Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 6 de marzo de 2014 Páx. 9707

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2014, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución para a instalación eléctrica de liña de media tensión e centro de seccionamento para ETAP Monforte de Lemos, no concello de Monforte de Lemos (expediente 8092 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia do Concello de Monforte de Lemos, con enderezo para os efectos de notificación na r/ do Comercio nº 6, dese concello, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 18.2.2013 ten entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Lugo a solicitude presentada polo citado organismo para a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da liña de media tensión e centro de seccionamento para ETAP Monforte de Lemos, achegando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE do 27 de decembro de 2000, núm. 310), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo. O trámite de información pública, para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, considérase cumprido co anteriormente realizado para o proxecto de ampliación e mellora do sistema de tratamento de auga potable de Monforte de Lemos, que describía todas as obras para realizar incluíndo a instalación eléctrica que nos ocupa, cuxas características técnicas principais resultan coincidentes coas contidas neste proxecto. O dito trámite de información pública foi acordado por Resolución do alcalde de Monforte de Lemos do 7 de outubro de 2011 e publicado no BOP de Lugo núm. 253, do 7 de novembro; nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia, desa mesma data; no DOG núm. 213, do 8 de novembro de 2011; no taboleiro de anuncios do Concello de Monforte de Lemos do 8 de novembro ao 8 de decembro de 2011 e no da Sociedade Estatal de Augas das Bacías do Norte, S.A. (acuaNorte), a quen se lle encomendou a execución do proxecto que aprobou definitivamente o 27 de decembro de 2011 o concello. Nese trámite de información pública do proxecto inicial formuláronse alegacións pero ningunha delas se refería, en concreto, ás instalacións eléctricas proxectadas polo que non se teñen en conta para os efectos da resolución do presente expediente.

Terceiro. En canto á tramitación de separatas do presente proxecto de instalación eléctrica, Unión Fenosa Distribución, S.A. emitiu o seu condicionado con data do 26 de marzo de 2013 (con entrada na Xunta de Galicia o 4 de abril) que foi aceptado polo Concello de Monforte de Lemos mediante escrito do 23 de xullo de 2013 con entrada no rexistro administrativo de Lugo o 21 de agosto. Por outra banda, o proxecto conta coas autorizacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, tanto no ámbito da súa competencia como órgano de bacía afectado polo conxunto das obras proxectadas para a ampliación e mellora do sistema de tratamento da auga potable (autorización do 28 de febreiro de 2013) como no que lle afecta a súa titularidade da liña eléctrica sobre a que se actúa, autorizando expresamente por Resolución do 11 de febreiro de 2014 a modificación dos primeiros metros da liña eléctrica que subministra a caseta situada xunto á presa de Freixo-Ribasaltas, soterrándoa baixo o camiño de servizo do canle da marxe esquerda do regadío do Val de Lemos, baixo o cumprimento dunha serie de condicións xerais e particulares. De acordo co exposto dáse por cumprimentada a tramitación prevista no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Xunto co anterior, hai que ter en conta que a citada resolución de información pública do 7 de outubro de 2011 incluía a relación de bens e dereitos afectados polas obras da ETAP de Monforte de Lemos (incluída a parte das súas instalacións eléctricas) e o acordo plenario do 27 de novembro de 2011 recollía a correspondente declaración de utilidade pública da dita obra e a solicitude de declaración, pola Xunta de Galicia, da urxente ocupación dos terreos. Así, polo Decreto 92/2012, do 8 de marzo, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia (DOG núm. 56, do 21 de marzo), declarouse a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de ampliación e mellora do sistema de tratamento de auga potable de Monforte de Lemos.

Posteriormente seguiuse o procedemento de expropiación que o peticionario acredita con copia das actas previas á ocupación levantadas o día 2 de maio de 2012 así como das actas de ocupación asinadas de mutuo acordo cos propietarios afectados, e levantadas na mesma data, o que evidencia a dispoñibilidade dos terreos (predios nº 3, 4, 5, 6 e 23) polos que discorre a instalación eléctrica de referencia e a súa declaración de utilidade pública para os efectos do artigo 140 e seguintes do Real decreto 1955/2000.

Sexto. Persoal técnico desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente con data do 11 de febreiro de 2014, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

A este feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo, da Consellería de Economía e Industria, é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria e no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, postos en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. De acordo co exposto nos antecedentes de feito, no expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997 e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. En relación coa aplicación desas normas no presente caso cómpre ter en conta a disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Por razón do que antecede e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar ao Concello de Monforte de Lemos o establecemento da instalación eléctrica denominada Liña de media tensión e centro de seccionamento para ETAP Monforte de Lemos, no dito concello, coas seguintes características técnicas principais:

1. Paso aéreo a soterrado con orixe no apoio fin de liña proxectado C-2000-12, propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A. e final nunha cela de liña proxectada no centro de seccionamento, tamén proxectado, e situado ao lado do apoio, cunha lonxitude de 14 metros en condutor tipo RHZ-150 mm.

2. Centro de seccionamento proxectado en edificio prefabricado tipo Ormazabal PFU-4 (no cal se sitúa tamén o centro de protección e medida expediente 8144 AT), situado ao lado do apoio fin de liña proxectado C-2000-12, no cal se instalan tres celas de liña.

3. Liña de media tensión soterrada con orixe nunha cela de liña proxectada no centro de seccionamento e final nun paso soterrado a aéreo situado nun apoio existente tipo C-2000-12, cunha lonxitude de 140 metros en condutor tipo RHZ-150 mm.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das obras asinado polos enxeñeiro técnico industrial Gonzalo Rodríguez García e visado co nº 130020 polo correspondente colexio profesional.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto Liña de media tensión y centro de seccionamento para ETAP Monforte de Lemos, presentado polo concello de Monforte de Lemos.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realizase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 13 de febreiro de 2014

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo