Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 20 de maio de 2014 Páx. 22584

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 55/2014, do 8 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun aparcadoiro disuasorio en Domaio, Moaña, Pontevedra (clave GA/13/077.01.2).

Con data do 2 de maio de 2014, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción dun aparcadoiro disuasorio en Domaio, Moaña, Pontevedra (clave GA/13/077.01.2).

O mencionado proxecto ten por obxecto o acondicionamento dun resto da antiga estrada PO-551, entre os p.q. 33+300 e 33+800, para empregalo como aparcadoiro disuasorio.

As obras recollidas no referido proxecto son necesarias para mellorar a mobilidade e a seguranza viaria entre a península do Morrazo e Vigo, diminuíndo e desconxestionando notablemente o tráfico rodado e a contaminación acústica entre ambos os territorios, así como contribuíndo a unha mellora ambiental na zona.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Segundo o número 5 do artigo 22 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implica a declaración de utilidade pública, da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, os depósitos dos materiais sobrantes e os préstamos necesarios para executalas, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e da urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de maio de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción dun aparcadoiro disuasorio en Domaio, Moaña, Pontevedra (clave GA/13/077.01.2).

Santiago de Compostela, oito de maio de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas