Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 21 de maio de 2014 Páx. 22826

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de maio de 2014 pola que se dá publicidade ao comezo da actividade administrativa, para efectos de rexistro xeral, para a documentación dirixida á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, no Concello de Nigrán.

Constitúe o obxectivo primordial do programa de reforma e modernización da Administración autonómica galega o achegamento da Administración aos administrados como garantía de efectividade dos dereitos que o bloque constitucional lles recoñece na súa relación coas diferentes administracións públicas. Este obxectivo debe comezar polo achegamento físico das oficinas administrativas aos cidadáns, o que redundará, sen dúbida, nunha mellora dos servizos que presta a Administración pública.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala no seu artigo 10 que se integrarán no Sistema único de rexistro as entidades da Administración local, sempre que asinen un convenio coa consellería competente en materia de administracións públicas que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Con este obxectivo asinouse o 13 de xullo de 2010 un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o desenvolvemento da Administración electrónica nas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de lles garantir aos cidadáns o acceso electrónico aos servizos públicos, de forma que as entidades locais adheridas ao convenio rexistrarán as solicitudes, escritos e comunicacións que os cidadáns dirixan aos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Mediante Resolución do 15 de novembro de 2013, o director xeral de Administración local acorda prestar conformidade á solicitude de adhesión ao citado convenio presentada polo Concello de Nigrán.

Tendo en conta a adhesión dunha nova entidade local ao convenio subscrito e a exixencia do artigo 2.2 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, esta orde ten por obxecto dar publicidade ao comezo da actividade administrativa, para os efectos de rexistro xeral para a documentación dirixida á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, da entidade local referida no punto anterior.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Dar publicidade á adhesión ao convenio do 13 de xullo de 2010 entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fegamp, do Concello de Nigrán.

Artigo 2

De conformidade co establecido no convenio de colaboración subscrito o 13 de xullo de 2010 entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fegamp, as entidades locais adheridas ao convenio rexistrarán as solicitudes, escritos ou comunicacións que os cidadáns dirixan aos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos do establecido no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e os asentos realizados terán plena eficacia.

Artigo 3

As oficinas de rexistro das entidades locais a que fai mención o artigo anterior desempeñarán as funcións que no dito artigo se conteñen, dentro do horario que con carácter xeral rexa para aquelas en cada caso e nos locais destinados ao rexistro xeral aberto ao público en cada concello ou entidade local.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as normas precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza