Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 6 de maio de 2014 Páx. 20489

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 15 de abril de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se resolve o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Sacada, a favor dos veciños de Fraguas, A Silva, Vilaboa, Vilaflor e Portas Abertas, na parroquia de Paizás, no concello de Ramirás.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar o 10 de abril de 2014, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Sacada, solicitada a favor dos veciños de Fraguas, A Silva, Vilaboa, Vilaflor e Portas Abertas, na parroquia de Paizás, no concello de Ramirás, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 20 de abril de 2012 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común dos veciños de Fraguas, A Silva, Vilaboa, Vilaflor e Portas Abertas, na parroquia de Paizás, no concello de Ramirás, en que solicitan ao seu favor a clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Sacada.

Segundo. Con data do 23 de outubro de 2013, o xurado provincial acorda iniciar o expediente de clasificación do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, abrindo un período de un mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. Con data do 29 de novembro de 2013, o Concello de Ramirás presentou escrito de alegacións contra o acordo de inicio de clasificación, solicitando que os terreos da Sacada non se declarasen monte veciñal en man común, por non cumprirse os requisitos exixidos pola lexislación. O Xurado, na sesión do día 10 de abril de 2014, desestimou as alegacións realizadas polo Concello, ao considerar acreditada a natureza de monte veciñal en man común dos terreos que se describen no seguinte feito. Por outra parte, na citada sesión o representante do Concello, malia as alegacións realizadas o día 29 de novembro de 2013, non manifestou ningunha oposición á clasificación do monte como veciñal en man común.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación existente no expediente, descríbese así:

Concello: Ramirás.

Denominación do monte: A Sacada.

Comunidade veciñal solicitante: veciños de Fraguas, A Silva, Vilaboa, Vilaflor e Portas Abertas, na parroquia de Paizás.

Superficie total: 11.691 m2 segundo datos catastrais.

A superficie que se pretende clasificar, denominada A Sacada, constitúe un couto redondo formado polas parcelas catastrais e superficies que a seguir se relacionan:

Parcela 1493 do polígono 503 (referencia catastral 32069A503014930000DH) con 7.128 m2 de superficie, cuxo uso principal é o de terreo agrario.

Lindeira coa anterior e coa referencia catastral 002201600NG87A0001FL, atópase unha superficie de 4.490 m2 destinados a campo de fútbol; coa referencia catastral 002201400NG87A0001FL existe tamén un local encravado cunha superficie de 73 m2.

Estremas:

Perímetro exterior:

Norte (propietarios enumerados de oeste a leste segundo datos catastrais) Concello de Ramirás: polígono 503; parcelas 1492 (María Sol Méndez Fernández); 1495 (Obdulia Vázquez Gayo); 1494 (María Elena Vázquez Alonso); 1504 (descoñecido).

Este: estrada local.

Sur: estrada Fraguas-Pereira-Granxa.

Oeste: (propietarios enumerados de sur a norte): Concello de Ramirás (polígono 503; parcelas 1491 e 1490.

Segundo a certificación do Rexistro da Propiedade de Celanova, o dereito de dominio do predio descrito aparece a favor do lugar de Fraguas comunal do Concello, titular do pleno dominio da totalidade do predio por título de concentración parcelaria, formalizada segundo escritura con data do 31.8.2000, autorizada pola Notaría de Celanova (número de protocolo 540) segundo inscrición 1ª, do tomo 794, libro 55, folio 82, con data do 2.4.2003. A mesma certificación fai constar que o predio ten encravadas varias construcións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas os membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativa do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa. Corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña disfrutando ao Xurado Provincial de Clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e demais normativa legal e regulamentaria, o xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

Resolve:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado A Sacada, a favor dos veciños de Fraguas, A Silva, Vilaboa, Vilaflor e Portas Abertas, na parroquia de Paizás, no concello de Ramirás, de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 15 de abril de 2014

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense