Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 6 de xuño de 2014 Páx. 25744

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2014, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva para a delimitación do solo de núcleo rural do Hospicio en San Amaro (Ourense).

O Concello de San Amaro eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente da delimitación de solo de núcleo rural do Hospicio, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda da LOUG, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Unha vez analizado o expediente remitido, e vista a proposta literal elevada pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de San Amaro non conta con ningunha figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as normas complementarias e subsidiarias da provincia (AD 14.5.1991).

2. Constan os informes municipais: técnico do 16 de febreiro de 2012; e xurídico do 28 de febreiro.

3. O Concello de San Amaro someteu a información pública o expediente durante un mes, mediante anuncio nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 8 de marzo de 2012; e no DOG do 29 de marzo.

4. Consta certificado do secretario interventor do concello, con data do 30 de abril de 2012, sobre a inexistencia de alegacións ao expediente no período de exposición pública.

5. Constan informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con datas do 19 de xullo de 2012, 19 de novembro de 2012 e 28 de xuño de 2013, desfavorables; e con data do 18 de setembro de 2013, informe favorable ao expediente, condicionado a realizar as correccións indicadas.

6. O Pleno do concello, en sesión do 31 de outubro de 2013, aprobou provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural do Hospicio.

7. Con data do 15 de novembro de 2013 o concello remitiu a documentación da delimitación de núcleo rural do Hospicio do Concello de San Amaro para a súa aprobación definitiva. Con data do 13 de decembro de 2013 requiríuselle que procedese á emenda de erros na documentación.

8. Constan informes do Servizo de Vías e Obras da Deputación Provincial de Ourense con data do 17 de febreiro de 2014, desfavorable; e do 26 de marzo de 2014, favorable.

II. Obxecto.

1. O ámbito da actuación abrangue a zona de solo rústico do asentamento tradicional do Hospicio, identificado administrativamente no Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor das entidades de poboación da provincia de Ourense.

2. O obxecto da delimitación do núcleo do Hospicio adaptada á LOUG consiste na aplicación do establecido no punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG.

III. Análise e consideracións.

1. Delimítase o asentamento poboacional do Hospicio como núcleo rural complexo, cunha zona de núcleo rural histórico tradicional de 25.050 m2 de superficie e unha zona de núcleo rural común de 21.898 m2, conforme o establecido no artigo 13 da LOUG e punto 1.7 das determinacións das directrices de ordenación do territorio, aprobadas polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro. O asentamento atópase atravesado pola estrada provincial OU-0458.

2. Constátase a existencia dun asentamento histórico arredor do pazo Antigo Hospicio que dá o nome ao núcleo e á igrexa barroca parroquial de Santiago de Anllo. En prolongación deste centro histórico, recóllese unha zona de núcleo rural común ao longo da estrada provincial OU-0458.

3. O asentamento histórico tradicional está constituído por 37 edificacións, das cales 21 son tradicionais de uso residencial, cunha consolidación edificatoria dun 51 %. A zona común do núcleo conta con 14 edificacións, cunha porcentaxe de consolidación do 42 %.

4. A delimitación fixa as condicións de uso e de edificación nos terreos delimitados; define o trazado viario, asumindo algunhas das aliñacións existentes; e identifica elementos de valor cultural (o cemiterio, adro e igrexa parroquial; a casa reitoral; unha edificación tradicional; o pazo Antigo Hospicio; a antiga escola; unha cruz de termo; un conxunto de cruceiros e seis canastros), un equipamento existente (a antiga escola, hoxe centro social) e dous espazos verdes (un espazo libre fronte ao centro social e un parque de xogos).

5. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación do solo de núcleo rural cos requisitos establecidos no artigo 13.3 da LOUG. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola LOUG para o solo de núcleo rural.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural do Hospicio, no Concello de San Amaro.

2. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, se é o caso, calquera outro que estimen procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha Administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

3. Notifíquese ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2014

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file