Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 26 de maio de 2014 Páx. 23661

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

CÉDULA de notificación de auto aclaratorio de sentenza (DSP 360-2012).

Susana Varela Amboage, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento despedimento/cesamentos en xeral 360/2012 deste xulgado do social, seguido por instancia de Marcos Villar Pazos contra Servicio de Ingeniería y Montaje Alén, S.L., Servicios de Mantenimiento Anova, S.L., Fogasa sobre despedimento, foi ditado auto aclaratorio do seguinte teor literal:

«Auto.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2014.

Antecedentes de feito.

Primeiro. No procedemento de referencia foi ditada sentenza do 4.3.2014, cuxo feito probado segundo di o seguinte:

“Segundo. Marcos Villar Pazos prestou servizos por conta da mercantil Servicio de Ingeniería y Montajes Alén, S.L. desde o día 5.7.2007, no centro de traballo que a empresa ten en Santiago de Compostela, coa categoría profesional de encargado de mantemento e con dereito a percibir un salario mensual bruto de 3.027,60 euros, incluído o rateo de pagas extras (99,54 euros diarios).

Ao traballador resúltalle de aplicación o convenio colectivo do sector sidero-metalúrxico”.

Así mesmo, a parte dispositiva da sentenza sinala o seguinte:

“Que estimo a demanda interposta por Marcos Villar Pazos contra Servicios de Ingeniería y Montaje Alén, S.L. Servicios de Mantenimiento Anova, S.L., a administración concursal Mauro Antonio Puga Martínez e o Fogasa e, en consecuencia, declaro improcedente o despedimento do demandante efectuado con efectos do 1.6.2012 e condeno solidariamente as mercantís demandadas a optaren, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, ou ben por readmitir ao traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, con aboamento neste caso dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data do despedimento até a presente sentenza a razón de 99,54 euros por día, ou ben pola extinción da relación contractual con aboamento dunha indemnización de 21.978,45 euros, e condeno Mauro Antonio Puga Martínez unicamente na súa condición de administración concursal. Absólvese o Fogasa.

Advírtese ás mercantís Servicios de Ingeniería y Montaje Alén, S.L. e Servicios de Mantenimiento Anova, S.L. que, en caso de non optar o empresario pola readmisión ou a indemnización, se entende que procede a primeira”.

Segundo. Presentado recurso de aclaración para a corrección da data de antigüidade sinalada e a corrección do cálculo da indemnización, foi ditado auto do 28.3.2014, cuxa parte dispositiva contén pronunciamentos alleos ao procedemento que nos ocupa. Así mesmo, foi ditado auto de aclaración do 9.4.2014 no cal, novamente, se produce un erro de transcrición respecto da data de antigüidade.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Dispón o artigo 214 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil (LAC), sobre invariabilidade das resolucións, que:

“1. Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclararar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que padezan.

2. As aclaracións a que se refire o número anterior poderanse facer de oficio dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou a pedimento de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo, e neste caso será resolta polo tribunal dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración.

3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento”.

Segundo. De igual forma, e en relación á emenda e complemento de sentenzas e autos defectuosos ou incompletos, o artigo 215 do mesmo corpo legal establece que:

“1. As omisións ou defectos que puideren padecer sentenzas e autos e que for necesario remediar para levar plenamente a efecto as devanditas resolucións poderán ser emendadas, mediante auto, nos mesmos prazos e polo mesmo procedemento establecidos no artigo anterior.

2. Se se tratar de sentenzas ou autos que tiveren omitido manifestamente pronunciamentos relativos a pretensións oportunamente deducidas e substanciadas no proceso, o tribunal, por solicitude escrita de parte no prazo de cinco días contados desde a notificación da resolución, logo de traslado da devandita solicitude ás demais partes, para alegacións escritas por outros cinco días, ditará auto en que resolverá completar a resolución co pronunciamento omitido ou non haber lugar a completala.

3. Se o tribunal advertir en sentenzas ou autos que ditase as omisións a que se refire o número anterior, poderá, no prazo de cinco días contados desde a data en que se dita, proceder de oficio, mediante auto, a completar a súa resolución, pero sen modificar nin rectificar o que tiver acordado.

4. Non caberá recurso ningún contra os autos en que se completen ou se denegue completar as resolucións a que se refiren os anteriores números deste artigo, sen prexuízo dos recursos que procedan, se é o caso, contra a sentenza ou auto a que se referise a solicitude ou a actuación de oficio do tribunal. Os prazos para estes recursos, se foren procedentes, comezarán a computarse desde o día seguinte á notificación do auto que recoñeza ou negue a omisión de pronunciamento e acorde ou denegue remediala”.

Terceiro. Tal e como se dicía no auto do 28.3.2014, efectivamente, no acto da vista, o demandante, tras desistir da petición de nulidade e interesar só a declaración de improcedencia, aclara que a antigüidade do demandante se fixa no 21.6.2005 por existir un erro na demanda. Da proba practicada, tanto do informe de vida laboral achegado ás actuacións no acto da vista como da tesemuñal practicada na persoa de Ramón Vázquez Rial, resulta acreditada a antigüidade que foi obxecto de aclaración no acto da vista. E así se indica no fundamento xurídico segundo, onde se expresa que, á vista da incomparecencia da empresa demandada, non resulta controvertido e, por tanto, si consta acreditado, entre outros aspectos, especificamente o relativo á antigüidade fixada polo demandante. Non obstante, a pesar da proba practicada e o sinalado na fundamentación xurídica, no feito probado segundo da sentenza prodúcese un erro de transcrición que leva, pola súa vez, a un erro de cálculo na parte dispositiva da demandada, erros ambos que deben ser corrixidos no senso pedido pola parte recorrente.

Ora ben, na parte dispositiva do auto do 28.3.2012, en vez de corrixírense os erros conforme o indicado, prodúcese unha confusión con outro preito e, tendo en conta o claro erro de transcrición, débese ditar un novo auto de aclaración que corrixa os devanditos erros materiais de transcrición e de cálculo.

Do mesmo modo, o auto de aclaración do 9.4.2014 contén, na súa parte dispositiva, unha data de antigüidade en que se aprecia un claro erro de transcrición ao sinalar un ano que non existe (20015) querendo referir unha antigüidade de 21.6.2005, e que debe ser emendado.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e especial aplicación.

Parte dispositiva.

Rectifico os erros de transcrición e cálculo que conteñen a sentenza do 18.3.2014, o auto de data 28.3.2014 e o auto de data 9.4.2014 e, en consecuencia, declaro que:

1. O feito probado segundo da sentenza debe quedar redactado do seguinte xeito:

“Segundo. Marcos Villar Pazos prestou servizos por conta da mercantil Servicio de Ingeniería y Montajes Alén, S.L. desde o día 21.6.2005, no centro de traballo que a empresa ten en Santiago de Compostela, coa categoría profesional de encargado de mantemento e con dereito a percibir un salario mensual bruto de 3.027,60 euros, incluído o rateo de pagas extras (99,54 euros diarios).

Ao traballador resúltalle de aplicación o convenio colectivo do sector sidero-metalúrxico”.

2. A parte dispositiva da sentenza debe quedar redactada do seguinte xeito:

“Que estimo a demanda interposta por Marcos Villar Pazos contra Servicios de Ingeniería y Montajes Alén, S.L., Servicios de Manenimiento Anova, S.L., a administración concursal Mauro Antonio Puga Martínez e o Fogasa e, en consecuencia, declaro improcedente o despedimento do actor efectuado con efectos do 1.6.2012 e condeno solidariamente as mercantís demandadas a optaren, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, ou ben por readmitir o traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, con aboamento neste caso dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data do despedimento até a presente sentenza a razón de 99,54 euros por día, ou ben pola extinción da relación contractual con aboamento dunha indemnización de 30.956,94 euros, e condeno Mauro Antonio Puga Martínez unicamente na súa condición de administración concursal. Absólvese o Fogasa.

Advírtese ás mercantís Servicios de Ingeniería y Montaje Alén, S.L. e Servicios de Mantenimiento Anova, S.L. que, en caso de non optar o empresario pola readmisión ou a indemnización, se entende que procede a primeira”.

Esta resolución é firme e contra ela non cabe recurso ningún, ben que poderá interporse contra a resolución que se rectifica, no modo e forma nesta establecidos, desde a notificación ás partes do presente auto.

Así o acordo, mando e asino, Mª del Carmen Barcala Barreiro, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela».

E para que sirva de notificación en legal forma a Servicios de Mantenimiento Anova, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2014

A secretaria xudicial