Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 17 de marzo de 2014 Páx. 11363

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se reclasifica un posto de traballo reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional na Deputación Provincial da Coruña.

A Deputación Provincial da Coruña en sesión plenaria que tivo lugar o 13 de setembro de 2013 adoptou acordo introducindo modificacións no cadro de persoal e na relación de postos de traballo para 2013. Entre estas modificacións encóntrase a referida ao posto reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional denominado «xefe do Servizo de Asistencia Económica a Municipios», afectando a dita modificación á forma de provisión, sendo esta o concurso, ao nivel de complemento de destino, a denominación que pasa a ser «xefe do Servizo de Orzamentos, Estudos e Asistencia Económica» e finalmente a súa cobertura, está aberta a distintas administracións públicas.

En sesión plenaria que tivo lugar o 20 de decembro de 2013, a Deputación Provincial aprobou definitivamente o cadro de persoal, a relación de postos de traballo e o organigrama da Deputación para o exercicio 2014, de forma que, respecto ao posto de traballo citado a súa denominación pasa a ser «xefe do Servizo de Orzamentos, Estudos e Asistencia Económica», a provisión terá lugar polo sistema de libre designación e a súa cobertura restrínxese a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional.

O artigo 36.1.b) da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local dispón que son competencias propias das deputacións provinciais garantir en todo caso, nos municipios de menos de 1.000 habitantes a prestación dos servizos de secretaría e intervención. A relación de postos de traballo dispón que este novo Servizo de Orzamentos, Estudos e Asistencia Económica, ademais de ter por obxecto a sección de orzamentos e estudos económicos, continúa co servizo de asistencia económica a municipios, dando cumprimento ao disposto no precepto.

O artigo 9 do Real decreto lexislativo 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter estatal, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, sinala que os expedientes de clasificación serán resoltos polo órgano competente da comunidade autónoma respectiva.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36.1.b) da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local e nos artigos 2, 5 e 9 do Real decreto lexislativo 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter estatal, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa de aplicación, e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

RESOLVE:

Primeiro. Reclasificar o posto reservado a funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter nacional da Deputación da Coruña como se especifica no anexo que se xunta a esta resolución.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá impugnarse directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 en relación co 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2014

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO

Entidade local: Deputación Provincial da Coruña.

Posto de traballo: xefe do Servizo de Orzamentos, Estudos e Asistencia Económica.

Subescala: intervención, categoría superior.

Forma de provisión: libre designación.