Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 6 de marzo de 2014 Páx. 9563

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de febreiro de 2014 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

Mediante Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro) fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e un membros.

O artigo 77 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que a representación dos intereses sociais no Consello Social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do Consello Social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

O 8 de xullo de 2013 a Secretaría Xeral de Universidades comunícalles aos presidentes dos consellos sociais a nova composición que resulta da regulación contida no artigo 77.3 da Lei 6/2013, e solicítalles que comuniquen o acordo de designación dos seguintes membros: d) Un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. g) Un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades. h) Un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

O 20 de decembro de 2013 e o 18 de febreiro de 2014 o presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, comunícalle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a designación dos seguintes membros: 1) Designados polos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia: Alfonso Varela Vidal, pola Confederación Intersindical Galega (CIG). 2) Un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades: Mª del Carmen Piñeiro Lemos, polos colexios profesionais.

Xúntase declaración de non estar incursos nas incompatibilidades sinaladas no artigo 78 da Lei 6/2013, do 13 de xuño.

Non se nomea o membro designado pola asociación de antigos alumnos, xa que o presidente do Consello Social remite certificación do secretario xeral da Universidade da Coruña, comunicando que a universidade carece de asociación de antigos alumnos.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social lle serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear, en aplicación do artigo 77.3 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, os seguintes membros para formar parte do Consello Social da Universidade da Coruña:

– Alfonso Varela Vidal, como representante da Confederación Intersindical Galega (CIG).

– Mª del Carmen Piñeiro Lemos, como representante dos colexios profesionais vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Artigo 2

Non se nomea ningún membro designado pola asociación de antigos alumnos, por carecer a universidade de asociación de antigos alumnos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria