Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 6 de maio de 2014 Páx. 20470

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (360/2012).

Susana Varela Amboage, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento despedimento/cesamentos en xeral 360/2012 deste xulgado do social, seguido por instancia de Marcos Villar Pazos contra a empresa Servicio de Ingeniería y Montaje Alén, S.L., Servicios de Mantenimiento Anova, S.L., Fogasa sobre despedimento, se ditou o seguinte auto aclaratorio:

Auto:

En Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014.

Antecedentes de feito.

Primeiro. No procedemento de referencia ditouse sentenza con data do 4.3.2014, cuxo feito probado segundo di o seguinte:

Segundo. Marcos Villar Pazos prestou servizos por conta da mercantil Servicio de Ingeniería y Montajes Alén, S.L. desde o día 5.7.2007, no centro de traballo que a empresa ten en Santiago de Compostela, coa categoría profesional de encargado de mantemento e con dereito a percibir un salario mensual bruto de 3.027,60 euros, incluído o rateo de pagas extras (99,54 euros diarios).

Ao traballador resúltalle de aplicación o convenio colectivo do sector siderometalúrxico.

Así mesmo, a resolución da sentenza sinala o seguinte:

Que estimo a demanda interpuesta por Marcos Villar Pazos fronte a Servicios de Ingeniería y Montaje Alén, S.L., Servicios de Mantenimiento Anova, S.L., a administración concursal Mauro Antonio Puga Martínez e o Fogasa e, en consecuencia, declaro improcedente o despedimento do demandante efectuado con efectos do 1.6.2012 e condeno solidariamente as mercantís demandadas a que opten, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, ben por readmitir o traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, con aboamento neste caso dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data do despedimento ata a presente sentenza a razón de 99,54 euros por día, ben pola extinción da relación contractual con aboamento dunha indemnización de 21.978,45 euros, condenando a Mauro Antonio Puga Martínez unicamente na súa condición de administración concursal. Absólvese o Fogasa.

Advírtese as mercantís Servicios de Ingeniería y Montaje Alén, S.L. e Servicios de Mantenimiento Anova, S.L. que, en caso de non optar o empresario pola readmisión ou pola indemnización, enténdese que procede a primeira.

Segundo. Proposto recurso de aclaración para a corrección da data de antigüidade sinalada e a corrección do cálculo da indemnización, ditouse auto con data do 28.3.2014, cuxa parte dispositiva contén pronunciamentos alleos ao procedemento que nos ocupa.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Dispón o artigo 214 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil (LAC), sobre invariabilidade das resolucións, que:

1. Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que presenten.

2. As aclaracións a que se refire o número anterior poderanse facer de oficio dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou por petición de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo. Neste caso será resolta polo tribunal dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración.

3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento.

Segundo. De igual forma, e en relación coa emenda e complemento de sentenzas e autos defectuosos ou incompletos, o artigo 215 do mesmo corpo legal establece que:

1. As omisións ou defectos de que poidan adoecer sentenzas e autos e que for necesario remediar para levar plenamente a efecto tales resolucións poderán ser emendados, mediante auto, nos mesmos prazos e polo mesmo procedemento establecidos no artigo anterior.

2. Se se trata de sentenzas ou autos que omitisen manifestamente pronunciamentos relativos a pretensións oportunamente deducidas e tramitadas no proceso, o tribunal, por solicitude escrita de parte no prazo de cinco días contado desde a notificación da resolución, logo de traslado desta solicitude ás demais partes, para alegacións escritas por outros cinco días, ditará auto polo que resolverá completar a resolución co pronunciamento omitido ou que non procede completala.

3. Se o tribunal advirte en sentenzas ou autos que ditou as omisións a que se refire o número anterior poderá, no prazo de cinco días contado desde a data en que se dita, proceder de oficio, mediante auto, a completar a súa resolución, pero sen modificar nin rectificar o que acordase.

4. Non caberá recurso contra os autos en que se completen ou se denegue completar as resolucións a que se refiren os anteriores puntos deste artigo, sen prexuízo dos recursos que procedan, de ser o caso, contra a sentenza ou auto a que se referise a solicitude ou a actuación de oficio do tribunal. Os prazos para estes recursos, se foren procedentes, comezarán a computarse desde o día seguinte ao da notificación do auto que recoñecese ou negase a omisión de pronunciamento e acordase ou denegase remediala.

Terceiro. Tal e como se dicía no auto do 28.3.2014 efectivamente, no acto da vista, o demandante, tras desistir da petición de nulidade e solicitar só a declaración de improcedencia, aclara que a antigüidade do demandante se fixa no 21.6.2005 por existir un erro na demanda. Da proba practicada, tanto do informe de vida laboral achegado ás actuacións no acto da vista, coma da testifical practicada na persoa de Ramón Vázquez Rial, resulta acreditada a antigüidade que foi obxecto de aclaración no acto da vista. E así se recolle no fundamento xurídico segundo, onde se expresa que, á vista da incomparecencia da empresa demandada, non resulta controvertido e, polo tanto, si consta acreditado, entre outros aspectos, especificamente o relativo á antigüidade fixada polo demandante. Non obstante, malia a proba practicada e o sinalado na fundamentación xurídica, no feito probado segundo da sentenza prodúcese un erro de transcrición que supón, pola súa vez, un erro de cálculo na parte dispositiva da demandada, debendo ser corrixidos ambos os erros no sentido solicitado pola parte recorrente.

Agora ben, na parte dispositiva do auto do 28.3.2012, lonxe de corrixir os erros conforme o indicado, prodúcese unha confusión con outro preito e, tendo en conta o claro erro de transcrición, débese ditar novo auto de aclaración que corrixa os ditos erros materiais de transcrición e de cálculo.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e especial aplicación,

Parte dispositiva.

Que rectifico os erros de transcrición e cálculo que conteñen a sentenza do 18.3.2014 e o auto do 28.3.2014 e, en consecuencia, declaro que:

1. O feito probado segundo da sentenza debe quedar redactado da seguinte maneira:

Segundo. Marcos Villar Pazos prestou servizos por conta da mercantil Servicio de Ingeniería y Montajes Alén, S.L. desde o día 21.6.2005, no centro de traballo que a empresa ten en Santiago de Compostela, coa categoría profesional de encargado de mantemento e con dereito a percibir un salario mensual bruto de 3.027,60 euros, incluído o rateo de pagas extras (99,54 euros diarios).

Ao traballador resúltalle de aplicación o convenio colectivo do sector siderometalúrxico.

2. A parte dispositiva da sentenza debe quedar redactada da seguinte maneira:

Que estimo a demanda interposta por Marcos Villar Pazos, fronte a Servicios de Ingeniería y Montaje Alén, S.L., Servicios de Mantenimiento Anova, S.L., a administración concursal Mauro Antonio Puga Martínez e o Fogasa e, en consecuencia, declaro improcedente o despedimento do demandante efectuado con efectos do 1.6.2012 e condeno solidariamente as mercantís demandadas a que opten, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, ben por readmitir o traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, con aboamento neste caso dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data do despedimento ata a presente sentenza a razón de 99,54 euros por día, ben pola extinción da relación contractual con aboamento dunha indemnización de 30.956,94 euros, condenando a Mauro Antonio Puga Martínez unicamente na súa condición de administración concursal. Absólvese o Fogasa.

Advírtese as mercantís Servicios de Ingeniería y Montaje Alén, S.L. e Servicios de Mantenimiento Anova, S.L. que, en caso de non optar o empresario pola readmisión ou pola indemnización, enténdese que procede a primeira.

Esta resolución é firme e contra ela non cabe ningún recurso, ben que se poderá interpor contra a resolución que se rectifica, no modo e forma nesta establecidos, desde a notificación ás partes do presente auto.

Así o acordo, mando e asino, Mª del Carmen Barcala Barreiro, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela.

Advírtese o destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

E para que sirva de notificación a Servicios de Mantenimiento Anova, S.L., expido este edicto.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014

A secretaria xudicial