María Cristina Rodríguez Álvarez, Elena Vázquez Arias, Isabel María Prol Vázquez, María del Carmen Iglesias González, Sandra López Gómez, Noelia Maceda Gallego, Inés Arnaiz Villafranca, Diana Gómez Fernández e José Pino Vázquez interpuxeron recurso contencioso-administrativo que se tramita como procedemento abreviado 713/2013 no Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela.
O recurso contencioso-administrativo diríxese contra a Orde do 16 de outubro de 2013 do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, publicada no Diario Oficial de Galicia do 4 de novembro, pola que se convoca concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación. En concreto, o dito recurso contencioso-administrativo diríxese contra as epígrafes 1.1, 1.2 e 4 do baremo de méritos que se recolle no anexo XIV desa orde.
De conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, a través deste anuncio notifícase a interposición do dito recurso contencioso-administrativo para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas, que son emprazadas para que poidan comparecer, no Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, no prazo de nove (9) días contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2014
José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos