Ao abeiro do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, publicouse o 27 de decembro de 2011 a Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de carácter persoal existentes na Consellería de Traballo e Benestar.
O artigo 20 da dita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente e establece, no seu ordinal segundo, o contido que debe constar nas disposicións de creación e modificación daquelas.
A implantación progresiva do sistema de información e control horario do persoal empregado público Kronos con fichaxe no ordenador determina a necesidade de establecer outros sistemas co obxetivo de poder realizar o debido control horario e a adecuada implantación da flexibilidade laboral naqueles centros da consellería nos cales aínda non se implantou o dito sistema de control horario Kronos. Como consecuencia do exposto, cómpre modificar o ficheiro denominado Recursos humanos, regulado pola Orde do 15 de decembro de 2011, incorporando dentro da súa finalidade o control horario e un sistema coa recollida de dato biométrico.
Polo exposto, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
Modificación da Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de carácter persoal existentes na Consellería de Traballo e Benestar.
O ficheiro denominado Recursos humanos, no punto 1. Ficheiros baixo a responsabilidade da Secretaría Xeral Técnica, do anexo I Ficheiros de nova creación, queda modificado nos seguintes termos:
Denominación do ficheiro |
Recursos humanos |
Descrición da súa finalidade e usos previstos. |
Ordenación da xestión do persoal da consellería: control horario (permisos, licenzas, vacacións, flexibilidade, teletraballo), ausencias de persoal, indemnización por razón de servizo, xestión dos servizos ao persoal... |
Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos. |
Persoal funcionario e laboral que presta os seus servizos na consellería. |
Procedemento de recolla de datos. |
Declaración e formularios en papel e electrónicos. Sistemas de control de fichaxe. |
Procedencia dos datos. |
O propio interesado ou o seu representante legal. Administracións públicas. De entidades privadas: mutua de prevención de riscos laborais concesionaria do servizo de vixilancia da saúde. |
Estrutura básica do ficheiro. Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos). |
Datos especialmente protexidos: ideoloxía, crenzas, orixe racial, saúde, vida sexual, relixión, afiliación sindical. Datos de carácter identificativo (DNI/NIF, nome e apelidos, teléfono, enderezo, sinatura, imaxe, nº rexistro, ...). Dato biométrico (pegada dixital). Datos de características persoais. Datos de información comercial. Datos económicos financeiros e de seguros. Datos de circunstancias sociais. Datos académicos e profesionais. Datos de detalle de emprego. Datos de transaccións. Datos relativos á comisión de infraccións. Outros tipos de datos. |
Sistema de tratamento. |
Mixto. |
Comunicacións ou cesións de datos. |
Á mutua concesionaria do servizo de vixilancia da saúde para o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Outros órganos da Comunidade Autónoma. |
Transferencias internacionais de datos a países terceiros. |
Non están previstas. |
Órgano responsable do ficheiro. |
Consellería de Traballo e Benestar/ Secretaría Xeral Técnica. |
Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición. |
Consellería de Traballo e Benestar/ Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo San Caetano. 15781 Santiago de Compostela (A Coruña). |
Nivel do ficheiro. |
Alto. |
Disposición adicional única. Datos dos ficheiros
Os datos dos ficheiros denominados Carné familiar; Estadías en residencias de tempo libre; Formación permanente do persoal de escolas infantís; Mediación familiar; Programa de prestación económica por fillos/as menores de tres anos; Reintegro de gastos por formación do persoal das escolas infantís; Reserva de praza en escolas infantís e cheque infantil; Títulos de familia numerosa, baixo a responsabilidade da Secretaría Xeral da Igualdade, suprimidos pola Orde do 2 de marzo de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e que quedan baixo a competencia da Consellería de Traballo e Benestar, figuran integrados no ficheiro Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, creado pola Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Traballo e Benestar.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2014
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar