Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 2 de xuño de 2014 Páx. 24575

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2014, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo de núcleo rural histórico tradicional de Paredes, na parroquia de San Pedro de Poulo, concello de Gomesende.

O Concello de Gomesende remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural de Paredes, parroquia de San Pedro de Poulo, redactado en outubro de 2013 e tramitado ao abeiro do número 2 da disposición adicional segunda da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en que solicitaba a súa aprobación definitiva.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello e á vista da proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Gomesende non conta con ningunha figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as Normas complementarias e subsidiarias provinciais do 14.5.1991.

2. O Concello está a tramitar a redacción do Plan xeral de ordenación municipal, documento que obtivo o informe previo á aprobación inicial por parte da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 14.4.2010, a aprobación inicial polo Pleno o 19.4.2010 e a publicación da exposición pública o DOG nº 105, do 4.6.2010.

3. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do número 2 da disposición adicional segunda, e nel constan:

• Informe municipal do técnico do 13 de decembro de 2012.

• O Pleno do Concello, en sesión ordinaria do 21 de decembro de 2012, aprobou inicialmente a delimitación de solo de núcleo rural de Paredes; e someteuna a información pública durante un mes, mediante anuncio nos xornais La Voz de Galicia do 9.1.2013 e no Faro de Vigo do 10.1.2013; e no DOG do 31.1.2013.

• O Pleno do Concello, en sesión do 8 de marzo de 2013, aprobou provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Paredes.

• O 11.3.2013 o Concello de Gomesende solicita da CMATI a aprobación definitiva, tendo sido requirido canto á integridade documental.

• O 25.9.2013, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe desfavorable.

• O Pleno do Concello, en sesión ordinaria celebrada o 6 de novembro de 2013, aprobou provisionalmente a delimitación de solo de núcleo rural de Paredes.

• O 16.1.2014, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable ao expediente, condicionado a realizar as correccións indicadas no seu corpo.

• O 7.4.2014 o Concello de Gomesende presenta a documentación corrixida conforme o requirimento para a súa aprobación definitiva

II. Obxecto.

1. Proponse unha delimitación do asentamento poboacional de Paredes como núcleo rural histórico tradicional, cunha superficie de 19.058 m2.

2. A información contida no estudo do medio rural argumenta a existencia dun asentamento polinuclear distribuído en dous lugares próximos pero diferenciados, distinguindo unha orixe castrexa ou medieval, de claro carácter defensivo, que deriva nun recoñecemento do núcleo existente como histórico tradicional.

3. O asentamento está constituído por edificacións tradicionais, das cales 31 están destinadas a uso residencial, existen 15 en ruínas, 7 destinadas a almacén agropecuario e outras son construcións menores anexas ás vivendas.

4. A delimitación fixa as condicións de uso e de edificación nos terreos delimitados e define o trazado viario.

III. Análise e consideracións.

1. Constitúen o solo de núcleo rural as áreas do territorio que serven de soporte a un asentamento tradicional de poboación singularizado, identificable e diferenciado administrativamente no censos e padróns oficiais. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural de Paredes segundo o nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo).

2. O expediente contén o estudo individualizado do núcleo rural conforme o sinalado no artigo 61.3 da LOUG, así como os planos de delimitación do perímetro do núcleo rural.

3. Nos planos queda reflectido o trazado da rede viaria pública e a definición de dúas eiras como espazo libre, sen existiren espazos reservados para equipamentos públicos. Consta a regulación detallada dos usos, volume e condicións hixiénico-sanitarias dos terreos e construcións, así como as características estéticas da edificación e do seu contorno.

4. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación do solo de núcleo rural histórico-tradicional cumpre cos requisitos establecidos no artigo 13.3. a) da LOUG. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola LOUG para o solo de núcleo rural.

De acordo co número 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural histórico tradicional de Paredes, na parroquia de San Pedro de Poulo, no concello de Gomesende.

2. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se for o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se for o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2014

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file