Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 31 de marzo de 2014 Páx. 14033

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2014, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publican as bases que rexen a convocatoria de concurso ordinario de méritos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

De conformidade co disposto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e de acordo co establecido na Orde do 10 de agosto de 1994 pola que se ditan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a estes funcionarios (BOE nº 192, do 12 de agosto), no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter nacional e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias, esta dirección xeral

DISPÓN:

Primeiro. Dar publicidade á convocatoria do concurso ordinario de Galicia de traslados para a provisión dos postos de traballo reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional vacantes nas entidades locais, de conformidade coas bases comúns polas cales se debe rexer o concurso, que se publican no anexo I, e a relación de bases, méritos autonómicos, méritos específicos e comisións avaliadoras aprobados por cada unha das corporacións locais que se mencionan no anexo II.

Segunda. Esta resolución produce os efectos de abrir o prazo para a presentación de solicitudes de participación no concurso ordinario, así como tamén o prazo para a presentación dos recursos correspondentes contra as bases específicas ante os concellos que as aprobaron.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2014

P.D. (Orde do 14.5.2013; DOG núm. 92, do 15 de maio)
José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO I
Bases comúns

Primeira. Postos

Ofrécense neste concurso os postos vacantes reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional naquelas corporacións que aprobaron as bases específicas.

Segunda. Participación

1. Os funcionarios con habilitación de carácter nacional, así como os funcionarios non integrados nas actuais subescalas, pertencentes aos extinguidos corpos nacionais de secretarios, interventores e depositarios da Administración local a que se refire a disposición transitoria primeira, 1, do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, poderán concursar aos postos que se ofrecen, nos termos seguintes:

– Os secretarios de primeira, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría superior.

– Os secretarios de segunda, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría de entrada.

– Os secretarios de terceira, a postos reservados á subescala de secretaría intervención.

– Os secretarios de concellos a extinguir, ás secretarías de concellos con poboación que non exceda os 2.000 habitantes.

– Os interventores, a postos reservados á subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, pero unicamente a postos de intervención e

– Os depositarios, a postos reservados á subescala de intervención-tesouraría, pero unicamente a postos de tesouraría.

2. Non poderán concursar:

a) Os funcionarios inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firmes, se non transcorrese o tempo sinalado nelas.

b) Os funcionarios destituídos nos termos que estableza a normativa e durante o período a que se estenda a destitución.

c) Os funcionarios que non leven dous anos no último destino obtido con carácter definitivo por concurso en postos reservados, agás que sexa a postos reservados á súa subescala e categoría na mesma corporación ou se atopen nos supostos de remoción ou supresión de postos.

d) Os demáis supostos previstos na normativa autonómica.

Terceira. Documentación e prazo para participar

1. No prazo de quince días naturais a partir da publicación deste concurso no DOG, os funcionarios con habilitación de carácter nacional que desexen tomar parte nel dirixirán á corporación local do posto a que concursan a seguinte documentación:

– Solicitude de participación comprensiva de declaración xurada de non estar incurso nalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 28.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter nacional.

– Documentación acreditativa dos méritos de determinación autonómica de acordo co que establece a base quinta desta resolución, así como os específicos de cada posto nos termos que se indican no anexo II.

2. Os concursantes a dous ou máis postos presentarán solicitude e documentación acreditativa dos méritos de determinación autonómica en todas as corporacións en que soliciten postos. Así mesmo, os concursantes a dous ou máis postos presentarán en idéntico prazo de quince días naturais a orde de prelación de adxudicacións ante a Dirección Xeral de Administración Local. A orde de prelación será única e comprensiva da totalidade de postos solicitados; así mesmo, se se concursa a unha ou varias subescalas e categorías. A formulación da orde de prelación, cuxo único obxecto é evitar a adxudicación simultánea de varios postos a un mesmo concursante, non substituirá a solicitude de participación dirixida a cada corporación local. De non ser comunicado, suporá a exclusión do/da concursante no proceso.

3. A solicitude de participación e a folla de prelación de adxudicacións presentaranse conforme os modelos que se achegan nos anexos III e IV.

4. Os requisitos exixidos, así como os méritos, deberán reunirse na data correspondente á resolución da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia.

Cuarta. Coñecemento da lingua galega

De conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, nas bases do concurso ordinario exixirase como requisito o coñecemento do idioma galego, que se acreditará mediante a presentación coa solicitude de participación no concurso da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

A comisión de valoración do concurso realizará unha proba de carácter eliminatorio aos/ás aspirantes que non acrediten a posesión do Celga 4 ou equivalente.

Esta proba, que se valorará co resultado de apto ou non apto, está destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente.

Para a realización desta proba, a comisión de valoración incorporará asesores/as especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Quinta. Méritos de determinación autonómica

Méritos de determinación autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia (Decreto 49/2009, do 26 de febreiro).

1. Méritos.

Os méritos relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia serán incluídos polas corporacións locais na respectiva convocatoria.

Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos constitúeno os seguintes:

– Experiencia profesional: consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia que impliquen o coñecemento das especialidades da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia.

– Cursos de formación e perfeccionamento superados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública e que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e da normativa de Galicia.

– Actividade docente: dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal e réxime económico-financeiro das entidades locais en cursos organizados pola Escola Galega de Administración Pública ou en colaboración con esta.

– Publicacións: en materias relativas ás especialidades de organización territorial e do dereito propio de Galicia.

2. Valoración de méritos.

A proporción que corresponde a cada unha das clases de méritos expresados no artigo anterior é a seguinte:

– Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.

– Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,50 puntos.

– Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.

– Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.

3. Regras para a puntuación de méritos.

Experiencia profesional: os servizos prestados valoraranse do seguinte xeito:

– Servizos prestados como funcionarios de carreira con habilitación de carácter nacional en postos reservados nas entidades locais de Galicia,

a.1) Da mesma subescala e categoría que aquela que se concursa: 0,03 puntos/mes.

a.2) De distinta subescala e categoría daquela a que se concursa: 0,02 puntos/mes.

– Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma galega como funcionarios de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional:

a.1) Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.

a.2) Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.

Máximo: 0,90 puntos.

Cursos de formación e perfeccionamento: a valoración dos cursos, con exclusión dos que formen parte dos procesos selectivos correspondentes, efectuarase da forma seguinte:

Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas que, previamente, teñan sido homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para os efectos deste artigo.

Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, exceptuándose os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.

A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter nacional, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

As convocatorias dos cursos formuladas pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para os efectos deste precepto.

Para o suposto de que a puntuación dos cursos non estivese determinada nas súas convocatorias, a valoración farase exclusivamente respecto daqueles cursos en que a materia impartida teña relación coas funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter nacional, da forma seguinte:

– Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.

– Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento con duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

Máximo: 1,5 puntos.

Actividade docente: valorarase cun máximo de 0,30 puntos, a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluíndose os congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

Publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia. Por cada monografía: 0,10 puntos; por cada artigo 0,05 puntos. A puntuación máxima será de 0,30 puntos. Só se valorarán as monografías ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN.

4. Acreditación de méritos.

Os concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación do certificado correspondente ou a copia do título debidamente compulsada.

5. Valoración dos méritos pola comisión avaliadora.

A comisión avaliadora do concurso comprobará e valorará os méritos alegados de acordo coas regras e as puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

Sexta. Méritos específicos

Os méritos específicos para cada posto de traballo son os que se detallan no anexo II

Sétima. Admisión de instancias

Transcorrido o prazo de presentación de instancias, e por proposta da comisión, será aprobada polo presidente da corporación a lista provisional de persoas admitidas e excluídas nos 10 días naturais seguintes. O texto da dita resolución publicarase no BOP e no taboleiro de anuncios da corporación; neste último figurará, ademais, a lista comprensiva de todas elas, concedéndolle a quen resulte excluído o prazo de 15 días naturais para emendar os defectos advertidos ou formular as reclamacións a que houber lugar.

Finalizado o prazo de reclamacións e a emenda de defectos, a titular da presidencia da corporación aprobará a lista definitiva e resolverá sobre aquelas conforme a motivación da comisión avaliadora. O acordo aprobatorio farase público na mesma forma indicada para a lista provisional.

Oitava. Valoración de méritos

1. De acordo coas previsións da convocatoria, a comisión avaliadora comprobará e valorará os méritos específicos alegados de acordo coas regras e as puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro. Así mesmo comprobará o coñecemento da lingua galega nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño.

Non se valorarán aqueles méritos que non se consideren suficientemente acreditados coa documentación presentada.

2. Para a valoración dos méritos autonómicos no concurso ordinario, as comisións avaliadoras poderán solicitar á consellería competente en materia de réxime local no informe respecto da puntuación das solicitudes presentadas.

3. Coa puntuación que se deduza das valoracións, sumada aos méritos xerais e autonómicos, a comisión elevará proposta á corporación comprensiva dos/as candidatos coa orde da valoración final de méritos.

4. A comisión de valoración comprobará a concorrencia nos concursantes dos requisitos que figuren na convocatoria, excluíndo aqueles que non os reúnan. A seguir puntuará, respecto dos non excluídos, os méritos do seguinte modo:

– Méritos xerais, ata un máximo de 19,50 puntos, segundo a relación individualizada de méritos xerais dos habilitados estatais aprobada pola Dirección Xeral de Función Pública, sen que sexa posible acreditación adicional ningunha por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte da comisión de valoración.

– Méritos específicos, ata un total de 7,50 puntos, e méritos de determinación autonómica, ata un total de 3 puntos, con base na documentación acreditativa achegada polos concursantes.

Respecto dos postos en que non teñan méritos específicos, a comisión de valoración asignará unicamente a puntuación de méritos autonómicos, se existiren.

5. Tamén poderán sinalar unha puntuación mínima no caso indicado no artigo 21.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, e a previsión dunha exposición oral para os efectos de concreción dos méritos.

6. En caso de empate na puntuación final de méritos de dous ou máis concursantes, a comisión avaliadora dará prioridade na proposta de adxudicación a aquel que obtivese maior puntuación en méritos específicos. De manterse o empate, a favor de quen en méritos de determinación autonómica teña máis alta puntuación. De persistir este, resolverase conforme a orde de prelación de méritos xerais, seguindo a orde de enumeración deles determinada na normativa nacional. En última instancia, o empate resolverase con base na orde de prelación no proceso selectivo.

Novena. Proposta de resolución

Efectuadas pola comisión de valoración a exclusión e puntuación final de concursantes, elevará ao presidente da corporación proposta de resolución comprensiva de todos os non excluídos e as súas puntuacións ordenadas de maior a menor. Así mesmo, elevará relación fundada de excluídos.

Décima. Resolución

1. O presidente da corporación resolverá o concurso de acordo coa proposta formulada pola comisión de valoración.

2. A devandita resolución será motivada con referencia ao cumprimento das normas regulamentarias e das bases de convocatoria. En todo caso, deberán quedar acreditadas, como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido e a valoración final dos méritos dos candidatos, e comprender, por orde de puntuación, a totalidade dos concursantes non excluídos.

3. A resolución do concurso será remitida á Dirección Xeral de Administración Local dentro do prazo dos 90 días naturais seguintes ao da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Décimo primeira. Coordinación de nomeamentos

1. A Dirección Xeral de Administración Local, transcorrido o prazo a que se refire a base anterior, procederá a efectuar a coordinación de resolucións coincidentes a favor dun mesmo concursante, con adxudicación final de postos, atendendo á orde formulada polos interesados na folla de prelación e a puntuación obtida en cada un dos postos afectados.

Décimo segunda. Formalización de nomeamentos

De acordo co resultado da coordinación nos casos de adxudicacións múltiples e das resolucións das corporacións nos restantes, a Dirección Xeral de Administración Local procederá a formalizar no prazo dun mes os nomeamentos procedentes, con publicación no DOG, e dará traslado da resolución ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para a súa publicación no BOE e a súa inclusión no Rexistro de Funcionarios con Habilitación de Carácter Nacional.

Décimo terceira Prazo para a toma de posesión

1. O prazo de toma de posesión nos destinos obtidos no concurso será de tres días hábiles se se trata de postos de traballo da mesma localidade, ou dun mes se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

2. Este prazo empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución de nomeamentos no DOG.

Se o destino obtido comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a devandita publicación.

3. O cómputo de prazos para a toma de posesión iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas que, se é o caso, se concedesen aos interesados.

4. Por necesidades de servizo, mediante acordo dos presidentes das corporacións en que teña que cesar e tomar posesión o concursante, poderase diferir o cesamento e a toma de posesión ata un máximo de tres meses, e o segundo deles debe dar conta deste acordo á Dirección Xeral de Administración Local.

Décimo cuarta. Irrenunciabilidade e voluntariedade dos destinos

Os concursantes non poderán renunciar ao concurso nin ao posto que sexa adxudicado a partir do momento en que os tribunais eleven proposta de resolución á corporación.

As adxudicacións de postos no concurso terán carácter voluntario e non xerarán, en consecuencia, dereito ningún ao aboamento de indemnización por traslado.

Décimo quinta. Cesamento e toma de posesión

1. A toma de posesión determina a adquisición dos dereitos e deberes funcionariais inherentes ao posto e o funcionario pasará a depender da correspondente corporación.

2. As dilixencias de cesamento e toma de posesión dos concursantes serán comunicadas á Dirección Xeral de Función Pública e á comunidade autónoma respectiva, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se produzan.

Décimo sexta. Recursos

Os actos administrativos dos tribunais de valoración poderán ser impugnados conforme o previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

ANEXO II
Bases específicas polas que se rexerán os concursos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional

* Secretaría-intervención do Concello de Pol (Lugo):

Entidade e provincia: Concello de Pol (Lugo).

Denominación e clase do posto: secretaría-intervención, clase 3ª.

Subescala e categoría: secretaría-intervención.

Poboación no 31.12.2012: 1.757 habitantes.

Nivel de complemento de destino: 26.

Complemento específico: 8.652 €.

• Baremo de méritos específicos.

A) Servizos prestados: máximo 3,60 puntos.

A.1) Por servizos prestados en postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala de secretaría-intervención en concellos de Galicia, en réxime de nomeamento definitivo, provisional ou comisión de servizos, nos cales a base fundamental da economía sexa fundamentalmente agrícola ou gandeira (0.15 puntos por mes completo de servizos ata un máximo de 1,5 puntos).

Para valorar este criterio, teranse en conta as afiliacións en alta laboral por servizos, entendendo que o municipio é prioritariamente agrícola ou gandeiro cando ditas afiliacións no sector agrícola ou gandeiro (epígrafe agricultura e pesca), superen as dos demais sectores (industria, construción ou servizos); e iso segundo as cifras publicadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este dato farase constar nos certificados que presenten as entidades locais en que se prestaron os servizos.

A.2) Por servizos prestados en postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala de secretaría-intervención en concellos con poboación inferior a 2.000 habitantes, nos cales se tramitase un expediente de Plan Xeral de Ordenación Municipal que chegase polo menos, á fase de aprobación definitiva (0,05 puntos por mes completo de servizos prestados, ata un máximo de 1,2 puntos).

A.3) Por servizos prestados en postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala de secretaría-intervención en concellos de Galicia, en réxime de nomeamento definitivo, provisional ou comisión de servizos, en cuxo termo municipal conten cun polígono industrial (0,03 puntos por mes completo de servizos prestados, ata un máximo de 0,90 puntos).

A experiencia profesional acreditarase, mediante certificación expedida polo concello ou entidade en que se prestaron servizos.

Dadas as características deste concello, posto que se trata dun municipio eminentemente agrícola e gandeiro (onde as explotacións agropecuarias abranguen a maior parte do termo municipal, sendo este o eixe fundamental da economía do concello, é por isto que a corporación municipal acorda primar, á hora de cubrir este posto de traballo, a experiencia adquirida en municipios de Galicia en que a base fundamental da economía sexa fundamentalmente agrícola e gandeira, xa que é concordante coas características deste municipio e esa experiencia considerase fundamental para o desempeño do posto de traballo.

Por outra banda o municipio esta inmerso nos últimos anos nun procedemento tendente á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que é o instrumento fundamental para sentar as bases do desenvolvemento urbanístico do municipio, con propostas fundamentais para o seu desenvolvemento económico como é a implantación de dúas áreas industriais que se proxectan nel, por iso é polo que se considera tamén relevante a experiencia adquirida na tramitación de plans xerais de ordenación municipal e na tramitación de expedientes que impliquen a construción e posta en funcionamento de polígonos industriais ou parques empresariais.

B) Cursos de formación e perfeccionamento: máximo 3,15 puntos.

Os cursos valoraranse conforme os seguintes criterios:

– Soamente se valorarán os cursos impartidos polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local), centros e escolas públicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP, FAC, IAAP...).

– Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou certificados de asistencia a que se refiren. Non se valorarán os cursos con duración inferior a 15 horas. Para efectos de garantir a actualización dos coñecementos, só serán valorados aqueles cursos cuxa data de expedición do diploma acreditativo sexa posterior ao 1 de xaneiro de 2003.

– A puntuación máxima neste punto será de 3,15 puntos.

B.1) Neste punto valoraranse todos os cursos que versen sobre materias relacionadas co área xurídica, contratación, urbanismo, e de recursos humanos), conforme o seguinte baremo (máximo de 2,40 puntos):

– Cursos de 16 a 50 horas: 0,30 puntos.

– Cursos de 50 a 100 horas: 0,50 puntos.

– Cursos de máis de 100 horas: 0,75 puntos.

B.2) Cursos relativos á área económico-financiera e orzamentaria (máximo 0,75 puntos), conforme o seguinte baremo:

– Cursos de 16 a 50 horas: 0,25 puntos.

– Cursos de 50 a 100 horas: 0,50 puntos.

– Cursos de máis de 100 horas: 0,75 puntos.

C) Outros méritos: máximo 0,75 puntos.

C.1) Por ter aprobado o primeiro exame de acceso libre á subescala de secretaría, categoría de entrada: 0,25 puntos, por ter aprobado o segundo exame de acceso libre á dita subescala de secretaría, categoría de entrada, 0,50 puntos. A puntuación máxima neste punto será de 0,75 puntos.

• Medios de acreditación de méritos.

En ningún caso se valorarán os méritos que non se atopen debidamente xustificados no momento de finalizar o prazo de presentación de instancias. Tampouco serán tidos en conta aqueles méritos que se baseen exclusivamente en afirmacións vertidas polo solicitante na súa instancia ou nas aclaracións que ofreza, en caso de seren solicitadas posteriormente polo tribunal, nin os que se xustifiquen por copias simples.

Non se prevé a realización de entrevista persoal.

• Comisión de valoración:

– Tribunal titular:

Presidente: Julio González Casanova, secretario-interventor do Concello de Friol.

Secretaria e 1º vogal da comisión de valoración: Ana Sampedro Millares, secretaria-interventora do Concello de Castroverde.

2º vogal: José Luis Vázquez, secretario-interventor dos concellos de Guntín e Portomarín.

3º vogal: Esperanza Garmendia Núñez, secretaria-interventora do Concello de Baleira.

4º vogal: José López González, secretario-interventor do Concello de Paradela.

– Tribunal suplente:

Presidente: Pedro Pardo Fernández, secretario-interventor do Concello da Pastoriza.

Secretario e 1º vogal da comisión de valoración: María García Ferro, vicesecretaria do Concello de Lugo.

2º vogal: Águeda Martínez de Azcoitia Rey, secretaria-interventora do Concello do Incio.

3º vogal: Begoña Carrasco García, secretaria-interventora do Concello do Páramo.

4º vogal: José López Castro, secretario-interventor do Concello de Láncara

* Secretaría-intervención de Pantón (Lugo):

Entidade e provincia: Concello de Pantón (Lugo).

Denominación e clase do posto: secretaría-intervención, clase 3ª.

Subescala e categoría: secretaría-intervención.

Poboación no 31.12.2012: 2.778 habitantes.

Nivel de complemento de destino: 26.

Complemento específico: 15.845,62 €

• Baremo de méritos específicos.

A) Servizos prestados: máximo 3,60 puntos.

A.1) Secretarios-interventores que prestasen os seus servizos como secretarios-interventores en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación de dereito igual ou superior á deste concello, que conten con máis dun encoro afectado pola Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos de auga encorada, durante a vixencia da dita lei, e no cal se estea a tramitar un expediente de plan especial para creación de solo urbanizado con destino a uso industrial, baixo a vixencia da lei do solo actual, desde a súa condición de municipio carente de planeamento xeral 0,059 por mes de servizo ou fracción, ata un máximo de 2 puntos.

O Concello de Pantón está a tramitar urbanísticamente un plan especial para a creación de solo urbanizado con destino a uso industrial, desde a súa característica de carecer dalgunha figura de planeamento de ordenación urbanística integral, entendendo por tal un Plan Xeral de Ordenación Muncipal ou normas subsidiarias de carácter municipal, o que obriga a un procedemento específico. Dada a indudable repercusión na facenda local e no tecido socio-económico municipal de contar cun solo industrial, resulta prioritario lograr do xeito máis áxil e eficaz posible este obxectivo, o que xustifica a necesidade de valorar que o secretario municipal teña práctica administrativa específica na tramitación deste tipo de expedientes tanto coa normativa específica vixente nestes momentos como en concellos que teñan as mesmas características que este, no referido ao planeamento urbanístico municipal.

Concédese especial relevancia ás características peculiares do territorio, un municipio desta categoría e de mediana dimensión cunha poboación que supera os 2.700 habitantes expallados en mais de douscentos núcleos de poboación, e que outorga o adxectivo de peculiar e complexo o labor de aprobación do planeamento municipal, así como á hora de distribuír os recursos económicos para satisfacer as necesidades dos cidadáns.

Delimítase o número de habitantes do municipio de Pantón para os efectos de garantir o manexo pola secretaría-intervención dos recursos propios dun concello de medianas dimensións ante os volumes de asuntos que se deben tramitar e dos recursos económicos a administrar, así como a xestión destes mediante os procedementos administrativos legalmente habilitados para eles, resaltando que o importe de subvencións concedidas por tamaño e poboación do municipio de Pantón para investimentos, ten especial incidencia en procedementos de contratación diferentes dos da contratación menor, polo que se considerou que a secretaría municipal soporta un peso administrativo maior que nun municipio de 2.700 habitantes ou menos, así como o volume de orzamento que se manexa é notoriamente maior.

Cobran gran importancia os encoros dos Peares e San Pedro, figuras que son gravadas tributariamente por tres impostos:

– O imposto sobre bens inmobles, pola súa condición de ben inmoble de características especiais.

– O imposto de actividades económicas, por ser a orixe da enerxía producida pola central hidroeléctrica que depende deles.

– O imposto novo introducido pola Lei 15/2008, do 19 de decembro, sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamento de auga encorada, que entrou en vigor o 30 de decembro de 2008, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia número 251, do 29 de decembro de 2008.

En relación co anterior, polo que respecta ao IBI na súa calidade de BICES, os encoros supoñen unha fonte importante de recursos económicos para investir no territorio do municipio.

O IAE supón o coñecemento da mecánica de repartición das cantidades recadadas correspondentes a este imposto, que é percibido por 4 concellos afectados no caso das cotas correspondentes á central hidroeléctrica dos Peares, función directamente asumida na súa totalidade, a exclusión da sinatura como claveiro, polo secretario–interventor no Concello de Pantón.

Por último, introdúcese un parámetro novo e delimitador no tempo para adoptar como punto de partida para computar os servizos prestados, que foi a entrada en vigor la Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos de auga encorada, facendo nacer así un novo recurso económico que percibirá o municipio e que é percibido a través do Fondo de Compensación Ambiental que provén das facendas da Comunidade Autónoma galega. A lei exposta cobra maior relevancia se temos en conta que regula o dano ambiental producido polo aproveitamento de auga encorada, e forma parte do bloque lexislativo que se terá en conta á hora de redactar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, que tamén se encontra en fase de tramitación.

Cobra especial relevancia o feito de que se estea a executar unha ampliación do encoro dos Peares, tanto polo aumento dos recursos que isto implica para a facenda local como pola especial exixencia de control urbanístico e ambiental durante a execución da obra proxectada, o que implica o interese do concello en contar cun funcionario que teña experiencia práctica ao respecto e a súa valoración deste procedemento é máis que xustificada, dadas a transcendencia económica e tributaria desta actuación para a facenda local e a atención especial que, para un concello coas características patrimoniais e ambientais, ten os condicionantes aos cales se somete a execución desta actuación específica.

Concédese unha especial relevancia ao feito de contar cun plan especial para creación de solo urbanizado con destino a uso industrial en fase de tramitación no termo municipal, circunstancia que, en correlación coas anteriores, repercute e incide de forma completa nas facendas locais, de maneira directa, mediante a percepción dos ingresos polas licenzas urbanísticas que deriven do asentamento de empresas nel, así como mediante a satisfacción dos impostos que correspondan e, de maneira indirecta, xerando un fluxo de ingresos no municipio con posterioridade ao asentamento dos entes empresariais, así como converténdose nun esteo fundamental para o desenvolvemento dos recursos propios e o desenvolvemento destes.

Polo anterior, e dada a importancia que para o Concello supón lograr a maior ocupación posible do futuro polígono industrial e o desenvolvemento e aproveitamento dos recursos propios para o fomento do autoemprego, tan necesario nos tempos que corren dadas as circunstancias económicas polas que atravesa o país, quíxose tamén potenciar o feito de que é beneficioso favorecer o sector privado e dos servizos, que poden xerar a corrente de recursos descrita.

A.2) Secretarios-interventores que prestaran os seus servizos como secretarios-interventores en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación de dereito igual ou superior á deste concello e cun orzamento entre 1.700.000 € e 2.125.000 € nos seus créditos iniciais, que teñan asumida a xestión do cobramento das taxas municipais relativas aos servizos de recolla, tratamento e eliminación dos residuos sólidos, abastecemento de auga, da rede de sumidoiros e depuración e o imposto sobre o incremento de valor de terreos de natureza urbana, en período voluntario: 0,048 por mes de servizo ou fracción, hasta un máximo de 1,60 puntos.

En caso de non existir orzamento aprobado durante a prestación de servizo, atenderase aos créditos iniciais do orzamento en vigor do exercicio inmediatamente anterior.

Neste senso, enténdese necesario e conveniente ter contrastado o desempeño das súas funcións en concellos con poboación e orzamento de magnitudes similares ás do Concello de Pantón e, a ser posible, con elementos de carácter tributario e desenvolvemento económico e social homologables, para os efectos de desenvolvemento dunha xestión de recursos e instrumentos máis adaptada á actual coxuntura económica xeral dos concellos da nosa dimensión.

O Concello de Pantón encóntrase nunha situación económica que obriga a prestar especial atención ás materias estreitamente ligadas a intervención e contabilidade, xestión tributaria e recursos municipais, o que xustifica que o perfil do habilitado estatal que vaia ocupar a praza de secretario-interventor que se axuste o máis posible ás características propias do concello para os efectos de que a súa incorporación non supoña un período de transición que implique atrasos na xestión municipal, a tempo de procurar para o concello os coñecementos que a su experiencia noutras prazas puider supoñer.

É subliñable a importancia que na presente situación económica ten a xestión dos recursos económicos propios das entidades locais, en especial dos fiscais. Dado que o Concello de Pantón está a participar na xestión directa dalgúns destes recursos, considérase de especial relevancia, e así se ten que valorar.

Neste senso, puntúase a experiencia da secretaría–intervención na participación da xestión directa no cobramento das taxas municipais de recolla, tratamento e eliminación dos residuos sólidos, abastecemento domiciliario de auga e sumidoiros, así como no imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, en período voluntario en todos os casos.

Sendo isto así, faise necesario expoñer, en prol de xustificar este punto de servizos prestados, así como parte da formación exixida no punto de cursos, que a materia orzamentaria e de contabilidade resulta vital para as funcións de intervención. O Concello de Pantón non conta cun funcionario nin persoal con práctica e formación en tarefas de xestión orzamentaria e económica polo que todo o relativo a esta deberá ser asumida polo secretario-interventor.

Exposto o anterior, queda xustificada a necesidade de formación e práctica adecuada nesta materia, en prol de que se xestione correctamente o rexistro de facturas, elaboración de informes de morosidade, contabilización de todas as operacións económicas a través do modelo normal de contabilidade pública, xestión de ingresos e gastos da tesouraría municipal, elaboración de orzamento, rendemento da información contable e orzamentaria ao Ministerio de Economía e Facenda, que resultan de carácter obrigatorio tras as últimas reformas lexislativas.

Para efectos de valoración dos subtítulos anteriores, considéranse servizos prestados tanto con carácter definitivo como por calquera das formas de provisión previstas no artigo 10.2 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño.

B) Cursos de formación e perfeccionamento: máximo 3,15 puntos.

Soamente se valorarán os cursos impartidos polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local). escolas oficiais de funcionarios (Escola Galega de Administración Pública, Instituto nacional de Administracións Públicas, etc.) e universidades.

Non se valoran os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos realizados con mais de 15 anos de anticipación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concursos.

Non se valorarán os cursos inferiores a 25 horas nas materias incluídas nos puntos B.2 e B.3, nin cursos inferiores a 30 horas na materia incluída no punto B.1.

Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou certificados de asistencia a que se refiran. Unicamente se valorarán un máximo de dous cursos para cada materia puntuada nos parámetros obxecto de valoración.

Materias sobre as cales deberán versar os cursos e puntuación máxima en relación a cada unha delas:

B.1) Por ter superado cursos relacionados con materias de contabilidade pública das administracións públicas, ata un máximo de 1,40 puntos, de acordo co seguinte baremo.

Cursos dun mínimo de 30 horas ata un máximo de 250 horas: 0,40 puntos.

Cursos de mais de 250 horas: 1 punto.

B.2) Por ter superado cursos relativos á materia de contratación: 1 punto, 0,50 puntos por cada 50 horas ou fracción.

B.3) Por ter superado cursos en materia de persoal relacionados co Regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada. 0,75 puntos.

Quíxose conceder maior importancia a aquelas materias máis complexas e directamente relacionadas co posto de traballo que se vai desempeñar.

Non se quixo obviar materias directamente relacionadas coas funcións que se desempeñarán dentro do ámbito da contratación local tanto polas constantes modificacións normativas que se están a producir e que exixen un coñecemento reforzado dos procedementos como pola súa complexidade técnica, así como pola carencia no cadro de persoal do Concello de Pantón de persoal con coñecementos disto.

A lexislación vixente réxese por constantes cambios na materia de contratación, polo que se pretende valorar cunha puntuación correlativa á súa importancia os coñecementos nesta materia tan necesaria no desempeño da secretaría municipal, tendo en conta, entre outros, o volume de subvencións concedidas a un municipio de medianas dimensións que supoñan na súa maioría a tramitación dos oportunos expedientes de contratación, e que, debido á escaseza de medios humanos, deben ser tramitados na súa totalidade polo secretario-interventor.

O mesmo se pode sinalar canto aos constantes cambios normativos en materia de persoal; o Concello de Pantón conta no seu cadro de persoal cun gran número de persoal laboral de carácter temporal, que supón unha porcentaxe elevada dentro da totalidade do gasto orzamentario, o que vinculado aos continuos recortes neste ámbito motivados pola situación económica actual, considérase necesario o coñecemento de medidas laborais concretas dentro do ámbito das administracións públicas en prol dunha eficiente xestión dos gastos de persoal.

Polo que respecta á materia de contabilidade e xestión orzamentaria e económica, esta resulta vital para as funcións de intervención.

Queda xustificada a necesidade de formación adecuada nesta materia, en prol da correcta xestión do rexistro de facturas, elaboración de informes de morosidade, contabilización de todas as operacións económicas a través do modelo normal de contabilidade pública, xestión de ingresos e gastos da tesouraría municipal, elaboración de orzamentos, rendemento da información contable e orzamentaria ao Ministerio de Economía e Facenda, que resultan de carácter obrigatorio tras as últimas reformas lexislativas.

C) Titulación:

Outorgarase unha puntuación de 0,25 puntos por estar en posesión dalgún dos títulos académicos exixidos para o acceso á subescala de secretaría-intervención, e ter superado un mínimo do 25 % dos créditos da titulación de Ciencias Políticas e da Administración, ou calquera outra das titulacións incluídas na rama de Ciencias Xurídicas e Sociais, distintas das alegadas para o acceso.

Outorgarase unha puntuación de 0,50 puntos por estar en posesión dalgún dos títulos académicos exixidos para o acceso á subescala de secretaría-intervención e ter superado un mínimo do 50 % dos créditos da titulación de Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas.

Presentarase copia selada pola universidade na cal se indiquen os créditos superados.

O Concello de Pantón considera fundamental, dada a diversidade de materias que desenvolverán que o perfil académico do habilitado estatal que vaia ocupar a praza de secretario-interventor se vexa reforzado por unha porcentaxe mínima de créditos referidos a outras titulacións universitarias dentro da rama das Ciencias Sociais e Xurídicas para ocupar o posto de secretario–interventor, distintas das alegadas para o acceso.

• Medios de acreditación ou valoración dos méritos.

Epígrafe A: a acreditación destes méritos realizarase mediante certificados das distintas entidades locais nos cales se especifiquen as características sinaladas, así como o tempo de servizos prestados en cada unha delas, e o importe dos orzamentos aprobados nos anos en que se presentaron os servizos. Ademais, presentarase certificado de servizos prestados da Dirección Xeral da Administración Local de Galicia.

Para os efectos de valoración dos servizos prestados, considéranse os servizos prestados tanto con carácter definitivo como por calquera das formas de provisión previstas no artigo 10.2 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real Decreto 834/2003, do 27 do xuño.

Epígrafe B: a acreditación realizarase mediante a presentación de orixinal ou fotocopia compulsada do título, diploma ou certificado suficiente expedido polas institucións ou organismos organizadores deles.

Epígrafe C: presentarase orixinal ou copia compulsada co título universitario, ou copia selada pola universidade na cal se indiquen os créditos superados.

Entrevista: non se prevé a realización de entrevista.

• Comisión de valoración:

– Tribunal titular:

Presidente: Santiago Mansilla Vázquez, secretario-interventor do Concello de San Cristovo de Cea (Ourense).

1º vogal e secretaria da comisión de valoración: Nadia Díaz Vázquez, secretaria-interventora do Concello de Chantada (Lugo).

2º vogal: María Graciela Riveiro Moreira, secretaria-interventora do Concello de Taboada (Lugo).

3º vogal: José Manuel González Trigás, secretario-interventor do Concello da Peroxa (Ourense).

4º vogal: María Isabel Colmenero Veloso, secretaria-interventora do Concello de San Cibrao das Viñas (Ourense).

– Tribunal suplente:

Presidente: Rebeca Vázquez Vázquez, secretaria-interventora do Concello de Boimorto (A Coruña).

1º vogal e secretaria da comisión de valoración: Leticia Rodríguez Díaz, secretaria-interventora do Concello de Folgoso do Courel (Lugo).

2º vogal: Ana Beatriz Oveja Villafañe, secretaria-interventora do Concello de Tordoia (A Coruña).

3º vogal: Fernando María Torre Comesaña, secretario do Concello de Mos (Pontevedra).

4º vogal: Antonio Candal Caridad, secretario-interventor do Concello de Dozón (Pontevedra).

ANEXO III

Solicitude de participación (1)

I. Datos persoais

Apelidos DNI NRP

Nome

Domicilio (para os efectos de notificacións e comunicacións)

Rúa e número

Código postal e localidade

Provincia Teléfono

II. Datos profesionais

Subescala (2) Categoría

Situación administrativa en que se atope o concursante

Destino actual

Forma e data de nomeamento no destino actual (3)

III. Datos do posto a que se concursa

Entidade local en que radica o posto

Provincia

Denominación do posto

Solicita tomar parte no concurso ordinario de traslados para habilitados de carácter nacional, publicado por Resolución do..., da Dirección Xeral de Administración Local ao posto de traballo arriba indicado e declara non estar incurso en ningunha das causas de exclusión indicadas na base segunda das comúns, achegando a documentación que se especifica ao dorso.

Lugar, data e sinatura

Presidente da corporación local de…………………………………………..

(1) Enviar unha solicitude ao presidente de cada corporación local da cal se solicite o posto no concurso. Achegar, se é o caso, os documentos acreditativos do coñecemento da lingua da comunidade autónoma e a documentación acreditativa dos méritos específicos e de determinación autonómica alegados.

(2) Consignar só a subescala que faculta para concursar ao posto a que se refire esta solicitude.

(3) Definitivo ou provisional

Dorso que se cita

Documentación que se achega

A. Do coñecemento da lingua da comunidade autónoma respectiva

B. Os méritos específicos

ANEXO IV

Orde de prelación de adxudicacións (1)

I. Datos persoais

Apelidos DNI NRP

Nome

Domicilio (para os efectos de notificacións e comunicacións)

Rúa e número

Código postal e localidade

Provincia Teléfono

II. Datos profesionais

Subescala/s e categoría/s a que se concursa

Situación administrativa en que se atopa o concursante

Destino actual

Forma e data de nomeamento no destino actual (3)

Solicita tomar parte simultaneamente en distintos concursos de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, publicados por Resolución da Dirección Xeral de Administración Local do..., e formula ante esa dirección xeral, de acordo co establecido na base terceira, 2, das bases xerais desta convocatoria, a seguinte orde de prelación para o suposto de que lle sexan adxudicados dous ou máis dos solicitados:

(3)

Nº de orde

Código

Corporación e provincia

Nome do posto

5º (4)

Lugar, data e sinatura

Dirección Xeral de Administración Local (5)

(1) Enviar un único modelo da orde de prelación que inclúa todos os postos solicitados no concurso ordinario.

(2) Definitivo ou provisional.

(3) O devandito código é o número que aparece xunto á denominación do posto no anexo I desta convocatoria.

(4) Engádanse cantos números sexan precisos en función da extensión que se desexe dar á prelación.