Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Luns, 3 de marzo de 2014 Páx. 9114

IV. Oposicións e concursos

Consello Consultivo de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2014 pola que se fai público o acordo plenario polo que se convoca proceso selectivo, mediante concurso, para cubrir unha praza de letrado/a vacante na relación de postos de traballo.

De conformidade co establecido na Lei 9/1995, do 10 de novembro, e en virtude das competencias que lle corresponden conforme o artigo 22 do Decreto 282/2003, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, esta Presidencia

RESOLVE:

Facer público o Acordo plenario do 12 de febreiro de 2014 polo que se convoca proceso selectivo, mediante concurso, para cubrir unha praza do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia, vacante na súa relación de postos de traballo.

Ao existir unha praza vacante correspondente á quenda da alínea b) do artigo 22 da Lei 9/1995, do 10 de novembro, segundo a relación de postos de traballo vixente aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 2 de novembro de 2011, o Pleno do Consello Consultivo de Galicia, na súa reunión do día 12 de febreiro de 2014, ao abeiro do artigo 15.i) do seu Regulamento de organización e funcionamento, acorda convocar proceso selectivo, mediante concurso, para cubrir unha praza de letrado/a, vacante na súa relación de postos de traballo, consonte coas seguintes bases:

I. Requisitos das persoas candidatas.

Segundo o disposto no artigo 22.b) da Lei 9/1995, do 10 de novembro, poderán tomar parte no concurso:

a) O persoal funcionario da escala de letrados da Xunta de Galicia.

b) As persoas xuristas funcionarias de carreira que exerzan a súa actividade sometidas a unha relación de dereito público.

Todos eles poderán facelo calquera que sexa a situación administrativa en que se atopen, agás que esta sexa a de suspenso en firme.

Consonte o disposto no artigo 35 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, as persoas candidatas deberán acreditar o coñecemento da lingua galega a través dalgún dos cursos, estudos ou titulacións expedidas pola Administración ou homologados por ela.

O cumprimento dos requisitos que habilitan os/as candidatos/as para tomaren parte no concurso deberán referirse á data de presentación da súa solicitude e acreditaranse documentalmente no xeito indicado na base seguinte.

Despois de transcorrer o período de presentación, as solicitudes formuladas serán vinculantes para a persoa peticionaria e o destino adxudicado será irrenunciable, agás que obtiver outro destino por medio de convocatoria pública antes de finalizar o prazo de toma de posesión.

II. Solicitudes e pagamento dos dereitos.

As persoas que desexen tomar parte no concurso deberán presentar solicitude dirixida á Presidencia do Consello Consultivo de Galicia, no prazo de vinte días a partir do seguinte ao da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes para tomar parte neste concurso axustaranse ao modelo que se publica como anexo II.

Na solicitude, inescusablemente, farase constar o grupo a que pertence a persoa funcionaria solicitante, dos referenciados na base primeira, e o cumprimento dos restantes requisitos mencionados nela. Achegarase xustificación documental compulsada polo organismo competente ou autenticada notarialmente dos ditos aspectos, agás cando se trate da xustificación dos particulares da alínea B) 2 do baremo.

A presentación de solicitudes e a documentación indicada no punto anterior farase no Rexistro Xeral do Consello Consultivo de Galicia (situado na rúa Algalia de Abaixo, 24, 2º andar, 15704 Santiago de Compostela), no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (situado no Edificio Administrativo San Caetano) ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Para os dereitos de exame, e a súa posible exención, observarase o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

O importe dos dereitos de exame é de 40,74 euros e para o seu pagamento, así como o dos gastos de transferencias, se for o caso, utilizarase o impreso de autoliquidación sinalado no anexo III, que poden baixar da páxina da internet indicada a seguir, ou en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Tamén poderá efectuarse o pagamento pola internet no enderezo:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/oficina-virtual-tributaria/tramites-tributarios-sen-certificado

(Unha vez nel entrar na oficina virtual, servizos de acceso libre).

Neste caso é obrigatorio enviar o xustificante que se imprime ao efectuar o pagamento.

Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen as taxas dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

III. Relación de persoas admitidas e excluídas.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal previsto na base IV elaborará unha relación de persoas admitidas e excluídas e indicará a causa de exclusión. Esta relación publicarase na páxina web e no taboleiro de anuncios do Consello Consultivo de Galicia, as persoas excluídas terán un prazo de dez días hábiles para reclamaren en contra da exclusión.

Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o tribunal publicará a listaxe definitiva das persoas aspirantes admitidas e excluídas.

IV. Tribunal.

O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da Presidencia do Consello Consultivo de Galicia e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 7 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta o previsto polo artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

O tribunal estará facultado para resolver sobre a interpretación das bases da convocatoria do proceso selectivo e as cuestións suscitadas en relación con elas. Efectuado o nomeamento, as incidencias que puidesen xurdir en relación coas situacións administrativas da persoa afectada serán resoltas pola Presidencia do Consello Consultivo de Galicia.

A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no Diario Oficial de Galicia. Na dita sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/da presidente/a e do/da secretario/a.

Por cada sesión do tribunal redactarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/da secretario/a e o visto e prace do/da presidente/a.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

V. Desenvolvemento do concurso.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal examinará a documentación presentada polas persoas aspirantes e procederá á puntuación dos méritos alegados de acordo co baremo que figura no anexo I.

Non serán obxecto de consideración méritos distintos aos citados, nin os que son condición habilitante para o acceso ao concurso segundo a base primeira do presente acordo.

O acordo adoptado polo tribunal farase público no taboleiro de anuncios do Consello Consultivo de Galicia e ordenaranse as persoas aspirantes segundo a puntuación obtida. Quedarán excluídas das restantes fases do concurso as persoas que non acadasen a puntuación mínima de 40 puntos.

Publicada a anterior relación, concederáselles ás persoas aspirantes un prazo de dez días para a presentación de reclamacións e, unha vez rematado, no prazo de dez días, o tribunal publicará a resolución procedente sobre elas.

Se ningunha das persoas candidatas acadar a puntuación mínima e quedar a praza convocada deserta, o tribunal poñerao en coñecemento da Presidencia do Consello Consultivo de Galicia para o seu estudo no Pleno, para os efectos da publicación da dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e ulterior convocatoria de novo concurso.

As persoas candidatas que acadasen a puntuación mínima serán convocadas polo tribunal á fase de entrevista, na cal, en primeiro termo e por tempo máximo de quince minutos, exporán perante o tribunal un resumo dos seus méritos profesionais e formación xurídica, así como o modo en que os consideran adecuados ao desenvolvemento das funcións que, legal e regulamentariamente, lle corresponden ao persoal do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia. A continuación, o tribunal poderá formularlle á persoa candidata as aclaracións que xulgue oportunas.

As ditas entrevistas realizaranse co tribunal constituído en sesión pública e a orde de actuación das persoas candidatas comezará por aquelas que o seu primeiro apelido empece pola letra B, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 13 de xaneiro de 2014 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) pola que se publica o resultado do sorteo realizado a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 67, do 3 de abril de 1996). En ningún caso a entrevista terá o carácter de exame xeral dos coñecementos xurídicos da persoa candidata.

En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumentar a puntuación inicial asignada á persoa candidata nun máximo do 15 por cento da que lle correspondese por aplicación do baremo.

A puntuación resultante da entrevista farase pública ao remate da sesión en que tiver lugar. Rematada a totalidade das entrevistas, o tribunal fará pública por orde de puntuación a candidatura que acadase o máximo e remitiralle certificación dela á Presidencia do Consello Consultivo de Galicia. En ningún caso poderá incluírse na relación maior número de persoas candidatas que o de prazas convocadas.

No suposto de empate nas puntuacións de dúas ou más persoas aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Criterio de desempate recollido no artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, segundo o cal, ao existir infrarrepresentación feminina nesta escala, o empate resolverase a favor da muller.

– Maior de idade.

– Orde alfabética recollida na base V.

Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal elevará á Presidencia do Consello Consultivo, para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a relación definitiva de persoas candidatas coa súa puntuación final, a persoa de maior puntuación será a proposta para ocupar a praza de letrado/a do Consello Consultivo de Galicia.

A persoa seleccionada será nomeada letrado/a do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia por resolución da presidencia do órgano, logo de presentar a documentación que para o efecto se lle exixa.

VI. Toma de posesión.

Co fin de proceder á cobertura efectiva das prazas nos termos do artigo 22 da Lei 9/1995, a persoa seleccionada deberá tomar posesión do seu posto ante a Presidencia do Consello Consultivo no prazo de tres días a partir do seguinte ao da publicación, se o nomeamento non implicar cambio de residencia, e no prazo de sete días hábiles se comportar cambio de residencia. Cando a persoa seleccionada obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles, consonte o disposto no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna do persoal funcionario.

De non tomar posesión nos prazos indicados, non mediando causa debidamente xustificada, entenderase que renuncia ao nomeamento obtido.

O destino adxudicado entenderase acadado voluntariamente e non dará lugar a indemnización ningunha.

VII. Normativa de aplicación.

Esta convocatoria rexerase polas súas bases e, no que non estea previsto nelas, polo disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia; no Decreto 282/2003, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento deste; no texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo; no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna do persoal funcionario, e no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

VIII. Publicación de acordos.

Agás as mencións expresas que o presente acordo realiza ao Diario Oficial de Galicia e para as resolucións nel mencionadas, o resto de acordos publicaranse na páxina web e no taboleiro de anuncios da sede do Consello Consultivo.

IX. Recursos.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que a ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administativa.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2014

Mª Teresa Conde-Pumpido Tourón
Presidenta do Consello Consultivo de Galicia

ANEXO I
Baremo de méritos

Puntuación total: 100 puntos.

A) Méritos xerais: ata 84 puntos.

1. Grao persoal consolidado en relación co posto de traballo que se convoca (máximo 10 puntos):

a) Igual: 10 puntos.

b) Menor:

Nivel 28 ou 29: 8 puntos.

Nivel inferior ao 28: 6 puntos.

2. Traballo desenvolvido: máximo 45 puntos.

a) Desempeño de postos de asesoramento xurídico cun nivel 28 ou inferior: 1 punto por ano completo, ata un máximo de 10 puntos.

b) Desempeño de postos de asesoramento xurídico cun nivel 29 ou 30: 1,50 puntos por ano completo, hasta un máximo de 16,50 puntos.

Os anos de desempeño de postos de traballo de asesoramento xurídico en postos cun nivel 29 ou 30, que non poidan ser baremados por exceder a puntuación máxima prevista nesa alínea b), serán obxecto de baremación consonte a alínea a), sen que neste caso opere o límite máximo previsto nel.

c) Desempeño de postos de asesoramento xurídico, en condición de letrado, no Consello de Estado ou órganos consultivos equivalentes: 2 puntos por ano completo, ata un máximo de 18,50 puntos.

Os anos de desempeño de postos de traballo reflectidos na alínea c) que non poidan ser baremados por exceder a puntuación máxima prevista nel serán obxecto de baremación segundo a alínea b), sen que neste caso opere o límite máximo previsto nel.

3. Antigüidade na carreira administrativa (máximo de 12 puntos, a razón de 0,40 puntos por ano completo).

4. Cursos de formación ou perfeccionamento en materias xurídicas relacionadas co posto de traballo que se convoca e cunha duración igual ou superior a 100 horas. Só se tomarán en consideración os impartidos por universidades ou centros oficiais de formación que expidan certificación de asistencia ou diploma (máximo de 10 puntos).

5. Titulación en cursos de galego sobre linguaxe xurídica ou administrativa (máximo de 7 puntos, consonte os seguintes parámetros):

a) Curso de nivel medio de linguaxe xurídica galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, así como as equivalencias recoñecidas no artigo 5.2 da Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas: 4 puntos.

b) Curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega, curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega, así como as equivalencias recoñecidas no artigo 5.2 da Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas: 7 puntos.

A avaliación do curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega ou do curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega implicará que non se compute estar en posesión dos correspondentes cursos de nivel medio.

B) Méritos específicos: ata 16 puntos.

1. Titulacións universitarias oficiais: 11 puntos máximo.

a) Doutor en programas de doutoramento de dereito: 8 puntos.

b) Licenciatura ou grao en ciencias políticas e da Administración: 3 puntos.

2. Publicacións en materias xurídicas que conten con ISBN ou ISSN: máximo 5 puntos.

A publicación acreditarase mediante a achega do orixinal ou fotocopia compulsada destas.

A puntuación que se asigne por cada publicación será realizada polo tribunal en razón ás características daquela: temática, extensión, dificultade de realización e rigor xurídico-científico, atendendo en todo caso á cualificación das revistas en que se produza, se for o caso, a publicación.

missing image file
missing image file