Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 2 de xuño de 2014 Páx. 24903

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Ilustre Colexio Notarial de Galicia

ACORDO do 26 de marzo de 2014 polo que se aproba a creación do ficheiro de datos de carácter persoal de legalizacións, apostilas e copias do Arquivo Xeral de Protocolos do Colexio Notarial de Galicia.

O artigo 314 do Regulamento notarial, aprobado polo Decreto do 2 de xuño de 1944, dispón, en relación cos colexios notariais: «Os colexios notariais son corporacións de dereito público, amparadas pola lei e recoñecidas polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. No exercicio das funcións públicas atribuídas respecto da prestación da función pública notarial quedan subordinados xerarquicamente ao ministro de Xustiza e á Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado».

O artigo 328.4 do Regulamento notarial, aprobado polo Decreto do 2 de xuño de 1944, dispón, en relación ás legalizacións e apostilas, que «As xuntas directivas, ademais das facultades contidas noutras disposicións, terán as seguintes: 4. Organizar, dirixir e administrar o servizo de legalizacións e apostilas».

O artigo 294 do Regulamento notarial, aprobado polo Decreto do 2 de xuño de 1944, dispón no seu terceiro parágrafo, en relación ao Arquivo Xeral de Protocolos o seguinte: «Non obstante, nas capitais de colexio as xuntas directivas organizarán o arquivo xeral de protocolos do distrito notarial correspondente, proporcionando local axeitado para o seu depósito, nomeando e separando o persoal auxiliar, satisfacendo, con cargo aos fondos do colexio, as súas nóminas e os demais gastos que ocasione o servizo, e percibindo con destino ao mesmo fondo, os honorarios que correspondan. Para atender o mellor servizo público, proporá ao ministro de Xustiza o nomeamento dun notario arquiveiro, que poderá ser ou non vogal da xunta directiva».

O artigo 20.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), dispón, respecto aos ficheiros creados ou xestionados para o exercicio de potestades públicas, que a súa creación, modificación ou supresión «só poderán facerse por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente».

En cumprimento dos devanditos mandados legais, o Colexio Notarial de Galicia está obrigado á xestión dos servizos públicos derivados das facultades de organizar, dirixir e administrar o servizo de legalizacións e apostilas, e de organizar o Arquivo Xeral de Protocolos, o que impón a creación dun novo ficheiro público de datos de carácter persoal que teña por finalidade levar os devanditos servizos públicos.

De conformidade co exposto,

ACORDA:

Primeiro. Creación de ficheiros

Créase o ficheiro de datos de carácter persoal de legalizacións, apostilas e copias do Arquivo Xeral de Protocolos descrito no anexo I do presente acordo.

Segundo. Medidas de seguridade

O ficheiro que se crea polo presente acordo cumpre as medidas de seguridade establecidas en Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Terceiro. Publicación

De conformidade co previsto no artigo 20.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, «A creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderán facerse por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente», polo que o presente acordo deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 26 de marzo de 2014

María Isabel Louro García
Decana do Ilustre Colexio Notarial de Galicia

ANEXO I
Ficheiros creados

Ficheiro: legalizacións, apostilas e copias do Arquivo Xeral de Protocolos.

1. Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro: Colexio Notarial de Galicia.

2. Órgano, servizo ou unidade ante o cal se deberán exercer os dereitos de accesos, rectificación, cancelación e oposición: Colexio Notarial de Galicia.

3. Nome e descrición do ficheiro que se crea: legalizacións, apostilas e copias do Arquivo Xeral de Protocolos. Ficheiro cos datos persoais necesarios para xestionar e levar os servizos públicos de legalizacións, apostilas e copias do Arquivo Xeral de Protocolos realizados no Colexio Notarial de Galicia.

4. Carácter informatizado ou manual estructurado do ficheiro: mixto.

5. Medidas de seguridade que se aplican: básicas.

6. Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:

Datos de carácter identificativo.

Datos de características persoais.

Datos de circunstancias sociais.

Datos económicos, financeiros e de seguros.

Datos de transaccións de bens e servizos.

7. Descrición detallada da finalidade do ficheiro e usos previstos deste: para xestionar e levar os servizos públicos de legalizacións, apostilas e copias do Arquivo Xeral de Protocolos por parte do Colexio Notarial de Galicia.

8. Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos: persoas que soliciten o servizo público de legalizacións, apostilas ou copias do Arquivo Xeral de Protocolos no Colexio Notarial de Galicia.

9. Procedencia ou procedemento de recolla dos datos: o propio interesado ou o seu representante legal.

10. Órganos e entidades destinatarias das cesións previstas: a Facenda pública e Administración tributaria.