Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 2014 Páx. 19276

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 25 de abril de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan prácticas non laborais en empresas.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas novas que realizan prácticas non laborais nestas empresas.

A situación actual de crise económica levou ao desemprego a moitas persoas, adquirindo esta situación unha especial gravidade no caso das máis novas que, con independencia do seu nivel de cualificación, presentan unhas altas taxas de desemprego. Neste contexto, atópanse cunha especial dificultade de inserción no mercado laboral aquelas persoas novas que, aínda tendo unha formación académica ou profesional acreditada, carecen de experiencia laboral.

Considérase urxente e necesario, por tanto, artellar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para este colectivo, medidas que deben contribuír a facilitar o seu acceso ao mercado de traballo, á ocupación e á adquisición de práctica laboral nun contorno real.

Entre estas medidas figuran a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas, reguladas no Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas.

Para incentivar a realización destas prácticas, a Comunidade Autónoma de Galicia considera necesario subvencionar as bolsas que se paguen ás persoas novas que realicen as prácticas non laborais en empresas. Esta medida configúrase como un programa autónomico que a Xunta de Galicia incluíu no Programa Anual de Políticas de Emprego (PAPE) para o 2014 como Programa Propio PP00198 Programa de Apoio ás prácticas profesionais non laborais, dentro do eixe 2 Formación.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria elévase a 1.917.000 euros e farase con cargo aos créditos do programa 11.03.323A.471.0 (1.000.000 de euros, que figuran na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014 e 917.000 euros para o ano 2015).

As axudas previstas nesta orde poderán ser cofinanciadas polo Fondo Social Europeo de acordo coas disposicións xerais establecidas no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello e pola Administración xeral do Estado, e están incluídas no programa operativo plurirrexional Adaptabilidade e Emprego, imputables ao período de programación dos fondos estructurais 2007-2013.

Visto o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, que atribúe á Dirección Xeral de Emprego e Formación competencias relativas, entre outras materias, á formación profesional para o emprego.

Vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento ás empresas das bolsas dos mozos e mozas que realizan prácticas non laborais nestas empresas.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas con centro de traballo en Galicia que, logo da sinatura dun convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia no marco do Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, subscriban acordos con mozos e mozas para a realización de prácticas non laborais.

Artigo 3 . Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta orde

1. As empresas ou grupos empresariais, en colaboración cos servizos públicos de Emprego e no marco da responsabilidade social empresarial, poderán subscribir acordos con persoas novas, con ningunha ou moi escasa experiencia laboral, co obxecto de realizar prácticas de carácter non laboral nos seus centros de traballo, co fin de contribuír a mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles un primeiro contacto coa realidade laboral a través do acercamento a esta, ao tempo que contribúen a completar a formación acadada pola persoa nova.

2. As prácticas non laborais realizaranse en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As prácticas non laborais nas empresas non suporán, en ningún caso, a existencia de relación laboral entre a empresa e a persoa nova.

4. As prácticas non laborais nas empresas terán unha duración mínima de catro horas diarias.

5. As prácticas desenvolveranse en centros de traballo da empresa ou do grupo empresarial, baixo a dirección e supervisión dun titor e terán unha duración de entre seis e nove meses. Á finalización das prácticas non laborais, as empresas deberán entregar ás persoas que realicen as mesmas un certificado no que conste, polo menos, a práctica realizada, os contidos formativos inherentes a esta, a súa duración e o período de realización.

6. As empresas ou grupos empresariais en que se desenvolvan as prácticas aboarán ás persoas novas participantes unha bolsa de apoio cuxa contía será, como mínimo:

80 por cento do IPREM mensual vixente en cada momento cando as prácticas teñan unha duración de catro horas diarias.

100 por cento do IPREM mensual vixente en cada momento cando as prácticas duren máis de catro horas diarias.

7. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as prácticas académicas externas, curriculares e extracurriculares, das persoas estudantes universitarias, que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 4. Destinatarios das prácticas non laborais e contido destas

1. As prácticas non laborais irán dirixidas a persoas novas desempregadas inscritas na oficina de emprego, con idades comprendidas entre 18 e 25 anos inclusive, que posúan unha titulación oficial universitaria, titulación de formación profesional, de grao medio ou superior, ou titulación do mesmo nivel que o desta última, correspondente ás ensinanzas de formación profesional, artísticas ou deportivas, ou ben un certificado de profesionalidade. Así mesmo, non deberán ter tido unha relación laboral ou outro tipo de experiencia profesional superior a tres meses na mesma actividade, non se tendo en conta para estes efectos as prácticas que formen parte dos curriculos para a obtención das titulacións ou certificados correspondentes.

2. A preselección de persoas novas para a realización das prácticas así como o control e seguimento destas corresponderá ao Servizo Público de Emprego de Galicia. En todo caso, o proceso de selección final das persoas que van participar no programa de prácticas non laborais corresponderá á empresa. Nos convenios recollerase de forma expresa a realización polo Servizo Público de Emprego de Galicia de accións de control e seguimento das prácticas non laborais, co fin de verificar o cumprimento dos requisitos establecidos e dos obxectivos desta medida, especialmente a contribución das prácticas á mellora da empregabilidade.

3. Ás persoas novas participantes nas prácticas non laborais, reguladas nesta orde seranlle de aplicación os mecanismos de inclusión na Seguridade Social recollidos no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 5. Acordos para a realización das prácticas

As empresas deberán subscribir acordos coa persoa nova que vai desenvolver as prácticas non laborais, nos que se recollerá, polo menos, o contido concreto da práctica que se vai desenvolver, a duración desta, as xornadas e horarios para a súa realización, o centro ou centros onde se realizará, a determinación do sistema de titorías e a certificación a que a persoa nova terá dereito pola realización das prácticas. A empresa emitirá informe á representación legal das persoas traballadoras sobre os acordos de prácticas non laborais subscritos coas persoas novas.

Artigo 6. Solicitudes, documentación e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche de convocatoria.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas comezará ao día seguinte da publicación da presente orde e rematará o 15 de novembro de 2014.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. Xunto coa solicitude haberá que presentar a seguinte documentación complementaria:

a) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude.

b) Copia compulsada ou cotexada do NIF da entidade.

c) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

d) Acordo asinado para a realización de prácticas.

e) Acreditación documental de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia; no caso daquelas entidades que denegasen expresamente o consentimento ao órgano xestor para a súa solicitude.

Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Tamén se poderá presentar presencialmente na Dirección Xeral de Emprego e Formación, por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, indicando o número de rexistro de entrada da solicitude no suposto de ter feito a presentación electrónica previa.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 7. Procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarse ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Formación para o Emprego.

3. A persoa titular da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego formulará a proposta de resolución, tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

Artigo 8. Resolución

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola intervención delegada, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. As resolucións deberán ser notificadas aos interesados e deberán ditarse no prazo dun mes, contado desde a presentación da solicitude por calquera das formas previstas no artigo 6.1 da presente orde.

Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, a solicitude se entenderá desestimada.

3. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

4. A resolución da concesión de subvención, que se comunicará por escrito ao beneficiario, fixará expresamente o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis, exenta da obriga de notificación en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis e incorporará, de ser o caso, as condicións, as obrigas e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. A obtención da subvención quedará condicionada á existencia de crédito dispoñible, de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Determinación das subvencións para as prácticas non laborais

1. Serán subvencionables as bolsas aos mozos e mozas que realizan as prácticas non laborais ao abeiro dun acordo para a realización destas.

2. O importe da subvención concretarase no 75 % do IPREM diario vixente por cada unha das persoas novas por cada día que duren as prácticas.

3. As subvencións previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das bolsas aos mozos e mozas que realizan as prácticas non laborais reguladas no Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada.

4. Esta axuda ten o carácter de «axuda de minimis» exenta da obriga de notificación en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

5. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este umbral aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 10. Publicidade das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e o crédito orzamentario ao que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

3. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

4. Os beneficiarios das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e mais no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

Artigo 11. Pagamento e xustificación das subvencións

1. O pagamento da subvención realizarase unha vez finalizado o período de prácticas, logo da presentación por parte da empresa da xustificación do pagamento das bolsas a cada unha das persoas novas que están realizando as prácticas.

2. A xustificación dos gastos correspondentes ao ano 2014 deberá realizarse antes do 20 de decembro de 2014 e a dos gastos correspondentes ao ano 2015 deberá realizarse antes do 31 de outubro de 2015.

3. Procederase ao pagamento dos gastos, tras a presentación por parte da empresa, do convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia, do acordo subscrito coa persoa nova para a realización das prácticas, dun certificado asinado polo representante legal da empresa en que conste, polo menos, a práctica realizada, os contidos formativos inherentes á mesma, a súa duración e o período de realización, e da xustificación do pagamento da bolsa ás persoas novas, que se acreditaran mediante a correspondente orde de transferencia con ordenante e beneficiario claramente identificados, xunto co selo identificativo da entidade bancaria ou, na súa falta, fotocopia compulsada do extracto bancario acreditativo do cargo. Os xustificantes de gasto deberán cumprir co establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e os xustificantes de pagamento o establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei.

Ademais, en aplicación do artigo 31.7 da antedita lei, non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 12. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Proporcionar aos mozos e mozas que realizan prácticas non laborais a formación que acompañará a estas conforme o programa de prácticas presentado ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. Desenvolver as prácticas nos termos previstos no acordo subscrito coa persoa nova.

3. Aboar mensualmente as bolsas.

4. Cumprir coas obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Cumprir coas obrigas que lle corresponden como empresario de acordo co establecido no artigo 5.1 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

6. Comunicar á Dirección Xeral de Emprego e Formación a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

7. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Emprego e Formación, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Remitir á Dirección Xeral de Emprego e Formación as baixas das persoas novas que realicen as prácticas.

9. Comunicar á Dirección Xeral de Emprego e Formación calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a realización das prácticas reguladas nesta orde.

Artigo 13. Incumprimento de obrigas e reintegro

1. O incumprimento das obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se establecesen na correspondente resolución de concesión dará lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida e os xuros de mora correspondentes.

2. A gradación dos posibles incumprimentos a que se fai referencia no punto anterior determinarase de acordo cos seguintes criterios:

a) No suposto de incumprimento total:

O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificación desta dará lugar ao reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) No suposto de incumprimento parcial:

O incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a subvención dará lugar ao reintegro parcial da subvención concedida.

Artigo 14. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Devolución voluntaria das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 4731 10063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. O importe da devolución incluirá os xuros de mora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte do beneficiario.

O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Disposición adicional primeira

As subvencións previstas na presente orde financiaranse co crédito do programa 11.03.323A.471.0 (1.000.000 de euros que figuran na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014 e 917.000 euros para o ano 2015).

Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

Disposición adicional segunda

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional terceira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro, ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Disposición adicional cuarta

No non previsto nesta orde, será de aplicación o disposto no Real decreto 1543/2011, do 30 de outubro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file