custo axustado e asumible para os riscos cubertos.

Por este motivo, convócanse tamén na presente orde as axudas para a subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil fronte a terceiros para équidos mantidos en réxime extensivo.

Estes réximes de subvencións quedan suxeitos ao Regulamento (CE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L352/9, do 24 de decembro de 2013).

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

DISPOÑO:

Artigo 1 . Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2014, das seguintes liñas de axuda:

a) Axudas para compensar os gastos derivados da identificación do gando equino de Galicia en réxime extensivo.

b) Axudas á subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil fronte a terceiros para équidos de Galicia en réxime extensivo.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta orde, serán de aplicación as seguintes definicións:

a) Explotación equina: calquera instalación, construción ou, no caso de cría ao aire libre, calquera lugar en que se teñan, críen, manexen ou se expoñan ao público animais da especie equina, con ou sen fins lucrativos.

b) Explotación equina extensiva en réxime de liberdade: aquela explotación extensiva asentada sobre terreos agrícolas ou forestais, xa sexan públicos ou privados, onde se explotan baixo control os animais en completa liberdade.

c) Explotación equina extensiva en réxime pechado: aquela en que os animais non están aloxados nin son alimentados dentro de instalacións de forma permanente, alimentándose principalmente de pastos asentados sobre terreos pechados perimetralmente que impidan eficazmente a saída de animais dos terreos de pastoreo.

d) Titular de explotación equina: calquera persoa física ou xurídica ou, se é o caso, unha comunidade de montes veciñais en man común, que sexa propietaria ou responsable, por calquera título distinto ou de dominio, dunha explotación equina.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de explotacións extensivas de équidos que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar a explotación oficialmente recoñecida como explotación equina extensiva, coa orientación zootécnica de reprodución para produción de carne e correctamente inscrita no Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

b) Estar situada a explotación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Nos casos en que unha explotación estea integrada parcialmente por elementos territoriais situados noutra comunidade autónoma, considerarase dentro do ámbito de aplicación desta orde cando a maior parte da súa base territorial estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Cumprir coas obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como cumprir co resto dos requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Non ter sido sancionado pola Consellería do Medio Rural e do Mar por cometer infraccións en materia de sanidade ou benestar animal no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou de tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave, computados os prazos desde a data de presentación da solicitude de axuda.

2. Ademais de cumprir os anteriores requisitos, para o caso das axudas á subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros, os animais asegurados deberán cumprir coa lexislación vixente en identificación equina.

Artigo 4. Definición das axudas e contías

1. Axudas á identificación do gando equino:

a) A subvención será de 15 € por équido identificado, sen superar en ningún caso o 70 % da base impoñible do custo total das actuacións de identificación. O IVE non é subvencionable.

b) En ningún caso se poderá superar unha contía de subvención de 5.000 € por explotación e convocatoria.

c) A axuda total de minimis concedida non será superior a 15.000 € nun período de tres exercicios fiscais. O beneficiario será informado por escrito do importe da subvención (expresado en importe bruto de subvención) e sobre o seu carácter de axuda de minimis, exenta en aplicación do Regulamento (CE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE.

d) Estas axudas son compatibles con outras subvencións que estableza co mesmo obxecto calquera outra Administración, sempre que se respecte o nivel máximo de axuda.

2. Axudas á subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros:

a) A subvención será de 12 € por équido asegurado, sen superar en ningún caso o 50 % da base impoñible do custo total da póliza. O IVE non é subvencionable.

b) A aplicación destas subvencións terá carácter retroactivo para todos os seguros contratados, segundo regula esta norma, desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o día que figura como data límite para a presentación da documentación xustificativa, disposto no artigo 10.2 da presente orde.

c) O seguro deberá reflectir o valor da prima de seguros pola que se aseguren os animais.

d) Os équidos asegurados deberán coincidir cos reflectidos na declaración do beneficiario, na xustificación e no seguro obxecto da subvención.

e) En ningún caso se poderá superar unha contía de subvención de 5.000 € por explotación e convocatoria.

f) A axuda total de minimis concedida non será superior a 15.000 € nun período de tres exercicios fiscais. O beneficiario será informado por escrito do importe da axuda (expresado en importe bruto de subvención) e sobre o seu carácter de axuda de minimis, exenta en aplicación do Regulamento (CE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE.

g) Estas axudas son compatibles con outras subvencións, que estableza co mesmo obxecto calquera outra Administración, sempre que se respecte o nivel máximo de axuda.

Artigo 5. Presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

5. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da rexeitamento da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 e 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A solicitude poderá ser presentada por:

a) Comunidades de montes veciñais en man común, cooperativas equinas ou asociacións equinas con personalidade xurídica propia titulares de explotacións extensivas de équidos, que exerzan un aproveitamento directo do monte en representación propia.

b) Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións extensivas de équidos e, no caso de que pertenzan a unha CMVMC, cumpran as directrices do regulamento da comunidade.

Artigo 6. Documentación

Os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

1. Solicitude: para as axudas á identificación do gando equino deberán presentar o anexo I. Para as axudas á subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros deberán presentar o anexo II.

2. No caso de representación exixirase autorización para facer a solicitude nos termos exixidos no artigo 32 da Lei 30/1992. De ser o caso, certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, achegando copia cotexada deles e citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.

3. Para o suposto de comuneiros, certificación da CMVMC a que pertenza o titular que acredite que é integrante dela e que cumpre as directrices e regulamentos da comunidade.

4. Copia do DNI do solicitante ou do representante no caso de que non se autorice a súa verificación no anexo de solicitude.

Artigo 7. Criterios de outorgamento da subvención

1. A concesión de subvencións axustarase aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, segundo o artigo 5.2.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As subvencións previstas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva, en función da dispoñibilidade orzamentaria, das porcentaxes de axuda e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nela.

3. As solicitudes clasificaranse en función dos seguintes criterios referidos ao titular e á explotación, coa seguinte puntuación máxima por criterio:

a) As CMVMC titulares de explotación: 10 puntos.

b) Os titulares de explotación con condición de comuneiro dunha CMVMC: 8 puntos.

c) Os titulares de explotación que non pertenzan a unha CMVMC: 6 puntos.

Dentro de cada grupo, ordenaranse as solicitudes de maior a menor número de équidos por identificar ou asegurar en función do tipo de axuda solicitada. No caso de que a dispoñibilidade orzamentaria limite o número de persoas beneficiarias, aprobaranse as subvencións así ordenadas ata esgotar o orzamento. No caso de que se produza igualdade, priorizaranse as solicitudes dos titulares cuxas explotacións leven máis tempo dadas de alta.

Artigo 8. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de 10 días consonte o artigo 71 da Lei 30/1992. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da resolución.

3. A resolución do expediente corresponde ao secretario xeral do Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da directora xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, integrado por tres funcionarios desa mesma dirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, e que estará presidido polo subdirector xeral de Gandaría. As resolucións serán notificadas ás persoas interesadas segundo o previsto na normativa vixente.

4. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 5 meses segundo o previsto na Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, e sempre antes do 31 de decembro. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativo de reposición e contencioso-administrativo.

Artigo 9. Recursos administrativos

As resolucións expresas ou presuntas do procedemento en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 10. Presentación da xustificación

1. Unha vez realizadas as actuacións obxecto da subvención, os beneficiarios deberán presentar a documentación xustificativa.

2. A data límite para a súa presentación é o 2 de outubro de 2014, preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración Xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

3. No caso de envío por correo, farase de acordo co previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, presentándose en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar con claridade o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

Artigo 11. Documentación xustificativa

Para xustificar as actuacións realizadas, os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

1. Axudas á identificación do gando equino:

a) Se o representante que presenta a documentación xustificativa varía respecto do que presentou a solicitude, exixirase de novo certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para presentar a documentación xustificativa ao asinante dela. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na documentación xustificativa, achegando copia cotexada deles e citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.

b) Declaración do beneficiario indicando os animais obxecto da identificación: o número de identificación, a data de nacemento, a raza e o sexo de cada un deles.

c) Orixinais das facturas que emite o veterinario autorizado. No caso de presentar copias cotexadas das facturas, as orixinais deben ser presentadas na oficina agraria comarcal que corresponda, onde se dilixenciarán cun selo coa inscrición «Presentado para os efectos de xustificación de subvención» especificando a subvención para cuxa xustificación foron presentadas. A factura conterá o número de équidos identificados, o custo por équido e o custo total da actuación.

d) A factura virá acompañada do documento que verifique o pagamento efectivo, é dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto) en que conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo para a xustificación da axuda. Non obstante, no caso de que o gasto non supere os 300 €, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo veterinario autorizado e debe figurar a inscrición «Recibín en metálico a contía de ... € por parte de ... ».

2. Axudas á subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros:

a) Se o representante que presenta a documentación xustificativa varía respecto do que presentou a solicitude, exixirase de novo certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para presentar a documentación xustificativa ao asinante dela. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, achegando copia cotexada deles e citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.

b) Declaración do beneficiario indicando o número de identificación dos animais asegurados.

c) Copia cotexada da póliza de seguro subscrita coa empresa aseguradora e as súas regularizacións e actualizacións para aquelas pólizas contratadas desde o 1 de xaneiro de 2014, de ser o caso.

d) A póliza virá acompañada do documento que verifique o pagamento efectivo da prima de seguro, e dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante cheques mercantís que permiten o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto) en que conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo para a xustificación da axuda (desde o 1 de xaneiro ao 2 de outubro de 2014).

3. Xunto coa xustificación, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 12. Obrigas

1. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas ou polo Servizo de Auditoría Interna do Fogga, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

2. Nas axudas á subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros, no caso da saída do animal da explotación, só poderá ser con destino a sacrificio ou ben a outra explotación equina galega en réxime extensivo. En caso contrario, incoarase o correspondente procedemento de reintegro da axuda recibida.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria, de conformidade co previsto no artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei, sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Cambio de titularidade da explotación.

b) Perda de parte ou de todos os animais obxecto da identificación ou asegurados por venda, enfermidade, desastre natural ou outras circunstancias que repercutan á baixa no número de animais por identificar ou asegurar.

A solicitude de modificación da resolución deberá presentarse antes do día 2 de outubro de 2014.

Artigo 14. Reintegro da axuda e obriga de facilitar información

1. O interesado ten a obriga do reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Se como consecuencia dos controis se detectaren incumprimentos na execución das actuacións aprobadas en aspectos relevantes para a súa efectividade, aplicaranse deducións sobre as subvencións aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

As deducións parciais aplicables serán as seguintes:

– Do 5 % do importe da subvención para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 10 % dos équidos inspeccionados.

– Do 15 % do importe da subvención para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 20 % dos équidos inspeccionados.

– Do 25 % do importe da subvención para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 30 % dos équidos inspeccionados.

– Do 50 % do importe da subvención para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 40 % dos équidos inspeccionados.

En caso de detectar un mesmo tipo de incumprimento na execución das actuacións en máis dun 40 % dos équidos inspeccionados, perderase o dereito á subvención.

Artigo 15. Controis, reducións, exclusións e sancións

1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria será a responsable de efectuar as actuacións necesarias tendentes á realización tanto dos controis administrativos das solicitudes de axuda e de pagamento como dos controis sobre o terreo, para verificar o cumprimento polos beneficiarios dos compromisos e obrigas que asumisen, todo isto sen prexuízo dos controis que deban realizar outras unidades con base no disposto na regulamentación aplicable a esta medida.

2. No tocante a infraccións e sancións, será de aplicación o título IV, infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas acompañaranse dos documentos e as informacións determinadas no artigo 6, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaria Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante ela, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Artigo 18. Financiamento

O financiamento das subvencións recollidas na presente orde efectuarase con cargo a:

1. Axudas á identificación do gando equino:

As aplicacións orzamentarias 12.22.713E.770.3 e 12.22.713E.781.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, nas cales existe crédito adecuado para o ano 2014 de vinte e cinco mil euros (25.000 €) cada unha. Esta axuda está financiada integramente con fondos da Comunidade Autónoma.

2. Axudas á subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros:

A aplicación orzamentaria 12.22.713C.771.3 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2014 de vinte e tres mil seiscentos euros (23.600 €). Esta subvención está financiada integramente con fondos da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional primeira

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos preceptos básicos da normativa estatal.

Disposición adicional segunda

As subvencións reguladas pola presente orde rexeranse polas normas comunitarias aplicables e, concretamente, polo Regulamento (CE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 352/9, do 24 de decembro de 2013).

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file