Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 16 de abril de 2014 Páx. 17588

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de abril de 2014 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público de nove bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria.

O artigo 27, en harmonía co artigo 5, do Estatuto de autonomía de Galicia, establece, como competencia da Comunidade Autónoma galega, a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da cultura e a investigación.

Por outra parte, o Decreto 235/2012, do 5 de decembro (DOG nº 233, do 7 de decembro), polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, recolle no seu artigo 5.a) a Secretaría Xeral de Política Lingüística como órgano superior da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Ademais, no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro (DOG nº 13, do 18 de xaneiro), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no seu artigo 2, alínea d), figura a Secretaría Xeral de Política Lingüística como órgano superior da consellería. Dentro das competencias e funcións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co artigo 16, número 3.1, alínea b), establécese que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, baixo a dirección da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten a función de promover a formación e capacitación de universitarios, tanto no ámbito galego como internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito das humanidades.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes

Bases

Primeira. Obxecto e destinatarios

Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de nove bolsas de formación nos proxectos concretos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que se inclúen como anexos á presente orde e nos cales se detallan os requisitos específicos que deben reunir os/as solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Dotación das bolsas e orzamento

A contía das bolsas será de 990 euros brutos mensuais, nos cales van incluídos os custos da Seguridade Social (cota patronal e cota obreira), en aplicación do previsto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

De acordo co establecido no artigo 7.j) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio, estas bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente por unha contía bruta máxima total de 213.840 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 09.30.151A.480.0 e 09.30.151A.484.0, que se destinarán ao pagamento das mensualidades dos bolseiros e das cotas da Seguridade Social, respectivamente. Isto desagrégase nas seguintes anualidades:

Ano 2014: 53.460 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Ano 2015: 106.920 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Ano 2016: 53.460 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

A distribución entre as dúas aplicacións faise con base no recollido na Orde ESS/106/2014, do 31 de xaneiro, pola que se desenvolven as normas legais de cotización á Seguridade Social, contidas na Lei 22/2013, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014 e se establecen os importes das cotas patronal e obreira por continxencias comúns e profesionais, por conta da empresa e do/a traballador/ra, para o persoal en formación de bolsa.

Terceira. Duración

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada tal e como dispón a base décima desta convocatoria; a data estimada de comezo é o 1 de xullo de 2014 e rematarán, en calquera caso, o 30 de xuño de 2016.

A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.

Cuarta. Requisitos xerais dos/as solicitantes

Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarios/as delas os licenciados/as ou graduados/graduadas universitario/as en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada proxecto se sinalan nos anexos desta orde os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título universitario de licenciado ou licenciada ou de grao exixido no proxecto para o cal presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes a el no curso académico 2007-2008 ou posterior.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os/as que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega.

d) Non resultar beneficiario/a dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 7 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG nº 188, do 30 de setembro).

f) Os/as solicitantes que teñan cursado os seus estudos en universidades non pertencentes ao sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xurada.

A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas; e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE nº 224, do 18 de setembro) como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Quinta. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes formalizaranse no modelo ED 109A que se publica como anexo X a esta orde, asinadas polo/a interesado/a.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior ao do peche da convocatoria.

2. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexta. Documentación

1. Xunto coa solicitude (segundo o modelo ED 109A) que figura como anexo X desta orde) presentarase, ademais, a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente cotexada:

Título universitario correspondente ou, na falta deste, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

Certificación académica oficial completa na cal se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta e) desta orde. Os/as titulados/as que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.

Acreditación do coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os/as que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega.

Currículo, acompañado da documentación acreditativa dos requisitos específicos e méritos alegados.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o/a solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e número ou código único de rexistro.

2. Rematado o prazo de presentación de instancias, o Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de que as solicitudes estean incompletas, conteñan erros ou non vaian acompañadas de toda a documentación acreditativa dos requisitos xerais exixidos pola presente convocatoria, requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición de bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Sétima. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade ou residencia da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir á Axencia Estatal da Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 8/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso debe presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas irán acompañados dos documentos e as informacións determinados na base sexta desta convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Oitava. Instrución

A instrución do procedemento de concesión das bolsas corresponde ao Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A avaliación das solicitudes efectuaraa unha comisión de valoración, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección 3ª do capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A comisión de valoración estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Vogais: dous funcionarios/as da Secretaría Xeral de Política Lingüística e un/unha director/ra dos proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, propostos polo presidente da comisión de valoración e nomeados polo secretario xeral de Política Lingüística.

Secretario: o secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Como órgano auxiliar desta comisión crearase unha comisión asesora coa finalidade de prestarlle apoio técnico, asesoramento e consulta con respecto ás materias dos proxectos para as que se convocan as bolsas. Estará integrada por cada un dos especialistas nas distintas áreas, propostos polo presidente da comisión de valoración e nomeados polo secretario xeral de Política Lingüística.

A composición da comisión de valoración farase pública no portal web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/as compoñentes non puider asistir, será substituído/a pola persoa que para os efectos se nomee.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos/as solicitantes que non estean acreditados/as documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Se ningún dos candidatos/as presentados/as resultar idóneo, a comisión de selección poderá establecelo así no seu informe.

Terase en conta, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a axuda, de acordo co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Novena. Criterios xerais de valoración e procedemento

A) Criterios xerais de valoración de solicitudes.

A comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes, conforme o seguinte baremo e criterios:

1. O expediente académico: ata un máximo de 10 puntos.

Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media do expediente académico persoal, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG nº 188, do 30 de setembro).

2. Formación complementaria: ata un máximo de 10 puntos.

Valoraranse os cursos, másters e diplomas de estudos avanzados (DEA) relacionados co obxecto das bolsas organizados por organismos públicos, universidades, asociacións profesionais e outros organismos e entidades:

Pola realización de cada máster ou DEA relacionado coa actividade a que se opta: 2,50 puntos.

Por cursos con acreditación expresa de menos de 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

Por cursos con acreditación expresa de 40 ou máis horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 2 puntos.

Por cursos con acreditación expresa de 100 ou máis horas: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 2,50 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

Forma de acreditación: fotocopia cotexada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

3. Presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 3 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia cotexada dos certificados de participación activa nos referidos congresos.

4. Por publicacións individuais e participación en publicacións colectivas relacionadas coa especialidade da investigación a que opta, impresas antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, ata un máximo de 3 puntos:

Por publicacións individuais: 0,50 puntos por publicación.

Por participación en publicacións colectivas: 0,25 puntos por publicación.

As publicacións que non consignen o ISBN ou o ISSN non se valorarán.

Forma de acreditación: presentación do orixinal ou fotocopia da/s referida/s publicación/s, e no caso de publicacións en formato electrónico os/as interesados/as deberán presentar un informe emitido polo organismo emisor en que certifique o título da publicación, os autores, así como a ligazón onde aparece a mencionada publicación.

Un mesmo mérito alegado nos números 3 e 4 valorarase unha soa vez, ben como comunicación ou, se é o caso, como publicación.

5. Entrevista persoal: a puntuación máxima será de 4 puntos.

A comisión de valoración realizará unha entrevista, baixo criterios obxectivos, aos/ás aspirantes que obteñan un mínimo de 10 puntos na fase de valoración de méritos, co fin de avaliar os seus coñecementos sobre o proxecto de investigación concreto.

En caso de empate terase en conta o expediente académico, en segundo lugar a formación complementaria, en terceiro lugar a presentación de comunicacións en congresos, en cuarto lugar as publicacións, en quinto lugar outros méritos e, finalmente, a entrevista persoal.

B) Procedemento.

Rematado o proceso de avaliación dos méritos sinalados ata o punto 4, confeccionarase unha listaxe coa puntuación dos candidatos. Só os que acaden 10 puntos pasarán á fase da entrevista.

Esta listaxe, xunto co lugar, a data e a hora da entrevista, farase pública na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Entrevista persoal.

A comisión de valoración, que poderá contar co apoio presencial da comisión asesora, realizará unha entrevista, baixo criterios obxectivos, aos/ás aspirantes que obtivesen a puntuación mínima exixida para acceder a ela. Nela valoraranse as aptitudes e actitudes persoais dos/das aspirantes para a realización das actividades que se van desenvolver; o coñecemento do proxecto de investigación concreto e daqueles medios instrumentais necesarios para que presenta a solicitude; a súa motivación e iniciativa; así como a facilidade de expresión oral. Esta entrevista será valorada de 0 a 4 puntos, que se sumarán á puntuación obtida polos/as aspirantes na fase anterior.

Unha vez realizada a entrevista e tendo en conta os méritos valorados, a comisión de valoración elaborará un informe en que se concrete a atribución motivada das puntuacións. O servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, como órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada. Esta proposta de concesión para a designación dos titulares das bolsas entre os solicitantes que acaden a maior puntuación, farase pública na páxina web do centro, xunto á relación de suplentes que accedan á fase da entrevista, por orde decrecente de puntuación.

A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a persoa seleccionada non se incorporase na data establecida, cando manifestase expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renunciase a esta unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

O prazo de exposición pública da proposta de resolución provisional será de dez días contados a partir do seguinte ao da data de publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes nos lugares e forma indicados na base quinta desta convocatoria.

Examinadas as alegacións presentadas, de ser o caso, formularase a proposta de resolución definitiva.

De non presentárense solicitudes, ou de non acadaren as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos, a convocatoria será declarada deserta.

Décima. Resolución, notificación e publicación

1. O órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución definitiva ao secretario xeral de Política Lingüística, quen resolverá, segundo o disposto na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012, de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 27, do 8 de febreiro), na cal constará a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber, e os denegados coas causas de denegación, así como os demais puntos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A resolución de concesión da bolsa publicarase no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web do Centro Ramón Piñeiro e da Secretaría Xeral de Política Lingüística mediante relación nominal do/a beneficiario/a e suplentes e demais supostos, polo que se entenderán notificados/as para todos os efectos os/as solicitantes, sen prexuízo das notificacións individuais feitas aos/ás beneficiarios/as.

3. Contra esta resolución poderán os/as interesados/as interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o secretario xeral de Política Lingüística no prazo de un mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 3, alínea c), da referida Orde do 22 de abril de 2010 (DOG nº 78, do 27 de abril), ao abeiro do disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE nº 167, do 14 de xullo).

4. De acordo co disposto no artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexítima os/as interesados/as para entender desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.

5. Os/as solicitantes excluídos/as terán un prazo de dous meses a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia para recuperar a documentación presentada.

Décimo primeira. Aceptación da bolsa e incorporación do/a bolseiro/a

Unha vez recibida a notificación da concesión da bolsa, o/a beneficiario/a disporá dun prazo de dez días hábiles para comunicar ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a súa aceptación ou renuncia. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa polo/pola beneficiario/a, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de aceptación, achegarase no referido prazo un documento facilitado pola entidade bancaria a nome do/a interesado/a, en que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control onde deberá ser aboada a bolsa.

A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. Se o/a adxudicatario ou adxudicataria da bolsa non se incorpora no prazo de 15 días hábiles seguintes á data sinalada, perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa debidamente xustificada de atraso, así apreciada polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que deberá ser alegada por escrito no referido prazo. No suposto de incorporación tardía, aínda que xustificada, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se perciba.

Décimo segunda. Natureza xurídica da relación

O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e os/as bolseiros/as. De acordo co Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, os/as bolseiros/as quedan asimilados a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. Os dereitos e obrigas limítanse en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

Décimo terceira. Aboamento das bolsas

O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido, logo da correspondente certificación emitida pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co informe emitido polo director do proxecto de investigación a que estea adscrito/a o/a bolseiro/a, sempre que as actividades de formación do/da bolseiro/a se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Décimo cuarta. Condicións, incompatibilidades, obrigas e cumprimento dos/as bolseiro/as

1. Os/as beneficiarios/as das bolsas comprométense a cumprir todas as condicións recollidas nesta orde.

2. O secretario xeral de Política Lingüística poderá conceder ou denegar, en función das necesidades do proxecto de investigación a que está adscrito, a interrupción temporal da bolsa, por petición razoada do/a interesado/a, logo do informe do seu director de proxecto. A interrupción non poderá ser superior a tres meses ao longo da duración da bolsa. Estes tres meses dispoñibles poderán fraccionarse como máximo en tres bloques dun mes e non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido. O interesado, nesta interrupción temporal da bolsa, non terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período que dure a súa interrupción.

3. Se a formación e o aproveitamento dos/as beneficiarios/as non ten unha evolución positiva nin acada os obxectivos mínimos previstos no programa de formación que lle asignen, a bolsa poderá ser revogada. Isto deberá ser confirmado mediante un informe do director do proxecto, logo de audiencia ao/á interesado/a, co visto e prace do coordinador científico do centro. Esta revogación seralle comunicada ao/á beneficiario/a por escrito no prazo dos quince días previos ao fin da bolsa.

Tamén se poderá revogar a bolsa cando o proxecto a que está vinculado deixe de estar vixente, cambie as liñas de investigación ou así o determinen as dispoñibilidades orzamentarias.

4. Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/da bolseiro/a ou calquera tipo de ingresos habituais pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado, excepto con aquelas bolsas ou axudas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que o/a solicitante vai realizar segundo os seus estudos (asistencia a reunións, congresos, seminarios ou cursos de especialización).

5. O/a bolseiro/a está obrigado a:

a) Formarse no Centro Ramón Piñeiro, en horario de mañá e/ou tarde, a non ser que a natureza do proxecto obrigue a desprazar a investigación a outro lugar.

b) Realizar as actividades previstas nos programas de formación e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

c) Comunicar ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a causa que determine a incompatibilidade dentro das 24 horas seguintes ao momento en que teña coñecemento da concorrencia desta e, dentro dos tres días naturais seguintes, deberá notificar por escrito a renuncia á bolsa acompañada da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia (declaración responsable do conxunto de bolsas concedidas e informe do director do proxecto en relación coas actividades de formación realizadas).

d) Facer constar na produción escrita derivada dos traballos en que participe ou realice no seu proceso de formación a expresión: «Co apoio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia», e achegar un exemplar do traballo publicado.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. No caso de incumprimento das súas obrigas, o/a bolseiro/a deberá proceder ao reintegro das cantidades xa percibidas xunto cos xuros de mora que lles correspondan en cada caso, salvo en casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

7. O incumprimento por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións recollidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puideren corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización á Secretaría Xeral de Política Lingüística para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas cando proceda.

b) A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicación dos datos nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

c) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial a relación dos/das beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

A concesión da bolsa regulada nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposición adicional cuarta

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde, así como para resolvela con base na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 27, do 8 de febreiro), e para resolver os recursos de reposición que, se for o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas conforme o disposto no artigo 3, alínea c) da referida Orde do 25 de xaneiro de 2012.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file