Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 11 de marzo de 2014 Páx. 10469

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 14 de febreiro de 2014 polo que se dá publicidade á resolución do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre o expediente número 418, que afecta o monte Canteira da Changuiña, solicitado como veciñal en man camún polos veciños do lugar da Changuiña, da parroquia de Santiago de Lampón, do concello de Boiro.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 17 de xaneiro de 2014, adoptou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: xefe territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña, Antonio Manuel Aguión Fernández.

Vogais:

– Letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, Susana Loreta Benedeti Corzo.

– Xefa do Servizo de Montes e Industrias Forestais da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, Josefa Fernández Fernández.

– Vogais representantes dos veciños do lugar da Changuiña, da parroquia de Santiago de Lampón do concello de Boiro, Ricardo Yáñez Vila e Vicente Suevos Recarey na súa condición de presidente e secretario da xunta directiva representante dos veciños do lugar da Changuiña, respectivamente.

Secretaria: xefa de Sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña, Mª de los Dolores Añón Rodríguez.

Na cidade da Coruña, no día 17 de xaneiro de 2014, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto de estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte Canteira da Changuiña promovido polos veciños do lugar da Changuiña, da parroquia de Santiago de Lampón, do concello de Boiro.

Antecedentes de feito:

1º. Ricardo Yáñez Vila, veciño do lugar da Changuiña, da parroquia de Santiago de Lampón (Boiro), no seu propio nome e en representación dos veciños do devandito lugar, presenta unha solicitude en xullo de 2012 para ser clasificado como monte veciñal o monte Canteira da Changuiña, da parroquia de Santiago de Lampón do concello de Boiro, do cal achega a planimetría xunto con ampla documentación. Na súa solicitude manifesta que este monte sempre foi de uso común dos veciños do lugar da Changuiña, que ata hai uns anos era pacífico pero que, recentemente, a partir do ano 2008 e 2009 realizáronse varias ocupacións na parcela comunal, ben por titulares catastrais limítrofes ben por novos titulares catastrais, o que denunciaron ante o Concello de Boiro por consideraren que estaba a invadir a súa parcela. Presentan canda a solicitude varios escritos dirixidos ao Concello de Boiro nestes termos, así como varias escrituras de parcelas limítrofes coa parcela comunal que sinalan a esta como veciñal, monte ou monte público.

2º. O Xurado na súa reunión do 20.12.2012 acorda iniciar a tramitación do expediente e nomear instrutora. As características do monte do cal se solicita a clasificación e segundo o informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 5 de marzo de 2013 son as seguintes:

Monte: Canteira da Changuiña.

Comunidade veciñal: veciños do lugar da Changuiña.

Parroquia: Santiago de Lampón.

Concello: Boiro.

Superficie: 5.157 m2.

• Actualmente o monte abrangue as seguintes parcelas catastrais con cadanseu titular: 15011A025008700000XX (Autocares Muñiz, S.L.), 15011A025008230000XP (Canteira da Changuiña), 15011A025008710000XI (en investigación artigo 47 da Lei 33/2003), en parte a 15011A025008720000XJ (Fernández Silva, José María), en parte a 115011A025001490000XQ (Lojo Fungueiriño,José), en parte a 15011A025001500000XY (Romero Lapido Josefa), en parte a 15011A025001480000XG (Hermo Vila Carlos e Fernández Silva Carmen) e en parte 15011A025001470000XY (Lojo Somoza Josefa).

• As súas estremas, segundo o plano 1 do informe técnico do 29.6.2012 presentado polos promotores e a información consultada na sede electrónica da Dirección Xeral do Catastro son:

Norte: do vértice 12 ao 26 coas seguintes parcelas catastrais e os seu titulares:

15011A025002190000XM: Suárez Tubío, Ramón.

15011A025002180000XF: Fernández García, Josefa.

15011A025002170000XT: Romero Araujo, Mª del Carmen.

15011A025004430000XT: Araújo Lapido, Rosa.

15011A025002160000XL: Araújo Lapido, Delfina.

15011A025002150000XP: Araujo Rodríguez, Francisco

15011A025001590000XK: Yáñez Vila, Marcelino.

Leste: do vértice 26 ao 40 coas seguintes parcelas catastrais e os seu titulares:

15011A025001580000XO: en investigación. Artigo 47 da Lei 33/2003.

15011A025001570000XM: Benito Lapido, José.

15011A025001560000XF: Lapido Castro, Lourdes.

15011A025001550000XT: Santiago Sampedro, Juana.

15011A025001540000XL: Muñiz Hermo, María Jesusa.

15011A025001530000XP: Muñiz Santiago, Juan.

15011A025001520000XQ: Creus Tallón Jaime.

15011A025001510000XG: Castro Maceiras, Angela.

15011A025008720000XJ(parcialmente): Fernández Silva, José Maria.

15011A025001490000XQ (parcialmente): Lojo Fungueiriño, José.

15011A025001500000XY (parcialmente): Romero Lapido, Josefa.

15011A025001480000XG (parcialmente): Hermo Vila, Carlos e Fernández Silva, Carmen.

15011A025001470000XY (parcialmente): Lojo Somoza, Josefa.

Sur: do vértice 40 ao 2 coa parcela catastral 8519914NH0281N (non hai datos).

Oeste: do vértice 2 ao 12 coa parcela catastral 15011A025090060000XH, camiño de Runs.

3º. En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento de montes veciñais en man común e por petición do Xurado, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes remite un informe o 5.3.2013 en que manifesta, en síntese, que o monte solicitado non está inscrito no catálogo de montes de utilidade pública e non figura no elenco de montes conveniados ou consorciados coa Xunta de Galicia. Canto ao aproveitamento do monte polos veciños do lugar da Changuiña promotores do expediente, remítese ao informe do Distrito Forestal IV, que fai constar a existencia de certos aproveitamentos na parcela solicitada.

Logo de solicitarse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Noia sobre o monte, sinala que o predio, tal e como se describe, non figura inscrito neste rexistro da propiedade. Non obstante, informa que a nome de Autocares Muñiz, S.L. está inscrito o predio número 9.577, de nome A Changuiña, da parroquia de Lampón, e do cal consta como referencia catastral 15011A025008700000XX.

4º. Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do regulamento do 4 de setembro de 1992, procedeuse á correspondente tramitación e librouse por orde da instrutora do expediente comunicación do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do Concello de Boiro ao que se lle remitiu edicto do acordo de inicio a fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto polo período dun mes aos efectos de alegacións dos posibles interesados; ao representante da comunidade veciñal que presentou a solicitude; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG núm. 86, do 6.5.2013). Así mesmo, realízanse as notificacións de acordo de inicio do expediente de clasificación aos titulares catastrais que, segundo a documentación que consta no expediente, puideren estar afectados.

5º. Con data 10.7.2013 o Xurado acorda ampliar o prazo para resolver o expediente de clasificación ao non ter recibido do Concello de Boiro a certificación que acredite a exposición pública do edicto do Xurado, polo que se acorda o inicio do expediente nos termos exixidos polo artigo 25 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

Segundo certificación emitida polo secretario do Concello de Boiro do 19.7.2013, o devandito edicto estivo exposto no taboleiro de anuncios e nos lugares de costume da parroquia e asentamentos veciñais onde radica o monte, polo período dun mes desde o día 6.6.2013.

6º. Durante o período de alegacións e tramitación do expediente, foron presentadas as seguintes alegacións:

• O Concello de Boiro, mediante escrito do 6.6.2013, manifesta, en síntese, que a parcela denominada Canteira da Changuiña, da parroquia de Santiago de Lampón, xa figuraba no catastro de 1956 como comunal, cunha superficie de 8.400 m2, pero, canto á súa cualificación xurídica, ben que coa normativa de 1955 sería unha parcela comunal, hoxe en día, e en atención ao disposto no artigo 2 do Real decreto 1372/1986, polo que se aproba o Regulamento de bens das entidades locais, é un ben de dominio público con carácter de comunal, coa característica de imprescritible, inembargable e inalienable.

• Carmen Fernández Silva, por escrito do 17.6.2013 alega, en síntese, que é dona, xunto co seu marido Carlos Hermo Silva, da parcela catastral número 148, cunha cabida de aproximadamente un ferrado, e que se atopa pechada polos catros ventos, logo de obter de licenza municipal; que no ano 2009 o Concello de Boiro iniciou un expediente de recuperación de oficio de bens de dominio público, entendendo que dentro do perímetro da súa leira podería estar incluído un ben do demanio municipal; que a este expediente achegou probas documentais xustificativas da súa propiedade e, por esta razón, o procedemento foi finalmente arquivado; que neste predio nunca se desenvolveron aproveitamentos comunais e que se oficie ao Concello de Boiro para que remita copia das actuacións sobre o devandito expediente de investigación para que sexa incorporada a este expediente.

• Manuel Sánchez Lojo presenta un escrito o 17.6.2013 en que, en síntese, manifesta que é dono da parcela catastral número 149 do polígono 25 do concello de Boiro; que é dono por escritura de pacto de mellora outorgada pola súa nai, Josefa Lojo Somoza, formalizada o 22.10.2011, que, pola súa vez, lle transmitiu por doazón ao seu pai José Lojo Fungueiriño (ano 2000); que o predio está pechado e limitado e que obtivo licenza para isto do Concello de Boiro no ano 1977. Conclúe que o predio nunca foi monte, senón toxal, e que de ningún xeito puido constituír un terreo veciñal, pois sempre foi exclusivamente posuída polo dicente e os seus devanceiros.

• José María Fernández Silva presenta escrito o 19.6.2013 en que, en síntese, manifesta que é dono da parcela catastral 872 do polígono 25 do concello de Boiro, que lle pertence por herdanza dos seus pais nunha terceira parte indivisa (escritura de 2002) e despois, por doazón dos seus irmáns, das dúas partes restantes, feita en escritura pública do 12.1.2005. Que o predio está pechado por todos os seus ventos e para iso obtivo a correspondente licenza municipal do 13.9.2005 (na licenza achegada non queda identificado o predio catastralmente). Alega que nos títulos achegados existe un erro de cabida respecto da superficie real do inmoble, que foi rectificado pola Xerencia do Catastro no ano 2009. Conclúe que a súa leira nunca foi obxecto de aproveitamento comunal.

• Josefa Romero Lapido presenta escrito o 27.6.2013 en que di que o predio catastral número 150 é da súa propiedade e que lle pertence por herdanza do avó, pero que non pode achegar documento porque está extraviado. Achega escritura de propiedade do propietario orixinal do terreo, Juan García Lapido, cunha superficie de 387 m2 e escritura de compravenda do avó da dicente, José Lapido Tubío; ademais, alega que é de público coñecemento que antes sempre se puña menos cabida da real, de aí que o informe do perito que achega indique que a superficie da leira é de 482 m2.

• Carlos Rodríguez Muñiz, en nome e representación de Autocares Muñiz, S.L. presenta un escrito o 10.7.2013 en que, en síntese, manifesta que a sociedade que representa é propietaria da parcela nº 870 do polígono 25 do concello de Boiro; que parece que se pretende catalogar a súa parcela como monte veciñal, cando nunca foi tal, baseándose tal pretensión –alega– no Catastro de 1959 e nun informe técnico achegado polos veciños que instan a solicitude.

Afirma que a súa propiedade ten a súa orixe na compra por poxa pública de Joaquín Santos Saíñas ante o xuíz de Primeira Instancia de Noia nun procedemento de quebra dos bens de Vicente Sobradelo Triñanes no ano 1965. En 1981 Joaquín Santos Saíñas vende a parcela a Salvador Muñiz Santiago, fundador de Autocares Muñiz, S.L. e pasa o 11.5.1995, previa partición de herdanza após o falecemento da esposa, a achegarse como capital á sociedades Autocares Muñiz, S.L. O seu predio está inscrito no Rexistro da Propiedade desde 1983. Nega que a súa leira formase parte nunca nin agora do monte veciñal da Changuiña que se pretende clasificar.

7º. Por escrito do 22.7.2014 o Concello de Boiro remite tanto o certificado de exposición pública do edicto de acordo de inicio do expediente como os antecedentes sobre reclamacións de propietarios que afectan a parcela que se pretende clasificar.

8º. Co fin de aclarar a evolución catastral tanto da parcela solicitada como veciñal (a parcela número 823 do polígono 25 do concello de Boiro) como das que supostamente invadiron esta parcela (ben ampliando a súa superficie como no caso das parcelas 147, 148, 149, 150, ben por ser de nova creación como as números 870 e 872), solicitouse con data do 30.8.2013 á Xerencia Rexional do Catastro que informase sobre esta cuestión. A Xerencia emite varios informes o 29.10.2013, 14.1.2013 e notas aclaratorias en que, en síntese, se indica:

• Que no ano 2001 –con efectos desde o ano 2002– realizouse unha revisión do catastro de rústica do concello de Boiro, alterándose tanto a titularidade da parcela 823, que pasa a figurar a nome de Canteira da Changuiña, como a súa superficie, que se obtén por dixitalización do plano existente e pasa a ser de 5.826 m2 (algo superior á superficie solicitada polos veciños do lugar da Changuiña que, segundo medición in situ realizada por técnico competente resulta ser de 5.157 m2). A devandita alteración de superficie –continúa o informe– non supuxo cambio ningún nos lindes da parcela nin a inclusión de ningunha leira nova. Ademais, este novo catastro resultante da revisión comunicouse ao Concello de Boiro e expúxose ao público durante o prazo preceptivo de quince días hábiles nos locais do Concello co obxecto de que se puideran formular as alegacións que se considerasen oportunas. O anuncio publicouse tamén no BOP do 3.8.2001. Transcorrido o prazo –no cal non se presentou ningunha reclamación que afectase a parcela 823 tal e como foi definida– publicouse no BOP do 10 de decembro de 2001 a aprobación definitiva do catastro do concello de Boiro e, por tanto, das características catastrais tamén desta parcela.

• Que en setembro de 2008 o representante de Autocares Muñiz, S.L. solicita ao Catastro a alta da leira que alega da súa propiedade achegando diversa documentación e plano da parcela (a mesma documentación que achega a este expediente), e procedeuse a dar de alta o predio número 870 con 1.690 m2 a nome de Autocares Muñiz, S.L., que é como figura actualmente. A consecuencia da inclusión desta nova leira, xerouse a parcela 871, que figura como de titular descoñecido, é dicir, “en investigación” de acordo co artigo 47 da Lei 33/2003, do patrimonio das administracións públicas.

• Que en relación ás modificacións da superficie das parcelas 147, 148, 149, 150 e á alta da parcela nova número 872, os respectivos titulares presentaron escrito conxunto acompañado do correspondente plano de medición, e que se lle deu o preceptivo trámite de audiencia ao Concello de Boiro e, por mediación deste, aos titulares das parcelas 151,152 e 153 que se puideron localizar.

9º. Con data 26.11.2013 realizouse o trámite de audiencia a todos os interesados no expediente segundo o disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, e ratificáronse nas súas alegacións iniciais o concello de Boiro e o representante legal de Autocares Muñiz, S.L.

Fundamentos de dereito:

1º. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º. Segundo o artigo 11 da citada lei e o artigo 19 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a comunidade veciñal do lugar da Changuiña, da parroquia de Santiago de Lampón, do Concello de Boiro, é parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.

3º. Para a súa clasificación como veciñal en man común o monte debe reunir as seguintes características: a) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) Que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a cal se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

É, pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común por parte do Xurado que este teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en réxime de comunidade polos veciños que o solicitan, neste caso os veciños do lugar da Changuiña, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puideren formular no procedemento, que deberán de dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

4º. Entre a documentación que consta no expediente para valorar a posible condición veciñal da parcela solicitada cabe sinalar a seguinte:

• Segundo a certificación da responsable do Arquivo do Reino de Galicia, e revisado o libro do polígono número 25 do ano 1959 e a ortofoto número 104 d) do Catastro da riqueza rústica do termo municipal de Boiro, a parcela número 823 consta como de propiedade comunal cunha superficie de 80 áreas. Nesta certificación constan os seus lindeiros polos seus catro ventos cos seus correspondentes titulares catastrais; cómpre salientar que polo oeste limita cun camiño importante (non un simple carreiro) e polo leste, coas seguintes parcelas consecutivas de norte a sur: 158, 157, 156, 155, 154, 153, 152, 152 ,151, 150, 149, 148 e 147.

• Segundo os informes achegados pola Xerencia Rexional do Catastro de Galicia, a parcela 823 mantivo a súa superficie e lindeiros desde 1959 ata o ano 2001, cando se produciu a actualización do catastro do concello de Boiro; realizada esta revisión, mantivo os seus lindeiros e soamente variou a súa superficie ao dixitalizar o plano existente ata esa data. Queda acreditado entre a documentación do expediente que esta parcela non variou os seus lindes e superficie ata o ano 2009, cando se crea a parcela 870 a nome de Autocares Muñiz, S.L. –que ocupa parte da parcela 823 polo seu lado norte–, e a parcela 871 baixo a denominación de “en investigación”. Ademais, será en xullo de 2009 cando se produce unha nova alta no Catastro da parcela 872 a nome de José María Fernández Silva, tamén, en principio, na superficie anteriormente catastrada como comunal “Canteira da Changuiña”, así como as ampliacións de superficie das parcelas número 147, 148, 149 e 150 como consecuencia da presentación ante a Xerencia do Catastro dun escrito conxunto dos seus titulares catastrais en que solicitaban a ampliación da superficie das súas parcelas e presentaban unha planimetría destas e os mesmos títulos que serviran no seu día para darse de alta hai anos no Catastro.

• Consta no expediente que os veciños do lugar da Changuiña, a través da súa asociación veciñal, presentaron ante o Concello de Boiro varios escritos desde o ano 2009 e 2010, en que expoñen que as parcelas 147, 148, 149, 150, 870 e 872 están realizando peches que invaden a parcela 823, que é veciñal, e mostran a súa desconformidade e total oposición á ocupación e usurpación por parte de privados do terreo veciñal Canteira da Changuiña, e solicitan que se tomen as medidas legais pertinentes para restablecer os seus lindes. Solicitan do Concello que informe sobre as autorizacións que teñen estes propietarios para faceren os devanditos peches e con base en que títulos, xa que consideran que non poden ter títulos que avalen estas ocupacións porque sempre foi esa parcela veciñal. Ademais da defensa da condición veciñal da parcela ante o Concello de Boiro cando viron alterada a posesión pacífica do monte, existen outros indicios que amosan esta condición, como é unha solicitude de corta de eucaliptos á Consellería do Medio Rural na parcela 823 como asociación de veciños do lugar da Changuiña; a petición ao Concello de Boiro de autorización para acondicionar o monte comunal da Changuiña, e mesmo comparecer no expediente de investigación do Concello sobre as parcelas en conflito presentando testemuños de veciños do lugar que avalan a condición veciñal do monte.

• No expediente de investigación incoado polo Concello de Boiro no ano 2009 sobre a parcela número 823 e as parcelas estremeiras, cómpre salientar a existencia dos seguinte documentos:

– A partilla amigable do ano 1895 en favor de Juan Manuel Santiago Sánchez que se corresponde coa parcela catastral número 155b, que é límite polo leste da parcela 823 e na cal se indica que limita polo oeste, muro e monte veciñal.

– A partilla amigable do ano 1935 en favor de Jaime Treus Tallón que se corresponde coa parcela catastral número 152, que é límite polo leste da parcela 823 e que se describe canto aos seus límites, entre outros: leste, muro; oeste, monte.

– Escritura privada datada no ano 1949 sobre a partilla amigable da herdanza de Juan Manuel Romero Castro, que relaciona a leira denominada Monte da Changuiña, do lugar de Outeiro, de 1,49 áreas e que limita, norte, José Lapido; sur, Francisco Muñiz, leste muro e oeste monte público (parcela 154b, que tamén é límite polo leste da parcela comunal 823).

– Escrito de operacións particionais das herdanzas de Manuel Lapido Lapido e Aurora Castro Suárez en que se describe na partida 6 do inventario a leira na paraxe Changuiña de Abaixo que limita “....leste, río e oeste, en máis alto, baldío veciñal” (parcela 156b).

– Francisco Muñiz García presenta ante o Concello de Boiro o documento de partilla da herdanza no ano 1981 en que se lle atribúe a parcela denominada Chanquiña, no lugar de Outeiro, da parroquia de Lampón de 2,98 a. que linda: “.....oeste, carreiro de pés” (correspóndese coa parcela 153, que tamén é limíte polo sureste da comunal 823).

– Partilla que presenta Ventura Treus Sampedro en nome de Ángela Castro Maceiras sobre a leira da súa propiedade (parcela 151 tamén limíte polo sureste da comunal 823) que indica que limita polo poente, monte.

Todos estes documentos teñen en común que se corresponden con parcelas catastrais limítrofes da parcela 823 polo seu lado leste e que non variaron os seus límites desde que se adxudicaron ata a actualidade, polo que se pode deducir que existe un recoñecemento da parcela 823 como monte ou baldío veciñal ou monte público por varias escrituras antigas, coincidindo coa certificación do Arquivo Histórico de Galicia sobre os lindes da parcela 823 no ano 1959, e cos datos catastrais actuais ata o ano 2009, en que se dá de alta as parcelas número 870 e 871, que ocupan o que ata ese momento era considerado por todas as escrituras como monte.

Existen tamén no expediente os datos catastrais da parcela 219 (limítrofe polo norte coa parcela 823), cuxa titular no ano 1959, segundo certificación catastral, era Amparo Suárez Tubío, e que na certificación de partilla da súa herdanza no ano 1975 no predio número 4 a define así: “outro denominado Froxán, no lugar de Goiáns, da semeadura de sete concas equivalente a dúas áreas corenta e cinco centiáreas, linda norte, Elvira Buceta, Sur, monte; leste, Juan Romero e oeste, Francisco Tubío Hermo”. Esta leira segue a estar coa mesma superficie e lindeiros no catastro actual, e se limitaba polo sur con monte no ano 1975, non era unha parcela particular como defende o titular da parcela 870, creada ex novo no ano 2009, aínda que alegase a súa existencia desde o ano 1965, data en que, segundo afirma, esta leira se adquiriu por poxa pública de Joaquín Santos Saíñas ante o xuíz de Primeira Instancia de Noia nun procedemento de quebra dos bens de Vicente Sobradelo.

• No informe do Distrito do 15 de febreiro de 2013, solicitado de acordo co disposto no artigo 20 do Decreto 260/1992, faise constar a existencia de depósitos de residuos agrícolas e forestais na parcela 823 (podas de viñas e froiteiras, salgueiros, plantas ornamentais e outros) práctica que é costume dos veciños do lugar sen que ninguén se opoña. Tamén informa de que a parcela era usada polos veciños para levar a pacer o gando, malla de cereal, campo de xogos para nenos e adultos e depósito e lugar de serra de troncos e leñas sacadas do monte, así como unha explotación dunha canteira.

Esta afirmación foi confirmada por varias testemuñas ante o Xurado. Así, un veciño manifesta que el con frecuencia traía cuncha da Conserveira de Escurís e deixábaa na parcela 823 porque era unha leira do común; que tiña tamén un cabalo e que o deixaba na leira a pacer; que outros tiñan vacas e facían o mesmo. Que se alguén lle comentaba algo dicía que o facía porque era unha parcela do común e que nunca tivo problemas porque era unha práctica habitual dos veciños; tamén deixaban el e outros troncos amontoados de leña para despois serrar. Lembra tamén que nalgún tempo se utilizou como vertedoiro cando a canteira deixou un oco, e ata que se fixo o recheo utilizábano os veciños con este fin.

Outro veciño ante o Xurado afirmou que nos anos oitenta se fixo a estrada que linda polo oeste coa parcela comunal 823 e que para a construír o Concello de Boiro forneceu os materiais e os veciños do lugar puxeron a man de obra. Que había un camiño de servidume que daba acceso ás parcelas núm. 147, 148, 149 e 150 que desapareceu cando rematou a explotación da canteira que existía no suroeste da leira, e que este camiño case centenario aínda existe parcialmente na parcela núm. 146, que é limítrofe polo sur coa parcela 147.

• Canto á alegación realizada polo concello de Boiro de que a parcela da Canteira da Changuiña é comunal da súa propiedade, e un ben imprescritible, inembargable e inalienable, resulta paradoxal a devandita afirmación e defensa neste expediente cando o Concello consentiu –porque lle deu audiencia a Xerencia Rexional do Catastro– que se desen de alta as parcelas 870, 871 e 872 ou ampliasen a súa superficie inicial as parcelas 147, 148, 149 e 150 á custa da superficie do que designa como monte comunal inembargable, ou que mesmo iniciase unha investigación de oficio sobre a devandita parcela cando xa se realizaran estas modificacións na parcela inicial 823 que, segundo a actualización do catastro do ano 2001(que tamén se lle deu traslado e audiencia) tiña unha superficie de 5.827 m2, e quedou reducida despois das supostas ocupacións a 1.654 m2. Se o Concello tivese certeza da propiedade desta parcela como comunal de seu, e do seu carácter imprescritible, non permitiría estas ocupacións nin iniciaría unha investigación como a que realizou.

• Canto á alegación feita por Carmen Fernández Silva de que é dona da parcela catastral número 148, cómpre salientar que a escritura privada de compravenda que presenta como fundamento da súa propiedade do ano 1969, leira adquirida a Marcelina Vila García, a define do seguinte xeito: “unha herdade a toxal onde chaman Changuiña deste lugar do Outeiro de semeadura un ferrado que limita norte José Lapido; sur Carmen Fungueiriño, leste río, oeste monte”. Se a escritura indica que limita polo oeste con monte, e non con camiño (que xa existía como tal cando menos desde o ano 1959 segundo certificación do Arquivo Histórico do Reino de Galicia, onde consta como propietaria da parcela 148 Marcelina Vila García), non está xustificado documentalmente que recentemente solicite a modificación no Catastro no ano 2008 para que a súa leira número 148 chegue ata o camiño/estrada achegando como título de propiedade o mesmo, e ocupando, en principio, a parte suroeste da parcela número 823 do monte comunal e incrementando así a superficie catastral respecto da superficie escriturada.

• Manuel Sánchez Lojo presenta un escrito o 17.6.2013 en que, en síntese, manifesta que é propietario da parcela catastral nº 149 do polígono 25 do concello de Boiro; que é dono por escritura de pacto de mellora outorgada pola súa nai, Josefa Lojo Somoza, formalizadas o 22.10.2011, que, pola súa vez, lle transmitiu por doazón o seu pai José Lojo Fungueiriño (ano 2000); que a leira está pechada e limitada e que obtivo licenza para isto do Concello de Boiro no ano 1977. Non obstante, da documentación que figura no expediente sobre esta leira cómpre salientar:

– Que na escritura pública que presenta do 22.12.2011 o notario fai constar que “os outorgantes –ao meu requerimento– manifestan que a descrición contida na certificación catastral incorporada (15011A025001470001MU) non se corresponde coa realidade física da leira, que difiere canto a superficie e lindeiros”.

– Que o documento achegado a cota do herdeiro José Lojo Fungueiriño do 5 de novembro de 1977 a leira en cuestión é descrita como “Chanciña, en Goiáns, parroquia de Lampón, concello de Boiro, de seis áreas trinta e cinco centiáreas iguais a dezaoito concas. Límite, norte, muro da leira; sur, herdeiros de Juana Ares; leste, río e oeste, camiño de carro”.

– Que a licenza que outorgou o Concello de Boiro a José Lojo Fungueiriño en setembro de 1977 para realizar o peche nunha leira –que non consta a súa identificación catastral– indica expresamente que “pola súa parte oeste quedará a unha distancia superior aos 6 m do eixe do camiño veciñal de carro” (que ben pode ser o camiño ou servidume que existía antigamente e que daba acceso a esta e ás leiras 147, 148, 150, 151, 152 e 153, xa que o camiño/estrada actual xa era no ano 1959 de tal entidade que se facía expresa mención como camiño nas escrituras e non simple camiño veciñal de carro).

– Que o plano de medición realizado en abril de 2009 para presentar ao Catastro e que serviu de base para a posterior modificación da superficie da parcela incrementa a superficie desta de 6,35 m2 –que consta en todas as escrituras das que trae causa– ata 8,98 m2.

• José María Fernández Silva presenta escrito o 19.6.2013 en que, en síntese, manifesta que é dono da parcela catastral 872 do polígono 25 do concello de Boiro, que lle pertence por herdanza dos seus pais nunha terceira parte indivisa (escritura de 2002) e despois por doazón dos seus irmáns das dúas partes restantes, feita en escritura pública do 12.1.2005. Da documentación achegada na súa defensa, cómpre salientar que na escritura do 27.3.2002, en que se describen tres leiras, as dúas primeiras teñen referencia catastral e presenta documentos de pagamento do IBI do ano 2001; no entanto a correspondente á parcela denominada A Changuiña, esta non ten referencia catastral ningunha (non está dada de alta no Catastro); o documento de propiedade de que trae orixe é por compra en documento a Dolores e Manuel Silva Piñeiro de hai máis de corenta anos, que non poden exhibir (indica o notario) e que a superficie desta parcela é de 525 m2, descrita do seguinte xeito: “linda polo norte con herdeiros de Agapito Castro; sur, herdeiros de Carmen Fungueiriño; leste, río e oeste, camiño”. Esta leira foi dada de alta por primeira vez no catastro en xullo de 2009 cunha superficie de 1.126 m2, a pesar de que na escritura se indica 525 m2; tal e como se deu de alta, os seus lindes polo norte son (e tiñan que ser antes tamén) ademais de herdeiros de Agapito Castro, a parcela 823 (que non se indica, cando no catastro actual consta como comunal, Canteira da Changuiña); polo leste, linda coa parcela 154, que xa existía desde o ano 1959 segundo o Arquivo Histórico de Galicia, xa que esta parcela non linda apenas co río polo leste.

• Josefa Romero Lapido presenta un escrito o 27.6.2013 en que o predio catastral numero 150 é da súa propiedade e que lle pertence por herdanza do avó, pero que non pode achegar documento porque está extraviado. Achega escritura de propiedade do propietario orixinal da leira, Juan García Lapido, cunha superficie de 387 m2 e escritura de compravenda do avó da dicente, José Lapido Tubío; ademais, alega que é de público coñecemento que antes sempre se puña menos cabida da real, de aí que o informe do perito que achega indique que a superficie da leira é de 482 m2. Cabe destacar que na descrición da leira na cota de partilla de 1945 que consta no expediente, se indica que a leira da Changuiña limita polo oeste con estrada (aínda que esta palabra está sobreescrita sobre outra que parece indicar monte) e na cota posterior de partilla en favor de Josefa Romero Lapido do ano 1983 se describe polo lado oeste con canteira. É imposible que no ano 1945 o linde oeste fose estrada porque esta non existía como tal senón que era un simple camiño; se acaso, debería dicir camiño; logo, en escritura posterior, indícase canteira e se esta leira linda con canteira é porque lindaba coa parcela 823, na cal queda constancia no expediente que pola súa parte suroeste había unha canteira. Ademais, a diferenza de superficie de 387 m2 a 482 m2 non ten argumentación máis que nun plano feito por técnico para a interesada no ano 2009, pero cando se actualizou o catastro no ano 2001 esta parcela, xunto coas demais parcelas que incrementaron a superficie recentemente ou o titular da parcela de nova creación (parcela 872), non manifestaron ningunha discrepancia ante a Xerencia do Catastro, de aí que mantivesen as súas superficies e límites ata o momento en que se modificaron no ano 2009.

• Solicitado informe á Xerencia Rexional do Catastro sobre as modificacións de superficie e lindeiros das parcelas núm. 147, 148, 149, 150 e a nova alta da parcela 872, por escrito do 29.10.2013, indica que estas modificacións se realizaron como consecuencia da presentación por parte dos respectivos titulares catastrais dun escrito conxunto acompañado do correspondente plano de medición das leiras xunto coa documentación de títulos de propiedade que son os mesmos que agora presentan e que incrementan todos eles a súa superficie nos planos da indicada nas escrituras.

• Canto á alegación de Carlos Rodríguez Muñiz, en nome e representación de Autocares Muñiz, S.L. de que a sociedade que representa é propietaria da parcela nº 870 do polígono 25 do concello de Boiro, e que a adquisición da leira se remonta a poxa pública de Joaquín Santos Saíñas e posterior venda da parcela a Salvador Muñiz Santiago fundador de Autocares Muñiz, S.L., cómpre dicir o seguinte:

– Esta leira na súa escritura de orixe do ano 1965 é descrita da seguinte forma: “Soar denominado Changuiña, consistente nun terreo a inculto, sito no lugar de Outeiro, parroquia de Lampón, termo municipal de Boiro, dunha extensión superficial de trinta e cinco concas, equivalentes a catorce áreas once centiáreas, que linda: norte, monte público; sur, José Lapido Lapido; leste, muro e despois varios; e oeste, monte común”. Á vista dos lindes descritos esta parcela, non pode situarse onde agora está no catastro porque se o seu norte era monte público (aínda que mudou en escrituras posteriores por “monte público, realmente rego de auga”), non pode estar lindando con parcelas particulares (núm. 215 a 220), leiras que desde o ano 1959 ata agora están lindando polo norte; o seu sur é José Lapido segundo as escrituras, pero realmente segundo tanto o catastro de 1959 como o actual e se estivese onde agora se coloca, o seu sur ten que ser comunal ou Canteira da Changuiña; se o seu oeste era monte común no ano 1965 segundo a escritura de orixe (logo mudouse na escritura posterior a “monte común, hoxe camiño, logo muro e a continuación Serverino Araújo Lapido), se estivese situada onde agora se indica, debería dicir que lindaba polo oeste con camiño, que era un límite claro e existente xa desde o ano 1959 e non mudou ata agora (que é unha estrada).

– Esta leira inscribiuse por primeira vez no Rexistro da Propiedade de Noia como urbana co nº 9577 o 23 de xuño de 1983 en virtude do artigo 205 da LH e sen prexuízo de terceiro. Naquela hora non estaba tampouco catastrada.

– Consultouse o Arquivo Histórico de Galicia sobre o predio orixinal de propiedade de Vicente Sobradelo Triñanes e infórmase de que non existía ningunha cédula de propiedade en favor desta persoa no concello de Boiro no Catastro da riqueza rústica.

– Segundo informou a Xerencia Rexional do Catastro, cando se realizou a revisión do catastro do concello de Boiro no ano 2001, a parcela 823 (comunal) non sufriu ningunha modificación nin en lindes nin en superficie, aínda que se lles deu audiencia a todos os titulares catastrais coñecidos e ao Concello de Boiro para información pública, ademais de publicarse no BOP.

– Vai ser moi posteriormente, no ano 2009, cando a parcela número 870 se deu de alta por solicitude do representante de Autocares Muñiz, S.L. presentada en setembro de 2008, na cal achegou a documentación xa mentada e plano de citada (no cal se modifica a superficie da escritura de 14,11 áreas a 16,90 áreas), sen comprobación da correspondencia dos seus lindes escriturados coa realidade física e catastral existente.

De todas as actuacións que constan no expediente queda acreditada a existencia da parcela comunal número 823 do polígono 25 do concello de Boiro, que mantivo os seus lindes pacificamente inalterables desde o ano 1959 ata o ano 2009; que avala este carácter que as escrituras antigas das parcelas limítrofes tanto polo norte como polo leste mencionan sempre o carácter de monte, monte público, baldío veciñal, e, en ningún caso como parcela privada. Que cando se realizou unha revisión do Catastro no ano 2001 se deu audiencia a todos os titulares catastrais coñecidos e a parcela 823 non mudou nin en lindes nin en superficie; como, en consecuencia, tampouco o fixeron as leiras estremeiras que agora reclaman; que foi a partir de 2009 e por escrito conxunto dos titulares catastrais 147, 148, 149, 150 e 872 cando se realizaron as ampliacións destas parcelas cun incremento das súas superficies respecto das escrituras presentadas presentando como único apoio unha planimetría realizada por instancia dos interesados (a parcela 872 creouse ex novo); que estas modificacións levaron consigo ampliacións dos peches das leiras, o que motivou a reclamación dos veciños do lugar da Changuiña ao Concello de Boiro para que xustificase os títulos que posuían para isto; que non pode alegar o Concello de Boiro o carácter de ben propio da parcela 823 e imprescritible cando, de ser así, non permitiría as ocupacións e perdas da superficie. Por último, o uso veciñal desta parcela vén avalado, ademais, polos testemuños dos veciños do lugar realizadas tanto ante o Concello de Boiro como ante o Xurado, como tamén pola comprobación realizada polo Distrito Forestal IV e reflectida no seu informe.

Por todo o exposto, da análise conxunta de toda a documentación que figura no expediente, e sen prexuízo das cuestións de dominio que se poidan sucitar para o que deberá acudirse á xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.9 da Lei 55/1980, de montes veciñais en man común, e logo da proposta da instrutora e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este Xurado

ACORDA:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte Canteira da Changuiña en favor dos veciños do lugar da Changuiña da parroquia de Santiago de Lampón, do concello de Boiro, cos lindeiros, superficie e características indicadas no antecedente segundo, e conforme a planimetría presentada polos solicitantes no seu informe técnico do 29.6.2012 e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 16.11.2012 que forma parte integrante da presente resolución.

Notifíquese a presente resolución aos interesados».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 14 de febreiro de 2014

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña