Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 20 de maio de 2014 Páx. 22586

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 7 de maio de 2014 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2014.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e mais o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Traballo e Benestar para o exercicio orzamentario 2014 a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, da Estratexia española de emprego e do Plan anual de política de emprego (PAPE), no Plan estratéxico de Galicia 2010-2014 horizonte 2020 (PEG) e no eido da colaboración institucional e do diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas tanto á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción como a favorecer o desenvolvemento das zonas deprimidas, tales como as comprendidas nos programas Impulsa de Lugo e Ourense, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia. Para iso resulta necesario contar coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuír ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da nosa Comunidade Autónoma, á vez que se favorece a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.

Así, para 2014 impleméntase en e para Galicia un programa autonómico que non é outra cousa que unha adaptación do programa estatal, coherente co momento actual e cos requirimentos específicos da realidade do noso mercado laboral, como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Esta nova regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que deu ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o número 2 da disposición derradeira décimo segunda da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, da que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e a execución de novos programas e medidas de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán dirixirse ao cumprimento dos obxectivos que se establezan no plan anual de política de emprego (PAPE) de cada ano e integrarse nos distintos ámbitos da Estratexia española de emprego 2012-2014, requisitos e condicións que se cumpren no presente caso.

Mantense o uso e a aplicación, de maneira exclusiva, de medios telemáticos de cara a tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta exixencia comporta a necesaria obtención por parte dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT.

Por outra banda, consolídase a novidade introducida en convocatorias anteriores co establecemento dunha serie de requisitos e condicionantes que tratan de obxectivar máis, se cabe, a tramitación e concesión das axudas. Así, introdúcense uns requisitos obxectivos, a partir de cuxo cumprimento se presume que as entidades solicitantes dispoñen da capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos.

O mantemento para este exercicio do importante axuste nos orzamentos estatais en materia de políticas activas de emprego fai que a prioridade establecida para as entidades prestadoras de servizos sociais, especialmente para discapacidade e risco de exclusión social, na redacción final da orde de convocatoria para 2012, se estableza como requisito na presente convocatoria. O obxectivo fundamental desta medida é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional, obxectivo que non se desvirtúa senón que se potencia concentrando os servizos que se desenvolverán e, por tanto, as contratacións nun sector potencialmente xerador de emprego como é o dos servizos sociais, cada vez máis demandados pola sociedade e que precisan de profesionais con experiencia para cubrir as necesidades cada vez maiores neste ámbito.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 11.03.322A.481.0 polo importe global de 8.100.000 euros, contida na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Finalmente, cómpre subliñar que as axudas reguladas nesta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa operativo adaptabilidade e emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia para a realización de servizos de interese xeral e social (procedemento TR352A) co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014 a través dos créditos consignados na aplicación 11.03.322A.481.0, código de proxecto 2014 00 515, polo importe global de 8.100.000 euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, estando debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na data de publicación da presente convocatoria, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para seren beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.

b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

3. Para os efectos do disposto na letra b) do número anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:

a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgaran a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.

c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algún traballador ou traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.

4. Para os efectos do disposto na letra b) do número segundo e sen prexuízo do inicio das actuacións administrativas que correspondan de conformidade co disposto na orde de convocatoria que en cada momento resulte de aplicación e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, presumirase que as entidades non dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que, por mor de denuncias ou reclamacións escritas, se teña constancia do incumprimento por parte da entidade solicitante da obriga de satisfacer ao seu vencemento as obrigas económicas derivadas do funcionamento dos servizos subvencionados en exercicios anteriores, especialmente as de carácter salarial.

b) Que non tivesen presentado a documentación xustificativa prevista no artigo 14.2.II.c), en relación co cofinanciamento das axudas polo Fondo Social Europeo, correspondente ás subvencións para o fomento do emprego dos programas de cooperación en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados, así como axentes de emprego e/ou unidades de apoio, de exercicios anteriores.

Artigo 4. Requisitos dos servizos que se prestarán

Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade dos traballadores e traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, preferentemente no ámbito da discapacidade e/ou en risco de exclusión social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas que se contraten.

c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 ou do 75 por cento, a dita duración máxima poderá estenderse ata os doce meses.

Artigo 5. Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e da Seguridade Social das persoas que se van contratar, nos termos previstos no parágrafo seguinte.

2. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme a seguinte escala:

• Para o grupo de cotización 1: 2.175 €.

• Para o grupo de cotización 2: 1.963 €.

• Para o grupo de cotización 3: 1.935 €.

• Para o grupo de cotización 4: 1.875 €.

• Para o grupo de cotización 5: 1.756 €.

• Para o grupo de cotización 6: 1.732 €.

• Para o grupo de cotización 7: 1.637 €.

• Para o grupo de cotización 8: 1.576 €.

• Para o grupo de cotización 9: 1.512 €.

• Para o grupo de cotización 10: 1.488 €.

3. A contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

4. Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 euros mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia contratada que reúna os requisitos para percibilo.

5. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

6. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

7. O importe das subvencións reguladas nesta orde, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público estatal ou internacional.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde, deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que, a título exclusivamente informativo figuran como anexos desta orde, que irán acompañados da documentación a que se fai referencia no artigo 7 que necesariamente deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de formalización electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios en formato: pdf, odt, ods, xls, docx, xisx, jpg, jpeg, png, tiff e bmp.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante a presentación da solicitude asinada a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, agás as solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia, que poderán presentarse ata o 15 de novembro. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

7. Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade beneficiaria. En caso de presentación de varias só se terá en conta a última presentada que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

Artigo 7. Documentación

1. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 3 deste artigo, poderá ser identificada polo solicitante como información accesible de xeito que a Dirección Xeral de Emprego e Formación poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:

a) Copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante en vigor.

b) Copia do DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención. Se se autoriza a consulta a través do Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) no formulario de solicitude, non será necesaria a súa achega.

c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.

d) Copia da escritura pública e/ou dos estatutos de constitución vixentes da entidade solicitante en que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro.

e) Memoria global dos servizos que se van realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) A ausencia de ánimo de lucro.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención a que se refire o número 2 do artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión.

e) A disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.

f) O nivel de inserción laboral dos participantes en exercicios anteriores a que se refire o artigo 8.4.b).

g) Que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación, logo de petición, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a presente declaración responsable.

h) Que as copias dos documentos sinalados nas letras a), b) e d) do número anterior coinciden cos orixinais e que se pon á disposición da Administración actuante para achegalos cando se lle requira.

3. Cando os documentos exixidos nos puntos 1.a), b), c) e d) deste artigo xa estivesen en poder da Dirección Xeral de Emprego e Formación e non se producisen modificacións no seu contido, a entidade solicitante poderá identificala como información accesible e acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar esta circunstancia especificando o ano en que se remitiu a dita documentación, o número de expediente correspondente, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

4. Se do exame do expediente se comprobase que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 8. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes dos que nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación non se considerarán desestimados e teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da comisión de valoración.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá e, como vogais, polas persoas responsables da xefatura do Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao dito servizo, que realizará as funcións de secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades que cumpran os requisitos sinalados no artigo 4 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Os servizos de maior interese xeral e social, segundo os fins da entidade solicitante recollidos nos seus estatutos e en relación co contido do servizo que se vai realizar: ata 30 puntos.

– Entidades prestadoras de servizos en materia de discapacidade: 30 puntos.

– Entidades prestadoras de servizos en risco de exclusión social: 20 puntos.

– Entidades prestadoras doutros servizos de interese xeral e social, tales como maiores, familia e infancia, mulleres e outros: ata 15 puntos.

b) Maior nivel de inserción laboral: ata 30 puntos. Entenderase como «inserción laboral» aquela que supoña a contratación por conta allea ou a súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, dos traballadores e das traballadoras que participaron en obras ou servizos aprobados nos catro exercicios inmediatamente anteriores, durante un período mínimo de seis meses nos dous anos seguintes á finalización do contrato subvencionado.

c) Que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal e impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, así como os actores sociais presentes no territorio, ou xurdan da iniciativa ou coa participación do comité territorial de emprego competente: ata 10 puntos:

– As entidades de ámbito autonómico: 7 puntos.

– As entidades de ámbito pluriprovincial: 5 puntos.

– As entidades de ámbito provincial: 3 puntos.

– As entidades de ámbito comarcal: 2 puntos.

– As entidades de ámbito municipal: 1 punto.

– Cando os proxectos impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno terán, ademais, 1 punto adicional.

– Cando os proxectos impliquen, no seu deseño e execución, actores sociais presentes no territorio terán, ademais, 1 punto adicional.

– Cando os proxectos xurdan por iniciativa ou coa participación do comité territorial de emprego competente terán, ademais, 1 punto adicional.

d) Que correspondan a entidades cunha mellor valoración en relación coas actuacións levadas a cabo ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego en anos anteriores: ata 10 puntos. Valorarase a antigüidade de constitución da entidade en máis de 3 anos á data de publicación da convocatoria, así como a eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade, que restará ata 5 puntos.

Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 80 puntos, co fin de realizar unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, co límite fixado na disposición adicional primeira dentro do crédito dispoñible sinalado no parágrafo segundo do artigo 2, aquelas que obtiveron maior valoración en aplicación dos citados criterios e tendo en conta os seguintes números máximos de prazas, establecidos en función do seu ámbito territorial de actuación:

a) Municipal: ata un máximo de 3 puntos.

b) Comarcal: ata un máximo de 5 puntos.

c) Provincial: ata un máximo de 7 puntos.

d) Pluriprovincial: ata un máximo de 10 puntos.

e) Autonómico: ata un máximo de 15 puntos.

A aplicación destes límites máximos poderá exceptuarse no caso de solicitudes de entidades que presten atención a persoas con discapacidade, por razóns de interese xeral e social, e deberá motivarse e xustificarse expresamente na acta da comisión de valoración.

6. A puntuación mínima exixible para poder optar á obtención das correspondentes subvencións será de 35 puntos.

7. O órgano instrutor poderá modificar á baixa na proposta de resolución o número máximo de persoas traballadoras e o tempo que se subvencionará, segundo entenda xustificado adecuadamente o obxecto e necesidade do proxecto, así como as funcións que deben levar a cabo os traballadores ou traballadoras e o número de persoas e colectivos beneficiarios.

Artigo 9. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa responsable da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O prazo de resolución e notificación será de cinco meses contados a partir do remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a referencia ao posible cofinanciamento do 80 % da axuda polo Fondo Social Europeo a través do Programa operativo adaptabilidade e emprego 2007-2013 (2007ES05UP001), a data límite de realización de todas as contratacións, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

4. A determinación da contía da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia que reúnan os requisitos para percibilo, realizarase mediante resolución complementaria da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo dun mes computado desde o día seguinte á súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

6. Os incrementos de crédito, así coma o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, para a contratación de mulleres vítimas de violencia solicitadas con posterioridade ao remate do prazo sinalado no artigo 6.4, sempre que se cumpran as condicións previstas na disposición adicional terceira, e para aqueles servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar e no Rexistro de Subvencións, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras

1. Os traballadores e as traballadoras que sexan contratados para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento do inicio da relación laboral a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupado dispoñible para o emprego.

2. Os traballadores e traballadoras que foron contratados por un período igual ou superior a seis meses, con cargo ás axudas concedidas no ano 2013 pola Consellería de Traballo e Benestar no ámbito de colaboración coas entidades locais e coas entidades sen ánimo de lucro, en materia de políticas activas de emprego, para a contratación de traballadores desempregados, non poderán ser contratados con cargo ás axudas previstas nesta orde.

3. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores e as traballadoras que se necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir os traballadores e traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO– a 8 díxitos, de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no número quinto ou se trate de favorecer os colectivos enumerados nel.

b) En ningún caso poderá incluírse nin admitirse como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.

c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos á titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión, para o que deberán achegar á oficina a resolución e os anexos de concesión da subvención.

d) As ofertas deberán presentarse necesariamente na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado. Cando unha entidade dispoña de centros de traballo que se correspondan co ámbito territorial de máis de unha oficina de emprego, excepcionalmente e coa autorización expresa da Dirección Xeral de Emprego e Formación, logo de solicitude debidamente argumentada, poderá concentrar a tramitación de todas as ofertas na oficina a que lle correspondan máis postos de traballo ofertados.

e) A ocupación ou ocupacións solicitadas deberán corresponder á mesma familia que as ocupacións indicadas no expediente de solicitude.

f) Con carácter xeral, as entidades deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións. No caso das axudas concedidas no último trimestre do ano, presentaranse coa suficiente antelación para que as oficinas de emprego poidan tramitalas.

4. Recibida a oferta, realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela, atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando, de ser posible, o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que non poderá ser inferior a dúas nin superior a dez.

A remisión de novos candidatos só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

5. Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral e, se é o caso, aqueles que teñan previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, tales como:

a) Mulleres e, en especial, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia.

b) Menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego ou aqueles e aquelas sen cualificación profesional.

c) Persoas en paro de longa duración.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

f) Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

Así mesmo, terase en conta o menor nivel de protección por desemprego das posibles persoas beneficiarias, así como a existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores con discapacidade, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento.

6. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade solicitante e logo de autorización expresa da Dirección Xeral de Emprego e Formación, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar mulleres vítimas de violencia e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, condición que se acreditará mediante as correspondentes certificacións ou informes elaborados por traballadores sociais, se é o caso. As persoas seleccionadas polo procedemento descrito neste número deberán, en todo caso, cumprir os requisitos establecidos polos números 1 e 2 deste artigo.

7. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 11. Contratación dos traballadores e traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, tendo en conta que os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2014.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Dirección Xeral de Emprego e Formación poderá autorizar o inicio dos servizos con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores e traballadoras seleccionados/as deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo CONTRAT@, agás no caso de entidades de menos de cinco traballadores, que poderán facelo a través deste aplicativo ou ben por escrito.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos para ser beneficiarios destes programas.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á revogación das axudas de conformidade co disposto no artigo 15.

Artigo 12. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención para a contratación das persoas traballadoras desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos contratos de traballo, na modalidade de contrato de duración determinada de interese social, formalizados e debidamente comunicados.

b) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, en que conste:

• A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, especificando o número identificador desta e a relación nominal das persoas traballadoras desempregadas facilitadas por aquel, así como das persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

• As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) A declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

f) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 14.2.I.a), facendo mención expresa ao cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

g) Orixinais dos documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinados.

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion

2. O aboamento da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das traballadoras contratadas beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia, farase efectivo unha vez comprobado que reúnen os requisitos para acceder a el e ditada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola respectiva intervención.

3. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitir á Dirección Xeral de Emprego e Formación unha certificación acreditativa da súa recepción.

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Traballo e Benestar e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

f) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) Realizar, cando proceda e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.

i) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlle ao persoal contratado tarxetas identificativas do servizo subvencionado, no modelo que estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación e que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/carteis-informativos-programas-de-cooperacion, no cal constará a colaboración da consellería e mais o cofinanciamento polo FSE. O persoal contratado deberá levalas consigo cando estea a realizar a actividade obxecto da subvención.

j) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

Artigo 14. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo

1. As axudas reguladas nesta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa operativo adaptabilidade e emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013, polo que este réxime de subvencións quedará suxeito aos seguintes regulamentos:

a) Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión e se derroga o Regulamento (CE) nº 1260/1999.

b) Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao FSE e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1784/1999.

c) Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

d) Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, modificada por la Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE ao abeiro do Programa operativo de adaptabilidade e emprego para o período 2007-2013, mediante as subvencións reguladas nesta orde a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

I. Relacionadas coas medidas de información e publicidade impostas polo Regulamento da Comisión (CE) número 1828/2006, do 8 de decembro:

a) No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Emprego e Formación na web institucional da Xunta de Galicia no enlace:

http://traballo.xunta.es/carteis-informativos-programas-de-cooperacion, no cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de emprego e polo Fondo Social Europeo.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion

II. Relacionadas cos sistemas de xestión e control para dar cumprimento aos artigos 13, 14 e 15 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma:

a) As entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, ata a anualidade de 2021 e, en todo caso, durante un mínimo de tres anos a partir do peche do Programa operativo adaptabilidade e emprego 2007-2013 en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo de dous meses, unha vez que finalizase a súa execución, a seguinte documentación:

• Unha memoria final sobre as actividades realizadas e práctica profesional adquirida polos traballadores e traballadoras contratados/as.

• Certificación acreditativa de recepción de fondos, de acordo co modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion

• Extracto bancario (orixinal ou copia compulsada) xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

• Un certificado de fin de servizo e anexos correspondentes segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace:

http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion

• Copias compulsadas das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e modelo TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas) e mais o modelo 190 (retencións e ingresos á conta do IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111) correspondentes aos trimestres en que se desenvolveu o proxecto, unha vez que se dispoña deles.

• Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada a que se refire o punto 2.II.a) deste artigo: extracto da contabilidade que permita verificar como se contabilizaron os gastos, o cal deberá incluír contas ou subcontas, datas e números dos correspondentes asentos contables.

No caso de entidades exentas da obriga de contabilidade: certificado que acredite a devandita exención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada ao abeiro do procedemento descrito no modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco, realice persoal técnico da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Artigo 15. Revogación e reintegro

Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 11.03.322A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego e Formación, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias de conformidade co réxime disposto na disposición adicional primeira do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición adicional terceira

As subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia terán sempre unha duración de doce meses e deben iniciarse dentro do exercicio 2014.

En todo caso, as solicitudes presentadas unha vez rematado o primeiro prazo sinalado no artigo 6.4 estarán supeditadas á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente e á existencia de mulleres vítimas de violencia cuxa contratación deba realizarse no ámbito territorial da solicitante.

Disposición adicional cuarta

Por resolución da persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego e Formación poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición adicional quinta

Para os efectos de que poidan ser tidas en conta na valoración de solicitudes de exercicios posteriores, as oficinas de emprego comunicarán á Subdirección Xeral de Emprego as incidencias que se poidan producir nos procesos de selección, así como a relación de entidades que non lles comuniquen os resultados da selección, de conformidade co establecido no artigo 10.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
MR352A G.pdf
MR352A G.pdf
missing image file
missing image file
MR352A G.pdf
missing image file