Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 26 de febreiro de 2014 Páx. 8174

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con estas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito dos galegos a viviren e traballaren na súa propia terra.

Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia veu desenvolvendo, principalmente a través da Secretaría Xeral da Emigración, numerosas medidas de apoio aos galegos e galegas residentes no exterior que axuden a manter os seus vínculos de relación e pertenza, especialmente co fin de favorecer o seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia de modo que poidan fixar a súa residencia, integrarse e, se é o caso, realizar nela as súas actividades profesionais, empresariais ou laborais.

Entre estas medidas, e coa finalidade de promover o retorno das persoas galegas emigrantes como fórmula eficaz de reincorporación á sociedade galega, esta secretaría xeral considera de interese apoiar o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, mediante o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, mediante a convocatoria de subvencións para axudar a sufragar determinados gastos derivados do seu establecemento.

De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei, a convocatoria tramitarase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención irán sendo atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos básicos en que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, subvencionando os gastos que produce o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2014.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederanse a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 3 desta resolución.

A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que levará consigo a
inadmisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o crédito establecido para esta subvención non sexa suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas, aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9 desta resolución.

Artigo 2. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de cento noventa e sete mil euros (197.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0. dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Rematado o primeiro semestre do ano sen ter sido tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto neste artigo, este poderá reducirse ata o 50 % para poder atender outros fins, logo da correspondente resolución do secretario xeral da Emigración, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega.

2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas relacionadas no punto 1 con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

Artigo 4. Requisitos

1. Requisitos comúns.

Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3 desta resolución.

b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.

c) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data da súa alta na Seguridade Social ou Mutualidade do colexio profesional para a actividade obxecto de subvención.

d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Requisitos específicos.

Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia ou socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado.

2.1. Traballadores/as autónomos/as ou por conta propia:

a) Ser titular ou copartícipe dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens de nova creación.

b) Terse dado de alta no réxime correspondente da seguridade social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.

2.2. Socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado:

a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e/ou inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

b) Afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras no período comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.

c) Ao menos un/ha dos/as socios/as traballadores/as deberá ter a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3 desta resolución.

Artigo 5. Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os gastos de establecemento tales como gastos de notaría e rexistro, servizos de profesionais, taxas, licenzas administrativas, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pagamento para a realización de vendas online, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, auga, electricidade, telefonía e internet), xerados no período comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta resolución os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

Para estes efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

Artigo 6. Contía máxima da subvención e compatibilidade de axudas

1. O importe da subvención concedida será dun 80 % do gasto subvencionable segundo o orzamento presentado, ata unha contía máxima de 4.000 euros, para o caso de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, e de 6.000 euros, para o caso de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

As ditas contías máximas incrementaranse en 1.000 euros máis cando a persoa solicitante teña 39 ou menos anos e en 1.000 euros máis no caso de ser muller.

2. A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade.

Artigo 7. Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2014.

Artigo 9. Documentación

1. Documentación xeral para todas as persoas solicitantes:

Xunto coa solicitude as persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou fotocopia compulsada:

a) DNI da persoa solicitante no caso de non prestaren o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

b) Documentos xustificativos da condición de persoa beneficiaria do/a solicitante segundo o establecido no artigo 3 e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no devandito artigo, acreditación documental do vínculo do/a solicitante.

c) Certificado de empadroamento expedido polo concello en que resida a persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

d) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.

e) Alta no Réxime de Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional que corresponda ou, no caso das sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras.

f) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

g) Memoria explicativa do proxecto empresarial e orzamento detallado dos gastos subvencionables de conformidade co disposto no artigo 5.

h) No suposto de que a persoa solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma.

2. Cando a persoa solicitante sexa membro dunha sociedade civil ou comunidade de bens deberá achegar, ademais, contrato privado ou escritura pública de constitución da sociedade civil ou comunidade de bens e NIF da entidade.

3. Cando a persoa solicitante sexa socia traballadora dunha sociedade laboral ou cooperativa de traballo asociado deberá achegar, ademais:

a) NIF da entidade.

b) Certificado do representante legal da entidade acreditativo da condición de socia traballadora da persoa solicitante e de que conta con autorización para presentar a solicitude en representación da entidade.

4. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

5. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles para calquera destes idiomas.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade ou residencia da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no artigo 9, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a secretaría publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puider impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros e indicará o crédito orzamentario a que se imputan, persoa beneficiaria, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Artigo 11. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno.

2. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reunir os requisitos establecidos, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución, que se elevará ao secretario xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Á vista da proposta de resolución, o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

2. Segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a notificación efectuarase conforme o establecido no seu artigo 59.

Artigo 13. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver será dun mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da data de entrada do expediente completo no rexistro da Secretaría Xeral da Emigración. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles contados desde o seguinte ao da súa notificación sen que a persoa solicitante comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. No caso de renuncia, o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo secretario xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente no cal se dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 16. Xustificación

1. A actividade subvencionada deberá ser xustificada antes do 30 de outubro de 2014.

Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa, de conformidade co establecido no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A xustificación final da subvención dirixirase á Secretaría Xeral da Emigración e presentarase en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención.

b) Relación numerada das facturas con identificación do acredor e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e data do seu pagamento, segundo o modelo do anexo III desta resolución.

c) Facturas que soporten o gasto e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Todos estes documentos deberán presentarse en orixinal, fotocopia compulsada, ou formato electrónico admisible legalmente. As facturas, como calquera documento acreditativo que figure e se xunte á relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizado os pagamentos do correspondente gasto a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento, aceptando a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a un total de 1.000 euros.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo II desta resolución.

e) No suposto de que a persoa solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma.

Artigo 17. Pagamento

Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, a Secretaría Xeral da Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 18. Obrigas

Con carácter xeral, as persoas beneficiarias das subvencións convocadas por esta resolución quedan obrigadas a:

1. Acreditar o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta secretaría pode modificar a resolución de concesión.

4. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas procedentes de calquera administración ou ente público ou privado nacional ou internacional. Esta comunicación terá que efectuarse no momento en que se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

6. As persoas beneficiarias quedan obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia de xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Novagalicia Banco ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 21. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2014

Por suplencia (Decreto 88/2013, do 30 de maio; DOG núm. 113, do 14 de xuño)
José Carlos García Bouzas
Subdirector xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file