Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 3 de xuño de 2014 Páx. 25003

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 30 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de Risga, e se aproba a convocatoria para o ano 2014.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20º da Constitución española.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 58, que as competencias en materia de servizos sociais lles corresponderán á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e ás corporacións locais de Galicia, así como, se é o caso, ás demais entidades públicas previstas no Estatuto de autonomía de Galicia ou establecidas nesa lei.

A Consellería de Traballo e Benestar segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar (DOG núm. 46, do 6 de marzo), é o órgano que ten asumidas as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de inclusión social que lle corresponden á Xunta de Galicia.

A Unión Europea, a través da Estratexia 2020, asume como prioridade converterse nunha economía intelixente, sustentable e inclusiva que goce de altos niveis de emprego, de produtividade e de cohesión social.

Por outra banda, entre as competencias que en materia laboral lle corresponden a esta comunidade autónoma, conforme o establecido no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, está a de promoción do emprego e para lograr a converxencia con España e a Unión Europea, Galicia deberá aumentar a súa taxa de emprego, mellorando as condicións de empregabilidade e propoñendo oportunidades de integración social e laboral, especialmente entre aqueles grupos que teñen unha menor participación no mercado de traballo e que presentan un maior risco de exclusión e, consecuentemente, maiores dificultades para a súa inserción social e laboral.

Nesta liña, aumentar a participación no mercado laboral e mellorar a calidade e produtividade do traballo, impulsando a igualdade de oportunidades e a inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos, son os principais obxectivos do eixe 2 do Fondo Social Europeo (FSE) para o presente período.

Así, o programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013 establece que os/as beneficiarios/as últimos/as do eixe serán os grupos e persoas con maiores desvantaxes sociais, entre os que se encontran aqueles con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo.

A inclusión activa asentouse claramente en todo este período como unha das prioridades da unión e dos estados membros e un eixe prioritario para os fondos estruturais, no marco de estratexias dos estados membros e das rexións europeas en que se articulan medidas de acceso a ingresos mínimos con outras orientadas a mercados de traballo inclusivos e a servizos públicos de calidade.

Nun momento como o actual en que a crise está tendo graves impactos no emprego e a exclusión social dos máis vulnerables, para lograr unha xestión eficaz dos fondos europeos, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, deben articularse as medidas necesarias para garantir o dereito das persoas máis vulnerables ao desenvolvemento dunha actividade profesional en condicións de igualdade, fomentando así a integración no mercado laboral dos colectivos máis afectados polos efectos directos da crise económica global.

Nesta liña, a recente Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, recolle no título IV os mecanismos de acción positiva na formación para o emprego e as demais políticas activas de emprego a favor das persoas en situación ou risco de exclusión social.

A presente orde regula a convocatoria de subvencións ás entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de Risga, de conformidade co establecido na normativa estatal básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo), na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no regulamento que a desenvolve, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, atendendo en todo caso aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014 existe crédito adecuado e suficiente para o financiamento das subvencións previstas nesta orde. Estas axudas poderán estar financiadas polo Fondo Social Europeo 2007-2013, nun 80 %, e pola Comunidade Autónoma de Galicia.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto da presente orde axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 230, do 3 de decembro), e polo Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das axudas e subvencións que poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social cunha antigüidade mínima de seis meses como perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral, e a aprobación da súa convocatoria para o ano 2014.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde tramitarase de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destas axudas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, a través dos créditos consignados na aplicación 11.05.322A.460.0, polo importe global de 3.000.000 euros.

2. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas previstas nesta orde atenderá ao número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada concello no mes inmediato anterior ao da publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia conforme os datos que consten na Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social da Dirección Xeral de Familia e Inclusión e terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

3. Para os efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre os distintos concellos que poidan participar nesta convocatoria, asignarase a cada entidade solicitante unha axuda inicial equivalente ás contratacións que lle correspondan en función do número de persoas perceptoras da Risga, de conformidade co tramo no cal se atope cada un segundo a seguinte escala:

a) Ata 10 persoas perceptoras da Risga: ata 2 contratacións.

b) De 11 a 50 persoas perceptoras da Risga: ata 5 contratacións.

c) De 51 a 100 persoas perceptoras da Risga: ata 10 contratacións.

d) De 101 a 700 persoas perceptoras da Risga: ata 20 contratacións.

e) De máis de 700 persoas perceptoras da Risga: ata 40 contratacións.

4. Para a máxima eficacia destas axudas, calquera sobrante de crédito que poida producirse tras as resolucións de concesión ditadas de conformidade co establecido no número anterior, será asignado aos solicitantes das axudas polo órgano competente, atendendo ao número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada concello.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, incluída a fusión municipal, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do obxecto para o cal se concede a subvención.

En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual.

Artigo 4. Requisitos da contratación

As contratacións deberán cumprir os seguintes requisitos:

• En todo caso, as contratacións polas que se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, competencia das entidades locais.

• O período de contratación subvencionable deberá ter una duración superior aos seis meses e non poderá exceder os nove, e deberá iniciarse no prazo máximo dun mes desde a data de notificación da resolución pola que se conceda a subvención.

• A selección de traballadores e traballadoras que se contraten será realizada por un grupo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Traballo e Benestar e da entidade beneficiaria, que actuará de conformidade cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

• Os traballadores e traballadoras que se contraten deberán ser, en todo caso, persoas perceptoras da Risga cunha antigüidade mínima de seis meses e estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato. Terán preferencia, en todo caso, os persoas perceptoras da Risga que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral.

• Calquera que sexa a entidade local que realice as contratacións, deberá solicitar as persoas demandantes non ocupadas necesariamente mediante a presentación da oferta nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia. Excepcionalmente, mediante a autorización expresa da respectiva xefatura territorial, e logo da acreditación da condición de persoa perceptora da Risga por parte da entidade solicitante, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal.

• Efectuada a selección dos traballadores e traballadoras, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social. Os contratos formalizaranse por escrito e concertaranse a tempo parcial, tendo en conta que a xornada de traballo debe ser igual ou superior ao 50 % da xornada ordinaria na empresa ou sector.

Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro (DOG núm. 241, do 17 de decembro), polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo/a representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo/a interesado/a comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. Xunto coa solicitude haberá que presentar a seguinte documentación complementaria:

a) Copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Copia do DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención –se se autoriza a consulta, a través do Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI), no formulario de solicitude non será necesaria a súa achega–.

c) Certificación do/a secretario/a da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

– A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

– A aprobación polo órgano competente da entidade local da obra ou servizo de interese xeral ou social para o que se vai contratar o/a traballador/a obxecto de solicitude de subvención.

– A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

– As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia á publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

d) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta do proxecto con indicación das contribucións económicas e achegas dos concellos agrupados.

5. Se do exame da documentación que acompaña a solicitude se comproba que non reúne os requisitos necesarios ou non achega a totalidade da documentación exixida, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte á notificación, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se terá por desistida a súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 desa lei.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán xuntar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: sx.traballo.benestar@xunta.es

Artigo 8. Procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor do procedemento será a respectiva xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que formulará a proposta de resolución, tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, sen que interveña unha comisión de valoración.

Artigo 9. Resolución

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola intervención delegada, correspóndelle á persoa responsable da respectiva xefatura territorial por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

2. As resolucións deberán serlles notificadas aos interesados e deberán ditarse no prazo de tres meses contados desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano instrutor.

Transcorrido o citado prazo sen que recaia resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

3. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise a manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. A resolución da concesión de subvención, que se comunicará por escrito ao beneficiario, fixará expresamente o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e incorporará, de ser o caso, as condicións, as obrigas e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. A obtención da subvención quedará condicionada á existencia de crédito dispoñible, de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar e nos rexistros de subvencións, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG núm. 153, do 9 de agosto), e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10. Contía da subvención

1. O importe da subvención que se lles concederá ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa desempregada contratada que reúna os requisitos establecidos no artigo 4 da presente orde.

2. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada pactada.

3. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 11. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos contratos de traballo, na modalidade de contrato de duración determinada de interese social, formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

b) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado do/a secretario/a ou órgano competente da entidade local beneficiaria, en que conste:

• A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, especificando o número identificador desta e a relación nominal dos traballadores e traballadoras desempregados/as facilitados/as por aquel, así como as persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

• As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) A declaración responsable do/a solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor/a por resolución de procedencia de reintegro.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

f) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, facendo mención expresa ao cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

g) Orixinais dos documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinados.

2. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitirlle á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar unha certificación acreditativa da súa recepción.

Artigo 12. Obrigas dos/as beneficiarios/as

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación.

c) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer no momento do seu vencemento, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Traballo e Benestar e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

e) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratadas/os, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

g) Realizar, cando proceda e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través das axudas reguladas nesta orde.

h) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

Artigo 13. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo

1. As axudas reguladas nesta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa operativo adaptabilidade e emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013, polo que este réxime de subvencións quedará suxeito aos seguintes regulamentos:

a) Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao fondo de cohesión e se derroga o Regulamento (CE) nº 1260/1999.

b) Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, de 5 de xullo de 2006, relativo ao FSE e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1784/1999.

c) Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

d) Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, modificada por la Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e pola Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE ao abeiro do Programa operativo de adaptabilidade e emprego para o período 2007-2013, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

I. Relacionadas coas medidas de información e publicidade impostas polo Regulamento da Comisión (CE) número 1828/2006, do 8 de decembro:

a) No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://traballo.xunta.es/, no cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de emprego e polo Fondo Social Europeo.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://traballo.xunta.es/.

II. Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo necesarias para dar cumprimento ao artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma:

a) As entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, ata a anualidade de 2021 e, en todo caso, durante un mínimo de tres anos a partir do peche do Programa operativo adaptabilidade e emprego 2007-2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a respectiva xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo de dous meses unha vez que finalizase a súa execución, a seguinte documentación:

• Unha memoria final sobre as actividades realizadas e a práctica profesional adquirida polos traballadores e traballadoras contratados/as.

• Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia.

• Copias compulsadas das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelos TC-1 e TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes (transferencias bancarias) e mais o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF), unha vez que se dispoña deste.

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada ao abeiro do procedemento descrito no modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco, realice persoal técnico da respectiva xefatura territorial.

Artigo 14. Revogación e reintegro

Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 11.05.322A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014. Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nas persoas titulares das xefaturas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, e autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, e resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias, de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file