Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Martes, 25 de marzo de 2014 Páx. 12575

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de marzo 2014 pola que se convoca o curso A función consultiva para o persoal ao servizo da Administración local.

Co obxectivo de dar a coñecer no ámbito da Administración local a doutrina sentada polo Consello Consultivo de Galicia en distintas materias en que a súa intervención é preceptiva, e de conformidade co artigo 3 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración co Consello Consultivo de Galicia, o curso «A función consultiva para o persoal ao servizo da Administración local», cuxas bases, características e contido son detallados nos anexos desta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I
Bases

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderá participar nas accións formativas convocadas por esta resolución o persoal funcionario dos grupos A1, A2 e C1 e o laboral dos grupos I, II e III ao servizo das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus organismos públicos e demais entes dela dependentes, que se atope en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúna os requisitos establecidos para cada un dos casos no anexo II.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda. Actividades de formación

O curso realizarase cos requirimentos, duración e condicións que para cada un deles se indican no anexo II. A información será actualizada e ampliada na páxina web da EGAP <http://egap.xunta.es>

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula>
desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección poderán remitir á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao número de fax 981 54 63 39 ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>

Cuarta. Criterios de selección

1. Para a súa selección aplicaránselle os criterios recollidos na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG nº 7, do 10 de xaneiro).

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2014, segundo a Resolución do 29 de xaneiro (DOG nº 27, do 10 de febreiro), comezarase pola letra «B».

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do persoal seleccionado

1. A EGAP publicará na súa páxina web <http:// egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a publicación.

Ademais, quen facilite os seus datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación de persoas seleccionadas ou na lista de espera foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ben ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará na súa páxina web
<http://egap.xunta.es> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e puntualidade

1. Cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar ás actividades formativas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha anticipación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa, mediante o modelo de renuncia publicado na nosa páxina web. Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico: xestion.egap@xunta.es

– O número de fax: 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

3. Asistencia e puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

– Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das actividades.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

– Pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder aprobar o curso o alumnado deberá superar un suposto práctico ao final do curso.

Oitava. Certificado de aproveitamento

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe declarando apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado do suposto práctico.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Tamén corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da escola.

ANEXO II
Código: LO14001
A función consultiva para o persoal ao servizo da Administración local

1. Obxectivos.

O 29 de novembro do ano 1995 publicábase no Diario Oficial de Galicia a Lei 9/1995, pola que se creaba o Consello Consultivo de Galicia, como órgano superior consultivo da Xunta de Galicia, encargado de velar pola observancia da Constitución, do Estatuto de autonomía e do resto do ordenamento xurídico, e dotado de plena autonomía orgánica e funcional no exercicio das súas funcións.

O presente curso pretende dar a coñecer no ámbito da Administración local a doutrina sentada por este órgano, nas distintas materias en que a súa intervención é preceptiva e das cales conta cunha ampla experiencia.

2. Destinatarios.

Persoal funcionario dos grupos A1, A2 e C1 e o laboral dos grupos I, II e III ao servizo das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus organismos públicos e demais entes dela dependentes.

3. Desenvolvemento.

Duración: 20 horas.

Lugar: Pontevedra, na Delegación Territorial da Xunta de Galicia, rúa Fernández Ladreda, 43-9º.

Datas: 5, 6, 7, 12, 13 e 14 de maio de 2014.

Horario: das 17.00 ás 20.00 horas.

Prazas: 25.

4. Contido.

Módulo I. A Administración consultiva da Comunidade Autónoma de Galicia: o Consello Consultivo de Galicia. O recurso extraordinario de revisión.

Módulo II. A responsabilidade patrimonial da Administración local: réxime substantivo.

Módulo III. A tramitación de expedientes de responsabilidade patrimonial da Administración local.

Módulo IV. Réxime xurídico das entidades locais: a revisión de oficio en materia local.

Módulo V. A contratación administrativa: modificación e resolución dos contratos.

Módulo VI. O territorio das corporacións locais. Alteración dos termos municipais.

Proposta dun suposto práctico cunha duración estimativa de dúas horas.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG do 16 de marzo), e corrección (DOG do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.