Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 16 de abril de 2014 Páx. 17676

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de xaneiro de 2014 pola que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros, do parque eólico Mondigo, situado nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo, e promovido pola sociedade Esus Energía Renovable, S.L. (expediente LU-11/133-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Esus Energía Renovable, S.L. (en diante, o promotor) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Mondigo (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 45 MW.

Segundo. O 8 de xuño de 2011, Esus Energía Renovable, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica para o parque eólico.

Terceiro. O 13 e o 23 de xuño de 2011, o promotor solicitou, respectivamente, a aprobación do proxecto sectorial do parque eólico e a declaración, en concreto, de utilidade pública.

Cuarto. Con data do 23 de xuño de 2011, o promotor solicitou unha modificación do proxecto consistente, de forma xeral, no desprazamento de 13 dos 15 aeroxeradores do parque eólico. Esta solicitude vén motivada pola necesidade de evitar unha serie de servidumes e manter distancias de seguridade cunha serie de fitos entre os que se atopan o trazado la LAT 132 kV Mondoñedo-Porzún, os vértices xeodésicos da serra da Cadeira e do Mondigo e o gasoduto Ferrol-Llanera.

Quinto. Mediante Resolución do 2 de decembro de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou as modificacións do proxecto de parque eólico.

Sexto. O 22 de febreiro de 2012, o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Sétimo. Por Resolución do 14 de marzo de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial), sometéronse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico.

O acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia de Lugo e no xornal La Voz de Galicia, todos eles do 4 de maio. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da dita xefatura territorial e dos concellos afectados (Trabada, Barreiros e Ribadeo).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

– O 12.4.2012, Ramona Álvarez Blanco manifesta que, como única herdeira de Enrique Álvarez Rocha, é a titular de dúas parcelas (xunta documentación para acreditalo) afectadas polo parque eólico e que estas non se atopan correctamente reflectidas na cartografía catastral, polo que está a tramitar ante a Xerencia Territorial do Catastro as correccións oportunas.

Por outra parte, manifesta que as notificacións se fixeron tendo en conta os datos catastrais, polo que no caso da parcela nº 129 do polígono 6 se realizou a notificación ao titular que figura no catastro, cando na realidade esa parcela non existe e forma parte de varias propiedades, entre elas a da alegante.

Polo exposto, solicita que se realicen os trámites e notificacións oportunas tendo en conta que é propietaria dun ben afectado polo proxecto e que non se lle realizou notificación ningunha.

– O 13.4.2012, María Carmen Otilia Suárez Méndez e as súas fillas, Juana María Guzmán Suárez e María del Carmen Guzmán Suárez, manifestan que por un erro no catastro figuraban como titulares do predio nº 937, feito que xa se corrixiu, polo que actualmente figura o predio nº 938 como propiedade de María Carmen Otilia Suárez Méndez (xuntan documentación xustificativa). Solicitan, polo tanto, que se corrixa o erro descrito.

– Con data do 18.4.2013, Josefa Díaz López comunica que a parcela 316 do polígono 5 non lle pertence e que a parcela da súa titularidade é a 317 do dito polígono. Así mesmo, solicita que se corrixa este erro na RBDA, que se tome razón de que é a titular da parcela 317 e que esta sexa expropiada na súa totalidade, posto que a expropiación parcial pretendida converte en antieconómico o mantemento do inmoble.

– O 19.4.2012, José Fernández Puga comunica que o predio nº 316 do proxecto, que figura como cultivo de eucalipto, na realidade trátase dun prado.

– O 19.4.2012, José Ángel Suárez Guzmán, como titular de dúas parcelas afectadas, manifesta que as superficies de afección que se lle comunicaron non se axustan á realidade e que os montes coñecidos como Grandas nº 1 e Pedrón de Pernós foron obxecto de partición, entre todos os propietarios da parroquia de Cedofeita, en auto do Xulgado de Primeira Instancia de Ribadeo o 25 de decembro de 1935, o cal se atopa depositado nos arquivos da notaría de Ribadeo. Solicita, polo tanto, que se adapten as afeccións ás medidas establecidas na citada partición.

– O 23.4.2012, Manuel García Rodríguez, como titular de dous predios afectados, comunica que se detectaron erros nos datos do catastro, o que pode derivar en valoracións erróneas á hora de determinar o grao de afección.

Posteriormente, con data do 8 de xuño de 2013, presenta novo escrito ratificándose na súa alegación do 23 de abril.

– O 24.4.2012, Herminio González López, Gracia Alicia Laredo Maseda e José Antonio González López, como titulares de diversas parcelas afectadas polo proxecto, poñen de manifesto erros na configuración das parcelas e no tipo de cultivo asignado, e solicitan que se efectúen as correccións oportunas na descrición das ditas parcelas, adecuándoa á súa realidade física e reflectindo o cultivo de eucaliptos en todas elas.

– O 30.4.2012, José María Rodríguez Vila manifesta que, ante a falta de información sobre o lugar exacto das instalacións, dificilmente pode efectuar as oportunas alegacións, polo que solicita plano coa localización exacta dos elementos, vías e servidumes do proxecto.

– O 14.05.2012, Ángel Rodríguez Fernández, como titular dun predio afectado, manifesta que a realidade deste non se corresponde co que aparece reflectido no catastro, nin nos límites nin na medida, e que solicitou ante a Xerencia Territorial do Catastro de Lugo unha emenda de discrepancias, a cal se atopa en tramitación. Por outra parte, manifesta a súa conformidade co proxecto do parque eólico, aclarando que as súas alegacións se limitan aos deslindes e ás medidas do predio en cuestión.

Así mesmo, xunta documentación acreditativa da titularidade da parcela e da solicitude presentada ante a Xerencia Territorial do Catastro, así como imaxes do Sixpac onde se aprecian os seus predios.

– O 28.5.2012, Fernando Gómez Oliveros, en calidade de presidente da Comunidade de Montes Veciñais de Balboa, manifesta a súa desconformidade coa titularidade da parcela nº 80, a cal figura a nome da Fundación Iglesia San Fernando, posto que a dita parcela pertence, segundo o alegante, aos veciños de Balboa (xunta documentación para acreditalo). Solicita, polo tanto, que se efectúen as modificacións pertinentes.

Pola súa parte, Domingo Fernández Barrera e María Dolores Fernández Barrera, en representación da Fundación Iglesia de San Fernando, manifestan que esta fundación é a titular e que eles son os sucesores dun dos fundadores.

Así mesmo, manifestan que desde principios do ano 2000 se lles entregaron as chaves aos veciños de Balboa, os cales exercen o coidado e mantemento da capela, o que non implica que adquiran o título de propiedade. Engaden que, ao seren os veciños os actuais administradores, ven de bo grado que se o proxecto proporciona, ben por alugamento ben por expropiación, recursos pecuniarios, estes redunden en beneficio da capela de San Fernando.

Posteriormente, con data do 31 de xaneiro de 2013, os representantes da antedita fundación achegan documentación para acreditar a titularidade da parcela en cuestión.

– O 1.6.2012, Víctor Manuel López Fernández, como liquidador da Sociedade Anónima Xestora Bantegal, Sociedade Unipersoal, manifesta que a parcela nº 342 do proxecto, que aparece a nome do Concello de Trabada, foi propiedade da S.A. Xestora Bantegal, en liquidación, e que actualmente pertence á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Polo anterior, solicita que se modifique a titularidade da parcela referida.

– O 22.6.2012, Rosa Fernández Riopedre, en calidade de titora legal de José Ramón Fernández Barrera, presenta escrito en cal solicita, en resposta a catro notificacións recibidas, que calquera notificación sexa emitida a nome do seu tutelado, sen prexuízo de que ela as reciba e efectúe os trámites oportunos.

Así mesmo, manifesta que persoal da sociedade promotora do parque eólico se puxo en contacto con ela co obxecto de clarificar a titularidade dos predios e que lle comunicaron que ían solicitar a declaración de utilidade pública de seis predios, polo que entende que están pendentes de remitir as notificacións dos predios 973 e 574.

Finalmente solicita que se anulen as notificacións efectuadas e que se emitan de novo a nome do seu representado, e que se clarifique se os predios 973 e 574 están afectados polo proxecto.

Posteriormente, con data do 8 de outubro de 2012, ratifícase en que ela recibirá, en condición de titora, todas as comunicacións relativas á tramitación administrativa relacionada cos predios titularidade do seu tutelado afectados polo parque eólico e que comunicará ao xulgado todas as actuacións que poidan afectar o seu patrimonio para que, de ser o caso, as autorice.

Así mesmo, pon de manifesto un erro na súa alegación do 22 de xuño, en que mencionaba o predio 973 cando quería referirse ao 913 do polígono 5 do Concello de Trabada e comunica que o promotor do parque confirmou a afección á parcela 574.

Con data do 17 de novembro de 2012, en resposta a dúas novas notificacións efectuadas pola xefatura territorial, ratifícase en que calquera notificación debe ser emitida a nome do seu representado.

Manifesta, ademais, que os predios en cuestión foron adquiridos polo seu representado en herdanza, a cal se está tramitando ante os xulgados de Mondoñedo, polo que a porcentaxe de participación dos coherdeiros pode variar.

Polo anterior, solicita que se deixen en suspenso as actuacións, ata que non se determine a porcentaxe de participación dos coherdeiros, co fin de evitar maiores prexuízos e que se notifique coa suficiente antelación calquera notificación relativa á expropiación para tramitar a preceptiva autorización xudicial.

– O 18.12.2012, Manuel Rey de la Barrera presenta alegación relativa ao predio nº 66 da relación de bens e dereitos afectados polo parque eólico (RBDA), en que solicita que, pola súa condición de herdeiro, lle sexa remitida a documentación do expediente que o afecte ao seu domicilio.

Posteriormente, con data do 26 de febreiro de 2013, presenta documentación para acreditar a súa condición de herdeiro.

– O 18.12.2012, Lourdes Sacido Otero comunica que Tomás Cayón Fontán faleceu e que ela non recibiu as notificacións efectuadas ao seu marido por ser incorrecto o enderezo, e solicita que as próximas dilixencias se envíen ao enderezo correcto.

Oitavo. Con datas do 17.2.2012 e 23.7.2012, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou dos dereitos mineiros existentes dentro da área de afección do parque eólico, que son os que se indican a seguir:

– Concesión de explotación Axilde fracción 2ª nº 5533.2, titularidade de José Fernández Pérez.

– Concesión de explotación Axilde fracción 3ª nº 5533.3, solicitada por José Fernández Pérez.

– Permiso de investigación San Román nº 5534, titularidade de Pizarras Vega, S.L.

No certificado emitido pola xefatura territorial faise constar que o permiso de investigación San Román nº 5534 se atopa fóra de vixencia.

Noveno. Con data do 5 de marzo de 2012, a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre as instalacións electromecánicas descritas no proxecto de execución do parque eólico.

Décimo. O 16 de abril de 2012, Retegal, S.A. estableceu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, propoñendo o desprazamento dos aeroxeradores 7, 8 e 13. Os dous primeiros afectarían o radioenlace A Pontenova-Mondigo mentres que o aeroxerador número 13 afectaría á liña de vista entre os centros de Retegal de Trabada e Mondigo.

Así mesmo, Retegal, S.A. establece que o promotor se comprometera a realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno, e de se detectar perda ou degradación desta, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT.

Décimo primeiro. O 9 de maio de 2012, en resposta ao condicionado técnico emitido por Retegal, S.A., o promotor presentou un escrito en que mostra a súa vontade de non perturbar o sinal da rede da dita sociedade e declárase disposto a facilitar a reposición do servizo nas condicións actuais sempre que este sexa perturbado pola instalación do parque eólico.

Décimo segundo. Mediante acordo do 26 de xullo de 2012, a xefatura territorial iniciou o trámite de compatibilidade entre a solicitude de autorización do parque eólico e a concesión de explotación Axilde fracción segunda nº 5533.2 e a solicitude de concesión derivada de permiso de investigación Axilde fracción terceira nº 5533.3.

Décimo terceiro. O 8 de novembro de 2012, a xefatura territorial emitiu informe de compatibilidade sobre a solicitude de autorización do parque eólico e a concesión de explotación Axilde fracción segunda nº 5533.2 e a solicitude de pase a concesión derivada de permiso de investigación Axilde fracción terceira nº 5533.3, o cal se transcribe parcialmente a continuación:

«(...) Consideracións

(...) Segunda. A canalización que transcorre ao longo concesión [Axilde fracción terceira nº 5533.3] (zona norte) en dirección leste-oeste (...) afecta a entulleira sinalada co número 3, polo sur desa e no seu pé. Esta canalización (segundo o parcelario) transcorre paralela a unha pista existente, por tanto, parece que a afección non é relevante. Así mesmo, a dita canalización transcorre moi próxima ao oco de explotación designado co nome de fronte 2, polo norte del. Ben que non incide no perímetro del, si é certo que transcorre moi próximo a el (uns 10 m na súa parte máis próxima) polo que podería ocasionar dificultades á hora de explotación, fundamentalmente na execución de voaduras, polo que habería que tomar as pertinentes medidas de seguridade (voaduras especiais) co fin de protexer a instalación, así como a utilización, se é o caso, de detonadores non eléctricos ou de alta insensibilidade, co fin de que non se produzan detonacións non desexadas.

Terceira. No que se refire á afección do parque eólico sobre a entulleira sinalada co número 1, esta encóntrase afectada por unha canalización, unha vía de acceso e a zona de dominio eólico, polo que é a instalación máis afectada de todas as formuladas no proxecto de explotación.

En canto á canalización, esta transcorre paralela á vía de acceso, polo leste do perímetro da entulleira e practicamente polo seu pé. A simple vista, observando as curvas de nivel que definen a topografía do terreo, non parece complicado o desvío (uns 30 m, en proxección horizontal, na súa zona máis desfavorable) destas instalacións cara ao leste y así deixar libre o perímetro da entulleira 1.

A zona de dominio eólico (aeroxerador PMR 04), intersecciona co perímetro da mencionada entulleira ocupando unha superficie duns 5.500 m2 do perímetro deseñado no proxecto de explotación. Tendo en conta que esta zona de dominio eólico é un terreo protexido para permitir a libre circulación do vento, na cal se poden realizar actividades agrícolas ou gandeiras, pero non forestais cando o arborado supere o 20 % da altura da buxa. Ademais prohíbese calquera outra actividade que impida a libre circulación do vento, nin situar obxectos de altura superior ao 20 % da altura da buxa, non parece en principio compatible, a creación dentro desta zona, dunha entulleira.

Non obstante o anterior, na modificación do proxecto de explotación de outubro de 2008, reflíctese o deseño da entulleira e o seu avance, en que se indica que a plataforma superior da entulleira, no seu estado final estará á cota de 420 e o seu avance cara ao norte (afastándose do aeroxerador). Como o aeroxerador está situado ao sur da entulleira e as curvas de nivel nesa dirección aumentan de cota, a base do aeroxerador estará situada a unha cota superior que a plataforma superior da entulleira (420 m). Tendo isto en conta, a entulleira propiamente dita, non afecta a zona de dominio eólico. Agora ben, atendendo ao indicado no proxecto de restauración da explotación, en que está previsto a plantación de arboredo na plataforma superior da entulleira, débese ter en conta a limitación na actividade forestal xa que o arboredo non pode superar o 20 % da altura da buxa.

Cuarta. As instalacións do parque eólico (canalizacións, vías de acceso e zona de dominio eólico) inciden directamente (solápanse) coas entulleiras pero en ningún caso coas frontes de explotación.

No caso da fronte de explotación designado co número 2, que se encontra próximo (uns 10 m) a unha vía de acceso e unha canalización, para o cal o titular da explotación, nas súas alegacións indica que «…os labores mineiros terán que retirarse a unha distancia de cautela determinada para deixar ese espazo como macizo de protección das instalacións do parque eólico…». A delimitación do macizo de protección correspondería á empresa titular da instalación, no caso de verse afectada a explotación, esta solicitará a indemnización ou expropiación, se for o caso, correspondentes. Non obstante nas alegacións presentadas pola empresa Esus Energía Renovable, S.L., establécese unha servidume de 9 m para as vías e 5 m para as canalizacións, podéndose deixar un espazo de protección de 3,5 m. No caso dos aeroxeradores, as zonas de voo e protección eólica non afectan ningún perímetro de explotación, o máis próximo (fronte de explotación 1) encóntrase a máis de 100 m.

En canto á afección ás entulleiras xa se indicaron nas consideracións segunda e terceira as posibles solucións.

(...) Conclusións

Tendo en conta todo o que antecede, pódense considerar compatibles, a instalación do parque eólico e a explotación mineira, atendendo na medida do posible as modificacións propostas neste informe, consideracións segunda, terceira e cuarta, no que se refire á explotación da fronte 2 e o trazado da vía de acceso e canalización, no que afecta a entulleira 1. (…)»

Décimo cuarto. O 13 de febreiro de 2013, a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para a continuación do procedemento.

Décimo quinto. O 6 de xuño de 2013, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais, en vista do informado pola xefatura territorial sobre a compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros existentes na súa área de afección, comunica que non ten nada que engadir ao recollido no dito informe.

Décimo sexto. O 7 de agosto de 2013, o Servizo de Montes de Lugo emitiu o informe a que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se fai constar o seguinte:

«(...) os datos da relación de bens e dereitos afectados, cómpre facer as seguintes consideracións:

– O MVMC de Paleira correspóndese co expediente de clasificación 23/81, foi clasificado o 6 de xuño de 1995, pertencente á comunidade de Balboa, con 82 ha, e na actualidade non ten un convenio coa Administración. Con data do 9 de marzo de 2005 foi aprobado o plan de xestión vixente na actualidade.

– Nos concellos de Barreiros e Ribadeo, de acordo coa traza do parque eólico non se ven afectados montes veciñais nin de xestión pública. (...)»

Décimo sétimo. Con data do 12 de agosto de 2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública por Resolución do 9 de setembro de 2013 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 184, do 26 de setembro de 2013).

Décimo oitavo. O 26 de agosto de 2013, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo noveno. O 6 de setembro de 2013, o promotor presenta contrato de cesión de terreos asinado coa Comunidade de Montes de Paleira.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes:

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación co establecido no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, indícase o seguinte:

A maior parte das alegacións recibidas están relacionadas coa titularidade dos bens e dereitos afectados polo proxecto do parque eólico, así como coas súas características. Polo tanto, en resposta a estas alegacións cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondendo á fase de levantamento de actas previas, dentro do procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados, así como das súas características (lindes, dimensións, tipo de cultivo...).

Con respecto ás alegacións presentadas por Rosa Fernández Riopedre, en representación de José Ramón Fernández Barrera, maniféstase que as notificacións que no sucesivo procedan en relación cos bens afectados, dos que sexa titular o seu representado, dirixiranse a nome del. Así mesmo, as súas alegacións en relación coa tramitación da herdanza teranse en conta durante o procedemento expropiador, así como a necesidade de obter autorización xudicial en todo aquilo que afecte o patrimonio do seu tutelado.

Cuarto. En relación coa compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros, cabe manifestar que José Fernández Pérez, como titular da concesión de explotación Axilde fracción segunda nº 5533.2, manifestou no seu escrito presentado o 24 de agosto de 2012, no marco do trámite de compatibilidade, que «... Aínda que parte da superficie da concesión de explotación Axilde fracción segunda nº 5533.2 está dentro do perímetro definido pola poligonal do parque eólico Mondigo, non se ve afectada polas instalacións deste…»

Polo exposto, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Mondigo, situado nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo (Lugo) e promovido por Esus Energía Renovable, S.L., cunha potencia de 45 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Mondigo asinado pola enxeñeira industrial Beatriz Rodríguez Pérez, colexiada 2056, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (Delegación de Vigo) o 30 de maio de 2011, co número VI1100335.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Esus Energía Renovable, S.L.

Domicilio: avenida García Barbón, 95, entrechán A, 36201 Vigo.

Denominación: parque eólico Mondigo.

Potencia instalada: 45 MW.

Municipios afectados: Trabada, Barreiros e Ribadeo (Lugo).

Produción anual: 145.022 MWh/ano.

Orzamento de execución por contrata: 49.641.003,17 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

M1

643.345

4.817.225

M2

652.334

4.817.225

M3

652.334

4.813.022

M4

650.002

4.813.022

M5

647.338

4.811.795

M6

643.345

4.811.795

Coordenadas de localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

PMR01

650.773

4.813.367

PMR02

650.816

4.813.934

PMR03

650.856

4.814.341

PMR04

650.443

4.814.436

PMR05

650.896

4.815.445

PMR06

650.521

4.815.464

PMR07

649.731

4.815.675

PMR08

649.580

4.816.340

PMR09

647.623

4.814.407

PMR10

647.311

4.814.572

PMR11

647.272

4.813.512

PMR12

646.847

4.813.519

PMR13

646.585

4.813.748

PMR14

646.423

4.814.049

PMR15

645.841

4.814.555

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 15 aeroxeradores Acciona AW3000, clases IIa e IIIa, de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de 120 m e cun diámetro de rotor de 116 m.

– 15 centros de transformación de 3.500 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,12/20 kV, Dyn11, instalados cada un deles no interior da góndola de cada aeroxerador cos seus correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

– Liñas eléctricas subterráneas de 20 kV de tensión nominal en canalización entubada, baixo camiño ou en terreo libre (largo mínimo 0,6 m), para a evacuación da enerxía xerada, de interconexión entre centros de transformación 0,12/20 kV e subestación transformadora 20/132 kV.

– Camiños ou vías, con 6 m de largura mínima e maioritariamente en saburra natural da zona para o acceso a aeroxeradores, edificio de control e subestación eléctrica.

– Subestación transformadora híbrida PASS 20/132 kV, sobre plataforma 32x19 m, cun transformador principal 20/132 kV intemperie YNyn0d11, de 45/55 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal, e outro de servizos auxiliares a 20/0,4 kV de 100 KVA, Yzn11, cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control de planta rectangular 14x23 m máx., con 250,72 m2 baixo cuberta, en que se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Cuarto. Declarar a compatibilidade do parque eólico coa concesión de explotación Axilde fracción segunda nº 5533.2 e a solicitude de concesión derivada de permiso de investigación Axilde fracción terceira nº 5533.3, ambas titularidade de José Fernández Pérez.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Esus Energía Renovable, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 992.820,25 euros, correspondente ao 2 % do orzamento do proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Esus Energía Renovable, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 301.569 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, cun orzamento de 49.641.003,17 euros.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Esus Energía Renovable, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de nove meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 12 de agosto de 2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben que, intentada esta, non se puidese practicar.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

Vista a proposta de resolución que antecede, doulle a miña conformidade nos termos expostos e elévoa a resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2014

P.D. (Orde do 26 de xullo de 2013; DOG núm. 154, do 13 de agosto)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria