Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 21 de abril de 2014 Páx. 18024

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 10 de abril de 2014 pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2014.

Co fin de manter o fomento da realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos, así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, anúncianse os seguintes tipos de axudas para o ano 2014:

Programa I. Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais durante o ano 2014.

Programa II. Axuda para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

O importe global das referidas axudas destinadas aos dous programas mencionados ascende a un total de 1.170.000 € que figura na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Concluído o proceso de eleccións sindicais previsto na disposición transitoria oitava do actual texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e en virtude do novo sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais, para os efectos das axudas previstas nesta orde terase en conta a representatividade sindical en 31.12.2013 referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desta lei, establecen o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, normativa a que, en consecuencia, se adaptará esta orde tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non-discriminación.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar e atribúe á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral. Dentro desta dirección xeral, o Servizo de Relacións Laborais da Subdirección Xeral de Traballo desenvolve as funcións relativas á xestión e tramitación das axudas e subvencións.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, de conformidade coas atribucións que teño conferidas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I
Ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas e subvencións en materia laboral e para mellora das condicións de traballo que concederá a Consellería de Traballo e Benestar ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2014, para promover o funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Para os efectos desta orde, terase en conta a representatividade sindical en 31.12.2013 referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e nesta orde. O procedemento de concesión das axudas establecidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei de subvencións de Galicia, axustándose a repartición aos criterios que se establecen nesta orde.

3. Tipos de axudas.

Programa I (TR807A). Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais durante o ano 2014.

Programa II (TR807B). Axuda para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Capítulo II
Programas

Sección 1ª. Programa I

Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais durante o ano 2014.

Artigo 2. Finalidade

Será a de facilitar axudas económicas ás centrais sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para as actividades ordinarias que lles son propias, de acordo co disposto na normativa legal vixente de aplicación e que se desenvolvan no ano 2014.

Artigo 3. Financiamento

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.324A.481.6 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social cun crédito polo importe de 830.000 €, co código de proxecto 2014/00566.

Artigo 4. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables

O crédito que figura na citada aplicación orzamentaria será proporcionalmente distribuído entre as centrais sindicais solicitantes a que se refire o artigo 2, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2013 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia. Tomarase ccmo denominación aquela con que figuren rexistradas na data antedita.

Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións ordinarias e habituais realizadas polas centrais sindicais que impliquen o normal desenvolvemento das funcións que lles son propias.

Os gastos derivados de actividades de asesoría xurídica só serán subvencionables nos casos en que o asesoramento estea referido a actividades sindicais.

Non serán subvencionables os gastos financeiros, os derivados de actividades de asesoría financeira e os gastos notariais e rexistrais.

Non serán subvencionables os gastos derivados da compra de equipamentos informáticos nin de calquera outro tipo de investimento que supoña un incremento patrimonial.

Sección 2ª. Programa II

Axuda para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Artigo 5. Finalidade

Será a de promover e apoiar o funcionamento dos gabinetes técnicos das centrais sindicais nas actividades específicas das materias que lles son propias, así como a de facilitar e favorecer a formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Artigo 6. Requisitos dos gabinetes técnicos

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes técnicos das centrais sindicais deberán estar integrados, como mínimo, por dúas persoas, unha das cales deberá ser necesariamente licenciada en economía ou en administración e dirección de empresas. As ditas persoas estarán contratadas a xornada completa para a realización das actividades propias dos gabinetes.

Artigo 7. Financiamento

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.324A.481.7 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social cun crédito polo importe de 340.000 € co código de proxecto 2014/00567.

Artigo 8. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables

Na citada aplicación orzamentaria o crédito será proporcionalmente distribuído entre as centrais sindicais intersectoriais que o soliciten, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2013 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia. Tomarase como denominación aquela con que figuren rexistradas na data antedita.

Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións de carácter concreto e específico realizadas polos gabinetes técnicos das centrais sindicais que impliquen o normal desenvolvemento das funcións que lles son propias. Tamén será subvencionable a efectiva impartición de actividades formativas dirixidas a cadros e delegadas e delegados sindicais. Os custos subvencionables por participante e por hora de impartición determinaranse de acordo cos módulos económicos máximos establecidos na Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo (BOE nº 67, do 18 de marzo de 2008).

Os gastos derivados de actividades de asesoría xurídica só serán subvencionables nos casos en que o asesoramento estea referido a actividades sindicais.

Non serán subvencionables os gastos financeiros, os derivados de actividades de asesoría financeira e os gastos notariais e rexistrais.

Non serán subvencionables os gastos derivados da compra de equipamentos informáticos nin de calquera outro tipo de investimento que supoña un incremento patrimonial.

As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde que teñan por finalidade o financiamento de plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización do plan de formación tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución do plan subvencionado e que deberá ser realizada consonte o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe do plan.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención.

Entenderase autorizada a subscrición do contrato a través da comunicación escrita da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, logo de solicitude da dita autorización pola entidade beneficiaria da subvención.

Capítulo III
Procedemento

Artigo 9. Solicitudes

1. As solicitudes, que deberán formalizarse por separado para cada un dos programas, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Documentación xeral

Cada solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa solicitante no caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio de acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

b) Acordo do órgano rector competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicitar a subvención e poder suficiente que acredite a representación da persoa que actúe en nome da organización sindical solicitante. No caso de que efectúe a solicitude unha federación ou confederación e reclame a subvención en nome doutros sindicatos con representatividade, deberán xuntar documentación acreditativa en que conste a autorización dos sindicatos para que a confederación a solicite no seu nome.

c) Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas ou que vaia desenvolver a organización sindical ou o seu gabinete técnico e sobre o plan de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, segundo o tipo de axuda que se solicite. En todo caso, as actuacións corresponderán ao ano 2014 e deberán constar de xeito detallado e específico.

d) Certificados de débedas expedidos pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia no caso de non autorizar a súa consulta á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 11. Documentación específica

Programa II (TR807B).

– As centrais sindicais solicitantes das axudas relativas a este programa, ademais de presentaren a documentación sinalada no artigo anterior, deberán acreditar que teñen a condición de intersectoriais.

– Cando se trate de axudas para promover o funcionamento de gabinetes técnicos, tamén se deberá xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete e os documentos expedidos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social que acrediten a súa alta, así coma a realización dunha xornada a tempo completo como persoal traballador da central sindical solicitante.

Artigo 12. Tramitación

1. Logo da recepción de solicitudes, o Servizo de Relacións Laborais da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social comprobará se cada solicitude presentada coa súa correspondente documentación reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase á entidade interesada para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. Unha vez realizado o trámite anterior, os expedientes remitiranse á comisión de valoración para que emita informe previo á elevación perante o órgano competente para formular a proposta de resolución.

3. Para os efectos do disposto no número anterior, a comisión de valoración estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que presidirá, a persoa titular da Subdirección Xeral de Traballo, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e unha persoa titular dunha sección da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que actuará como secretario ou secretaria, por designación da persoa responsable da Dirección Xeral Traballo e Economía Social.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e o nomeamento deberá recaer nunha persoa cuxo posto de traballo estea adscrito á dirección xeral.

Artigo 13. Resolución

A resolución das axudas, logo do informe da comisión de valoración e da proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e a fiscalización da Intervención Delegada da Consellería, corresponderá á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar e notificarase ás entidades interesadas no prazo de dez días a partir da data en que se dite a resolución. As resolucións deberán ser sempre motivadas.

O prazo para resolver e notificar será de tres meses contados desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se dicte resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Coa presentación da solicitude préstase expreso consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. Os datos de carácter persoal dos titulares de expedientes de axudas e subvencións están protexidos segundo o establecido na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal (artigo 5 da antedita lei) exerceranse ante o Cixtec como órgano responsable dos ficheiros (rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela).

Artigo 14. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución de concesión de subvención e previamente ao seu cobramento, a entidade beneficiaria dispoñerá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada segundo o disposto no artigo 21.5-parágrafo 2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, o prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro de 2014, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. No momento en que se teña constancia da aceptación da subvención concedida, poderanse realizar pagamentos anticipados para os dous programas, logo de solicitude en concepto de anticipo, e de acordo coas seguintes condicións establecidas no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 €, ata o 80 % da subvención concedida.

– Cando a subvención supere os 18.000 € poderanse conceder pagamentos dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 €.

3. As axudas, con carácter xeral, poderán facerse efectivas nunha ou varias fases. A Administración poderá efectuar un pagamento único ou varios pagamentos parciais á entidade beneficiaria segundo se xustifique a realización das actividades subvencionadas e os gastos delas derivados.

De conformidade co disposto no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderanse acordar pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, a medida que a entidade beneficiaria xustifique os gastos, ata unha porcentaxe máxima do 80 % da subvención concedida.

4. A xustificación das actividades subvencionadas e dos gastos delas derivados realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Certificacións en que figure a desagregación detallada dos gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, expedida pola persoa representante da central sindical solicitante.

b) Facturas orixinais ou copias compulsadas, debidamente conformadas pola persoa representante do sindicato e seladas pola entidade emisora, en que figure o destino concreto do gasto, que deberá axustarse á finalidade da subvención. Ademais, deberanse presentar os xustificantes de pagamento das ditas facturas selados pola entidade financeira, de acordo co disposto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

Non se admitirán as xustificacións de gastos realizadas mediante pagamentos en efectivo.

c) Declaración de que as facturas e demais documentación que se presenten para o efecto de xustificar o gasto subvencionado non foron nin serán presentadas como xustificación para a concesión doutras axudas por calquera outra administración pública competente ou por outros entes públicos ou privados.

d) No caso de presentar nóminas como xustificación de gastos de persoal, tamén se presentarán os modelos 111 relativos ás retencións en concepto de IRPF polos períodos e persoas correspondentes.

e) No caso de xustificar gastos derivados de asesoría xurídica referidos a actividades sindicais, tamén deberán presentar unha certificación da persoa representante da central sindical en que se especifique o concepto, termos, importe e datos identificativos da persoa ou persoas ou entidade que prestan o dito asesoramento.

f) No caso de que se realice a subcontratación das actividades subvencionadas prevista no artigo 8 desta orde, as entidades beneficiarias da axuda para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais tamén achegarán, cando for necesario, copia compulsada do contrato subscrito con terceiros para a execución total ou parcial das ditas actividades segundo o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) No momento da xustificación das actividades subvencionadas deberá presentarse declaración expresa de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración deberá ser individualizada para cada programa.

h) No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados; se é o caso, indicarase na declaración que non solicitou ou percibiu outras axudas ou subvencións (segundo modelos anexo II e IV).

Esta comunicación deberá ser individualizada por programa e deberá efectuarse tan pronto se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

i) No momento da xustificación de execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do último pagamento, deberase presentar unha memoria detallada das actividades realizadas no ano 2014 dentro de cada un dos programas obxecto de subvención. Deberán constar as datas e lugares de realización, así como o contido das ditas actividades.

j) Ademais do disposto nas alíneas anteriores, na memoria das actividades realizadas e subvencionadas no marco do Programa II e segundo o suposto de que se trate, farase constar:

– Aquelas actuacións propias e específicas da materia a que se dedique o gabinete técnico da central sindical solicitante.

– Se é o caso, certificación do representante legal da central sindical solicitante que acredite as persoas adscritas ao gabinete técnico correspondente.

– Relación detallada dos cursos e demais actividades formativas desenvolvidas durante o ano 2014, especificando as datas e os lugares de realización efectiva, o número de horas e o número de asistentes respectivos.

5. En todo caso, as ditas xustificacións poderanse complementar cos medios de xustificación previstos nos artigos 46 e 47 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e terán que presentarse antes do 31 de outubro de 2014.

6. Cando o importe do gasto subvencionable supere os 18.000 euros, de acordo co establecido no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, á prestación do servizo ou á entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

7. Transcorrido o prazo establecido sen ter presentado a xustificación dos gastos perante o órgano administrativo competente, este requirirá á central sindical beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a falta de corrección no prazo establecido neste parágrafo, comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

8. Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a central sindical beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

CAPíTULO IV
Compatibilidade, obrigas, seguimento e control

Artigo 15. Compatibilidade e prohibicións

A central sindical solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria de subvencións sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

Estas axudas serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo de que o importe das subvencións percibidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións, non supere o custo da actividade que se vai desenvolver.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Acreditar, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Cando se trate de axudas destinadas a promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2015 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2014 ou desde a data da súa creación, se esta for posterior, ata o 31 de decembro de 2014.

3. Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

5. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Revogación e reintegro

No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Traballo e Benestar procederá ao reintegro total ou parcial da subvención concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Os criterios de graduación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións serán os seguintes:

1. No caso de obter a axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían, así como a renuncia posterior a resolución definitiva, procederá o reintegro total.

2. No caso da obtención concorrente doutras achegas, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo total da actividade realizada.

3. Cando non se realice integramente a actividade prevista, valorarase o nivel de realización e o importe da subvención será proporcional ao dito nivel.

Artigo 19. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas de actuación.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposición adicional primeira

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquelas que, de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos correspondentes a estas subvencións.

Disposición derradeira primeira

En todo o non regulado nesta orde aplicarase de forma supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file