Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2014 Páx. 6240

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 30 de xaneiro de 2014 polo que se lle dá publicidade á resolución do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, sobre o expediente 420 que afecta os montes de Agualada solicitados como veciñais en man común polos veciños do lugar de Bormoio da parroquia da Agualada do concello de Coristanco.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 17 de xaneiro de 2014, adoptou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente.

Xefe Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña.

Antonio Manuel Aguión Fernández.

Vogais.

Letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Susana Loreta Benedeti Corzo.

Xefa do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña.

Josefa Fernández Fernández.

Representante da comunidades propietarias da provincia da Coruña.

Pilar Santamaría Calo.

Vogais representantes dos veciños do lugar de Bormoio da parroquia da Agualada do concello de Coristanco.

Manuel Feliciano Torres e Delmira Cameán Vázquez, na súa condición de presidente e vogal da xunta promotora representantes dos veciños do lugar de Bormoio, respectivamente.

Secretaria.

Xefa de Sección do Servizo Xurídico Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña.

Mª de los Dolores Añón Rodríguez.

Na cidade da Coruña, sendo o día 17 de xaneiro de 2014, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes de Agualada promovido polos veciños do lugar de Bormoio da parroquia da Agualada do concello de Coristanco.

Antecedentes de feito:

1º Manuel Feliciano Torres e Gonzalo Guiance Silvarredonda, na súa condición de presidente e secretario da comisión xestora da comunidade veciñal de Bormoio, respectivamente, presentan unha solicitude para a clasificación como monte veciñal dos montes de Agualada da parroquia da Agualada do concello de Coristanco en favor dos veciños do lugar de Bormoio, e piden que se incorpore a este expediente toda a documentación achegada no seu día ao expediente nº 314 tanto a xustificativa da condición veciñal dos montes como a planimetría das parcelas que se solicitan sexan declaradas como veciñais.

2º O Xurado, na súa reunión do 20.12.2012, acordou iniciar a tramitación, nomear instrutor do expediente de clasificación, así como incorporar ao novo expediente a documentación presentada xa no expediente anterior.

As características dos montes dos que se solicita a clasificación son as seguintes:

Monte: Agualada.

Comunidade veciñal solicitante: veciños do lugar de Bormoio.

Parroquia: A Agualada.

Concello: Coristanco.

Segundo informa o xefe de Área Técnica de Montes Veciñais o 19.5.2011 en canto aos seus límites das parcelas que constitúen os montes de Agualada que se solicitan neste expediente veñen reflectidos na información xeoreferenciada presentada polos promotores e que, en resumo, son:

Parcela 1: Braña da Chousa da Melga.

Superficie: 14.973 m2. Ref. Catastral: polígono 27-parcela 363.

Parcela 2: Texoeira.

Superficie: 2.905 m2. Ref. Catastral: polígono 27-parcela 683 (parte).

Parcela 3: Arriba do Batán.

Superficie: 7.728 m2. Ref. Catastral: polígono 30-parcela 578.

Parcela 4: Arriba do Batán.

Superficie: 96.446 m2. Ref. Catastral: polígono 30-parcelas 612 e 936.

Encravado: 8.906 m2.

Parcela 5: O Paián.

Superficie: 739 m2. Ref. Catastral: polígono 30-parcela 745.

3º No informe do Servizo de Montes elaborado en cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento do montes veciñais en man común, indícase, en síntese, que non se ten referencia ningunha deses montes no servizo, polo que se descoñece a súa titularidade e mais o seu deslindamento administrativo. Achega canda ao informe as certificacións catastrais actuais das parcelas afectadas en que se indica como titular na meirande parte delas “comunal”. En canto ao aproveitamento remítese ao informe do Distrito Forestal II .

Por outra banda, solicitase unha certificación rexistral dos predios ao Rexistrador da Propiedade de Carballo, en cumprimento do disposto no artigo 21 do Regulamento de montes veciñais, quen certifica que os predios non figuran inscritos alomenos nos termos solicitados.

4º Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do regulamento do 4 de setembro de 1992, procedeuse á correspondente tramitación e libráronse por orde do instrutor do expediente comunicacións do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do concello de Coristanco ao cal se lle remitiu edicto do acordo de inicio co fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto polo período dun mes para os efectos de alegacións dos posibles interesados; ao representante da comunidade veciñal de Bormoio; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG nº 124, do 2.7.2013). No taboleiro de anuncios do concello estivo exposto –segundo certificación achegada pola secretaria do concello do 11.9.2013– desde o 21.3.2013 ata o 11.9.2013.

5º Durante o período de alegacións non se presentou ningunha.

6º Por escrito do 11.12.2013 (rex. 8.1.2014) os representantes da comunidade veciñal de Bormoio solicitan que sexa excluída da declaración veciñal a parcela 683 (parte) do polígono 27 denominada Teixoeira por terse incluído indebidamente na solicitude inicial ao pertencer a un particular, decisión que é aprobada por maioría absoluta dos comuneiros asistentes á asemblea xeral que tivo lugar o 7 de decembro de 2013.

7º Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, exixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos os dous da Comunidade Autónoma de Galicia; Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións aplicables ao caso.

Fundamentos de dereito:

1º O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º De conformidade co contido do artigo 11 da precitada lei e o artigo 19 do seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños do lugar de Bormoio da parroquia da Agualada do concello de Coristanco son parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.

3º Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) Que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

É pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común por parte do Xurado que este teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en réxime de comunidade, sen cotas, polos veciños que a solicitan, neste caso a parroquia de A Agualada, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puidesen presentar no procedemento que deberán dirimirse ante a xurisdición ordinaria, segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

Entre a documentación que consta no expediente hai unha acta notarial do 28.6.2011 e varios escritos dos veciños maiores do lugar de Bormoio os cales afirman que ían ao monte para levar pacer os seus animais e que tamén o sementaban. Ademais no catastro actual os predios solicitados constan como propietarios a referencia “comunal” ou “veciñal”. Por outra banda, durante o período de alegacións non se presentou ningunha oposición á petición dos veciños de Bormoio de que as parcelas solicitadas sexan declaradas veciñais no seu favor, tampouco por parte do concello de Coristanco.

Ademais cómpre salientar que tanto os veciños do lugar de Agrilloi como os veciños dos lugares de Outeiro e Bormoio, todos eles da parroquia da Agualada, manifestaron noutro expediente de clasificación dos montes de Agualada promovido a favor de toda a parroquia da Agualada e que incluían estas parcelas ademais doutras, que os veciños de cadanseu lugar tiñan os seus montes propios aos cales acudían para aproveitar leña, esquilmos e pastoreo e que non estaban de acordo en que fosen clasificados todos os montes de Agualada en favor de toda a parroquia como grupo social. Hai pois un claro posicionamento dos veciños dos distintos lugares da mesma parroquia de que cada grupo veciñal tiña os seus propios montes aos cales acudir. Limitada a petición dos veciños de Bormoio ás parcelas indicadas no antecedente segundo, non houbo oposición ningunha á súa petición, polo que se está a recoñecer esa condición de veciñal en favor do grupo social do lugar de Bormoio.

Por todo o exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta do instrutor e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Clasificar como montes veciñais en man común os montes de Agualada integrados polas parcelas Braña da Chousa da Melga (parcela 1), Arriba do Batán (parcelas 3 e 4), e O Paián (parcela 5) descritas no antecedente segundo, en favor dos veciños do lugar de Bormoio da parroquia da Agualada do concello de Coristanco cos lindeiros, superficie, características e planimetría que consta no expediente, validada no seu informe do 19.5.2011 polo xefe de Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común e que forma parte integrante desta resolución.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

A Coruña, 30 de xaneiro de 2014

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común da Coruña