Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 21 de maio de 2014 Páx. 22829

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2014, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do núcleo rural de Vileiriz, parroquia de San Salvador de Vileiriz, concello do Páramo (expediente PTU-LU-12/090).

O Concello do Páramo remite documentación correspondente ao expediente de referencia, en relación coa súa aprobación definitiva, sobre a cal corresponde resolver á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, conforme a disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Consiste en memoria xustificativa, análise do modelo de asentamento poboacional e estudo do medio rural, criterios da delimitación, ordenanza reguladora, catálogo e planos, redactados en febreiro de 2014 pola arquitecta Patricia López González, con dilixencia de aprobación provisional plenaria do 20.3.2014.

Examinada a documentación achegada polo Concello do Páramo e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

En datas do 18.6.2013 e do 12.2.2014, esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditara senllas resolucións de non aprobación do proxecto de delimitación do núcleo de Vileiriz, motivándoas na existencia de distintas deficiencias, nomeadamente o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 12.3.2013, favorable, condicionado á incorporación dunha serie de medidas protectoras e correctoras.

No documento agora remitido púidose comprobar que se realizaron as seguintes actuacións:

– Corrección do proxecto de delimitación segundo a Resolución da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 12.2.2014.

– Informe do 11.3.2014 sobre o novo proxecto de delimitación emitido pola arquitecta asesora urbanística do Concello.

– Aprobación provisional da delimitación no acordo do Concello Pleno adoptado o 20.3.2014.

II. Análise e consideracións.

Daquela, considerando a documentación achegada, estímase que o novo proxecto presentado dá cumprimento ao requirido na Resolución da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 12.2.2014.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o expediente de delimitación do núcleo de Vileiriz, sito na parroquia de Vileiriz do concello do Páramo (Lugo).

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2014

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file