Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 16 de abril de 2014 Páx. 17697

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2014, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Gondomar (expediente IN407A 2013/245-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: Travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTS e CT Carrasquedo de Abaixo-Vilaza.

Situación: Gondomar.

Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ1 de 910 metros de lonxitude, con orixe e final no paso aéreo subterráneo proxectado nun apoio existente da LMTA VAA 708 (á altura do p.q. 17+960 da estrada PO-331) unha vez entre e saia do CT proxectado. Centro de transformación de 250 kVA, R.T. 20 kV/400-230 V, situado en Carrasquedo de Abaixo, Vilaza, Gondomar.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 21 de novembro de 2013, no BOP do 19 de novembro e no xornal Faro de Vigo do 20 de novembro e no taboleiro de anuncios do concello de Gondomar. Tamén se notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibiuse a seguinte alegación:

Antecedentes:

Primeiro. Con data 10 de decembro de 2013 Ángel Hermida Fernández presenta escrito de alegacións nesta xefatura territorial en relación co expediente IN407A 2013/245, no cal indica que non procede a imposición da servidume sobre o seu terreo ao incorrer as condicións establecidas no artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000:

• Non poderá impoñerse servidume de paso para liñas de alta tensión: sobre edificios, os seus patios, currais, centros escolares, campos deportivos, xardíns e hortas, tamén choídos, anexos a vivendas que xa existan ao tempo de se iniciar o expediente de solicitude de declaración de utilidade pública, sempre que a extensión das hortas e xardíns sexa inferior a media hectárea.

Indica que o predio ten unha superficie de 1.749 m2, é dicir, menor de medía hectárea e está parcialmente pechada, aínda que con data 27 de setembro de 2013 solicitou licenza para aliñación do peche.

Tamén indica que un dos veciños ofreceu ceder o seu predio para facer alí a instalación en vez de facela no que está previsto actualmente.

Segundo. Con data 23 de xaneiro de 2014, Unión Fenosa Distribución, S.A. contesta a alegación presentada por Ángel Hermida Fernández, indicando:

• Que Ángel Hermida Fernández non acredita que a súa parcela constitua un xardín ou horta pechada anexa á vivienda.

• Que a nova localización proposta comporta unha variación superior ao 10 % do seu orzamento.

• Que a parcela proposta é de difícil acceso, polo que é necesario incrementar a lonxitude da rede de distribución.

• Que o novo trazado suscitaría problemas técnicos de difícil solución.

• Que coa nova localización incrementarase en máis de 100 metros a rede recollida no proxecto, o que comportaría un incremento superior ao 10 % do orzamento.

Conclusións:

O artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, refírese á imposición de servidume de paso de liñas eléctricas, e non é aplicable á expropiación dunha parcela para a instalación dun centro de transformación ou cualquera equipamento necesario.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que xulgue pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 24 de marzo de 2014

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra