Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 22 de abril de 2014 Páx. 18225

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2014 pola que se convoca unha xornada sobre apoio terrestre ás aeronaves de emerxencias, cofinanciado co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dunha xornada sobre apoio terrestre ás aeronaves de emerxencias, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Xornada

Denominación

Apoio terrestre ás aeronaves de emerxencias

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

4

Prazas

60

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos: adquirir coñecementos de apoio desde terra ás operacións que levan a cabo os pilotos das aeronaves e tomar consciencia das dificultades destes para executaren as manobras. Coñecendo os elementos aeronáuticos e as limitacións, o persoal de terra poderá adoptar as medidas de precaución adecuadas.

– Contido: na xornada trataranse os seguintes temas:

1) Coordenadas para a determinación dun punto no terreo e as súas características:

• Coordenadas angulares.

• Coordenadas UTM.

2) Relación entre as coordenadas e a distancia entre dous puntos.

3) Relevo do terreo e a súa representación no plano. Interpretación das curvas de nivel.

4) Escalas redutoras: numéricas e gráficas.

5) Manexo dun equipamento GPS manual:

• Configuración das características da saída de datos no equipamento.

• Lectura dunha coordenada.

• Erros no sistema GPS.

• Erros propios dun posicionamento absoluto neste sistema.

6) Helicóptero:

• Principio básico de funcionamento.

• Fases do voo.

7) Meteoroloxía:

• Nubes.

• Visibilidade horizontal.

• Vento.

8) Punto de toma:

• Axuda na localización do punto de toma.

• Tamaño da área.

• Obstáculos preto da área.

• Inclinación.

• Obxectos soltos.

• Facilidade de acceso.

• Tipos de misión realizadas polo helicóptero do 112 de Galicia.

• Como facilitar a localización ao helicóptero.

• Comunicación directa co helicóptero.

• Seguranza do punto de toma.

3. Destinatarios/as.

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil, persoal profesional dos servizos municipais de protección civil e emerxencias e persoal dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp (avda. da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra).

Horario: das 9.30 ás 14.00 horas.

Data: 30 de maio.

Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento do curso.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar na xornada convocada nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es).

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos da xornada, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente anticipación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática da xornada solicitada, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

6.1. Na selección terán preferencia:

1º. Os/as integrantes das agrupacións de voluntarios de protección civil e, dentro delas, as persoas de maior rango xerárquico.

2º. Os/as profesionais dos servizos municipais de protección civil e emerxencias e o persoal dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES) e, dentro deles, as persoas de maior rango xerárquico.

6.2. Dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentaranse ás da quenda xeral.

6.3. Se despois de aplicar o criterio anterior houber empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web (http://agasp.xunta.es), unha relación das persoas seleccionadas para participaren na xornada, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a imposibilidade de asistir con, cando menos, 48 horas de anticipación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base núm. 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nas actividades formativas:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estiver motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de asistencia.

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir a xornada, ampliar novas edicións ou suspendela temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 10 de abril de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública