Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 2014 Páx. 24096

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2014, da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, pola que se aproban os criterios xerais do Plan xeral de control tributario 2014.

O artigo 116 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece a obriga de elaborar anualmente un plan de control tributario, con carácter reservado, sen prexuízo da publicidade, a través do Diario Oficial de Galicia, dos criterios xerais que o informan.

Pola súa vez, o artigo 170 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, sinala que no Plan de control tributario se integrarán o plan ou os plans parciais de inspección, os cales terán carácter reservado e non serán obxecto de publicidade ou comunicación.

O obxectivo do Plan de control tributario céntrase na loita contra a fraude fiscal, con fundamento nos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica, establecidos polo artigo 31 da Constitución española como criterios de contribución ao sostemento dos gastos públicos. Como sinalou a xurisprudencia reiteradamente, non basta con configurar as normas dos distintos tributos de acordo cos principios constitucionais citados, senón que os devanditos principios teñen que cumprirse na práctica cunha correcta aplicación das distintas figuras tributarias. Desta forma o Plan de control tributario convértese en un instrumento fundamental para conseguir unha efectiva aplicación dos principios expostos, xa que marca as liñas de actuación da Administración tributaria seleccionando aquelas áreas de risco que se consideren de actuación prioritaria para combater a fraude fiscal, tendo en conta a dispoñibilidade de medios materiais e persoais para realizar estas funcións.

Esta misión de aplicación efectiva do sistema tributario para que se dea cumprimento aos principios constitucionais non se limita ás actuacións de loita contra a fraude ou control do cumprimento tributario, senón que debe incluír as actuacións de información e asistencia ao contribuínte, co obxecto de facilitar ao máximo o cumprimento voluntario das obrigacións tributarias.

O estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, establece no artigo 16.2.j), que corresponde á Dirección da Axencia aprobar o plan de control tributario anual e á propia Axencia as funcións aplicativas dos tributos.

En cumprimento das obrigacións establecidas nestas disposicións, procédese á publicación dos criterios e das liñas de actuación que informan cada unha das áreas de control tributario.

En consecuencia,

Resolvo:

Primeiro. Aprobar as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2014.

Apróbanse os criterios xerais que informan o Plan xeral de control tributario para 2014 que figuran no anexo á presente resolución.

Segundo. Difundir das directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2014.

Ordénase a publicación das citadas directrices xerais no Diario Oficial de Galicia, así como a súa difusión por calquera medio que resulte adecuado para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2014

Ulpiano L. Villanueva Rodríguez
Director da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO
Directrices do Plan xeral de control tributario de 2014

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2014 está composto polas directrices xerais, nas cales se definen as principais áreas de risco así como as liñas xerais de actuación que corresponden e os plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación, que conforme o disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria (en diante LXT), teñen carácter reservado, fixándose en cada un deles as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos para alcanzar por cada unha das citadas áreas.

Por tanto, na configuración do Plan de control, continuando coa liña iniciada o ano anterior, tivéronse en conta a nova organización da Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia para o control dos tributos derivada da entrada en funcionamento da Axencia Tributaria de Galicia.

O Plan xeral de control tributario desenvolverase tomando como base a distinción entre actuacións de control preventivo e actuacións de control posterior.

Nas primeiras incluiranse fundamentalmente as actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios e as de colaboración social. Nas segundas, máximo expoñente da loita contra a fraude fiscal, distínguense tres bloques de actuacións: control extensivo ou de carácter masivo, perseguindo someter a control a totalidade das declaracións presentadas; control intensivo (selectivo) e investigación, dirixidas ao descubrimento e regularización das formas máis graves e complexas de fraude fiscal; e a xestión recadatoria.

Estas serán, en definitiva, o reflexo do plan anual de acción da Axencia Tributaria de Galicia, así como dos seus obxectivos e indicadores.

No exercicio das actuacións anteriores, terá atención prioritaria a calidade da información como ferramenta de control, o que exixe a evolución, continua mellora e ampliación das ferramentas e aplicacións informáticas propias da Axencia, de forma que permita realizar o control do cumprimento tributario de maneira máis eficaz e eficiente. O labor investigador corresponderá fundamentalmente á Área de Inspección Tributaria, sen prexuízo de que unha vez detectados os incumprimentos, se proceda á súa regularización a través do control extensivo realizado polas áreas de Xestión Tributaria e Información e Asistencia para unha actuación máis eficaz e eficiente, utilizando sempre o procedemento tributario máis adecuado e o persoal máis especializado en función do risco fiscal obxecto de control.

O presente plan anual de control tributario dá cabida ás actuacións específicas e de carácter reservado que se están desenvolvendo polas áreas de Xestión e Inspección no marco do plan especial iniciado con motivo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2014, e que ten por obxectivo lograr un incremento dos ingresos tributarios nunha contía de 50 millóns de euros.

Con este plan dáse cumprimento á obriga legal de establecer unha planificación anual das actuacións de control que deben levar a cabo as administracións tributarias e, así mesmo, compleméntase o plan especial que se está desenvolvendo no marco das actuacións de reforzamento dos ingresos públicos autonómicos, que, en definitiva, constitúen unha parte importante do financiamento dos servizos públicos fundamentais prestados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, as directrices do Plan anual de control tributario estrutúranse nos seguintes ámbitos:

1. Control preventivo.

1.1. Información e asistencia aos obrigados tributarios.

As actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios son as reflectidas na sección 2ª do capítulo I do título III da Lei xeral tributaria, como obriga da Administración tributaria tendente a fomentar o cumprimento adecuado das obrigas fiscais e a evitar a fraude fiscal. Dentro desta categoría inclúense aquelas actuacións de control dirixidas a detectar e evitar a realización de actuacións fraudulentas antes da súa comisión. Neste sentido a aposta da Axencia Tributaria de Galicia pola información e asistencia quedou patente coa creación da Área de Colaboración Social, Información e Asistencia, tanto a nivel central como periférico. Esta área manterá e mellorará, tanto a información existente na súa páxina web, como os programas de axuda para a confección de autoliquidacións e xestión de trámites existentes na súa oficina virtual dotándoa con novas funcionalidades. En especial, seguirase aumentando a colaboración social coas administracións públicas, con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, sobre todo con aqueles sectores que asesoren ou intermedien nas operacións das que poidan derivar obrigas tributarias, asinando, se é o caso, os correspondentes convenios de colaboración. Neste último aspecto, profundarase na colaboración e intercambio de información que permitan mellorar os labores de información e asistencia.

Con obxecto de fomentar o cumprimento espontáneo das obrigacións fiscais mediante a redución dos custos indirectos no cumprimento das obrigas fiscais e de contribuír á seguridade xurídica, profundarase nas seguintes áreas de actuación:

– Actuacións vinculantes para a Administración, entre as cales destaca a publicación dos prezos medios no mercado de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Emprego de medios electrónicos, informáticos e telemáticos. Nesta liña, a centralización dos impostos propios, das taxas fiscais sobre o xogo e do imposto sobre o patrimonio descansa sobre a obriga de pagamento e presentación electrónicos a través da Oficina Virtual Tributaria, obriga sustentada pola cualificación dos obrigados tributarios chamados a satisfacelos e coa finalidade última de reducir os custos indirectos do cumprimento das obrigas tributarias e o achegamento da Administración tributaria.

– Programas de comunicación que fomenten a conciencia fiscal colectiva dos cidadáns.

1.2. Colaboración e intercambio de información.

Neste ámbito, ademais de consolidar e mellorar a colaboración e intercambio de información xa implantada en períodos previos, intensificaranse os labores de captación de información destinadas á obtención dos datos tributarios necesarios para a toma de decisións sobre a realización de actuacións de control.

Como en anos precedentes, a colaboración e intercambio de información levaranse a cabo, principalmente, cos seguintes organismos:

– Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante AEAT): establecendo unha planificación coordinada de actuacións e intercambio de información, dentro das liñas establecidas nas directrices xerais do Plan anual de control tributario e aduaneiro de 2014 da AEAT, no seu punto III, «Colaboración entre a Axencia Tributaria e as administracións tributarias das comunidades autónomas», actuacións conxuntas das que poidan derivar, como nos anos anteriores, dilixencias de colaboración mutua en relación con todas as operacións e os negocios xurídicos con transcendencia tributaria.

Reforzaranse os intercambios de información entre a AEAT e a Axencia Tributaria de Galicia nos supostos recollidos nos artigos 95.1.b) da Lei xeral tributaria con base nos acordos que se adopten no Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria. O obxectivo é fornecer periodicamente a información con transcendencia tributaria coa finalidade de mellorar a asistencia aos obrigados tributarios e potenciar a loita contra a fraude fiscal e a economía somerxida. Todo iso con independencia de que a dita información figure en poder doutros órganos, entes ou organismos dos seus respectivos ámbitos territoriais, xa que tanto a AEAT como a Axencia Tributaria de Galicia, ao abeiro do disposto na cláusula novena do Acordo de 9 de abril de 2013 do Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria no que se establecen as condicións xerais para o intercambio de información, comprométense a levar a cabo cantas actuacións sexan necesarias para solicitar deles a información acordada.

– Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís e Colexio Notarial: para o intercambio de información sobre operacións susceptibles de tributar no ámbito dos tributos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia. Neste ámbito, o Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Notariado e o Ilustre Colexio Notarial de Galicia para a aplicación das novas tecnoloxías na xestión tributaria, asinado o 22 de decembro de 2010, seguirá ofrecendo a información necesaria para a verificación das operacións realizadas e a súa tributación. Neste sentido, seguirase profundando no desenvolvemento de aplicacións informáticas que combinen ambas as fontes de información e permitan dunha maneira automatizada, detectar con fiabilidade os supostos de incumprimentos tributarios, mediante unha selección adecuada de contribuíntes, mellorando desta forma a eficiencia na acción comprobadora.

– Dirección Xeral do Tráfico: a información que figura no Rexistro Xeral de Vehículos, como rexistro público, é de gran relevancia para a aplicación dos tributos cedidos, tanto para a comprobación de feitos ou bases impoñibles non declarados como para a verificación da procedencia de beneficios fiscais, en particular, os relativos á actividade de compra venda de vehículos usados. O ano 2014 será o primeiro de aplicación do convenio subscrito entre a Dirección Xeral de Tráfico e a Axencia Tributaria de Galicia en materia de intercambio e a cesión mutua dos datos necesarios para o desenvolvemento das funcións e o exercicio das competencias que teñen encomendadas.

– Dirección Xeral do Catastro: a información contida no Catastro Inmobiliario resulta de grande importancia, sobre todo para a aplicación dos tributos de base patrimonial, xa que a través deste se poden detectar bens non declarados ou que determinan a obrigación de declarar no imposto sobre o patrimonio e no imposto sobre sucesións, así como verificar os cambios de titularidade que poden dar lugar a feitos impoñibles no imposto sobre doazóns ou no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (en diante ITP-AXD). Ademais fomentarase a coordinación co Catastro para determinar os elementos dos bens inmobles que inflúen na determinación do seu valor real, sobre todo naqueles tributos que toman esta contía como base impoñible.

– Administracións tributarias de tributos locais: reviste grande importancia a colaboración e subministración de información entre os organismos que xestionan tributos locais e autonómicos. É patente a conexión entre determinados tributos que xestionan ambas as administracións, e a utilidade de compartir a información de que dispoñen. A Axencia Tributaria de Galicia continuará durante 2014 fomentando este intercambio de información mutuo.

– A propia administración pública galega e outras administracións públicas, en especial o Estado, as comunidades autónomas e as corporacións locais, en relación cos datos que posúan ou operacións en que interveñan e que teñan efectos tributarios: relación de falecidos, vendas de bens, outorgamento de concesións, autorizacións, declaracións responsables, comunicacións e operacións reguladas ou autorizadas por eses organismos con transcendencia tributaria, datos ambientais, etc.

2. Control posterior.

2.1. Control extensivo e intensivo.

As actuacións de control extensivo son aquelas desenvolvidas polos órganos das áreas de Xestión Tributaria e de Información e Asistencia, aos cales corresponde o exercicio das funcións atribuídas á xestión tributaria no artigo 117 da Lei xeral tributaria. En desenvolvemento destas funcións, efectuaranse controis baseados en procesos (físicos ou informáticos) que se refiren a todas as declaracións presentadas, aínda que tamén a actuacións individualizadas, dirixidas a resolver discrepancias, incoherencias ou situacións en que existen indicios de incumprimentos significativos.

As actuacións de control intensivo (selectivo) e investigación comprenden todas as realizadas pola Área de Inspección Tributaria no exercicio das funcións atribuídas á Inspección tributaria no artigo 141 da Lei xeral tributaria. En particular, inclúense actuacións de comprobación e investigación, con obxecto de detectar e regularizar os incumprimentos tributarios que revisten maior dificultade, de obtención de información, de comprobación de valores, de comprobación de beneficios e incentivos fiscais e devolucións, de comprobación limitada, de informe, análise e traslado de información e de colaboración con outras áreas da Axencia e con outras administracións.

Con carácter xeral, nas actuacións de control tributario posterior, comprobaranse as declaracións tributarias presentadas e investigaranse os feitos impoñibles non declarados ou as obrigas de información non fornecidas. O control esténdese á comprobación dos diferentes elementos da obriga tributaria e á súa cuantificación.

Como se sinalou, estas actuacións de control realizaranse a través dos procedementos de aplicación dos tributos desenvolvidos na Lei xeral tributaria, utilizando aquel que corresponda en función da normativa aplicable e das circunstancias do caso concreto, o que determinará a súa asignación a cada unha das áreas en que se estrutura a Axencia.

Nestes procedementos, cobra especial importancia pola súa implicación nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o procedemento de comprobación de valores. Este seguirá desenvolvéndose naqueles casos en que o obrigado tributario non declarase o valor real do ben ou dereito, non utilizase os valores publicados por esta administración nas sucesivas ordes polas que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, ou, no caso de que o ben obxecto de transmisión non estea no ámbito obxectivo destas ordes, a valoración previa e vinculante a que se refire o artigo 90 da LXT. Para iso utilizará, dos medios a que se refire o artigo 57 da LXT, o que máis se adapte ás características, tanto do negocio realizado como do ben que hai que valorar.

Para asegurar a correcta aplicación do sistema tributario no exercicio 2014, establecéronse, por unha banda, unhas comprobacións de carácter xeral que afectan todas as figuras tributarias cuxa aplicación corresponde á Axencia Tributaria de Galicia e, por outra, determinadas áreas de risco ou de atención preferente atendendo á natureza e características de cada un dos tributos de referencia, así como ao tipo de control que hai que empregar.

2.1.1. Comprobacións de carácter xeral.

– Comprobación das autoliquidaciones presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, en especial os fornecidos polos índices notariais nos casos en que o acto ou contrato se formalizase, ou ben os fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións.

– Comprobación do valor real dos bens e dereitos transmitidos.

– Comprobación dos puntos de conexión establecidos na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias.

– Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou lle sexa fornecida no exercicio do deber de información ou colaboración.

2.1.2. Comprobacións de carácter preferente:

– Investigación dos cambios de titularidade, sobre todo a partir da información existente en varios rexistros, de bens inmobles, mobles de importante valor, constitución de concesións ou autorizacións administrativas que impliquen otorgamento de facultades de xestión de servizos públicos ou atribución de uso privativo ou aproveitamento especial de dominio ou uso público, constitución de arrendamentos de predios urbanos ou dereitos reais de garantía, adxudicacións en poxas públicas, así como as que se deriven de obrigas de información establecidas con carácter xeral, en especial a relativa aos bens e dereitos situados no estranxeiro ou a declaración especial. Para estes efectos resulta esencial a colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e a AEAT na selección de contribuíntes, tendo en conta que os datos obtidos das actuacións de comprobación e investigación dos impostos estatais xestionados pola AEAT, en especial o imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante IRPF), poden implicar consecuencias, sobre todo no imposto sobre o patrimonio. Ademais, profundarase na explotación doutros supostos de subministración de información para a loita contra a fraude tanto en vía de xestión como de recadación, como son os datos contidos nos modelos informativos 170 «Declaración anual das operacións realizadas polos empresarios ou profesionais adheridos ao sistema de xestión de cobramentos a través de cartóns de crédito ou de débito» e 189 «Declaración informativa anual acerca de valores, seguros e rendas».

– Investigación da información de que dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario, por exemplo, a fornecida polos órganos competentes en materia de xogo, en materia de ambiente, industria, enerxía e augas ou polos órganos xestores de taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do control dos tributos sobre o xogo, a imposición ambiental e as citadas taxas e prezos, tanto no que se refire á detección de feitos impoñibles non declarados como á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, xa sexan exencións, bonificacións ou deducións, en especial en colaboración coa AEAT, cando estes beneficios fiscais estean relacionados ou determinados polas capacidades económicas dos usuarios dos servizos gravados.

– Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, en especial, as reducións na base impoñible ou deducións na cota referidas a empresas e vivenda ou para fomentar a constitución ou adquisición de empresas, tanto das condicións que se deben cumprir no momento da devindicación, como dos comportamentos posteriores a que obriga a norma, en especial os requisitos previstos no artigo 4.8 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, o artigo 108 da Lei do mercado de valores, os tipos reducidos para fomentar a adquisición de vivendas e a transmisión de vehículos de transporte usados a favor de empresarios que teñen como actividade habitual a compravenda de vehículos.

– Verificación das operacións realizadas por empresarios para efectos da delimitación da súa tributación por este imposto ou polo imposto sobre o valor engadido (en diante IVE), en especial a verificación do cumprimento dos requisitos para a renuncia á exención neste último imposto, así como a súa correcta tributación polo tipo incrementado do imposto sobre actos xurídicos documentados (en diante IAXD).

– Verificación da presentación dos documentos mercantís que realizan función de xiro no imposto sobre actos xurídicos documentados.

– Comprobación de deslocalizacións por simulacións de cambios de residencia.

– Comprobación da masa hereditaria no imposto sobre sucesións, en especial a súa adecuación cos rexistros administrativos e fiscais, a comprobación de actos anteriores do causante, a adición de bens nos supostos establecidos na norma e a comprobación de cargas, débedas e gastos, en especial de débedas con persoas ou entidades coas cales exista algún tipo de vinculación.

– Colaboración coa AEAT para o control das declaracións dos premios procedentes do xogo e a verificación do cumprimento dos requisitos para gozar das deducións da cota autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas aprobadas pola Comunidade Autónoma en exercicio da súa competencia normativa, sobre todo naqueles supostos en que se precisa un recoñecemento administrativo previo para gozar do beneficio fiscal, mediante a confección de rexistros de suxeitos beneficiarios dos citados beneficios fiscais.

– Verificación dos ingresos que se produzan sen presentación da correspondente autoliquidación, e, se é o caso, inicio dos procedementos sancionadores oportunos.

2.2. Control en fase recadatoria.

Por último, as actuacións de xestión recadatoria, referidas tanto ás débedas de tributos cedidos e propios, como aos demais ingresos de dereito público e para todos os obrigados ao pagamento.

Como sinala o artigo 2 da LXT, o fin primordial dos tributos é obter os ingresos necesarios para o sostemento dos gastos públicos, de tal forma que de nada valen os procedementos comprobadores se non se converten en ingresos para as administracións. Así se fai necesaria unha actuación conxunta dos órganos de recadación cos órganos con competencia comprobadora, así como con outras administracións, en especial a AEAT, para determinar con carácter previo a situación patrimonial dos suxeitos obxecto de comprobación, e dos que pode resultar unha cantidade para ingresar, mellorando así os niveis de eficiencia e anticipándose á situación futura do procedemento recadador co fin de adoptar, se é o caso, posibles medidas cautelares.

As principais liñas de actuación que se desenvolverán son as seguintes:

– Seguimento do procedemento de ingreso mediante as entidades colaboradoras autorizadas, controlando a correcta transferencia dos fondos, así como o envío dos ficheiros de información nos prazos establecidos e a correcta validación dos documentos cobratorios presentados polos obrigados tributarios.

– Control e seguimento dos expedientes de compensación de débedas a entidades de carácter público.

– Control do sistema de compensación de débedas e créditos.

– Coordinación coa AEAT no marco do convenio de recadación subscrito, co fin de mellorar a tramitación dos expedientes xestionados.

– Control e seguimento dos expedientes de derivación de responsabilidade, dentro do ámbito de todo tipo de débedas de dereito público.

– Control e seguimento dos expedientes de adiamentos e fraccionamientos de pagamento, das suspensións das garantías das débedas que estean en período executivo e dos recursos de reposición contra as providencias de constrinximento e embargo, sobre todo coa finalidade de que estas figuras non sexan utilizadas para conseguir dilacións nos procedementos ou elusións do pagamento.

– Control das actuacións das zonas de recadación con especial incidencia nas propostas de insolvencia.

– Seguimento dos procesos concursais que conteñan débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia, priorizando estas actuacións en función da súa contía. Este requirimento realizarase especialmente nos supostos en que o proceso concursal conclúa con aprobación do convenio, pero tamén cando este proceso entre en fase de liquidación.

– Dentro dos procedementos de recadación executiva, implementación dos medios telemáticos de relación co Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de Galicia, ou doutros tipos de rexistros oficiais, tanto para a mellora na obtención de información como para a práctica dos correspondentes embargos.

– Coordinación cos órganos competentes para a realización de pagamentos orzamentarios da Xunta de Galicia co obxecto da posibilidade de practicar embargos dos dereitos de cobramento a favor de persoas que sexan, así mesmo, titulares de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia.

– Realización das actuacións necesarias que posibiliten a colaboración nos procedementos de alleamento forzoso de bens inmobles embargados noutras comunidades autónomas e no embargo de pagamentos orzamentarios efectuados por outras comunidades autónomas, aproveitando a entrada en vigor en 2014 da Lei 25/2013, do 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas do sector público.

– Control das renuncias ás herdanzas realizadas polos obrigados tributarios que sexan debedores da Comunidade Autónoma de Galicia, por se puidesen prexudicar os intereses de cobramento desta e co fin de iniciar neste caso as actuacións procesuais necesarias na vía civil ou penal.