Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 21 de abril de 2014 Páx. 18068

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2014 pola que se aproba e se fai pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas e se convocan as persoas admitidas, pola cota de reserva para persoas con discapacidade, á realización do primeiro exercicio (probas de lingua galega) do proceso selectivo para cubrir dúas prazas da categoría profesional técnico/a de investigación, área bioloxía-saúde (animalarios) grupo III, desta universidade.

Por Resolución do 2 de decembro de 2013 (DOG do 16 de decembro e BOE do 24 de decembro) convocáronse probas selectivas para cubrir dúas prazas da categoría profesional de técnico/a de investigación, área bioloxía-saúde (animalarios) grupo III, unha pola quenda de promoción interna e unha pola quenda de acceso libre.

Por Resolución do 3 de febreiro de 2014 (DOG do 18 de febreiro) aprobouse a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas nas mencionadas probas selectivas e fixouse un prazo para emendar os defectos que motivaran a exclusión ou omisión.

Rematado o dito prazo e consonte ao establecido na base 4.4 da convocatoria, o reitor

RESOLVE:

Primeiro. Declarar aprobada e facer pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas pola quenda de acceso libre ás citadas probas.

Segundo. Declarar que non hai persoas aspirantes pola quenda de promoción interna.

Terceiro. Indicar que a listaxe definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas está exposta nos taboleiros de anuncios da Reitoría, da Casa da Balconada, do Edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros e na páxina web:

http://www1.usc.es/webpas/SPAS/Laborais/Indice.htm

Cuarto. Convocar, de conformidade co establecido no punto 1.4 da convocatoria, as persoas aspirantes admitidas pola cota de reserva para persoas con discapacidade para a realización do primeiro exercicio da fase de oposición (probas de lingua galega), o día 28 de maio de 2014, ás 10.00 horas, no Servizo de Normalización Lingüística, Vivendas dos Catedráticos 1º andar, avenida das Ciencias, Campus Vida, Santiago de Compostela.

A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios será efectuada polo tribunal, nos locais onde se realice o primeiro deles, na Reitoría da Universidade e na páxina web: http://www.usc.es/gl/goberno/xerencia/selecciondepersoal.html

Quinto. Rematado o proceso de selección pola cota de reserva para persoas con discapacidade, as persoas aspirantes admitidas pola quenda xeral de acceso libre serán convocadas para a realización do segundo exercicio da primeira fase mediante resolución reitoral, na cal se indicará o día, hora e lugar e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2014

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela