A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, prevé, no seu artigo 232, modificado pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, a creación do Xurado de Expropiación de Galicia como órgano colexiado permanente da nosa comunidade autónoma especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.
O dito precepto dispón, entre outros aspectos, a composición dese xurado, que se desenvolve mediante o Regulamento de organización e funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia, aprobado mediante Decreto 223/2005, do 16 de xuño.
O artigo 4 deste regulamento establece, nas letras c), d), e) e f) do seu parágrafo 2º, respecto da composición do xurado, que distintos organismos, entidades e colexios profesionais proporán, cada un deles, un representante que actuará como vogal titular. Así mesmo, prevese a designación, do mesmo xeito, dun vogal suplente que actuará en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa que imposibilite a asistencia daquel titular.
Todos eles serán nomeados polo conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio. O mandato destes vogais será de catro anos, renovables por períodos de igual duración, que comezará a computarse desde o día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia, podendo ser, se é o caso, substituído.
En virtude da Orde do 21 de abril de 2010 pola que se nomean vogais do Xurado de Expropiación de Galicia (publicada no DOG do día 29 de abril), realizouse o nomeamento de vogais, titulares e suplentes, en representación de varios destes organismos e entidades. Esgotada a vixencia do seu mandato e despois de realizar os trámites formais de solicitude de designación aos organismos e entidades sinaladas no anteriormente mencionado artigo 4 que lles corresponde por tempo de mandato, parte deles achegaron a súa proposta.
Por todo iso,
DISPOÑO:
Artigo único. Noméanse as persoas que se relacionan no anexo como vogais do Xurado de Expropiación de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2014
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
ANEXO
Vogais do Xurado de Expropiación de Galicia segundo o disposto no artigo 4.2 d) e f) do Decreto 223/2005, do 16 de xuño.
1. En representación da Federación Galega de Municipios e Provincias:
Titular: César López Arribas.
Suplente: Miguel Iglesias Martínez.
2. En representación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia:
Titular: Miguel Couto Alonso.
Suplente: Manuel Aurelio Colmenero Guzmán.
3. En representación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia:
Titular: Roberto Caride Fernández.
Suplente: Alberto de Paula Prieto.