Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 13 de maio de 2014 Páx. 21448

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2014 de delegación de competencias.

A Lei orgánica de universidades (LOU) 6/2001, do 21 de decembro, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, asigna ás reitoras e reitores das universidades unha parte importante das competencias que a autonomía universitaria confire aos órganos universitarios. Así mesmo, os Estatutos da Universidade de Vigo, aprobados mediante Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro, desenvolven especificamente nos seus artigos 56, 57, 58, 59 e 60 as competencias do reitor ou reitora.

A actividade administrativa da Universidade de Vigo leva consigo unha concentración de funcións na persoa do seu reitor ou reitora que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias, sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 13, 16 e 17 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os Estatutos desta universidade e demais disposicións de xeral aplicación, esta reitoría decide ditar a seguinte resolución:

I. Delegación a favor da secretaria xeral e vicerreitores e vicerreitoras.

1. Con independencia das competencias que lle recoñecen a LOU e os Estatutos desta universidade, deléganse na secretaria xeral as seguintes competencias:

a) A dependencia funcional da Asesoría Xurídica, sendo este o camiño que se debe seguir para o pedimento de informes que debe render aquela aos órganos colexiados e unipersoais, así como aos membros da comunidade universitaria, agás a Xerencia, que poderá solicitalos directamente en asuntos da súa competencia.

b) A representación oficial da universidade perante os poderes públicos en materia xudicial e administrativa.

c) As relativas aos rexistros da universidade.

d) Coordinación, dirección e impulso da revisión normativa

e) Elaboración da memoria anual do curso académico.

f) A coordinación da matrícula e a proposta de calendario escolar.

g) A sinatura de certificacións supletorias dos títulos propios.

h) A sinatura das resolucións que autoricen ou deneguen as rectificacións das actas académicas.

i) A delegación da sinatura en resolucións reitorais polas cales se resolvan pedimentos de estudantes en relación coa súa actividade académica, agás os relativos ao rendemento académico do estudantado.

2. Deléganse no vicerreitor de Economía e Planificación as seguintes competencias:

a) As relacionadas coa captación de recursos externos, planificación, coordinación e xestión da política económica e dos programas estratéxicos da Universidade de Vigo.

b) As de elaboración, en coordinación coa Xerencia, das liñas e directrices do orzamento anual da universidade e da súa política económica.

c) A coordinación de asuntos ou iniciativas que teñan repercusión nas partidas de ingresos ou gastos orzamentarios.

d) A celebración de convenios relacionados coa xestión orzamentaria da universidade e a sinatura, se é o caso, de contratos-programa.

e) A programación, contratación e execución de novos proxectos e infraestruturas, equipamentos e instalacións de carácter institucional

f) As correspondentes ás actuacións urbanísticas que afecten a Universidade de Vigo.

g) A supervisión dos proxectos das obras de nova planta, así como dos de reforma, remodelación, adaptación ou reparación dos edificios administrados pola Universidade.

h) As relativas ás tecnoloxías da información e ás comunicacións e os seus servizos.

i) As de xestión e coordinación dos equipamentos e infraestruturas docentes, así como os relativos á biblioteca universitaria

k) As correspondentes á aplicación de políticas de calidade ambiental e desenvolvemento sustentable.

l) A definición e execución da política de prevención de riscos laborais.

m) A definición e execución da política de acción social.

n) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

3. Deléganse na vicerreitora de Organización Académica e Profesorado as seguintes competencias:

a) A ordenación de estruturas académicas, departamentos e centros.

b) A coordinación e control dos centros adscritos á Universidade.

c) A planificación e posta en marcha de titulacións de grao e posgrao oficiais.

d) A organización académica das titulacións de grao e posgrao oficiais.

e) O impulso, a coordinación e a supervisión da elaboración e reforma de plans de estudo.

f) A organización da formación doutoral, segundo a normativa do ensino oficial de doutoramento.

g) O establecemento da oferta anual de prazas en cada titulación.

h) A elaboración dos plans de organización docente anual e do cadro de persoal docente.

i) As relativas aos concursos de persoal docente funcionario e contratado e a aprobación das listas provisionais e definitivas de persoas admitidas.

k) As referentes aos programas de promoción e estabilización do persoal docente e investigador.

l) As relativas á situación administrativa do persoal docente e investigador, incluídos os procedementos de xubilación.

m) As referidas á organización, avaliación e seguimento dos procesos de calidade, entre eles os referidos á actividade docente e ao rendemento académico do estudantado.

n) As relacionadas con programas e accións de formación continua do profesorado.

ñ) As relativas aos títulos propios.

o) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

4. Deléganse na vicerreitora de Estudantes as seguintes competencias:

a) As correspondentes aos procesos de difusión da oferta académica e á captación e acceso do seu alumnado.

b) As relativas á convocatoria e xestión de prácticas externas.

c) As correspondentes á proposta, coordinación e xestión das políticas de fomento do multilingüismo na Universidade de Vigo.

d) A proposta e xestión de actuacións para a mellora da formación transversal do estudantado.

e) As relacionadas co recoñecemento, defensa e vixilancia dos dereitos e deberes do estudantado.

f) O recoñecemento de créditos ao estudantado pola realización de actividades universitarias complementarias.

g) As referidas á convocatoria e xestión de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados, incluíndo, de ser o caso, a presidencia e/ou representación da Universidade nos distintos órganos que se constitúan para a súa xestión.

h) As relacionadas co fomento do emprego do estudantado.

i) A proposta e xestión de programas de mobilidade do estudantado no marco do estado.

k) As relativas ás estratexias de fomento do emprendemento do estudantado.

5. Deléganse na vicerreitora de Investigación e Transferencia as seguintes competencias:

a) As de política de investigación e transferencia de coñecemento e a súa difusión.

b) A promoción, avaliación e recoñecemento da investigación e transferencia de coñecemento en todos os ámbitos na Universidade de Vigo.

c) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación.

d) As de xestión e coordinación dos recursos de investigación e as de realización de propostas de equipamento de centros de investigación.

e) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais e con outros centros de I+D.

f) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación e de transferencia de resultados de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional.

g) As relativas aos recursos de investigación e a actividade investigadora vinculadas á elaboración de teses de doutoramento.

h) As relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas, agás os situados no ámbito de influencia dos campus de Ourense e Pontevedra.

i) As relacionadas coa potenciación da oferta específica de plans de formación para empresas, institucións e profesionais.

k) As de contratos, informes e cursos do artigo 83 da LOU.

l) As relacionadas coas cátedras de empresa, agás as de Ourense e Pontevedra.

m) As referidas ás publicacións da Universidade de Vigo.

n) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

6. Deléganse no vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais as seguintes competencias:

a) As de proxección da universidade na vida cultural e deportiva.

b) As correspondentes a servizos sociais e participación, aloxamento e transportes, así como as relativas á atención e información á comunidade universitaria.

c) As de organización, realización e seguimento dos cursos de extensión universitaria e do programa de maiores.

d) O fomento da internacionalización e o deseño das estratexias e políticas para as relacións internacionais e a cooperación internacional.

e) A representación institucional en foros e eventos internacionais.

f) A sinatura de acordos, convenios e protocolos relacionados coa actividade internacional da Universidade de Vigo, cando así sexa considerado oportuno polo reitor.

g) O deseño, planificación e xestión dos programas internacionais de mobilidade e intercambio.

h) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

i) As relativas a asociacións universitarias.

7. Deléganse no vicerreitor do campus de Ourense as seguintes competencias no territorio de influencia da Universidade de Vigo no campus de Ourense:

a) As de proxección e coordinación da Universidade.

b) As relacionadas con cursos complementarios e a sinatura de convenios de cooperación educativa en todas as materias obxecto desta delegación.

c) As derivadas do proceso de desconcentración administrativa relativas ao campus de Ourense.

d) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do campus.

e) As de coordinación dos grupos de investigación e as de realización de propostas de equipamento de centros de investigación no ámbito de influencia do campus de Ourense.

f) As relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas no ámbito de influencia do campus de Ourense.

g) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional.

h) As relacionadas coas cátedras de empresa do campus de Ourense.

i) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

8. Deléganse no vicerreitor do campus de Pontevedra as seguintes competencias no territorio de influencia da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra:

a) As de proxección e coordinación da universidade.

b) As relacionadas cos cursos complementarios e a sinatura de convenios de cooperación educativa en todas as materias obxecto desta delegación.

c) As derivadas do proceso de desconcentración administrativa relativas ao campus de Pontevedra.

d) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do campus.

e) As de coordinación dos grupos de investigación e as de realización de propostas de equipamento de centros de investigación no ámbito de influencia do campus de Pontevedra.

f) As relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas no ámbito de influencia do campus de Pontevedra.

g) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional.

h) As relacionadas coas cátedras de empresa do campus de Pontevedra.

i) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

II. Delegación a favor do xerente.

9. Deléganse no xerente, ademais das competencias que lle recoñece a Lei orgánica de universidades e os Estatutos da Universidade de Vigo, as seguintes competencias:

a) En colaboración co vicerreitor de Economía e Planificación, elaborar a liquidación do orzamento, a memoria económica e as contas anuais.

b) Autorizar, dispor e contraer obrigas sobre os créditos de gasto da universidade, con excepción do establecido nos números 10, 11 e 12 desta resolución.

c) Ordenar os pagamentos.

d) Actuar como órgano de contratación da universidade nos termos establecidos na normativa de contratación do sector público e na lexislación patrimonial, agás o establecido nos números 10, 11 e 12 desta resolución.

e) Dirixir e acordar os actos de trámite e xestión ordinaria da actividade económico-orzamentaria que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

f) Dirixir a negociación colectiva do persoal de administración e servizos (PAS), asinar pactos e acordos e ditar resolucións e ordes de execución.

g) Dirixir a xestión dos procedementos de xubilación do persoal, agás as certificacións que correspondan, e dos procedementos relativos á Seguridade Social e Muface.

h) Elaborar informes sobre a autorización de compatibilidade e elevar propostas ao reitor.

i) Autorizar e asinar os contratos, os nomeamentos e os cesamentos do PAS laboral contratado con carácter temporal e do PAS funcionario interino.

k) Ditar instrucións e resolver os procedementos administrativos relativos ao PAS. Exceptúase do anterior a convocatoria e resolución dos procedementos de selección do PAS fixo, a súa toma de posesión e cesamento, a iniciación e resolución de procedementos disciplinarios e a imposición de sancións disciplinarias.

l) Dirixir e acordar os actos de xestión ordinaria do persoal que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

m) Manter as infraestruturas e xestionar as reformas, as melloras e a ampliación das infraestruturas.

n) Supervisar as tecnoloxías da información e a comunicación e os seus servizos e, en especial, o impulso da administración electrónica.

ñ) Supervisar a prevención de riscos laborais e a calidade ambiental.

En relación coas súas competencias poderá realizar encomendas de xestión ou delegación de sinatura. Delégase no xerente a facultade de realizar encomendas de xestión en relación coas súas competencias. Tamén poderá realizar as delegacións de sinatura que procedan.

En caso de ausencia, enfermidade ou outra causa legal que imposibilite o xerente, será substituído automaticamente pola vicexerenta ou vicexerente que designe ou, na súa falta, por quen acredite maior antigüidade como tal ou como membro da Universidade de Vigo.

III. Delegación a favor do director da Biblioteca.

10. Deléganse no director da Biblioteca as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público e ás indemnizacións por razón de servizo, respecto aos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos, previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto aos créditos que teña encomendados.

IV. Delegación a favor do xefe do Servizo de Extensión Universitaria.

11. Deléganse no xefe do Servizo de Extensión Universitaria as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público e ás indemnizacións por razón de servizo, respecto aos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto aos créditos que teña encomendados.

V. Delegación a favor das administracións de centros/ámbito/campus.

12. Deléganse nas administradoras e administradores de centros/ámbito/campus as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar os contratos de subministracións e servizos non suxeitos a regulación harmonizada adxudicables por procedemento negociado por razón de contía consonte a normativa de contratación do sector público, incluíndo as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

A Xerencia, por proposta do administrador ou administradora correspondente, poderá ordenar que un expediente de contratación se centralice por razón da súa complexidade ou da carga administrativa existente no centro.

b) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola universidade cunha ou varias empresas; o procedemento de adxudicación aterase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

c) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público, e ás indemnizacións por razón de servizo nos departamentos, facultades ou escolas, programas oficiais de posgrao e doutoramento, títulos propios e proxectos de investigación que se xestionen no seu ámbito funcional, respecto aos créditos que teñan encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

d) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto aos créditos que teñan encomendados.

VI. Delegación a favor das persoas responsables de servizos e unidades administrativas.

13. Deléganse nas persoas responsables de servizos e unidades administrativas, e respecto do persoal baixo a súa dependencia, as competencias de concesión e control das vacacións e dos permisos por asuntos propios e de representación sindical, así como as de control sobre o resto dos permisos autorizados.

VII. Delegación a favor das xefaturas de Administración dos centros de Ourense e Pontevedra e nas xefaturas da Área Académica dos centros de Vigo.

14. Delégase nas xefas e xefes de Administración dos centros de Ourense e Pontevedra e de Área Académica dos centros de Vigo en materia de xestión académica:

a) Tramitar os procedementos previstos nos artigos 71 e 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

b) Elaborar os informes requiridos de acordo coas disposicións vixentes ou que lle sexan requiridos.

c) Propor a aceptación da desistencia ou da renuncia da solicitude de matrícula do alumnado.

d) Realizar os trámites que establece o artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

VIII. Delegación a favor de decanatos e direccións de centros en materia académica de primeiro e segundo ciclo.

15. Delégase nas persoas que ocupan os decanatos e direccións de centros a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos de primeiro e segundo ciclo:

a) A admisión de alumnado en titulacións sen límite de prazas.

b) A admisión dos traslados do alumnado para continuación de estudos, unha vez adoptadas as decisións polas comisións de centros.

c) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións de materias.

d) A resolución de solicitudes de modificacións de matrícula: ampliación, cambio e ou anulación parcial de materias.

IX. Delegación a favor do director da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO-Uvigo).

16. Delégase no director da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO-Uvigo) a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos adscritos a esta escola:

a) A admision de estudantes.

b) A resolución de solicitudes de modificación de matrícula: ampliación, cambio e/ou anulación parcial de matrícula.

c) A admisión dos traslados do alumnado para continuación de estudos.

d) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións.

e) Autorizar a baixa definitiva de calquera estudante nun programa de doutoramento.

X. Delegación a favor das direccións de departamento.

17. Delégase nas directoras e directores de departamentos a concesión de permisos e licenzas ao persoal docente e investigador (PDI) nos seguintes casos:

– Vacacións e permisos por asuntos propios, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

– Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal.

– Para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral.

Os directores e directoras de departamento terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira a Vicerreitoría de Organización Académica y Profesorado.

De conformidade coa normativa de permisos e licenzas do PDI, aprobada polo Consello de Goberno do 5.10.2005 e modificada polo Consello de Goberno do 20.4.2009, as licenzas de estudo de duración igual ou menor de 15 días naturais, serán concedidas pola dirección do departamento por delegación do reitor ou reitora, debendo especificarse na concesión a persoa suplente nas obrigas docentes ou a maneira en que será recuperada a docencia, e dando conta ao decanato ou dirección do centro correspondente.

As restantes solicitudes de obtención de permiso ou licenza, retribuída ou non, deberán formularse ante a Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado.

Disposición xeral primeira

Os actos ditados como consecuencia desta delegación non poderán exceder os límites dela xa que, en caso contrario, serán nulos de pleno dereito e, en todo caso, faríase constar expresamente esta resolución reitoral e terían a consideración de actos ditados por esta autoridade.

Disposición xeral segunda

En ningún caso se poderán delegar as competencias que se delegan nesta resolución. O reitor, en todo momento, poderá avogar para si todas e cada unha das facultades que se atribúen nesta resolución.

Disposición xeral terceira

Nos supostos de ausencia ou enfermidade, o reitor será substituído polo vicerreitor de Economía e Planificación, quen exercerá a plenitude de funcións que son propias do órgano substituído e, na falta deste, pola vicerreitora de Organización Académica e Profesorado. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade dalgún vicerreitor ou vicerreitora, será substituído/a por aquel que designe, de xeito expreso, o reitor.

Disposición xeral cuarta

Quedan derrogadas todas as resolucións anteriores á presente sobre esta materia.

Disposición xeral quinta

Esta resolución terá vixencia a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 7 de maio de 2014

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo