Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 2014 Páx. 23321

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 7 de maio de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se resolve o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Cidade, a favor dos veciños de Cristimil e A Torre, na parroquia San Cibrán de Las, no concello de San Amaro.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar con data do 24 de abril de 2014, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte A Cidade, a favor dos veciños de Cristimil e A Torre, na parroquia San Cibrán de Las, no concello de San Amaro, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 30 de setembro de 2011 tivo entrada no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común dos veciños de Cristimil e A Torre, na parroquia San Cibrán de Las, no concello de San Amaro, no cal solicitan ao seu favor a clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Cidade.

Segundo. Con data do 8 de maio de 2013, o xurado provincial acorda iniciar o expediente de clasificación do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, abrindo un período dun mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. Con data do 13 de xuño de 2013, a secretaria xeral técnica e do Patrimonio presentou escrito de alegacións contra o Edicto do 22 de maio de 2013, en que manifestaba que entre os terreos clasificados se encontraba un inmoble que pertencía á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de 150.000 m2, en virtude da cesión realizada polo Concello de San Amaro mediante acordo do Pleno do 14 de decembro de 2011, aceptada pola Comunidade Autónoma de Galicia mediante Orde do 11 de xuño de 2012. A secretaria xeral técnica e do Patrimonio presentou nota simple informativa acreditativa da inscrición no Rexistro da Propiedade do referido inmoble. Non obstante, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común non está vinculado pola referida inscrición, xa que de acordo co artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, a resolución firme de clasificación dun terreo como veciñal en man común ten, entre outros efectos, atribuír a propiedade á comunidade veciñal correspondente, mentres non exista sentenza firme en contra ditada pola xurisdición ordinaria.

Por outro lado, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio alegou que o Castro de San Cibrán de Las tería a consideración de ben de dominio público, de acordo co artigo 56 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, que sinala expresamente que para efectos dela terán a consideración de dominio público todos os obxectos e restos materiais de interese arqueolóxico descubertos como consecuencia de escavacións arqueolóxicas. Non obstante, o carácter de dominio público que poida ter o ben non lle outorga automaticamente o título de dominio á Xunta de Galicia, xa que o propio artigo 56 determina no seu parágrafo segundo que para efectos da correspondente indemnización rexerá o disposto na lexislación vixente sobre expropiación forzosa.

Xunto coa expropiación forzosa, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, prevé a existencia doutras figuras que poderían redundar en beneficio das dúas partes, tales como a constitución dun dereito de superficie ou dunha cesión. Neste sentido, cabe salientar que a Comunidade de montes en man común dos veciños de A Torre e Cristimil propón a cesión e aproveitamento dos terreos conformados polo xacemento arqueolóxico para a investigación e o aproveitamento cultural do xacemento da Cidade, e dos restos descubertos na investigación realizada ou por realizar.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que figura no expediente, descríbese así:

Concello: San Amaro.

Denominación do monte: A Cidade.

Comunidade veciñal solicitante: veciños de Cristimil e A Torre, na parroquia de San Cibrán de Las.

Superficie total: 26,33 ha.

A superficie que se pretende clasificar, denominada A Cidade, linda polo leste, coa parcela denominada A Cidade do MVMC San Torcuato 71, A Cidade Pequena, Agrelo e Coto Corvelle da CMVMC da parroquia de Ourantes no concello de Punxín.

Segundo informe técnico, nesta superficie intégranse as seguintes áreas:

4,97 ha de xacemento arqueolóxico do castro de San Cibrao de Las.

1,40 ha ocupadas polo Centro de Interpretación Castrexa.

0,78 ha da estrada OU-140.

0,5 ha dunha área recreativa.

Lindeiros: segundo os puntos cardinais e seguindo o sentido das agullas do reloxo no plano do catastro sería:

Norte: polígono 68, parcelas 8, 30, 35, 36, 37, camiño que separa das parcelas 73, 74, 52, 95 e 96, 54, 58, 60, 61, 63, 70, 94, 97, 98, 109, 116, 120, 122, 115, 114, 113, 112, 111, 110, 128, 129, 104, 105, 118, 121, 119, 106, camiño que separa das parcelas 86, 87, 88 e 89, 90, 132, camiño que separa da parcela 825 do polígono 10, 131, 123, 124, 125 e 126; polígono 10, parcelas 821, 816, 815, 813 e 811.

Leste: a parcela 896 do polígono 10 do concello de Punxín, que se corresponde coa parcela denominada A Cidade do MVMC San Torcuato 71, A Cidade, A Cidade Pequena, Agrelo e Coto Corvelle propiedade da CMVMC da parroquia de Ourantes, no concello de Punxín.

Sur: polígono 67, estrada Ourantes-Las, parcelas 279, 280, 278, 277, 227, 226, 225, 224, 223, 222, 220, 219, 218, 217, estrada Ourantes-Las, 207, 210, 213, 214, 215, 216, 217, 218, 219, 220, 221, 223, 224, 197, 168, 167, 166, 165, 162, 161, 160, 158, 157, 156, 155, 154, 153, 150, 91, 90, 89 e camiño que separa das parcelas 138, 137, 136, 135 e 132.

Oeste: polígono 67, parcelas 132, 131, 130, 55, 50, 49, 48, 47, 46, 53, 52, 43, 51, 38, 37, 36, 35, 34, 33, 31, 30, 28, 27, 24, 305, 23, 22, 21, 20, 19, 18, 17, 16, 15, 13, 6, 5, 4, 3 e 2; polígono 502, camiño asfaltado que separa da parcela 702 do polígono 502, parcela 711, estrada Ourantes-Las; polígono 503, pista asfaltada á Torre que separa das parcelas 216, 217, 218, 219, 220, 221, 222 do polígono 503, camiño desde pista anterior a Cristimil que separa das parcelas 223 e 224 do polígono 503, pista asfaltada a Cristimil, Freás; polígono 68, parcela 8.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei son montes veciñais en man común os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa; corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña desfrutando ao Xurado Provincial de Clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes, e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

Resolve:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado A Cidade, a favor dos veciños de Cristimil e A Torre, na parroquia San Cibrán de Las, no concello de San Amaro, de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 7 de maio de 2014

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense