Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 26 de febreiro de 2014 Páx. 8196

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 19/2014, do 13 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun tramo antigo da estrada PO-532 desde o p.q. 11+300 ao p.q. 11+770 en prol do Concello de Ponte Caldelas.

Segundo o previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei dispón no artigo 54, en consonancia co artigo único do Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo do acordo ou convenio entre as administracións implicadas.

O Concello de Ponte Caldelas solicitou a transferencia de titularidade dun tramo antigo da estrada PO-532, tramo illado xerado polas actuacións nesta estrada, correspondente á travesía antiga de Tourón, que está urbanizada e acondicionada cunha lonxitude de 400 m e que ten o seu inicio no p.q. 11+300 e o seu final no p.q. 11+800 aproximadamente.

Ao amparo das previsións legais, a Área de Planificación e Programación dependente da Axencia Galega de Infraestruturas emite informe favorable ao cambio de titularidade do tramo antigo da estrada PO-532 desde o p.q. 11+300 ao p.q. 11+770 en prol do Concello de Ponte Caldelas.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de febreiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Ponte Caldelas do tramo antigo da estrada PO-532 desde o p.q. 11+300 ao p.q. 11+770.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Ponte Caldelas deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponde ao Concello de Ponte Caldelas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de febreiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas