Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 12 de febreiro de 2014 Páx. 5770

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 14/2014, do 30 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

O artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece o procedemento de elaboración e aprobación dos estatutos das universidades, e determina que serán elaborados por aquelas e, logo do seu control de legalidade, aprobados polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma.

A Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece na súa disposición adicional oitava que as universidades adaptarán os seus estatutos conforme o disposto na dita lei nun prazo máximo de tres anos.

A Universidade de Santiago de Compostela presentou ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a proposta de estatutos, aprobada polo seu Claustro Universitario na sesión do 2 de outubro de 2012, para a correspondente aprobación e publicación por parte desta comunidade autónoma.

Emendados reparos de legalidade sobre algúns puntos foi aprobada nova redacción polo Claustro Universitario da Universidade de Santiago de Compostela en data 22 de outubro de 2013.

Na súa virtude, de acordo co disposto no citado artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, cumpridos os trámites establecidos, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xaneiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela

Apróbanse os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela coa redacción que figura no anexo deste decreto e ordénase a súa publicación.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela
Título preliminar

Artigo 1

1. A Universidade de Santiago de Compostela é unha institución pública dotada de plena personalidade xurídica e patrimonio propio, constituída polos campus de Santiago de Compostela e Lugo, que asume e desenvolve as súas funcións como servizo público esencial á comunidade mediante o estudo, a docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento, actividades para as que goza de autonomía, de acordo con estes estatutos e no marco da lexislación vixente.

2. Como Administración pública vinculada á da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Universidade de Santiago de Compostela, nos termos legalmente establecidos:

a) A potestade regulamentaria para a elaboración das súas normas de organización e funcionamento e das demais normas de réxime interno.

b) A potestade de autoorganización.

c) A potestade sancionadora.

d) A executividade dos actos e resolucións producidos polos seus órganos de goberno, así como a execución destes.

e) A potestade de revisión de oficio dos seus actos e acordos.

f) A equiparación coas prerrogativas procesuais da Administración do Estado e das comunidades autónomas nos procesos xudiciais en que sexa parte, consonte a lexislación vixente.

g) A facultade de instar conflitos de competencias.

h) A inalienabilidade, inembargabilidade e imprescritibilidade dos seus bens de dominio público, así como as potestades de deslindamento e recuperación de oficio de todos os seus bens.

i) A exención tributaria, nos termos previstos na normativa vixente, incluídos impostos, taxas, prezos públicos e demais depósitos establecidos polo Estado, comunidades autónomas ou administracións locais.

j) A exención de todo tipo de consignacións e depósitos.

k) A improcedencia de interditos, sempre que a súa actuación se axuste ao procedemento establecido.

Artigo 2

1. A Universidade de Santiago de Compostela organizarase de maneira democrática e asegurará a participación dos diferentes sectores da comunidade universitaria no seu goberno. Levará a cabo unha decidida defensa da igualdade entre mulleres e homes coa promoción da súa participación igualitaria na toma de decisións e asumirá os principios de liberdade, igualdade, xustiza, pluralismo, sustentabilidade e compromiso ético como inspiradores da vida universitaria.

2. Dada a existencia dunha comunidade natural e lingüística alén dos límites da actual Comunidade Autónoma de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela recoñeceralles ás galegas e aos galegos da emigración e ás súas fillas e fillos os mesmos dereitos ca aos residentes, nos termos recollidos no artigo 3.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

3. É deber de todos os membros da comunidade universitaria e, en particular, dos seus órganos de goberno dar plena efectividade a estes principios e impedir calquera tipo de discriminación.

Artigo 3

1. A lingua galega é a lingua propia da Universidade de Santiago de Compostela.

2. A Universidade de Santiago de Compostela potenciará e garantirá, no marco das súas competencias, o uso pleno da lingua galega en todos os ámbitos.

A Universidade de Santiago de Compostela adoptará as medidas necesarias para asegurar o coñecemento suficiente das linguas cooficiais na acollida dos seus membros, co fin de garantir os dereitos lingüísticos de toda a comunidade universitaria, nos termos previstos nestes estatutos e na demais normativa aplicable, así como a través das accións formativas que establezan os plans a que se refire o punto cuarto deste artigo.

No marco da colaboración e intercambio con outras universidades e institucións, a Universidade de Santiago de Compostela fomentará o coñecemento e a proxección exterior da lingua e a cultura galegas.

3. A Universidade de Santiago de Compostela fomentará o coñecemento e o uso de terceiras linguas por parte da comunidade universitaria.

4. A Universidade de Santiago de Compostela definirá e avaliará periodicamente o marco de acción da súa política lingüística a través de plans que deberán ser aprobados polo Claustro.

Artigo 4

1. Son funcións da Universidade de Santiago de Compostela:

a) A creación, desenvolvemento, transmisión e crítica do coñecemento científico, técnico, artístico e humanístico, de xeito que se potenciará unha educación baseada nos principios democráticos, a defensa da paz e dos dereitos humanos.

b) A preparación para o exercicio de actividades profesionais que exixan coñecementos científicos, técnicos, artísticos ou humanísticos.

c) A difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico e social.

d) A difusión do coñecemento e da cultura a través da extensión universitaria e a formación ao longo de toda a vida.

e) O apoio científico, técnico, artístico e humanístico ao desenvolvemento social, económico e cultural da sociedade galega que a sustenta.

2. Ademais das funcións básicas do número anterior, a Universidade de Santiago de Compostela desenvolverá outras actividades de extensión universitaria, dirixidas a todos os membros da comunidade universitaria e á sociedade en xeral, que terán como finalidade:

a) Procurar a formación integral dos membros da comunidade universitaria mediante a programación e organización de cursos, conferencias e todo tipo de actividades culturais, recreativas e deportivas que poidan contribuír á mellor realización deste obxectivo.

b) Potenciar os diversos grupos e asociacións universitarios que desenvolvan actividades estudantís, culturais e deportivas.

c) Proxectar as funcións e os servizos da Universidade ao contorno social.

d) Atender especialmente á defensa, desenvolvemento e difusión da cultura galega, promovendo as actividades e servizos que contribúan a este fin e mantendo as relacións necesarias coas institucións que teñan o mesmo obxectivo.

3. A Universidade de Santiago de Compostela, en canto Administración pública, no cumprimento das súas funcións rexerase polos principios de legalidade, eficacia, eficiencia, transparencia e calidade.

4. Para o mellor desenvolvemento das súas funcións, a Universidade de Santiago de Compostela propiciará o establecemento de relacións con outras universidades, organizacións e institucións, e moi en particular coas de carácter académico, científico e cultural. Atenderá dun xeito preferente ás que realicen o seu labor en países de cultura galego-portuguesa, hispanoamericana e europea.

5. A Universidade de Santiago de Compostela manterá un compromiso permanente coa protección da saúde da comunidade universitaria, para o cal fomentará en todas as súas actividades a prevención dos riscos derivados do traballo.

6. A Universidade de Santiago de Compostela garantirá a integración das persoas con discapacidade.

7. A Universidade de Santiago de Compostela garantirá a aplicación do principio de igualdade de xénero.

8. A Universidade de Santiago de Compostela acollerá un modelo de desenvolvemento sustentable baseado no respecto, na preocupación e na conservación do ambiente.

9. A Universidade de Santiago de Compostela non colaborará no desenvolvemento de proxectos con fins armamentísticos ou bélicos, sen prexuízo do respecto á legalidade vixente.

10. Para o desenvolvemento destas funcións, a Universidade posuirá as competencias que lle atribúe a lexislación vixente, así como aquelas inherentes á autonomía garantida constitucionalmente.

Artigo 5

1. A Universidade de Santiago de Compostela baseará a súa actividade na liberdade académica, que se manifestará nas liberdades de cátedra, de investigación e de estudo.

2. A liberdade de cátedra maniféstase no exercicio do dereito do seu profesorado a expresar libremente, na súa actividade docente, as súas ideas, opinións e convicións científicas, técnicas, artísticas e humanísticas.

3. A liberdade de investigación maniféstase no exercicio do dereito á libre utilización dos principios metodolóxicos, á elección dos obxectivos axeitados e ao espallamento dos resultados obtidos na actividade investigadora.

4. A liberdade de estudo, fundamentada na igualdade de oportunidades e na non discriminación do alumnado, abrangue, ademais do dereito a elixir centro e ensinanzas nos termos establecidos polo ordenamento xurídico, o de se servir dos medios da Universidade para unha activa participación no proceso da propia formación e a libre manifestación das ideas, opinións e convicións científicas, técnicas, artísticas e humanísticas.

TÍTULO I
Da comunidade universitaria

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 6

A comunidade da Universidade de Santiago de Compostela está formada:

a) Polo seu persoal docente e investigador.

b) Polo estudantado.

c) Polo seu persoal de administración e servizos.

Artigo 7

Son dereitos de todos os membros da comunidade universitaria, no marco das previsións contidas na lexislación vixente:

a) A participación nos órganos de goberno e de xestión, de acordo co establecido nos presentes estatutos.

b) A organización, promoción e participación en actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas e de extensión universitaria, e a utilización das instalacións e dos servizos universitarios, conforme o que establezan as normas da Universidade.

c) A liberdade de expresión, asociación, sindicación, reunión, manifestación e folga, dentro do ámbito universitario. O estudantado poderá suspender de maneira colectiva as súas actividades discentes e académicas.

d) A organización, promoción e participación en actividades que contribúan a vincular a Universidade de Santiago de Compostela co seu contorno e á mellora desta institución.

e) Recibir as distintas axudas ou subvencións que a Universidade estableza, de acordo cos requisitos previstos nas respectivas normas que as regulen.

f) O gozo das prestacións asistenciais e de acción social promovidas, xestionadas ou fomentadas pola Universidade, de acordo cos requisitos establecidos nas respectivas normas que as regulen.

g) A información regular, mediante a publicidade, sobre todas as cuestións que afecten a comunidade universitaria.

h) Dispor de condicións de traballo e estudo axeitadas.

i) Non ser discriminado por razón da súa discapacidade.

j) A igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes.

k) A conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

l) Dispor dos medios adecuados para contribuír ao bo funcionamento do servizo público universitario e á mellora da súa xestión.

m) O pleno respecto á súa dignidade profesional e persoal no exercicio das súas funcións.

Artigo 8

Son deberes de todos os membros da comunidade universitaria:

a) O cumprimento das obrigas profesionais, investigadoras, docentes, discentes, de xestión ou de representación, inherentes ao sector da comunidade universitaria a que pertenzan.

b) O cumprimento dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e das normas que os desenvolvan.

c) A cooperación cos demais membros da comunidade universitaria na mellora dos servizos e na consecución dos fins da Universidade.

d) O respecto do patrimonio da Universidade e a contribución ao seu digno mantemento.

e) A asunción das responsabilidades de goberno e representación propias dos órganos para os cales sexan elixidos ou designados.

f) O cumprimento das normas en materia de prevención de riscos e o respecto ao
ambiente.

g) A potenciación da vinculación e do prestixio da Universidade na sociedade.

Artigo 9

1. Son órganos de representación do persoal funcionario da Universidade a Xunta de Persoal Docente e Investigador e a Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos, e do Persoal Laboral os comités de empresa e aqueles órganos de representación que legalmente se establezan.

2. Son funcións destes órganos negociaren e, de ser o caso, acordaren as condicións de traballo de carácter económico, laboral e profesional do persoal representado por cada un deles nos temas e materias legalmente establecidos.

Artigo 10

1. A valedora ou valedor da comunidade universitaria é a persoa comisionada do Claustro Universitario para a defensa e a garantía dos dereitos e liberdades dos membros da comunidade universitaria, que poden acudir ante el ou ela cando consideren lesionados os seus dereitos e liberdades. As súas actuacións, sempre dirixidas á mellora da calidade universitaria en todos os seus ámbitos, non estarán sometidas a mandato imperativo de instancia universitaria ningunha e virán rexidas polos principios de independencia e autonomía.

2. Para o desempeño das súas funcións, o valedor disporá dos medios persoais e materiais necesarios. Todos os órganos e membros da comunidade universitaria están obrigados a auxilialo no exercicio das súas funcións.

3. O Claustro Universitario aprobará un estatuto do valedor da comunidade universitaria e procederá á súa elección por maioría absoluta para un mandato de cinco anos. Crearase unha Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor, coa composición que se recolla no estatuto do valedor e que deberá reflectir a dualidade de campus da Universidade. O mandato do valedor finalizará por dimisión ou por cesamento, acordado pola maioría absoluta dos membros do Claustro Universitario.

4. O valedor presentaralle un informe anual ao Claustro, no cal dará conta das súas actividades e incorporará as propostas de mellora que considere oportunas.

5. O valedor poderá instar e promover ante os órganos correspondentes actuacións e iniciativas para mellorar a calidade, así como os dereitos e liberdades dos membros da comunidade universitaria.

Capítulo II
Do persoal docente e investigador

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 11

A Universidade de Santiago de Compostela contará con persoal docente e investigador, integrado polo persoal funcionario dos corpos docentes universitarios e polo persoal contratado para funcións docentes e investigadoras, así como con persoal investigador en formación.

Artigo 12

1. O profesorado universitario funcionario pertence aos seguintes corpos docentes:

a) Catedráticos e catedráticas de universidade.

b) Profesores e profesoras titulares de universidade.

c) Catedráticos e catedráticas de escolas universitarias.

d) Profesores e profesoras titulares de escolas universitarias.

2. O persoal docente e investigador contratado está formado por:

a) Profesorado contratado doutor.

b) Profesorado axudante doutor.

c) Profesorado colaborador.

d) Axudantes.

e) Profesorado asociado.

f) Profesorado visitante.

g) Persoal doutor contratado pola Universidade de Santiago de Compostela consonte a lexislación vixente con cargo a programas competitivos de incorporación ás universidades de investigadores e/ou docentes, sempre que o contrato permita impartir docencia.

3. Ademais do previsto no número anterior, a Universidade de Santiago de Compostela pode contar con:

a) Profesorado emérito.

b) Persoal para lectorados de linguas modernas ou estranxeiras.

c) Persoal investigador por obra ou servizo determinado, para o desenvolvemento de proxectos concretos de investigación científico-técnica.

d) Profesorado interino de substitución.

e) Investigadores e outro persoal contratado consonte as disposicións legais.

4. O número do persoal docente e investigador contratado, computado en equivalencias a tempo completo, non pode superar o corenta e nove por cento do número total do persoal docente e investigador da Universidade. Para estes efectos non se computará como profesorado contratado quen non imparta docencia nas ensinanzas conducentes á obtención dos títulos oficiais, nin o persoal propio dos institutos de investigación adscritos á Universidade e das escolas de doutoramento.

5. O número do persoal docente e investigador contratado laboral temporal non pode superar o corenta por cento do número total do persoal docente e investigador da Universidade, computado da maneira prevista no número anterior.

Artigo 13

1. O profesorado gozará de plena capacidade docente. Cando posúa o título de doutor terá, ademais, plena capacidade investigadora.

2. A regulación das categorías de profesorado que a Universidade poida contratar conforme a lexislación aplicable establecerá os dereitos e deberes, así como as condicións de acceso, permanencia, promoción e rescisión de contratos.

Artigo 14

1. Son dereitos específicos do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela:

a) A formación permanente, coa finalidade de garantir unha constante mellora da súa capacidade docente, investigadora e de xestión, e a disposición dos recursos necesarios para esa formación.

b) A promoción académica en todos os pasos da carreira docente.

2. Son deberes específicos do persoal docente e investigador:

a) O cumprimento das diversas obrigas docentes e, de ser o caso, investigadoras e de xestión.

b) A formación permanente orientada á calidade no desenvolvemento da actividade docente, investigadora e de xestión, consonte a súa categoría, tipo de dedicación e medios dispoñibles.

c) A avaliación do estudantado con obxectividade, de acordo coas normas establecidas.

d) A colaboración no control obxectivo, periódico e rigoroso dos seus labores docentes, investigadores e de xestión.

Artigo 15

Consonte a normativa vixente, o Consello de Goberno, logo da negociación cos órganos de representación do persoal, aprobará co informe do Consello Social e informará o Claustro da relación de postos de traballo, na cal se consignarán, clasificados polos campus de Santiago e Lugo, os distintos postos, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da Universidade e respectando os seguintes criterios:

a) As necesidades dos programas de estudo, nos seus distintos ciclos, e de investigación, que tendan a unha proporción profesorado/estudantado por grupo que permita o desenvolvemento con crecente calidade da actividade docente, investigadora e de xestión do persoal docente e investigador.

b) As exixencias de persoal que derivan da ampliación do número de centros e titulacións.

c) A estabilización e promoción académica dos membros do persoal docente e investigador acreditados polas instancias externas oficiais encargadas da súa avaliación, mantendo a conveniente proporcionalidade na fixación do número de prazas de cada categoría.

d) A progresiva normalización e o respecto dos dereitos lingüísticos, establecendo, de ser o caso, perfís lingüísticos dos postos de traballo.

Artigo 16

Cando sexa de aplicación para efectos internos, o criterio de antigüidade do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela entenderase referido ao tempo de permanencia nela dentro da categoría de que se trate.

Artigo 17

A dedicación do persoal docente e investigador será preferentemente a tempo completo. O Consello de Goberno poderá acordar un cambio de dedicación, tras a solicitude da persoa interesada e informe do Consello de Departamento, consonte a lexislación vixente e sempre e cando non distorsione o normal desenvolvemento da docencia.

Artigo 18

1. Na organización das actividades docentes deberáselle garantir ao profesorado doutor o tempo necesario para un adecuado desenvolvemento do seu labor investigador.

2. Así mesmo, o Consello de Goberno, ao procurar a equiparación nas obrigas docentes, regulará o réxime de reducións para titulares de escolas universitarias e profesorado colaborador que se encontren realizando a tese de doutoramento ou que desenvolvan tarefas de investigación.

Artigo 19

1. O persoal docente e investigador poderá obter licenzas por estudos noutras universidades ou institucións científicas españolas ou estranxeiras, nas condicións que determine o Consello de Goberno.

2. O persoal docente e investigador, cada vez que cumpra un período ininterrompido de seis anos de docencia na Universidade de Santiago de Compostela en réxime de dedicación a tempo completo, terá dereito a unha licenza dun ano conservando todos os seus dereitos económicos e administrativos.

3. O Consello de Goberno elaborará a normativa de concesión destas licenzas e decidirá sobre a súa concesión, tendo en conta os proxectos de actividades que se vaian realizar. En todo caso, asegurarase de que queden debidamente cubertas as funcións docentes do departamento correspondente, para o cal o Consello de Goberno poderá habilitar partidas específicas.

Artigo 20

No marco das bases que estableza o Claustro, o Consello de Goberno aprobará un regulamento do persoal docente e investigador, no que se regulará a actividade do profesorado, que está constituída basicamente por labores docentes, investigadores, de titoría ou asistencia ao estudantado e de xestión. Este regulamento debe considerar, polo menos, os seguintes aspectos:

a) O procedemento de elaboración e aprobación das relacións de postos de traballo.

b) O procedemento de acceso e provisión das prazas de profesorado.

c) Os procedementos de control da calidade docente.

d) A inspección de servizos e o procedemento disciplinario.

e) O procedemento de declaración de situacións administrativas.

f) O rexistro do persoal docente e investigador.

g) O réxime de exención ou redución da actividade académica polo desempeño de cargos académicos e, excepcionalmente, por servizos extraordinarios prestados á Universidade de Santiago de Compostela.

h) O procedemento de aplicación da normativa de incompatibilidades.

i) A adscrición do persoal docente e investigador aos departamentos e o seu censo nos respectivos centros.

j) O réxime de incompatibilidades do persoal docente e investigador da Universidade en activo para participar na docencia, investigación e xestión de universidades privadas.

k) Os criterios para a asignación individual de complementos retributivos extraordinarios, no marco da lexislación vixente.

l) O procedemento para realizar asignacións de docencia nun campus distinto ao de destino.

m) O procedemento para facer efectivos traslados ou cambios de destino entre os dous campus da Universidade.

Sección 2ª. Do profesorado funcionario

Artigo 21

1. O persoal docente e investigador funcionario que se incorpore á Universidade de Santiago de Compostela será seleccionado por medio de concursos de acceso, que serán convocados polo reitor e nos cales deberán quedar garantidos a publicidade, a igualdade de oportunidades entre as persoas candidatas e o respecto aos principios de mérito e capacidade.

2. Correspóndelle ao Consello de Goberno:

a) Determinar a creación de prazas nos corpos de persoal docente e investigador funcionario, así como, se procede, manter, minorar ou cambiar a denominación ou a categoría dos postos vacantes, a través da correspondente relación de postos de traballo, logo de negociación cos órganos correspondentes de representación do persoal.

b) Tras a proposta do Consello de Departamento, designar o profesorado que integrará a comisión que resolverá o concurso.

3. As comisións que resolverán os concursos de acceso a prazas dos corpos de persoal docente e investigador funcionario estarán integradas por cinco profesores da área de coñecemento da praza obxecto do concurso ou de áreas afíns, do mesmo corpo ou superiores, e garantirase unha composición equilibrada entre homes e mulleres, salvo que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas. Para formaren parte das comisións deberán ser persoas de recoñecido prestixio docente contrastado e estar en posesión de dous períodos de actividade investigadora recoñecidos de acordo coas previsións do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, no caso de catedráticos, e dun destes períodos no caso de titulares.

Poderá formar parte das comisións o profesorado doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que cumpran os requisitos anteriores ou os que sexan equivalentes, así como persoas expertas nacionais ou estranxeiras de recoñecido prestixio científico ou técnico.

4. A composición das comisións responderá aos seguintes criterios:

a) Tres membros serán nomeados por proposta do Consello do Departamento.

b) Dous membros serán elixidos por sorteo público dunha lista proposta polo Consello do Departamento. O Consello de Goberno determinará o número de persoas sorteables e o procedemento para a elaboración da lista destas.

c) Polo menos dous membros da comisión que se constitúa non formarán parte do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela.

5. Consonte o previsto polo artigo 62.4 da Lei orgánica de universidades, os concursos de acceso constarán dunha única proba, que será pública e consistirá na exposición oral e debate coa comisión:

a) Dos méritos e historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial da persoa candidata.

b) Do proxecto docente e investigador que a persoa candidata vai desenvolver no caso de lle ser outorgada a praza.

6. O proceso de selección deberá valorar a adecuación de cada candidato ás tarefas docentes e investigadoras propias da praza a que se concursa, así como as competencias no uso da lingua propia da Universidade de Santiago de Compostela.

7. As reclamacións contra as resolucións dos concursos de acceso serán valoradas por unha comisión de reclamacións elixida polo Claustro.

Sección 3ª. Do profesorado contratado

Artigo 22

1. A contratación do persoal docente e investigador, agás a do profesorado visitante, farase mediante concurso público a que se lle dará a necesaria publicidade. A selección efectuarase con respecto aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

2. Correspóndelle ao Consello de Goberno:

a) Determinar a creación de postos de persoal docente e investigador contratado, así como, se procede, manter, minorar ou cambiar a denominación ou a categoría dos postos vacantes a través da relación de postos de traballo, logo de negociación cos órganos correspondentes de representación do persoal.

b) Tras a proposta do Consello de Departamento, designar o profesorado que integrará a comisión que resolverá o concurso.

3. As comisións estarán formadas por cinco profesores ou profesoras de superior ou igual categoría e título, elixidos da forma que se determine regulamentariamente. O Regulamento de contratación do profesorado establecerá o procedemento que se aplicará nos concursos.

Artigo 23

1. O profesorado contratado doutor serao para o desenvolvemento de tarefas de docencia e de investigación ou, prioritariamente, de investigación, entre doutores ou doutoras que reciban a avaliación positiva desta actividade por parte dos órganos de avaliación externa que a lei determine.

2. O profesorado contratado doutor será contratado por tempo completo con carácter indefinido.

Artigo 24

1. O profesorado asociado será contratado con carácter temporal, con dedicación a tempo parcial, entre especialistas de recoñecida competencia con actividade profesional allea ao ámbito académico universitario.

A duración do contrato será trimestral, semestral ou anual e poderá renovarse por períodos de igual duración sempre que se acredite o exercicio da actividade profesional.

2. Os contidos das actividades docentes do profesorado asociado deberán estar directamente vinculados coa súa actividade profesional e figurarán especificados na convocatoria.

Artigo 25

O profesorado axudante doutor será contratado entre doutores ou doutoras, de acordo coas disposicións legais vixentes. Desenvolverá tarefas docentes e de investigación por tempo completo, durante un período non inferior a un ano nin superior a cinco. O tempo total de duración do contrato conxuntamente co de axudante non poderá exceder os oito anos.

As situacións de incapacidade temporal, maternidade, adopción ou acollemento no período de duración do contrato interromperán o cómputo do prazo de duración.

Artigo 26

1. Os axudantes serán contratados coa finalidade principal de completaren a súa formación docente e investigadora. A contratación será por tempo completo, cunha duración non inferior a un ano nin superior a cinco. As situacións de incapacidade temporal, maternidade, adopción ou acollemento no período de duración do contrato interromperán o cómputo do prazo de duración.

2. Os axudantes colaborarán nas tarefas docentes de índole práctica o máximo de horas anuais establecido pola lexislación vixente.

Artigo 27

O profesorado visitante está constituído por docentes ou persoal investigador de recoñecido prestixio doutras universidades e centros de investigación españois ou estranxeiros, que poderán ser contratados, con dedicación a tempo completo ou parcial, para desenvolveren actividades docentes e investigadoras por un período máximo dun ano, prorrogable por outro máis.

Artigo 28

1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá, de acordo cos criterios que regulamentariamente estableza o Consello de Goberno, nomear e, de ser o caso, contratar como profesorado emérito aqueles docentes xubilados que prestasen servizos destacados á Universidade.

2. Os contratos do profesorado emérito terán unha duración máxima de cinco anos e unha retribución compatible coa pensión de xubilación.

3. O profesorado emérito terá a posibilidade de colaborar na dirección de tarefas de investigación, na docencia de posgrao e doutoramento e, en xeral, en estudos de especialización científica e profesional, en actividades de extensión universitaria e noutras equiparables.

Artigo 29

1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá contratar persoal para os seus lectorados como parte do persoal dos departamentos responsables docentes das linguas modernas. A titulación deste persoal deberá ser a de graduado ou equivalente.

2. O persoal para os lectorados asimilarase ao profesorado colaborador e, sen prexuízo do disposto no número seguinte, contratarase por un período dun ano prorrogable por outro máis, tras o informe favorable do departamento. As súas obrigas docentes virán fixadas nos respectivos contratos, en virtude das necesidades docentes do departamento.

3. A Universidade poderá determinar que a contratación de persoal para os lectorados se estableza mediante convenios de intercambio con universidades estranxeiras ou por aplicación de convenios existentes con organismos oficiais ou institucións doutros países. Farase polo tempo que acorden as respectivas institucións, de xeito que se favoreza a incorporación de titulados propostos pola Universidade de Santiago de Compostela a outras universidades.

Artigo 30

O Regulamento de persoal docente e investigador establecerá a constitución e a composición dunha comisión de revisión que valore as reclamacións que se presenten contra as resolucións dos concursos de selección de persoal docente e investigador contratado, agás para os postos de profesorado contratado doutor, nos cales coñecerá a Comisión de Reclamacións prevista no número 7 do artigo 21.

Sección 4ª. Do persoal investigador en formación

Artigo 31

Son persoal investigador en formación aquelas persoas con titulación universitaria que, estando a realizar a tese de doutoramento, sexan beneficiarias de programas de axuda dirixidos ao desenvolvemento de actividades de formación e especialización científica, técnica, artística ou humanística, de acordo co establecido na normativa deste tipo de persoal, e cuxa bolsa ou contrato estea vinculado á Universidade de Santiago de Compostela.

Capítulo III
Do estudantado

Artigo 32

Son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela aquelas persoas que están matriculadas en estudos conducentes á obtención de titulacións de licenciatura, diplomatura, grao, máster universitario ou doutoramento, así como en titulacións propias da Universidade, agás as que teñan a condición de persoal investigador en formación.

Artigo 33

Son dereitos específicos do estudantado, sen prexuízo dos demais que lle poidan corresponder en virtude da normativa aplicable:

a) Recibir unha formación e unha docencia de calidade, crítica e actualizada, tanto nos seus contidos coma nos seus métodos pedagóxicos, participando activamente en todo o proceso.

b) Coñecer con anterioridade ao período de matrícula a programación docente, así como os horarios da docencia e de exames.

c) A adaptación das actividades docentes, así como das datas e mecanismos de avaliación, ás condicións ou circunstancias especiais en que se poida encontrar por discapacidade ou calquera outra que lle limite o exercicio dos seus dereitos académicos.

d) Ser avaliado pola Universidade no seu rendemento académico de acordo con criterios públicos, obxectivos e igualitarios e dispor de mecanismos axeitados de revisión.

e) Participar activamente no control da calidade da docencia e na elaboración dos seus criterios xerais de avaliación.

f) Participar activamente, de acordo co seu nivel de formación, en tarefas de formación investigadora, tendo en conta os medios económicos e materiais dispoñibles.

g) A igualdade de oportunidades no acceso, continuidade e finalización dos estudos e a non discriminación por razóns de sexo, raza, relixión, ideoloxía, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social no exercicio dos seus dereitos académicos. Para tal fin poderase beneficiar das distintas axudas ou subvencións que a Universidade estableza, tendo en conta o rendemento académico e a súa situación económica, sen prexuízo da responsabilidade principal do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Ser protexido polo réxime de aseguramento establecido legalmente.

i) A propiedade intelectual dos traballos que realicen, no marco da súa actividade discente.

j) Recibir orientación transversal no eido educativo e profesional a través do persoal dos servizos correspondentes.

k) Ser atendido de maneira personalizada polo profesorado a través do sistema de titorías.

l) Escoller grupo de docencia, de forma que poida conciliar a súa formación con outras actividades profesionais, extraacadémicas ou familiares, e especificamente para o exercicio dos dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero e para outros casos debidamente xustificados.

m) Ser dispensado das obrigas discentes cando coincidan co desempeño de cargos de representación.

n) Recibir un trato non sexista.

ñ) A unha atención e deseño das actividades académicas que faciliten a conciliación dos estudos coa vida persoal, familiar e laboral.

o) Obter recoñecemento académico por competencias transversais e pola súa participación en actividades universitarias culturais e deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación.

p) Obter o recoñecemento, en calquera etapa da súa formación universitaria, dos coñecementos e das competencias ou experiencia profesional adquiridos con carácter previo.

q) O paro académico e a manifestación, sen que o exercicio destes dereitos lle poida supor prexuízo algún na súa avaliación académica.

r) Recibir información exacta e concreta sobre os asuntos que lle afecten.

s) O libre exercicio dos dereitos específicos das mulleres vítimas de violencia de xénero, sen que este se poida ver obstaculizado por calquera normativa, actividade ou decisión da Universidade.

Artigo 34

Ao estudantado correspóndelle asumir o compromiso de ter una presenza activa e corresponsable na Universidade. Entendidos como expresión deste compromiso e sen prexuízo dos demais que lle poidan corresponder en virtude da normativa aplicable, os deberes do estudantado son:

a) Estudar e participar activamente nas actividades académicas que axuden a completar a súa formación.

b) Respectar os membros da comunidade universitaria.

c) Coidar e usar debidamente os bens, equipamentos, instalacións e recinto da Universidade.

d) Absterse da utilización de procedementos fraudulentos nas probas de avaliación, na realización de traballos ou na formalización de documentos oficiais da Universidade, así como da participación neles.

e) Coñecer e cumprir os estatutos e as demais normas regulamentarias da Universidade.

f) Coñecer e cumprir as normas internas sobre seguridade e saúde, especialmente as que se refiren ao uso de laboratorios de prácticas e espazos de investigación.

g) Exercer e promover activamente a non discriminación por razóns de sexo, raza, relixión, ideoloxía, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social no exercicio dos seus dereitos académicos e no acceso, continuidade e finalización dos estudos.

h) Exercer, de ser o caso, as responsabilidades propias do cargo de representación para o que fosen escollidos, participando de forma activa e responsable nas xuntanzas dos órganos colexiados de que sexan membros.

Artigo 35

O Estatuto do estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Claustro, desenvolverá polo miúdo os seus dereitos e deberes e regulará as condicións de estudo na Universidade.

Capítulo IV
Do persoal de administración e servizos

Artigo 36

1. O persoal de administración e servizos coadxuva ao cumprimento dos fins e obxectivos da Universidade, realizando as funcións que lle atribúen a Lei orgánica de universidades, a lexislación autonómica que a desenvolve, os estatutos e as normas de desenvolvemento regulamentario destes.

2. O persoal de administración e servizos estará constituído polo persoal laboral e polo persoal funcionario das escalas propias e das escalas doutras universidades ou de corpos e escalas doutras administracións públicas que presten os seus servizos na Universidade de Santiago de Compostela.

3. O persoal de administración e servizos será retribuído con cargo ao orzamento da Universidade de Santiago de Compostela. As normas de desenvolvemento destes estatutos establecerán o réxime retributivo do persoal funcionario, dentro dos límites establecidos na Lei orgánica de universidades e na lexislación básica de función pública.

4. O persoal funcionario de administración e servizos rexerase pola Lei orgánica de universidades e polas disposicións autonómicas que a desenvolvan, polo Estatuto básico do empregado público e polas disposicións de desenvolvemento deste que aprobe a Comunidade Autónoma de Galicia, e por estes estatutos e a súa normativa de desenvolvemento, consonte o establecido nos artigos seguintes.

5. O persoal laboral rexerase pola Lei orgánica de universidades e polas disposicións autonómicas que a desenvolvan, polo Estatuto básico do empregado público e polas disposicións de desenvolvemento deste que aprobe a Comunidade Autónoma de Galicia, pola lexislación laboral vixente, por estes estatutos e a súa normativa de desenvolvemento e polo convenio colectivo vixente en cada momento.

Artigo 37

1. Sen prexuízo do previsto noutras normas e nestes estatutos, son dereitos específicos do persoal de administración e servizos:

a) O coñecemento das funcións propias do posto de traballo que desempeñe.

b) A formación continua e a promoción profesional.

2. Son deberes específicos do persoal de administración e servizos, ademais dos establecidos para todos os membros da comunidade universitaria nestes estatutos e os demais previstos na lexislación vixente:

a) A colaboración no control obxectivo, periódico e rigoroso do seu labor, tanto individualmente como do servizo en que se encadra, así como a participación nos procesos de mellora que estableza a Universidade.

b) A permanente actualización no posto de traballo que desempeñe, para o que contará coas accións formativas que a Universidade deseñe, de acordo con estes estatutos e coas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 38

O persoal de administración e servizos dependerá organicamente da Xerencia e funcionalmente da dirección do centro, departamento ou servizo a que estea adscrito o seu posto de traballo. Esta dependencia funcional será recollida para cada posto de traballo na correspondente relación de postos de traballo ou manual de funcións.

Artigo 39

No marco das bases que estableza o Claustro, o Consello de Goberno aprobará un regulamento do persoal de administración e servizos, tendo en conta as especificidades dos colectivos que o integran e considerando, polo menos, as seguintes cuestións:

a) O procedemento de elaboración e aprobación da relación de postos de traballo.

b) A descrición das funcións asignadas aos postos de traballo.

c) As normas que fixen criterios co alcance legal que proceda en materia de acceso, carreira, provisión, sistemas de clasificación de postos de traballo e instrumentos de planificación de recursos humanos.

d) Os procedementos de control da calidade dos servizos.

e) A inspección de servizos e o procedemento disciplinario, sen prexuízo, con respecto a este último, do considerado no Estatuto básico do empregado público, nas disposicións de desenvolvemento deste que aprobe a Comunidade Autónoma de Galicia, na lexislación laboral e no convenio colectivo aplicable.

f) O procedemento de declaración de situacións administrativas.

g) O rexistro de persoal.

h) O réxime de redución de obrigas por exercicio doutras actividades.

i) As medidas para garantir a igualdade de xénero e a conciliación da vida laboral e familiar.

j) O procedemento de declaración de incompatibilidades.

k) As normas de xestión do cadro de persoal funcionario de administración e servizos, que conterán necesariamente:

– A determinación dos procesos de xestión administrativa e de soporte ás autoridades académicas non previstos na Lei orgánica de universidades.

– O réxime retributivo, consonte o establecido na Lei orgánica de universidades e nestes estatutos, así como os criterios de aplicación da produtividade e das gratificacións.

– As normas que regulen a mobilidade.

– As normas de aplicación e desenvolvemento destes estatutos en materia de selección, promoción interna e promoción profesional.

– Calquera outra norma relativa ao seu réxime de prestación do servizo.

l) A determinación dos criterios para a elaboración e redacción do manual de procedementos de traballo de cada unha das unidades e servizos da Universidade.

Artigo 40

1. Os grupos de clasificación profesional do persoal funcionario son os establecidos no artigo 76 do Estatuto básico do empregado público. Neles están encadrados os corpos e escalas de acordo coa titulación exixida para o acceso aos mesmos:

a) Grupo A, dividido nos subgrupos A1 e A2: título universitario de grao, agás nos supostos en que a lei exixa outro título universitario.

b) Grupo B: título de técnico superior.

c) Grupo C, dividido nos subgrupos C1 e C2: título de bacharel ou técnico para o subgrupo C1 e título de graduado en educación secundaria obrigatoria para o subgrupo C2.

2. De considerarse necesario para o mellor funcionamento do servizo público universitario, o Consello de Goberno, por proposta da Xerencia, logo da negociación coa Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos, poderá crear escalas propias de carácter facultativo. Tamén poderá establecer, de acordo co contido funcional que se trate de cubrir e dos requisitos específicos de acceso, especialidades nas escalas propias.

3. A clasificación en grupos e categorías profesionais do persoal laboral de administración e servizos será a que se estableza no convenio colectivo vixente en cada momento ou de acordo coa lexislación laboral vixente. A formalización do convenio colectivo precisará do informe previo do Consello Social. Salvo pacto en contrario, o convenio colectivo prorrogarase de ano en ano se non mediase denuncia expresa das partes.

4. Corresponderalles a estes corpos e escalas, así como aos grupos e categorías profesionais do persoal laboral de administración e servizos, desenvolver o apoio, asistencia e asesoramento ás autoridades académicas, o exercicio da xestión e administración, e o soporte á investigación e a transferencia de tecnoloxía ou calquera outro proceso de xestión administrativa e de soporte que se considere necesario para a Universidade no cumprimento dos seus obxectivos.

Artigo 41

1. O Consello de Goberno, por proposta da Xerencia, que terá en conta as necesidades da docencia, da investigación e dos servizos da Universidade, despois da negociación cos órganos de representación do persoal, aprobará co informe do Consello Social a relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos e informará dela ao Claustro.

2. A relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos establecerase e publicarase anualmente e deberase indicar como mínimo:

a) A denominación dos postos e o seu réxime de prestación do servizo.

b) O centro, departamento ou servizo a que está adscrito e a súa dependencia funcional.

c) A forma de provisión.

d) Os requisitos xerais de pertenza a un grupo ou grupos de titulación determinados, o nivel de complemento de destino e as demais retribucións complementarias, no caso de postos de traballo adscritos a persoal funcionario.

e) O grupo, a categoría profesional e as retribucións complementarias, cando se trate de postos de traballo adscritos a persoal laboral.

f) De ser o caso, os requisitos específicos para o desempeño do posto de traballo, como a pertenza a grupos ou escalas determinados, a posesión de titulacións específicas ou o coñecemento experto de linguas, así como aqueles que se consideren necesarios para a correcta definición do posto de traballo.

Artigo 42

1. A selección do persoal de administración e servizos realizarase logo da superación das correspondentes probas selectivas de acceso, a través dos sistemas de oposición, concurso-oposición ou concurso, e garantirase, en todo caso, o respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade. Os procedementos de selección deberán asegurar a conexión entre os requisitos e as probas que se deben superar e a adecuación ás necesidades que deban ser cubertas.

2. As probas de acceso a prazas de persoal de administración e servizos serán xulgadas por un tribunal nomeado polo reitor, na forma que se estableza no Regulamento de persoal, no cal se garantirá a presenza equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 43

Anualmente, a Universidade de Santiago de Compostela, logo da negociación cos órganos de representación do persoal, aprobará a súa oferta de emprego público, na cal se preverá, en todo caso, a porcentaxe de vacantes que se convocarán por promoción interna.

Artigo 44

1. A provisión de postos de traballo adscritos a persoal funcionario farase ordinariamente mediante concurso de méritos e, excepcionalmente, mediante libre designación con convocatoria pública para aqueles postos que, pola natureza das funcións encomendadas ou pola súa especial responsabilidade, se determinen na relación de postos de traballo. Non obstante, os postos de traballo con nivel orgánico de xefatura de servizo proveranse por concurso de méritos. As demais unidades directivas que se poidan crear de acordo co previsto nestes estatutos proveranse por libre designación.

2. Ás convocatorias poderá concorrer o persoal propio da Universidade e o persoal doutras universidades, así como o persoal doutras administracións nas condicións que regulamentariamente se determinen, cos requisitos que fixe a relación de postos de traballo, tendo en conta os convenios asinados pola Universidade de Santiago de Compostela con outras universidades nacionais ou estranxeiras e con outras administracións públicas, que garantan o dereito á mobilidade do seu persoal en condicións de reciprocidade.

Artigo 45

1. O Consello de Goberno, por proposta da Xerencia, aprobará as liñas xerais do Plan xeral de formación para o persoal de administración e servizos. Este plan terá como obxectivos xerais a progresiva cualificación do persoal para o desempeño das funcións que ten encomendadas, singularmente no momento do ingreso na Universidade, e a formación continua que permita o desenvolvemento persoal e profesional dos traballadores.

2. Para a elaboración do dito plan constituirase unha comisión de formación con participación da Xerencia e dos órganos de representación do persoal.

Artigo 46

Constituirase unha mesa xeral de negociación do persoal laboral e funcionario de administración e servizos, que se rexerá polo establecido no artigo 36 do Estatuto básico do empregado público e que terá por obxecto de negociación as materias establecidas no artigo 37 desa norma que afecten os dous colectivos.

TÍTULO II
Da estrutura orgánica da Universidade

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 47

1. A Universidade de Santiago de Compostela, constituída polos campus de Santiago e Lugo, estrutúrase basicamente en departamentos, facultades, escolas, institutos universitarios de investigación e escolas de doutoramento.

2. Pertencen tamén á estrutura orgánica da Universidade as escolas de especialización profesional e outras estruturas de docencia ou investigación que a Universidade poida crear no uso da súa autonomía.

3. Ademais de nas cidades en que está implantada, a Universidade de Santiago de Compostela poderá promover e crear centros ou dispor de instalacións en calquera outro lugar.

Capítulo II
Dos departamentos

Artigo 48

1. Os departamentos son as unidades básicas encargadas da programación e do
desenvolvemento do ensino e do apoio da investigación dun ou varios ámbitos do coñecemento que os integran.

2. Os departamentos, tanto en Santiago como en Lugo, agruparán a todo o persoal docente e investigador pertencente a un ou a varios ámbitos afíns. O número de membros non poderá ser inferior a quince profesores con vinculación permanente á Universidade e dedicación a tempo completo.

3. A creación, modificación, supresión e determinación do nome dos departamentos corresponderanlle ao Consello de Goberno, que elaborará a correspondente normativa e procedemento.

4. Esta normativa establecerá os requisitos de tipo académico e/ou xeográfico en virtude dos cales o Consello de Goberno poderá acordar crear seccións departamentais.

Artigo 49

Son funcións dos departamentos:

a) A programación, desenvolvemento e seguimento:

– Das ensinanzas asignadas ao ámbito ou ámbitos de coñecemento da súa competencia, de acordo coas previsións dos plans de estudos, así como cos criterios xerais emanados da Universidade e cos criterios específicos emanados dos centros en que impartan a docencia.

– Dos estudos de doutoramento adscritos aos departamentos.

– Dos cursos de posgrao propio, de especialización e de formación continua.

b) O apoio ás iniciativas e actividades docentes e investigadoras do seu persoal docente e investigador, individualmente ou formando parte de grupos de investigación.

c) O rexistro actualizado da produción científica e da actividade investigadora do departamento.

d) A formación do persoal docente e investigador da Universidade.

e) A iniciativa ou, no seu defecto, informe previo, para a creación, mantemento, minoración ou cambio de denominación de prazas de persoal docente e investigador, funcionario ou contratado, así como, de ser o caso, a proposta dos membros da comisión encargada de resolver os concursos.

f) Calquera outra actividade encamiñada ao adecuado desenvolvemento da actividade docente e investigadora que non corresponda a outros órganos.

Capítulo III
Das facultades e escolas

Artigo 50

1. As facultades e escolas son os centros encargados do deseño, planificación da docencia, organización e xestión dos estudos conducentes á obtención de títulos académicos oficiais de grao e máster. Tamén poderán impartir ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos.

2. Os títulos oficiais de grao e de máster que implante a Universidade deberán adscribirse a unha facultade ou escola.

Artigo 51

Son funcións das facultades e escolas:

a) A elaboración dos plans de estudos das titulacións impartidas polo centro e a participación na elaboración daqueloutras compartidas por varios centros.

b) A organización e a xestión dos servizos docentes que lles correspondan.

c) A coordinación, a supervisión e o control da actividade docente desenvolvida no centro, das prácticas tuteladas externas e/ou prácticum recollidos nos plans de estudos e a participación nos procedementos que estableza a Universidade para a avaliación da calidade docente.

d) A elaboración dun calendario de actividades lectivas para cada curso, que se deberá facer público con anterioridade á apertura da matrícula.

e) A promoción de programas de intercambio.

f) A promoción e implantación de medidas para a realización de prácticas externas.

g) A realización das actividades de xestión académica que lles encomende a Universidade.

h) A administración dos espazos, servizos, equipamentos e recursos do centro e o control da súa calidade.

i) O coñecemento da actividade investigadora que se desenvolva no centro.

j) A realización de actividades de formación permanente ou de extensión universitaria no seu ámbito de competencia.

Artigo 52

1. A creación, modificación e supresión motivada de facultades e escolas serán acordadas, consonte o establecido pola lexislación aplicable, pola Comunidade Autónoma, ben por propia iniciativa co acordo do Consello de Goberno da Universidade, ben por iniciativa da Universidade mediante acordo do Consello de Goberno. En ambos os dous casos será necesario o informe previo favorable do Consello Social.

2. Ao expediente de creación ou, de ser o caso, de modificación xuntarase unha memoria na cal se incluirá, polo menos:

a) A xustificación da conveniencia científica, social, económica e cultural da proposta.

b) De ser o caso, o proxecto de plan ou plans de estudos das titulacións que se prevén.

c) A relación de departamentos que terán ao seu cargo a función docente.

d) Os recursos humanos e necesidades materiais.

e) A previsión razoada do número de estudantes.

f) A incidencia sobre outros centros existentes.

g) No caso de modificación, informe dos centros afectados.

3. Ao expediente de supresión xuntarase unha memoria na cal se incluirá, polo menos:

a) A xustificación da conveniencia científica, social e económica da proposta.

b) O destino dos recursos humanos e materiais afectos ao centro que se vaia extinguir, de acordo coa lexislación aplicable.

c) A incidencia sobre outros centros existentes.

d) Informe do centro afectado.

Capítulo IV
Dos institutos universitarios de investigación

Artigo 53

1. Os institutos universitarios de investigación son centros destinados á investigación científica, técnica e humanística ou á creación artística.

2. No seu ámbito de actuación, poderán organizar e desenvolver estudos de doutoramento e de formación continua ou prestar asesoramento técnico e promover a formación científica, técnica, artística ou humanística.

Artigo 54

1. Os institutos universitarios de investigación poderán ser propios da Universidade de Santiago de Compostela, interuniversitarios, creados en colaboración con organismos públicos ou privados ou mixtos, creados conxuntamente con organismos públicos de investigación, centros do Sistema nacional de saúde ou outros centros de investigación públicos ou privados sen ánimo de lucro, promovidos e participados por unha Administración pública.

2. Os institutos propios da Universidade rexeranse polo seu regulamento de réxime interno, que aprobará o Consello de Goberno.

3. Os restantes institutos serán creados a través do oportuno convenio, no cal, en todo caso, se garantirá a participación da Universidade no seu goberno, actividade e resultados científicos e económicos, polo menos en proporción aos recursos materiais e investigadores con que contribúa. O seu regulamento de réxime interno será ratificado polo Consello de Goberno.

4. No caso dos institutos interuniversitarios, dos creados en colaboración con organismos públicos ou privados e dos mixtos, establecerase unha estrutura orgánica de múltiple dependencia das entidades colaboradoras.

5. Mediante convenio, poderán adscribirse á Universidade de Santiago de Compostela como institutos universitarios de investigación centros ou institucións de investigación dependentes doutras institucións públicas ou privadas.

Artigo 55

1. A creación, modificación, supresión, adscrición e desadscrición de institutos universitarios levarase a cabo segundo o establecido nestes estatutos para as facultades e escolas.

2. As iniciativas de creación ou adscrición de institutos universitarios que partan da comunidade universitaria deberán contar coa aprobación do Consello de Goberno, oídos os departamentos interesados e logo de informe favorable do Consello Social.

Artigo 56

Nos institutos que non sexan propios da Universidade poderá haber tamén persoal científico funcionario ou laboral, dependente doutras institucións públicas ou privadas. Tamén poderán pertencer ao persoal científico dun instituto, en calidade de investigadores colaboradores, persoas alleas á comunidade universitaria.

Capítulo V
Das escolas de doutoramento

Artigo 57

1. As escolas de doutoramento son unidades destinadas a organizar e impartir as ensinanzas e actividades propias do doutoramento.

2. No seu ámbito de actuación, poderán organizar e impartir estudos de doutoramento nun ou máis ámbitos especializados ou interdisciplinares, así como outras actividades abertas de formación en investigación.

Artigo 58

1. As escolas de doutoramento poderán ser propias da Universidade de Santiago de Compostela, interuniversitarias ou mixtas, creadas en colaboración con organismos públicos ou privados.

2. As escolas de doutoramento propias da Universidade de Santiago de Compostela rexeranse polo seu regulamento de réxime interno, que aprobará o Consello de Goberno e que establecerá, entre outros aspectos, os dereitos e deberes dos doutorandos e dos titores e dos directores de teses, así como a composición e funcións das comisións académicas dos seus programas.

3. As restantes escolas de doutoramento serán creadas a través do oportuno convenio, no cal, en todo caso, se garantirá a participación da Universidade no seu goberno, actividade e resultados científicos e económicos, polo menos en proporción aos recursos materiais e investigadores con que contribúa. O seu regulamento de réxime interno, que incluirá as previsións mínimas sinaladas no punto primeiro deste artigo, será ratificado polo Consello de Goberno.

4. No caso das escolas de doutoramento interuniversitarias e mixtas, establecerase unha estrutura orgánica de múltiple dependencia das entidades colaboradoras.

Artigo 59

1. A creación, modificación e supresión de escolas de doutoramento levarase a cabo segundo o establecido nestes estatutos para a creación de facultades e escolas.

2. En todo caso, as iniciativas de creación de escolas de doutoramento incluirán as previsións precisas para garantir:

a) O desenvolvemento por parte da escola da súa propia estratexia ligada á estratexia de investigación da Universidade e, de ser o caso, das demais entidades promotoras.

b) Unha capacidade de xestión adecuada para os seus fins asegurada pola Universidade e, de ser o caso, polas demais entidades promotoras.

c) O liderado no seu ámbito e unha masa crítica suficiente de doutores profesores de terceiro ciclo e doutorandos no seu ámbito de coñecemento.

3. As iniciativas de creación de escolas de doutoramento que partan da comunidade universitaria deberán contar coa aprobación do Consello de Goberno, oídos os departamentos interesados e logo de informe favorable do Consello Social.

Artigo 60

1. Nas escolas de doutoramento que non sexan propias da Universidade de Santiago de Compostela poderá haber persoal docente e investigador funcionario ou laboral dependente doutras institucións públicas ou privadas. Tamén poderán pertencer ao persoal docente e investigador dunha escola de doutoramento profesionais externos e profesores ou investigadores visitantes.

2. Todas as persoas integrantes dunha escola de doutoramento deberán subscribir o seu compromiso co cumprimento do código de boas prácticas adoptado por ela.

Capítulo VI
Doutras estruturas universitarias de docencia ou investigación

Artigo 61

1. As escolas de especialización profesional están orientadas á formación e ao perfeccionamento profesional dos titulados e tituladas universitarios ou, de ser o caso, de estudantes de cursos avanzados das titulacións universitarias.

2. As escolas de especialización profesional poderán ser propias da Universidade de Santiago de Compostela, interuniversitarias ou mixtas, creadas en colaboración con organismos públicos ou privados.

3. A creación, modificación ou supresión de escolas de especialización profesional propias da Universidade de Santiago de Compostela, o seu regulamento de réxime interno e os criterios e condicións para o acceso aos estudos que se poden seguir nelas serán aprobados polo Consello de Goberno, oída, de ser o caso, a escola correspondente. A súa creación exixirá, ademais, informe previo favorable do Consello Social.

4. As restantes escolas de especialización profesional serán creadas a través do oportuno convenio, no cal, en todo caso, se garantirá a participación da Universidade no seu goberno, actividade e resultados científicos e económicos, polo menos en proporción aos recursos materiais e investigadores con que contribúa. Disporán dunha estrutura orgánica de múltiple dependencia das entidades colaboradoras e o seu regulamento de réxime interno será ratificado polo Consello de Goberno.

5. As ensinanzas das escolas de especialización profesional serán impartidas por profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, logo de informe do Consello do departamento a que pertenza, así como por profesionais vinculados co seu ámbito de especialización.

Artigo 62

1. A Universidade, no uso da súa autonomía, pode crear outras estruturas especializadas para o desenvolvemento dos seus fins institucionais.

2. A creación destas estruturas corresponderalle ao Consello de Goberno, de acordo cos criterios aprobados polo Claustro e logo de informe favorable do Consello Social.

Capítulo VII
Dos hospitais universitarios e hospitais e centros asociados

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 63

1. Os hospitais universitarios terán como obxectivo fundamental o desenvolvemento, no máximo nivel científico-técnico, do labor asistencial e a realización das funcións docentes e investigadoras propias dos departamentos, centros, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e escolas de especialización profesional vinculados ás áreas das ciencias da saúde.

2. Os hospitais universitarios deberán garantir a impartición dos plans de estudos e programas docentes, conducentes á obtención dos títulos oficiais ou propios da Universidade, relacionados cos ámbitos sanitarios.

3. Os programas docentes desenvolvidos total ou parcialmente nos hospitais universitarios complementaranse cos propios da formación especializada, continuada, de posgrao e de doutoramento, dirixidos aos profesionais das ciencias da saúde.

4. Terán a consideración de hospitais asociados as institucións sanitarias hospitalarias concertadas que non cumpran os requisitos establecidos pola lexislación vixente para seren hospitais universitarios.

5. Poderán ter a condición de centros asociados os centros de saúde da rede sanitaria pública adscritos ás áreas de xestión, hospitais universitarios ou hospitais asociados, sempre que a súa solicitude sexa aprobada polas autoridades sanitarias e universitarias correspondentes.

Artigo 64

A Universidade poderá establecer concertos coa Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e con calquera outro servizo sanitario público ou privado, para os efectos de impartir neles ensinanzas clínicas a estudantes e posgraduados da Universidade, de acordo co establecido na lexislación vixente.

Sección 2ª. Dos hospitais universitarios

Artigo 65

1. As funcións asistenciais dos hospitais universitarios estarán enmarcadas dentro da rede sanitaria pública e regularanse a través dun réxime de concerto acordado polas partes que a lei establece, no cal se recoñecerán as peculiaridades propias dos hospitais universitarios. Nese concerto deberán preverse, entre outras cuestións, a estrutura dos órganos de dirección e o sistema de designación, polo reitor, dos directores ou subdirectores e os representantes da Universidade na Comisión de Dirección, así como as relacións dos profesionais das ciencias da saúde coa docencia universitaria.

2. Cando no Consello de Goberno se traten temas relacionados co concerto entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego da Saúde, será convocado un representante deste.

Sección 3ª. Do Hospital Veterinario Universitario

Artigo 66

O Hospital Veterinario Universitario, radicado en Lugo, ten como obxectivos fundamentais:

a) O desenvolvemento do labor asistencial clínico veterinario, co fin de mellorar as funcións docentes e investigadoras propias dos departamentos, centros, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e escolas de especialización profesional vinculados ás áreas das ciencias da saúde.

b) A potenciación das actividades produtivas no sector primario, das cales a preservación e recuperación da saúde animal constitúen unha parte destacada.

Artigo 67

1. A xestión do Hospital Veterinario Universitario, co fin de acadar os seus obxectivos e fins, regularase polo correspondente convenio, no cal se recoñecerán as peculiaridades propias dos hospitais universitarios. Neste convenio deberán preverse, entre outras cuestións, a estrutura dos órganos de dirección e o sistema de designación do director ou directora veterinaria, que deberá ser nomeado ou nomeada polo reitor, así como as relacións do persoal facultativo coa docencia universitaria. Tamén deberán establecerse os procedementos de selección de persoal non facultativo, de maneira que se axusten aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

2. O director ou directora veterinaria deberá cumprir as condicións establecidas no artigo 71 destes estatutos.

Capítulo VIII
Dos centros docentes adscritos ou vinculados

Artigo 68

l. Son centros docentes adscritos á Universidade de Santiago de Compostela os que dependen de institucións públicas ou privadas que impartan ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, coa autorización da Universidade e baixo o seu control.

A adscrición destes centros á Universidade e a súa desadscrición serán acordadas pola Xunta de Galicia, por proposta do Consello de Goberno, tras o informe favorable do Consello Social.

2. Tamén poderán vincularse á Universidade mediante o correspondente convenio para impartir títulos propios outros centros docentes que impartan ensinanzas de nivel educativo superior ou equivalente.

3. As relacións entre os centros adscritos ou vinculados e a Universidade regularanse por medio dun convenio de colaboración, aprobado polo Consello de Goberno e asinado entre o reitor e o titular do centro. Neste convenio incluiranse, polo menos, as seguintes previsións:

a) Constitución e funcións do padroado que regulará o funcionamento do centro.

b) Obrigas que asume o centro no establecemento e desenvolvemento do ensino e da investigación.

c) Recursos materiais e persoais para o cumprimento dos seus fins.

d) Previsión sobre o procedemento de ingreso do alumnado no centro e de fixación dos prezos da matrícula.

e) Duración da adscrición ou vinculación.

4. Corresponderalle ao reitor nomear, polo menos, dous vogais do padroado e o delegado ou delegada da Universidade no centro. Tamén é competencia do reitor o nomeamento do director ou directora do centro, por proposta do padroado.

5. O control académico directo do centro exercerao o delegado ou delegada da Universidade, quen, sen prexuízo dos dereitos do titular do centro:

a) Sancionará os criterios de valoración para o acceso do estudantado e as súas avaliacións, así como os criterios para a selección do profesorado, que deberán garantir os principios de igualdade, mérito e capacidade.

b) Intervirá no proceso de selección do profesorado.

TÍTULO III
Do goberno da Universidade

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 69

1. O goberno da Universidade de Santiago de Compostela recaerá en órganos colexiados ou unipersoais.

2. Son órganos colexiados da Universidade de Santiago de Compostela:

a) O Consello Social.

b) O Claustro Universitario.

c) O Consello de Goberno.

d) As xuntas de facultade e de escola.

e) Os consellos de departamentos.

f) As xuntas de goberno e consellos científicos dos institutos universitarios de investigación.

g) Os comités de dirección das escolas de doutoramento.

h) Os órganos previstos nas normas reguladoras das demais estruturas de docencia ou investigación da Universidade.

3. A asistencia ás reunións dos órganos colexiados constitúe un dereito e un deber dos seus membros e débense prever as medidas que favorezan esta asistencia; esta farase pública na páxina web da Universidade dando cumprimento ao compromiso de transparencia da institución. Cando a natureza dos asuntos o requira, a Presidencia do órgano colexiado, por propia iniciativa, por instancia dos membros do órgano ou por petición da persoa interesada, de acordo co que dispoña o seu regulamento de réxime interno, poderá convocar para informe calquera membro da comunidade universitaria.

4. Os órganos colexiados elaborarán e aprobarán un regulamento de réxime interno, no cal se determinarán os distintos aspectos do seu funcionamento.

5. Son órganos unipersoais da Universidade de Santiago de Compostela:

a) O reitor ou reitora.

b) Os vicerreitores ou vicerreitoras.

c) O secretario ou secretaria xeral.

d) O xerente ou a xerente.

e) Os adxuntos ou adxuntas a vicerreitor.

f) Os vicexerentes ou as vicexerentes.

g) Os decanos ou decanas e os directores ou directoras de escola.

h) Os directores ou directoras de departamento, de instituto universitario de investigación e de escola de doutoramento.

i) Os vicedecanos ou vicedecanas e secretarios ou secretarias de facultade.

j) Os subdirectores ou subdirectoras e secretarios ou secretarias de escola.

k) Os secretarios ou secretarias de departamento, de instituto e de escola de doutoramento.

l) Os órganos previstos nas normas reguladoras das demais estruturas de docencia ou investigación da Universidade.

Artigo 70

1. Son altos cargos da Universidade o reitor, os vicerreitores, o secretario xeral e o xerente.

2. A Universidade manterá un rexistro dos seus altos cargos, no cal constarán as declaracións de intereses das persoas nomeadas para eles.

3. As persoas que ocupen a condición de alto cargo da Universidade non poderán:

a) Asumir como únicos responsables a docencia na aula dunha materia.

b) Gozar de licenzas ou permisos por tempo superior a dous meses, agás no caso dos permisos por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e por razón de violencia de xénero.

c) Beneficiarse das bolsas ou axudas que conceda a propia Universidade.

4. O Consello de Goberno regulará o réxime do rexistro de intereses, así como os dereitos e obrigas dos altos cargos.

Artigo 71

1. Para ser candidato ou candidata e desempeñar órganos unipersoais, o profesorado deberá estar acollido ao réxime de dedicación a tempo completo e o estudantado deberá estar matriculado na modalidade de matrícula ordinaria. O persoal de administración e servizos deberá ter como único emprego o que desenvolva na Universidade de Santiago de Compostela. Para ser titular de órganos unipersoais de centros ou estruturas que non sexan propios da Universidade de Santiago de Compostela rexerá o disposto no convenio regulador.

2. En ningún caso se poderá exercer a titularidade de máis dun dos ditos cargos nin a de calquera deles simultaneamente coa de órganos unipersoais de goberno doutra universidade ou do Consello Superior de Investigacións Científicas e dos seus centros respectivos, ou coa de representante sindical.

3. O mandato dos órganos unipersoais electivos será de catro anos e non se poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos.

4. Os cargos unipersoais electivos cesarán ao rematar o seu mandato, por dimisión, por disolución do órgano colexiado que os elixiu e, agás no caso do reitor, como consecuencia dunha moción de censura construtiva aprobada por maioría absoluta.

5. Os restantes cargos unipersoais serán nomeados e cesados segundo o disposto para cada un deles nestes estatutos.

6. No caso de cesamento o reitor resolverá, con carácter xeral, a continuidade en funcións do anterior titular ata a elección da persoa que o substitúa.

Artigo 72

1. As eleccións de membros de órganos colexiados serán convocadas pola Comisión Electoral Central. Os membros elixidos dos órganos colexiados serano por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto dos seus respectivos colexios electorais.

2. Para a elección de representantes nos órganos colexiados ou para a elección de titulares de órganos unipersoais non se admitirá o voto delegado, pero o regulamento electoral poderá admitir o voto anticipado.

3. O Consello de Goberno aprobará o Regulamento electoral xeral da Universidade, de acordo coas liñas xerais aprobadas polo Claustro, dentro do previsto nestes estatutos, que deberá establecer polo menos:

a) A condición de electores e elixibles.

b) A determinación de subsectores dentro dos sectores I, II e III dos previstos no artigo 75 e o número dos seus representantes, tendo en conta o seu peso numérico relativo dentro do correspondente sector.

c) As circunscricións electorais.

d) O número máximo de candidatos a que se lles pode dar o voto para garantir a representación das minorías.

e) As normas que garantan a presenza equilibrada de homes e mulleres.

f) O procedemento xeral para a elección dos órganos previstos nestes estatutos, incluído o procedemento de voto electrónico.

4. A resolución das reclamacións, impugnacións ou calquera outra cuestión que se suscite nos procesos electorais correspóndelle á Comisión Electoral Central da Universidade, presidida polo reitor ou persoa en quen delegue e integrada ademais por doce membros elixidos polo Claustro Universitario, de acordo coa súa composición. O Regulamento electoral xeral establecerá, de ser o caso, a composición e competencias doutras comisións electorais de ámbito inferior.

Artigo 73

1. As decisións dos órganos colexiados da Universidade adoptarán a forma de acordos e as dos órganos unipersoais, a de resolucións.

2. As resolucións do reitor e os acordos do Claustro Universitario, do Consello de Goberno e do Consello Social esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente perante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

3. Os acordos dos restantes órganos colexiados serán susceptibles de recurso de alzada ante o Consello de Goberno. As resolucións dos órganos unipersoais serán susceptibles de recurso de alzada ante o reitor.

Capítulo II
Dos órganos xerais da Universidade

Sección 1ª. Do Consello Social

Artigo 74

1. O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade de Santiago de Compostela. A súa composición e funcións serán reguladas por lei da Comunidade Autónoma.

2. Serán membros do Consello Social en representación da Universidade o reitor, o secretario xeral e o xerente, así como un membro do profesorado, un do estudantado e un do persoal de administración e servizos, elixidos polo Consello de Goberno entre os seus membros por maioría absoluta e de maneira que se garanta a representación dos campus de Santiago e Lugo.

3. Os membros do Consello Social elixidos polo Consello de Goberno deberán reunir os requisitos exixidos no artigo 71 para seren titulares de órganos unipersoais.

Sección 2ª. Do Claustro Universitario

Artigo 75

1. O Claustro Universitario é o máximo órgano representativo da comunidade universitaria.

2. O Claustro Universitario estará composto por:

a) O reitor, que o presidirá.

b) O secretario xeral, que o será tamén do Claustro.

c) O xerente.

d) 300 representantes dos diversos sectores da comunidade universitaria, elixidos mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, coa seguinte composición numérica dos sectores que se indican:

– Sector I: cincuenta e un por cento de profesorado doutor con vinculación permanente.

– Sector II: once por cento de membros das restantes categorías de persoal docente e investigador.

– Sector III: vinte e oito por cento de alumnado matriculado en titulacións oficiais.

– Sector IV: dez por cento de membros do persoal de administración e servizos.

3. O colexio electoral do sector II estará formado polas seguintes categorías:

a) Profesorado funcionario non doutor.

b) Axudantes.

c) Profesorado axudante doutor.

d) Profesorado colaborador.

e) Profesorado asociado.

f) Persoal doutor contratado pola Universidade de Santiago de Compostela consonte a lexislación vixente con cargo a programas competitivos de incorporación ás universidades de investigadores e/ou docentes, sempre que o contrato permita impartir docencia.

g) Profesorado emérito.

h) Persoal investigador en formación.

i) Aqueloutras persoas contratadas pola Universidade de Santiago de Compostela mediante concurso público que realicen labores docentes ou investigadoras e que cumpran os requisitos, entre outros os de permanencia e dedicación, que estableza o Regulamento electoral xeral da Universidade.

4. O colexio electoral do sector III estará integrado por todo o estudantado da Universidade de Santiago de Compostela matriculado en titulacións oficiais de licenciatura, diplomatura, grao, máster ou doutoramento que cumpra as condicións que estipule o Regulamento electoral xeral da Universidade.

5. O colexio electoral do sector IV estará integrado polo persoal de administración e servizos retribuído con cargo ao capítulo I das normas orzamentarias que cumpra as condicións que estipule o Regulamento electoral xeral da Universidade.

6. Os vicerreitores ou vicerreitoras que non sexan membros do Claustro Universitario poderán asistir ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 76

1. O Claustro Universitario será elixido cada catro anos. A representación do estudantado de todos os ciclos e modalidades renovaranse cada dous anos.

2. O Claustro quedará disolto cando aprobe a convocatoria extraordinaria de eleccións a reitor por maioría de dous terzos, logo da iniciativa dun terzo dos seus membros.

3. A condición de membro do Claustro perderase co cesamento da vinculación coa Universidade de Santiago de Compostela, por deixar de pertencer ao sector da comunidade universitaria polo que foi elixido ou polo incumprimento reiterado dos seus deberes como claustral, nos termos previstos no seu regulamento.

Artigo 77

1. O Claustro Universitario poderá traballar en pleno ou en comisións.

2. O Pleno do Claustro Universitario deberá reunirse, con carácter ordinario, polo menos dúas veces ao ano durante o período lectivo e, con carácter extraordinario, de acordo co que dispoña o seu regulamento de réxime interno.

Artigo 78

Son competencias do Claustro Universitario as seguintes:

a) A elaboración dos estatutos, así como a súa modificación.

b) A remoción do reitor, mediante a convocatoria de eleccións extraordinarias, de acordo co disposto no artigo 83.4.

c) A elección de membros do Consello de Goberno na súa representación, por e entre os propios membros do sector representado.

d) A elaboración e aprobación do seu regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado por maioría, contando polo menos co voto favorable dun terzo dos membros do Claustro.

e) A elección e, de ser o caso, revogación do valedor da comunidade universitaria, a aprobación do seu Estatuto e o debate do seu informe anual.

f) A aprobación do Estatuto do estudantado da Universidade de Santiago de Compostela.

g) A aprobación das liñas xerais do Regulamento electoral xeral e dos regulamentos de persoal docente e investigador, de persoal de administración e servizos e dos estudos conducentes á obtención de títulos propios.

h) A deliberación sobre o informe anual do reitor.

i) A aprobación das liñas xerais da programación plurianual e dos orzamentos.

j) O coñecemento e debate da planificación estratéxica e das relacións de postos de traballo.

k) A expresión da opinión da comunidade universitaria e a formulación de recomendacións, propostas e declaracións institucionais, así como o debate dos asuntos que lle sexan formulados polo reitor ou polo Consello de Goberno.

l) A recepción de información sobre o funcionamento e obxectivos da Universidade, para o cal poderá solicitar a comparecencia dos titulares dos órganos de goberno e representación e dos membros da comunidade universitaria.

m) O control da xestión dos órganos de goberno da Universidade, mediante a formulación de preguntas e interpelacións.

n) A elección da comisión que valorará as reclamacións contra as propostas das comisións dos concursos de acceso á condición de profesorado funcionario, así como de contratado doutor.

ñ) O establecemento dos criterios xerais que a Universidade de Santiago de Compostela deberá ter en conta para a creación, modificación e supresión de centros e departamentos e para a adscrición destes á Universidade.

o) As restantes competencias que lle atribúan estes estatutos.

Sección 3ª. Do Consello de Goberno

Artigo 79

O Consello de Goberno é o órgano ordinario de goberno da Universidade. Estará integrado por:

a) O reitor, que o presidirá e que poderá delegar a presidencia nun vicerreitor.

b) O secretario xeral, que actuará como secretario.

c) O xerente.

d) Os vicerreitores.

e) Corenta e un membros da comunidade universitaria, que se distribuirán da seguinte maneira:

– Vinte e cinco representantes do Claustro Universitario, elixidos polo sector correspondente de entre os seus membros, garantindo en cada sector a representación dos campus de Santiago e Lugo, coa seguinte composición:

Oito membros do profesorado doutor con vinculación permanente.

Catro membros do restante persoal docente e investigador.

Nove estudantes.

Catro membros do persoal de administración e servizos.

– Nove decanos e directores de escola, dos cales polo menos dous pertencerán ao Campus de Lugo, de forma rotatoria por períodos dun ano, de forma que ningún decano ou director de escola poderá asumir novamente a representación mentres non a asumiren todos os decanatos e direccións de escola restantes, consonte o procedemento que estableza o Regulamento de réxime interno do Consello de Goberno.

– Cinco representantes dos directores de departamento, un por cada grande rama de coñecemento.

– Dous representantes dos directores de instituto universitario de investigación, dos directores de escola de doutoramento e doutras estruturas universitarias de investigación.

f) Tres representantes do Consello Social non pertencentes á comunidade universitaria.

Artigo 80

1. O Consello de Goberno poderá traballar en pleno ou en comisións.

2. O Consello de Goberno realizará, polo menos, unha sesión plenaria con carácter ordinario cada trimestre.

Artigo 81

Son competencias do Consello de Goberno:

a) Crear, modificar e suprimir os departamentos e decidir a súa adscrición aos centros.

b) Ratificar os regulamentos de réxime interno dos centros e departamentos.

c) Crear, modificar e suprimir os servizos e unidades de apoio á docencia e á investigación, os de promoción e asistencia á comunidade universitaria e os de xestión e administración xeral.

d) Crear escalas de persoal de administración e servizos non recollidas nos presentes estatutos e establecer o seu réxime retributivo.

e) Aprobar sistemas xerais de avaliación dos centros, departamentos, institutos, escolas de doutoramento e servizos da Universidade e do seu persoal.

f) Aprobar os plans de estudo, logo do informe da comisión correspondente do Claustro.

g) Aprobar e modificar as relacións de postos de traballo do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos da Universidade.

h) Aprobar os convenios de colaboración con outras universidades ou entidades públicas ou privadas.

i) Aprobar a normativa das licenzas por estudos do persoal docente e investigador da Universidade e decidir sobre a súa concesión.

j) Aprobar calquera norma regulamentaria non atribuída expresamente a outro órgano de goberno nestes estatutos.

k) Designar os membros das comisións de selección de persoal docente e investigador.

l) Nomear unha comisión de revisión que valore as reclamacións que se presenten contra as resolucións dos concursos de selección de persoal docente e investigador contratado, agás para as prazas de contratado doutor.

m) Elixir os seus representantes no Consello Social.

n) Aprobar e propor ao Consello Social o proxecto de orzamento.

ñ) Aprobar as normas e procedementos para o desenvolvemento e execución orzamentaria, no marco das establecidas pola Comunidade Autónoma.

o) Aprobar a distribución de créditos entre centros, departamentos, institutos, escolas de doutoramento e servizos.

p) Examinar e aceptar a memoria económica, que incluirá a liquidación do orzamento.

q) Propor ao Consello Social o proxecto de programación plurianual e as súas actualizacións anuais.

r) Propor ao Consello Social a creación ou modificación de sociedades mercantís, fundacións ou outras persoas xurídicas e a participación da Universidade en entidades xa creadas.

s) Propor ao Consello Social a afectación ao dominio público dos bens universitarios e a súa desafectación, así como os procedementos de adquisición e alleamento de bens patrimoniais.

t) Propor o límite de prazas das titulacións e os procedementos para a admisión do estudantado.

u) Propor o nomeamento e, de ser o caso, a contratación de profesorado emérito.

v) Propor o nomeamento de doutores honoris causa.

w) Iniciar o procedemento de creación e supresión dos centros no estranxeiro que impartan ensinanzas de ámbito universitario e acordar a súa modificación.

x) Calquera outra competencia atribuída pola lexislación vixente ou polos presentes estatutos.

Sección 4ª. Do reitor ou reitora

Artigo 82

O reitor ou reitora é a máxima autoridade académica da Universidade e ten a representación desta. Exerce a dirección, goberno e xestión da Universidade, desenvolve as liñas de actuación aprobadas polo órganos colexiados correspondentes e executa os seus acordos.

Artigo 83

1. O reitor será elixido pola comunidade universitaria, mediante elección directa e sufraxio universal libre e secreto, entre persoal funcionario do corpo de catedráticos de Universidade en activo que preste servizos nesta, consonte o procedemento establecido polo Regulamento electoral xeral previsto nestes estatutos. Será nomeado polo órgano correspondente da Xunta de Galicia.

2. O voto para a elección de reitor ponderarase polos sectores da comunidade universitaria previstos para o Claustro, de forma que se lle atribuirá a cada un deles a mesma porcentaxe de representación que teñen no Claustro.

3. En cada proceso electoral, a Comisión Electoral Central determinará, tras o escrutinio dos votos, os coeficientes de ponderación que corresponderá aplicar ao voto a candidaturas.

4. Ademais das causas previstas con carácter xeral para os órganos unipersoais, o reitor cesará cando o Claustro acorde, con carácter extraordinario, a convocatoria de eleccións consonte o procedemento establecido polo seu regulamento de réxime interno. Este acordo deberá contar coa aprobación de dous terzos dos compoñentes do Claustro, tras a iniciativa dun terzo.

Artigo 84

No caso de ausencia ou enfermidade do reitor, asumirá as súas funcións o vicerreitor que el designe. De estar imposibilitado o reitor para designar substituto, así como cando quedase vacante o posto, corresponderalle ao Consello de Goberno, presidido para o efecto polo vicerreitor máis antigo, de acordo co artigo 16, a elección do vicerreitor encargado de exercer as funcións, sen prexuízo de abrir, de ser o caso, o procedemento da elección dun novo reitor.

Artigo 85

Son competencias do reitor:

a) A representación da Universidade.

b) A decisión da interposición de recursos administrativos e o exercicio de accións xudiciais, e darlle conta previa, sempre que sexa posible, ao Consello de Goberno, así como a representación xudicial e administrativa da Universidade en toda clase de actos ou negocios xurídicos, podendo outorgar mandatos para o exercicio desta representación.

c) A presidencia dos actos universitarios a que concorra, sen prexuízo do que dispón a normativa estatal e, de ser o caso, autonómica, sobre precedencias.

d) A convocatoria e a presidencia das sesións do Claustro Universitario e do Consello de Goberno.

e) A execución dos acordos do Claustro Universitario, do Consello de Goberno e do Consello Social.

f) A vixilancia do cumprimento da legalidade en todas as actuacións da Universidade.

g) A sinatura de convenios en nome da Universidade.

h) A determinación do número, denominación e competencias dos vicerreitores e adxuntos aos vicerreitores, así como o seu nomeamento e o nomeamento do secretario xeral e do xerente.

i) O nomeamento dos titulares dos órganos unipersoais de goberno.

j) O nomeamento do persoal funcionario e a sinatura dos contratos do persoal laboral.

k) A expedición dos títulos e diplomas de carácter oficial ou propios outorgados pola Universidade.

l) A adopción respecto do persoal docente, investigador e de administración e servizos das decisións relativas a situacións administrativas e réxime disciplinario, con excepción da separación do servizo.

m) Calquera outra función que lle atribúan a lexislación universitaria e os presentes estatutos e, en xeral, aquelas funcións que non estean expresamente atribuídas a outros órganos da Universidade.

Artigo 86

1. Para o desenvolvemento das súas competencias, o reitor será asistido polo equipo reitoral, que estará integrado polos vicerreitores, o secretario xeral e o xerente.

2. O reitor e o equipo reitoral manterán reunións, polo menos de carácter semestral, co conxunto dos decanos e directores de centro para facilitar o intercambio de información e propostas. Igualmente, manterán reunións co conxunto dos directores de departamento, de instituto universitario de investigación, de escola de doutoramento e doutras estruturas universitarias de docencia ou investigación coa mesma periodicidade mínima.

Sección 5ª. Dos outros órganos unipersoais da Universidade

Artigo 87

1. Os vicerreitores ou vicerreitoras serán nomeados polo reitor, en número máximo de nove, entre o profesorado doutor con vinculación permanente que preste servizos na Universidade de Santiago de Compostela. Correspóndelles coordinaren e dirixiren as actividades no ámbito de competencia que o reitor lles delegue.

2. Para atender a dualidade de campus, o reitor poderá nomear de entre os membros da comunidade universitaria adxuntos ou adxuntas ás vicerreitorías, que poderá ser igual ao número de campus pero non superior, e auxiliarán o reitor e os vicerreitores no seu labor de goberno universitario.

3. Os vicerreitores e os adxuntos ás vicerreitorías cesarán no seus cargos por dimisión ou por decisión do reitor.

Artigo 88

1. O secretario xeral ou secretaria xeral da Universidade será nomeado ou nomeada polo reitor de entre o persoal funcionario do subgrupo A1 que preste servizos na Universidade de Santiago de Compostela.

2. O secretario xeral cesará no seu cargo por dimisión ou por decisión do reitor.

Artigo 89

1. O secretario xeral desempeñará a secretaría do Claustro Universitario e do Consello de Goberno. Encargarase de dar fe de todos os actos e acordos dos órganos colexiados de representación, goberno e administración xeral da Universidade, agás do Consello Social.

2. Son funcións específicas do secretario xeral:

a) A formación e a custodia das actas dos órganos xerais de representación e goberno da Universidade, agás o Consello Social.

b) A expedición de certificacións do contido das actas mencionadas na alínea anterior e da demais documentación oficial da Universidade.

c) A recepción e a custodia das actas de cualificación dos estudantes.

d) A conservación, ordenación e xestión da parte administrativa do Arquivo Universitario e a custodia do selo oficial da Universidade.

e) A difusión e publicidade dos acordos tomados polos órganos da Universidade.

f) A coordinación da Asesoría Xurídica da Universidade.

g) As restantes funcións que lle atribúan a lexislación vixente, estes estatutos e os regulamentos da Universidade.

Artigo 90

1. O xerente ou a xerente exercerá, baixo a dependencia do reitor, a xestión dos servizos administrativos e económicos da Universidade.

2. O xerente será proposto polo reitor e nomeado por este, de acordo co Consello Social, entre titulados superiores con recoñecida competencia e experiencia no ámbito da xestión. Do nomeamento do cargo de xerente será informado o Claustro Universitario.

3. O xerente cesará no seu cargo por dimisión ou por decisión do reitor. En ambos os dous casos serán informados o Consello Social e o Claustro Universitario.

4. O cargo de xerente será incompatible co exercicio da docencia ou de calquera outra actividade pública ou privada. Poderá estar vinculado á Universidade como funcionario, no caso de que teña esta condición, ou como persoal contratado en réxime laboral, baixo a modalidade de contrato de alta dirección.

Artigo 91

1. Correspóndelle á Xerencia exercer as seguintes competencias:

a) Dirixir e coordinar os servizos económicos e administrativos da Universidade.

b) Coordinar a administración dos demais servizos da Universidade establecidos consonte o previsto por estes estatutos, para facilitar o seu correcto funcionamento e o exercicio polos órganos de goberno das súas competencias.

c) Asumir, de ser o caso, por delegación do reitor, a xefatura do persoal de administración e servizos e elaborar a proposta da súa relación de postos de traballo, consonte o establecido nestes estatutos.

d) Calquera outra que se prevexa nestes estatutos ou nas súas normas de desenvolvemento regulamentario, así como as que o reitor lle delegue.

2. A Xerencia estará asistida polas unidades directivas necesarias para o desempeño das súas competencias. Estas poderán estruturarse xerarquicamente, en función da especialidade ou da complexidade das funcións que asuman, en vicexerencias, xefaturas de área, servizos, oficinas e outras unidades de xestión cualificada.

3. A creación, modificación ou supresión destas unidades directivas realizarase a través da relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos, e corresponderalle ao Consello de Goberno.

4. Para garantir a profesionalización da xestión na Universidade de Santiago de Compostela, o desempeño das funcións directivas no ámbito da Xerencia corresponderalle, en todos os casos, ao persoal de administración e servizos, sen prexuízo da forma de provisión dos postos de traballo que corresponda aplicar, de acordo co establecido nestes estatutos e na relación de postos de traballo daquel.

Artigo 92

1. O reitor poderá nomear persoal asesor que realizará tarefas de confianza e asesoramento especial. Destes nomeamentos informará ao Consello de Goberno.

2. O persoal asesor previsto neste artigo en ningún caso poderá adoptar actos ou resolucións que lles correspondan legalmente aos órganos de goberno e de administración da Universidade. As funcións propiamente técnico-administrativas reservaranse sempre ao persoal de administración e servizos.

Capítulo III
Dos órganos dos centros

Artigo 93

Os órganos de goberno e administración das facultades e escolas son os seguintes:

a) A Xunta de Facultade ou de Escola.

b) O decano ou decana ou o director ou directora.

c) Os vicedecanos ou vicedecanas ou os subdirectores ou subdirectoras.

d) O secretario ou secretaria.

Artigo 94

A Xunta de Facultade ou de Escola é o órgano colexiado de goberno do centro, aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da facultade ou escola e supervisa o labor dos seus órganos de dirección e xestión.

Artigo 95

1. A Xunta de Facultade ou de Escola estará composta por:

a) O decano ou o director, que a convocará e presidirá.

b) Os vicedecanos ou subdirectores.

c) O secretario, que o será tamén da Xunta.

d) O responsable da unidade de apoio á xestión de centros e departamentos.

e) O director da biblioteca do centro ou da correspondente biblioteca intercentros, se así o establece o Regulamento de réxime interno do centro.

f) O seguinte persoal docente e investigador e persoal investigador en formación con docencia no centro e censado nel, así como o non censado que teña neste un encargo docente igual ou superior ao 35 % da capacidade docente dun profesor a tempo completo:

– Todo o profesorado con vinculación permanente á Universidade, que representará o 51 %.

– O resto, sempre que non exceda o 10 % do total da Xunta.

g) Unha representación do estudantado do 32 %.

h) Unha representación do persoal de administración e servizos censado no centro, nunha proporción do 7 % do total da Xunta, cun mínimo de dous.

2. O regulamento de réxime interno de cada centro, de ser o caso, determinará o número de subsectores e a representación de cada un, respectando en todo caso os seguintes límites:

a) O persoal docente e investigador a tempo parcial non poderá representar máis do 5 %.

b) O estudantado de grao non poderá representar menos do 20 % e garantirase a representación do estudantado de máster e doutoramento cando proceda.

3. Todos os representantes elixidos serano por dous anos, agás os estudantes, que o serán por un ano. A condición de membro da Xunta perderase ao cesar a vinculación co centro ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo cal foi elixido.

4. O persoal docente e investigador e o estudantado estarán censados soamente nun centro desta universidade, nas condicións que estableza o Consello de Goberno.

Artigo 96

1. A Xunta de Facultade ou de Escola elaborará un regulamento de réxime interno, no cal se determinarán os distintos aspectos do seu funcionamento.

2. O regulamento poderá establecer a creación dunha comisión permanente e de comisións delegadas da Xunta de Facultade ou de Escola, e determinará a súa composición, funcións e competencias.

Artigo 97

A Xunta de Facultade ou de Escola reunirase, con carácter ordinario, polo menos tres veces durante o curso académico en período lectivo e, con carácter extraordinario, tal como se dispoña no seu regulamento de réxime interno.

Artigo 98

Son competencias da Xunta de Facultade ou de Escola:

a) A elección do decano ou director e, de ser o caso, a súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros da Xunta de Facultade.

b) A elaboración e a aprobación do seu regulamento de réxime interno.

c) A supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración do centro.

d) A elaboración e a aprobación dos proxectos de plans de estudos das titulacións adscritas ao centro, consonte a lexislación vixente e as normas xerais emanadas do Claustro Universitario.

e) A aprobación das liñas xerais da política académica do centro e, entre elas, a proposta e implantación de novas titulacións oficiais, de creación de escolas de especialización profesional dependentes do centro e de organización das ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos.

f) A organización dos servizos docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito, así como a coordinación e a supervisión da actividade docente do profesorado con docencia no centro, e igualmente a supervisión do seu cumprimento.

g) A programación dos espazos, servizos e equipamentos do centro e a supervisión da súa xestión.

h) A distribución das asignacións orzamentarias concedidas ao centro e o control da súa aplicación.

i) O informe verbo das propostas de creación, modificación ou supresión de departamentos relacionados co centro pola súa docencia e investigación.

j) A organización de actividades de formación permanente e de extensión.

k) A manifestación da súa opinión verbo de calquera asunto relacionado co centro ou coas súas actividades.

l) Calquera outra competencia que lle atribúan estes estatutos ou lle encomende un órgano competente ou a lexislación vixente.

Artigo 99

1. O decano ou director representa a facultade ou escola, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2. A Xunta de Facultade ou de Escola elixirá o decano ou director de entre o profesorado con vinculación permanente á Universidade censado no centro.

3. De non se poder levar a cabo a elección por falta de persoas candidatas que reúnan os requisitos exixidos, o Consello de Goberno, tras a proposta do reitor, encargaralle provisoriamente as funcións de decano ou director a un profesor ou profesora con vinculación permanente á Universidade censado no centro. Rematado o curso académico, convocaranse novas eleccións.

Artigo 100

1. Son competencias do decano ou director:

a) A representación da facultade ou escola.

b) A presidencia das reunións da Xunta de Facultade ou de Escola e a de calquera outro órgano colexiado delas, así como a execución dos seus acordos.

c) A vixilancia do cumprimento da legalidade en todas as actuacións da facultade ou escola.

d) A dirección académica de todas as titulacións oficiais adscritas ao centro.

e) A dirección económica das actividades organizadas polo centro.

f) A proposta ao reitor do nomeamento e cesamento do secretario da facultade ou escola e, de ser o caso, dos vicedecanos ou subdirectores, dentro do límite que sinale o Consello de Goberno.

g) A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de todos os membros da comunidade universitaria que desenvolven o seu labor no centro.

h) O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes.

i) O control do adecuado mantemento do patrimonio do centro.

j) O exercicio das restantes funcións que deriven do seu cargo, así como aqueloutras que lle sinalen estes estatutos ou a lexislación universitaria.

2. As competencias do decano ou director estenderanse a todos os asuntos concernentes ao goberno e á administración das facultades ou escolas que non estean atribuídos a outros órganos.

Artigo 101

1. O secretario da facultade ou escola é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do centro e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do centro. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomenden o decano ou director, a lexislación vixente e estes estatutos.

2. O secretario será nomeado polo reitor, segundo a proposta do decano ou director, de entre os profesores ou funcionarios dos subgrupos A1 e A2 censados no centro.

3. O secretario cesará por decisión do reitor, tras a proposta do decano ou director ou por petición propia.

Artigo 102

1. Os vicedecanos ou os subdirectores serán nomeados polo reitor, por proposta do decano ou director, de entre os membros da comunidade universitaria da facultade ou escola que reúnan os requisitos establecidos no artigo 71.

2. É labor dos vicedecanos ou subdirectores coordinaren ou dirixiren, baixo a autoridade do decano ou director, a área ou áreas de competencias que este lles encomende, sen prexuízo de que as funcións técnico-administrativas correspondan ao persoal de administración e servizos. De existiren varios vicedecanos ou subdirectores, o decano ou director designará quen ten que substituílo, en caso de ausencia ou enfermidade.

3. Os vicedecanos ou subdirectores cesarán no seu cargo por decisión do reitor, logo da proposta do decano ou director, ou por petición propia.

Capítulo IV
Dos órganos dos departamentos

Artigo 103

Son órganos de dirección do departamento:

a) O Consello de Departamento.

b) O director ou directora.

c) O secretario ou secretaria.

Artigo 104

1. O Consello de Departamento estará composto:

a) Polos doutores membros do departamento.

b) Por unha representación do resto do persoal docente e investigador e persoal investigador en formación, que non excederá o 10 % do total de membros.

c) Por unha representación do estudantado do ámbito de docencia do departamento, que suporá o 25 % do total dos membros do Consello de Departamento. Desta porcentaxe, o 10 % corresponderá ao estudantado de grao e máster e o 15 % ao estudantado de doutoramento.

d) Por un representante do persoal de administración e servizos.

2. O Consello de Departamento reunirase por iniciativa da dirección ou por pedimento dun terzo dos seus membros. Realizará, polo menos, tres sesións ordinarias durante o curso académico en período lectivo.

3. Todos os representantes elixidos serano por dous anos, agás os estudantes, que o serán por un ano. A condición de membro do Consello perderase ao cesar a vinculación co departamento ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo cal foi elixido.

Artigo 105

1. O Consello de Departamento elaborará un regulamento de réxime interno no cal se determinarán os distintos aspectos do seu funcionamento, de acordo coa lexislación vixente, con estes estatutos e coas normas que os desenvolvan.

2. O regulamento poderá establecer unha comisión permanente e comisións delegadas do Consello de Departamento, determinando as súas competencias e funcións.

Artigo 106

Corresponderalle ao Consello de Departamento:

a) A elección do director e, de ser o caso, a proposta ao reitor da súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros do Consello de Departamento.

b) A planificación docente das materias de que sexa responsable o departamento, así como a aprobación dos respectivos programas e sistemas de avaliación, a coordinación da actividade docente e a supervisión do seu cumprimento en colaboración cos centros, nos termos establecidos no artigo 49, alínea a), dos presentes estatutos.

c) O apoio á actividade investigadora, nos termos establecidos no artigo 49, alínea b), destes estatutos.

d) A formulación das demandas de persoal docente e investigador, de acordo coas necesidades docentes dos centros, dos seus programas de investigación e de doutoramento e a información sobre a procedencia do mantemento, minoración ou cambio de denominación ou categoría dunha praza.

e) A distribución das cantidades asignadas e dispoñibles polo departamento.

f) A elaboración e aprobación do seu regulamento de réxime interno.

g) A creación de comisións para o mellor desenvolvemento das súas funcións.

h) A promoción do perfeccionamento da docencia.

i) A solicitude de convocatoria a concurso das prazas de corpos universitarios e persoal docente contratado, así como as propostas de membros das comisións correspondentes, consonte a lexislación vixente e estes estatutos.

j) A emisión dos informes preceptivos sobre a actividade docente e investigadora do seu profesorado e persoal investigador ou sobre o rendemento académico do seu estudantado.

k) O informe dos proxectos de teses de doutoramento e a proposta das comisións xulgadoras delas, cando proceda.

l) Calquera outra competencia que lle atribúan estes estatutos ou a lexislación vixente.

Artigo 107

1. O director representa o departamento, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2. O director do departamento será elixido polo Consello de Departamento de entre os seus membros que sexan profesores doutores con vinculación permanente á Universidade, e nomearao o reitor. O nomeamento comunicaráselles ao Consello de Goberno e aos decanos e directores das facultades e escolas onde o departamento desenvolva as súas funcións docentes e investigadoras.

3. De non se poder levar a cabo a elección por falta de persoas candidatas que reúnan os requisitos exixidos, o Consello de Goberno, tras a proposta do reitor, encargaralle provisoriamente as funcións de dirección a un profesor ou profesora do departamento ou, no seu defecto, doutro departamento, que teña o título de doutor e vinculación permanente á Universidade. Rematado o curso académico, convocaranse novas eleccións.

4. En caso de ausencia ou enfermidade, o director será substituído, con carácter accidental, polo membro do departamento de maior categoría e antigüidade que sexa profesor doutor con vinculación permanente á Universidade.

Artigo 108

1. Son competencias da dirección do departamento:

a) A convocatoria e a presidencia do Consello de Departamento.

b) A execución dos acordos adoptados polo Consello de Departamento e a vixilancia do seu cumprimento.

c) A organización e a coordinación, de acordo co Consello de Departamento, dos medios persoais e materiais de que se dispoña para cumprir os obxectivos investigadores e docentes.

d) A execución das previsións orzamentarias.

e) A proposta ao reitor do nomeamento de secretario do departamento.

2. As competencias da dirección do departamento esténdense a todos os asuntos relacionados co goberno e a administración do departamento que non estean atribuídos a outros órganos.

Artigo 109

1. O secretario ou a secretaria do departamento é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do departamento e, como tal, ten encomendadas a custodia das actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos que consten nos documentos oficiais do departamento. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomenden o director, a lexislación vixente e estes estatutos.

2. O secretario será nomeado polo reitor, tras a proposta do director, entre o profesorado, os axudantes e os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 do departamento.

3. O secretario cesará por decisión do reitor, logo de proposta da dirección do departamento ou por petición propia.

Capítulo V
Dos órganos dos institutos universitarios de investigación

Artigo 110

Os órganos de goberno dos institutos propios da Universidade de Santiago de Compostela son:

a) A Xunta de Goberno.

b) O Consello Científico.

c) O director ou directora.

Artigo 111

1. A Xunta de Goberno do instituto estará composta por:

a) O reitor da Universidade, ou vicerreitor en quen delegue, que a presidirá e a convocará.

b) Outros cargos académicos ou profesores da Universidade especificados no regulamento de réxime interno do instituto.

c) De habelos, os representantes de institucións públicas ou privadas que contribúan de maneira substancial e estable ao financiamento ou á actividade investigadora do instituto.

d) O director do instituto.

e) O secretario do instituto, que o será tamén da Xunta de Goberno.

2. Os membros universitarios deberán constituír sempre a maioría da Xunta de Goberno.

3. A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao ano en sesión ordinaria e, en sesión extraordinaria, de acordo co que estableza o seu regulamento de réxime interno.

Artigo 112

Son funcións da Xunta de Goberno:

a) A elección do director do instituto tras a proposta do Consello Científico e, de darse o caso, proporlle a súa remoción ao reitor, mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros.

b) A proposta de orzamento e a programación do instituto ao Consello de Goberno.

c) A aprobación da memoria anual de actividades e a memoria económica, da cal se dará conta ao Consello de Goberno.

d) A promoción do financiamento e a dotación do instituto.

e) A proposta ao Consello de Goberno de incorporación á Xunta de Goberno de novos membros, en representación da comunidade universitaria ou de institucións públicas ou privadas.

f) A proposta ao Consello de Goberno da modificación do regulamento do instituto.

g) Outras funcións que estableza o regulamento do instituto, en desenvolvemento destes estatutos.

Artigo 113

1. O Consello Científico estará composto por:

a) O director do instituto, que o convocará e o presidirá.

b) O secretario do instituto, que o será tamén do Consello Científico.

c) Os doutores membros do persoal científico do instituto que especifique o regulamento de réxime interno.

d) Unha representación dos titulados superiores non doutores vinculados ao instituto, equivalente ao 15 % do total do Consello Científico.

2. O Consello Científico reunirase, polo menos, dúas veces ao ano en período lectivo.

Artigo 114

Son funcións do Consello Científico:

a) A proposta á Xunta de Goberno do director do instituto.

b) A aprobación do ingreso de novos membros do persoal científico do instituto e o seu cesamento.

c) A información das propostas de programas, orzamento e memoria económica e de actividades do instituto.

d) A programación das actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do instituto e a vixilancia da súa realización.

e) A información dos contratos do instituto ou do seu profesorado.

f) Outras funcións que dispoña o seu regulamento, en desenvolvemento destes estatutos.

Artigo 115

1. O director do instituto será elixido entre o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela co título de doutor e vinculación permanente á Universidade, ocupará a representación deste e exercerá as funcións de dirección e xestión ordinaria.

2. O director será elixido pola Xunta de Goberno, tras a proposta do Consello Científico.

Artigo 116

Correspóndelle ao director:

a) A convocatoria e a presidencia do Consello Científico, a execución dos seus acordos e a súa representación perante o Consello de Goberno.

b) A representación do instituto no ámbito da súa competencia.

c) A elaboración das propostas de orzamento e a programación do instituto.

d) A redacción da memoria de actividades e a memoria económica.

e) A proposta ao reitor para o nomeamento do secretario.

f) A autorización dos gastos dentro do orzamento anual.

Artigo 117

1. O secretario do instituto é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do instituto e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do instituto. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomende o director, a lexislación vixente e estes estatutos.

2. O secretario será nomeado polo reitor, logo da proposta do director, entre o persoal científico do instituto que reúna os requisitos establecidos no artigo 71 ou os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 que presten servizos no instituto.

Artigo 118

Unha vez aprobada a creación do instituto, o reitor nomeará un director en funcións entre os membros do grupo promotor que cumpran as condicións establecidas para o de-sempeño de cargos unipersoais, que cesará como tal ao se cumpriren os mandatos regulamentarios sobre constitución dos órganos ordinarios de goberno do instituto.

Artigo 119

Os órganos de goberno dos institutos interuniversitarios, dos creados en colaboración con organismos públicos ou privados, dos mixtos e dos adscritos definiranse nos convenios de creación ou adscrición. En todo caso, a Universidade de Santiago de Compostela procurará que a súa natureza e o seu funcionamento se axusten ao que se establece nos presentes estatutos para os institutos propios.

Capítulo VI
Dos órganos das escolas de doutoramento

Artigo 120

Os órganos de goberno das escolas de doutoramento propias da Universidade de Santiago de Compostela son:

a) O Comité de Dirección.

b) O director ou directora.

c) O secretario ou secretaria.

Artigo 121

1. O Comité de Dirección da escola de doutoramento estará composto:

a) Polo director da escola de doutoramento, quen o convocará e presidirá.

b) Polo secretario da escola de doutoramento, que o será tamén do Comité de Dirección.

c) Polos coordinadores dos programas de doutoramento adscritos á escola.

d) Por unha representación do persoal docente e investigador vinculado aos programas de doutoramento adscritos á escola, nos termos que determine o seu regulamento de réxime interno.

e) Por unha representación dos doutorandos matriculados nos programas de doutoramento adscritos á escola, que suporá o 25 % do total dos membros do Comité de Dirección.

f) Por un representante do persoal de administración e servizos.

2. O Comité de Dirección reunirase por iniciativa da dirección ou por pedimento dun terzo dos seus membros. Realizará, polo menos, tres sesións ordinarias durante o curso académico en período lectivo.

3. Todos os representantes elixidos serano por dous anos. A condición de membro do Comité perderase ao cesar a vinculación coa escola ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo cal foi elixido.

Artigo 122

Son competencias do Comité de Dirección:

a) A elección do director da escola de doutoramento e, de ser o caso, a súa remoción.

b) A elaboración e a aprobación do regulamento de réxime interno da escola, así como do seu código de boas prácticas.

c) A supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración da escola.

d) A aprobación dos proxectos dos programas de doutoramento adscritos á escola, consonte a lexislación vixente e as normas xerais emanadas do Claustro Universitario.

e) A aprobación das liñas xerais da política académica da escola.

f) A organización dos servizos docentes para a obtención dos títulos de doutoramento do seu ámbito, así como a coordinación e a supervisión da actividade docente e de dirección de teses de doutoramento do persoal docente e investigador vinculado á escola, e igualmente o control do seu cumprimento.

g) A programación dos servizos e equipamentos da escola e a supervisión da súa xestión.

h) A distribución das asignacións orzamentarias concedidas á escola e o control da súa aplicación.

i) A organización de actividades abertas de formación en investigación.

j) Calquera outra competencia que lle atribúan estes estatutos.

Artigo 123

1. O director representa a escola de doutoramento, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside e coordina a actuación do Comité de Dirección e executa os seus acordos.

2. O director será elixido polo Comité de Dirección e nomeado polo reitor de entre o persoal docente e investigador co título de doutor e vinculación permanente á Universidade que reúna a condición de investigador de recoñecido prestixio. Esta condición debe estar avalada pola xustificación da posesión de polo menos tres períodos de actividade investigadora recoñecidos consonte as previsións do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, ou, no caso de non resultarlle de aplicación o dito criterio de avaliación, deberá acreditar méritos equiparables aos sinalados.

Artigo 124

1. Son competencias do director:

a) A representación da escola de doutoramento.

b) A presidencia das reunións do Comité de Dirección, así como a execución dos seus acordos.

c) A dirección da política académica da escola.

d) A proposta ao reitor do nomeamento e cesamento do secretario da escola.

e) A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de todos os membros da escola e, en particular, do seu código de boas prácticas.

f) O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes.

g) O control do adecuado mantemento do patrimonio da escola.

h) A autorización dos gastos dentro do orzamento anual da escola.

i) O exercicio das restantes funcións que deriven do seu cargo, así como aqueloutras que sinalen estes estatutos ou a lexislación universitaria.

2. As competencias do director estenderanse a todos os asuntos concernentes ao goberno e á administración das escolas que non estean atribuídos a outros órganos.

Artigo 125

1. O secretario da escola é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do centro e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do centro. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomenden o director, a lexislación vixente e estes estatutos.

2. O secretario será nomeado polo reitor, segundo a proposta do director, de entre os profesores ou funcionarios dos subgrupos A1 e A2 que presten servizos na escola.

3. O secretario cesará por decisión do reitor, tras a proposta do director ou por petición propia.

Artigo 126

A composición e forma de elección dos órganos de goberno das escolas de doutoramento interuniversitarias e mixtas definiranse nos convenios de creación. En todo caso, a Universidade de Santiago de Compostela procurará que a súa natureza e o seu funcionamento se axusten ao que se establece nos presentes estatutos para as escolas de doutoramento propias.

Capítulo VII
Dos órganos doutras estruturas universitarias de docencia ou investigación

Artigo 127

Os órganos de goberno das escolas de especialización profesional e doutras estruturas universitarias de docencia ou investigación serán os establecidos nas súas normas de creación e funcionamento. En todo caso, nelas preverase como mínimo a existencia dun órgano unipersoal con competencias executivas e dun órgano colexiado de natureza representativa que elixirá o anterior e supervisará a súa actuación.

TÍTULO IV
Do estudo, a docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento

Capítulo I
Do réxime dos estudos

Artigo 128

1. A admisión na Universidade de Santiago de Compostela estará aberta a todas aquelas persoas que poidan acreditar a súa aptitude para o ingreso, de acordo cos criterios establecidos pola propia Universidade no marco das disposicións legais vixentes.

2. O Consello de Goberno, de acordo coa lexislación vixente, establecerá os procedementos para a admisión dos estudantes. Estas competencias poderán ser delegadas, de forma parcial ou total, en órganos interuniversitarios.

Artigo 129

No marco do disposto pola lexislación vixente, correspóndelle ao Consello de Goberno da Universidade proporlle á Comunidade Autónoma de Galicia o límite de prazas das titulacións, logo da proposta dos centros respectivos.

Artigo 130

1. A Universidade de Santiago de Compostela, por acordo do seu Consello de Goberno, regulará as modalidades de matrícula para os estudos que desenvolva.

2. En todo caso, a formalización da matrícula supón o dereito de asistencia e participación en todas as actividades formativas que se establezan na programación docente e a ser avaliado. Asemade, implica o deber de asistencia e participación naquelas actividades formativas que se establezan como obrigatorias na programación docente.

3. Con carácter singular para casos específicos, a xunta de centro poderá conceder a dispensa de asistencia á clase. Nestes casos, se for necesario, poderá considerarse un sistema de avaliación diferenciado do criterio xeral.

Artigo 131

1. O Consello de Goberno elaborará unha normativa básica para a ordenación do proceso de ensino-aprendizaxe que permita, respectando as competencias dos centros e departamentos, levar a cabo unha docencia coordinada.

2. Esta normativa regulará os aspectos principais da programación docente das disciplinas, entre os cales figurarán profesorado, horario, contidos básicos dos programas e criterios e sistemas de avaliación, que serán homoxéneos para todos os grupos dunha mesma materia. Determinará, así mesmo, o órgano responsable de establecer cada un dos seus elementos e de velar polo seu cumprimento, así como os prazos en que deberá estar á disposición do estudantado.

Artigo 132

1. Correspóndelle ao Consello de Goberno establecer os procedementos de verificación dos coñecementos do estudantado. Para estes efectos, elaborará unha normativa para articular estes procedementos, así como a revisión de cualificacións. Esta avaliación será realizada de forma ordinaria polo profesorado encargado do curso, de acordo cos criterios establecidos polos consellos de departamento.

2. De considerar o estudante que a cualificación recibida supón un tratamento arbitrario ou discriminatorio, poderá solicitar do decano ou director do centro, mediante unha petición razoada, a revisión da súa cualificación.

Artigo 133

1. O Consello de Goberno elaborará unha normativa para a resolución das adaptacións e validacións de estudos cursados en centros españois ou estranxeiros, así como para o recoñecemento e transferencia de créditos, de acordo cos criterios xerais establecidos pola lexislación vixente.

2. Cada centro nomeará unha comisión de validación e recoñecemento, que emitirá un informe sobre as solicitudes, de acordo coa normativa recollida no número anterior.

Capítulo II
Da organización da docencia

Artigo 134

1. A Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá estudos dirixidos á obtención dos títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio español establecidos pola lexislación vixente. No exercicio da súa autonomía, tamén poderá ofrecer estudos encamiñados á obtención doutros títulos, certificados ou diplomas, que serán expedidos polo reitor.

2. O Consello de Goberno, seguindo as directrices emanadas do Claustro, establecerá as normas xerais que regulen a organización, a aprobación e a avaliación destes estudos, o procedemento para a expedición dos certificados ou diplomas correspondentes, así como o réxime de vinculación do estudantado coa Universidade.

Artigo 135

1. A implantación ou supresión das titulacións de carácter oficial e validez en todo o Estado será aprobada pola Comunidade Autónoma por proposta do Consello de Goberno da Universidade, que terá en conta a opinión do Claustro Universitario tras o informe favorable do Consello Social.

2. Tanto o expediente de creación como o de supresión dunha titulación incluirá unha memoria das mesmas características ca a establecida no artigo 52.

3. A adscrición de titulacións aos centros correspóndelle ao Consello de Goberno, tras o informe dos centros e departamentos implicados.

Artigo 136

1. As facultades e escolas organizarán os estudos que dan dereito á obtención dos títulos de grao e máster, sen prexuízo do establecido nos números seguintes deste mesmo artigo.

2. Os departamentos, ademais de participaren na programación dos estudos de grao e máster, poderán organizar aqueles que conduzan á obtención dos títulos de doutor ou doutora do seu ámbito de competencia, así como outros estudos que poidan dar dereito á obtención de certificados ou diplomas de especialización.

3. Os institutos universitarios de investigación poderán organizar os estudos que conduzan á obtención doutros títulos, certificados ou diplomas de especialización e, de ser o caso, elaborar e coordinar programas de doutoramento.

4. As escolas de doutoramento poderán organizar os estudos que dan dereito á obtención do título de doutor ou doutora.

5. As escolas de especialización profesional e as demais estruturas de docencia ou investigación da Universidade de Santiago de Compostela poderán organizar os estudos dirixidos á obtención doutros títulos, certificados ou diplomas de especialización.

Artigo 137

1. As facultades e escolas proporán os plans de estudos correspondentes aos seus respectivos ciclos e ámbitos de actuación, no marco das normas emanadas do Claustro Universitario e coa participación dos departamentos afectados.

2. O Consello de Goberno aprobará os plans de estudos, logo de informe da comisión correspondente do Claustro Universitario.

3. No caso dunha titulación nova, o Consello de Goberno, tendo en conta os departamentos implicados, nomeará unha comisión redactora do plan de estudos.

Artigo 138

1. A docencia das materias establecidas nos programas de estudo será encargada polos centros aos departamentos correspondentes, que deberán garantir a súa realización.

2. O Consello de Goberno aprobará unha normativa para a organización docente das distintas titulacións, na cal se determinarán, tendo en conta as características específicas de cada tipo de programa, as diferentes fases do proceso e o seu calendario, así como as competencias de cada un dos órganos e unidades que interveñen no proceso.

Artigo 139

A obtención do título de doutor pola Universidade de Santiago de Compostela suporá a superación dos estudos de doutoramento e a realización e a defensa dunha tese de doutoramento, de acordo co regulamento que aprobe o Consello de Goberno para estes estudos.

Artigo 140

Na Universidade de Santiago de Compostela existirá unha comisión de doutoramento, encargada de resolver as cuestións relativas aos estudos de doutoramento, de acordo co que regulamentariamente se dispoña.

Capítulo III
Da investigación e a transferencia do coñecemento

Artigo 141

1. A investigación na Universidade de Santiago de Compostela constitúe unha función esencial como instrumento de xeración de novo coñecemento, fundamento da docencia, medio para o progreso da comunidade e soporte da transferencia social do coñecemento. Para tal efecto, a Universidade asume o desenvolvemento da investigación científica, técnica, humanística e artística, así como a formación de persoal investigador e a transferencia dos resultados da investigación, atendendo tanto á investigación básica como á aplicada e ao desenvolvemento experimental e tecnolóxico. Recoñécese e garántese a liberdade de investigación no ámbito universitario.

2. A investigación é un dereito e un deber do persoal docente e investigador da Universidade, de acordo cos seus fins xerais, dentro dos límites establecidos polo ordenamento xurídico e da racionalidade no uso e aproveitamento dos recursos.

3. A Universidade promoverá a investigación de calidade, xeradora de novo coñecemento e capacidade de innovación.

Artigo 142

1. Sen prexuízo da investigación que se poida facer de forma individual, a investigación realizarase en grupos de investigación, recoñecidos pola Universidade, departamentos e institutos universitarios de investigación, así como noutras estruturas que se constitúan con esta finalidade.

2. Os grupos de investigación son unidades organizadas arredor de liñas comúns de actividades científicas. Estarán formados por persoal docente e investigador, persoal investigador en formación e, de ser o caso, persoal técnico, integrados nun ou varios departamentos ou institutos e coordinados por un ou varios investigadores responsables. O Consello de Goberno aprobará as súas normas de organización e funcionamento.

3. A Universidade de Santiago de Compostela poderá promover estruturas propias ou mixtas, en colaboración con outros organismos públicos e privados, para o desenvolvemento de programas e accións de investigación, da canalización das iniciativas investigadoras do persoal docente e investigador, da transferencia dos resultados da investigación e da captación de recursos para o seu desenvolvemento, de acordo cos criterios normativos que aprobe o Claustro. A súa creación corresponderalle ao Consello Social, a proposta do Consello de Goberno.

4. A Universidade poderá crear ou participar en parques científicos ou tecnolóxicos que reúnan centros de investigación universitarios, de empresas e doutras institucións.

Artigo 143

O Consello de Goberno regulamentará os supostos e o procedemento para a inclusión de cláusulas de confidencialidade nos contratos e proxectos de investigación, de acordo coas liñas xerais que serán aprobadas polo Claustro Universitario.

Artigo 144

1. A Universidade de Santiago de Compostela, en apoio da investigación de calidade, atenderá, entre outras, as seguintes accións:

a) A promoción da captación de recursos externos, a través dos seus grupos de investigación, departamentos, institutos e outras estruturas de investigación.

b) A aprobación de plans de investigación propios, anuais ou plurianuais, aplicando medios de financiamento na medida das súas dispoñibilidades orzamentarias.

c) O apoio ás actividades de investigación, desenvolvemento e innovación contratadas e financiadas polas empresas e os organismos públicos e privados, sempre que sexan de interese para o desenvolvemento científico, cultural e tecnolóxico e que contribúan adecuadamente aos obxectivos científico-técnicos da Universidade.

d) O apoio ao persoal investigador en formación e a participación, cando proceda, nas convocatorias públicas dirixidas á formación de investigadores.

2. Correspóndelle á Universidade a titularidade dos resultados derivados da investigación realizada polo seu persoal docente e investigador cos medios persoais, materiais e de coñecemento desta, e como resultado dos traballos a que se refire o artigo 83 da Lei orgánica de universidades, cando non se teña establecido contractualmente un destino alleo á Universidade dos resultados obtidos. Correspóndelle ao Consello de Goberno a aprobación das normas sobre modalidades e participación do persoal docente e investigador e o demais persoal da Universidade nos resultados derivados da investigación a que se refire este artigo.

3. A Universidade de Santiago de Compostela xestionará estas actividades como recursos propios e a través das unidades que poida crear para tal efecto. O Consello de Goberno, por proposta do reitor, poderá autorizar un sistema alternativo de xestión para supostos concretos, atendendo a circunstancias que así o aconsellen. Neste caso, o Consello de Goberno establecerá, así mesmo, os mecanismos que garantan a correcta afectación dos bens e ingresos obtidos.

Artigo 145

1. A Universidade, os grupos de investigación por ela recoñecidos, os departamentos, os institutos universitarios de investigación, outras estruturas de investigación e o persoal docente e investigador, a través dos anteriores, poderán subscribir contratos con persoas físicas ou xurídicas, universidades ou entidades públicas e privadas para a realización de traballos por parte da Universidade de carácter científico, técnico, humanístico ou artístico, así como para o desenvolvemento de ensinanzas de especialización ou actividades específicas de formación, de conformidade co artigo 83 da Lei orgánica de universidades.

2. Non estarán suxeitos á autorización da Universidade os contratos que realice o persoal docente e investigador para a publicación dos seus libros, traballos e traducións científicas, ou para a preparación de orixinais destinados á publicación.

3. O Consello de Goberno establecerá a normativa específica que regule a realización destas actividades, así como todas aquelas actividades de investigación que gocen de financiamento externo de calquera tipo, sexa total ou parcial. Esta normativa establecerá, como mínimo:

a) Os requisitos e as garantías para que a realización destas actividades non supoña prexuízos para a actividade académica e a oferta docente da Universidade ou incorra en incompatibilidades.

b) Os criterios para fixar o destino dos bens e recursos obtidos que lle correspondan á Universidade, en función do custo da actividade desenvolvida e do grao de participación nela da Universidade, dos seus grupos de investigación, departamentos, institutos universitarios de investigación e outras estruturas de investigación, así como dos propios investigadores.

c) O réxime de participación do persoal docente e investigador nos beneficios derivados da explotación comercial dos resultados dos traballos científicos, técnicos, humanísticos ou artísticos que se realicen.

4. A Universidade primará a difusión aberta do coñecemento dentro da comunidade científica como garantía do avance do coñecemento. Así mesmo, velará para que a explotación dos resultados da investigación e o coñecemento xerados pola Universidade responda aos intereses do conxunto da sociedade.

5. A Universidade, co fin de contribuír á vinculación da investigación universitaria co sistema produtivo, poderá crear empresas de base tecnolóxica a partir da actividade universitaria, sempre que internalicen a totalidade dos seus custos. Nelas poderá participar o persoal docente e investigador, conforme o réxime establecido na lexislación vixente. A creación deste tipo de empresas, así como a autorización da participación nas súas actividades do persoal docente e investigador, requirirá o acordo do Consello de Goberno da Universidade. Para tal efecto, o Consello de Goberno establecerá a normativa específica que regule o desenvolvemento e xestión destas iniciativas, de acordo coas liñas xerais aprobadas polo Claustro Universitario.

TÍTULO V
Dos servizos

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 146

1. A Universidade de Santiago de Compostela establecerá e manterá servizos básicos de apoio á docencia e á investigación, e servizos de apoio e asistencia á comunidade universitaria.

2. Os servizos da Universidade de Santiago de Compostela rexeranse por estes estatutos e polo regulamento que, para cada un deles, aprobe o Consello de Goberno. Garantirase a participación dos membros da comunidade universitaria e do persoal adscrito a cada servizo na elaboración destes regulamentos. Así mesmo, os regulamentos dos servizos establecerán as canles de participación dos usuarios no seu funcionamento ordinario, a través da creación de comisións de usuarios ou, de ser o caso, da súa participación nos seus órganos de dirección.

3. Sen prexuízo da súa dependencia funcional dos distintos órganos unipersoais de goberno, a dirección técnica e administrativa dos servizos corresponderalle ao persoal de administración e servizos das escalas ou grupos que corresponda, segundo o servizo de que se trate, consonte o que se estableza na relación de postos de traballo.

4. O Consello de Goberno, por proposta da Xerencia, aprobará o cadro de persoal de cada servizo, con base na planificación e na determinación dos seus obxectivos, na definición da súa estrutura organizativa e nos perfís profesionais dos postos de traballo que deban cubrirse para o seu mellor funcionamento.

5. Ademais dos servizos establecidos nestes estatutos e dos xa existentes, o Consello de Goberno, por proposta do reitor, poderá crear aqueloutros que considere adecuados para o mellor cumprimento das funcións da Universidade.

Artigo 147

Sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao Consello Social relativas á avaliación do rendemento dos servizos, o Consello de Goberno, por proposta do reitor e para a mellora da calidade na prestación dos servizos, establecerá os criterios para a súa avaliación, con base na coparticipación do seu persoal e dos usuarios.

Artigo 148

1. A Universidade asumirá, con carácter xeral, a xestión directa dos seus servizos. Poderán aplicarse as formas de xestión indirecta ou a prestación dos servizos a través de sociedades mercantís ou outros entes de dereito privado na xestión daqueles servizos de carácter complementario ou instrumental.

2. Naqueles casos en que a Universidade opte pola prestación dos seus servizos en réxime de xestión indirecta ou en réxime de dereito privado, deberá garantirse que estes se presten en condicións vantaxosas para os usuarios e coas máximas garantías de calidade. Para estes efectos, estableceranse comisións de seguimento e control con participación dos usuarios e dos distintos sectores da comunidade universitaria.

Capítulo II
Da Biblioteca e do Arquivo universitarios

Artigo 149

1. A Biblioteca Universitaria constitúe unha unidade funcional concibida como un centro de recursos para a docencia, a investigación, o estudo e a aprendizaxe, así como para todas aquelas actividades relacionadas co funcionamento e a xestión da Universidade. Como servizo básico ten a misión de facilitar o acceso e a difusión dos recursos de información e colaborar nos procesos de creación de coñecemento, co fin de contribuír á consecución dos obxectivos institucionais da Universidade.

2. É competencia da Biblioteca Universitaria xestionar todos os fondos bibliográficos e documentais, sen prexuízo do establecido nestes estatutos para o Arquivo Universitario, adquiridos polos diferentes centros de gasto da Universidade, os procedentes de legados, doazóns e intercambios e os adquiridos por outros organismos públicos ou privados a favor da Universidade.

3. A Biblioteca Universitaria estruturarase de acordo con criterios de territorialidade ou de especialización das coleccións e servizos, e está constituída pola Biblioteca Xeral, as bibliotecas de centro ou intercentros e as bibliotecas dos institutos e outros servizos universitarios, que estarán, en todo caso, adscritas a algunha das anteriores. A unidade mínima bibliotecaria será a biblioteca de centro.

Artigo 150

1. O persoal da Biblioteca Universitaria pertencerá ás escalas de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, axudantes de arquivos, bibliotecas e museos e á escala de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela, así como a calquera outra escala que se cree. A Biblioteca Universitaria disporá, ademais, do restante persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

2. A dirección da Biblioteca Universitaria será exercida por un funcionario ou funcionaria da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela, especialidade de bibliotecas, ou de corpos ou escalas equivalentes doutras universidades e administracións públicas, que presten servizo nela. A provisión da praza de director realizarase consonte o que se estableza na relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos.

3. Constituirase a Comisión da Biblioteca Universitaria, así como as comisións de bibliotecas de centro ou intercentros que se determinen regulamentariamente. A súa composición e funcións serán establecidas no correspondente regulamento do servizo, que será aprobado polo Consello de Goberno e que garantirá, en todo caso, a participación de todos os sectores da comunidade universitaria.

Artigo 151

1. O Arquivo Universitario está constituído pola documentación administrativa e académica xerada pola Universidade ao longo da súa historia, así como polos fondos documentais non universitarios adquiridos, doados ou confiados en depósito á Universidade.

2. O Arquivo Universitario ten como función conservar, ordenar, clasificar e facilitar a consulta e utilización da documentación.

3. O Arquivo Universitario estruturarase en administrativo e histórico. Na súa condición de arquivo histórico, o Arquivo Universitario constitúe unha unidade funcional de apoio á investigación e á docencia.

4. Crearase unha Comisión do Arquivo Universitario, na cal estarán representados todos os sectores da comunidade universitaria. A súa composición e funcións estableceranse no correspondente regulamento do servizo, que será aprobado polo Consello de Goberno.

Artigo 152

1. O persoal do Arquivo Universitario pertencerá ás escalas de facultativos de arquivos e bibliotecas, especialidade de arquivos, de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos e á escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade. O Arquivo Universitario disporá, ademais, do restante persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

2. A dirección do Arquivo Universitario será exercida por un funcionario ou funcionaria da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela, especialidade de arquivos, ou de corpos ou escalas equivalentes doutras universidades e administracións públicas, que presten servizos nela. A provisión da praza de director realizarase consonte o que se estableza na relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos.

Capítulo III
Do Servizo de Normalización Lingüística

Artigo 153

1. O Servizo de Normalización Lingüística ten a función de dotar de soporte técnico o proceso de extensión do uso da lingua galega na Universidade, no marco da política lingüística que se defina nos plans de actuación aprobados polo Claustro.

2. Son funcións deste servizo:

a) Colaborar coa Comisión de Normalización Lingüística do Claustro e cos órganos de goberno, propondo actuacións dentro das liñas estratéxicas de política lingüística da Universidade.

b) Executar as medidas de política lingüística que lle encomenden a Comisión de Normalización do Claustro e os órganos de goberno en materia de asesoramento lingüístico e terminolóxico, dinamización e formación.

c) Coordinar e apoiar o traballo das comisións de normalización lingüística dos centros.

Capítulo IV
Do Servizo Universitario de Residencias

Artigo 154

1. O Servizo Universitario de Residencias é un servizo de asistencia á comunidade universitaria que proporciona aloxamento ao estudantado e demais membros da comunidade universitaria, de xeito que se promova a súa formación integral e que contribúa a reducir a desigualdade de oportunidades por motivos económicos para o acceso e a permanencia na Universidade. Tamén lles poderá proporcionar aloxamento a outras persoas que, sen pertencer á Universidade, tomen parte en actividades por ela organizadas.

2. O Servizo Universitario de Residencias está composto polas residencias e colexios maiores que se rexan polas normas que para tal servizo aprobe o Consello de Goberno.

Artigo 155

1. Cada residencia ou colexio maior, ou os complexos que integren varios deles, estará dirixido por un director pertencente á comunidade universitaria, que será nomeado e cesado polo reitor, do que informará ao Consello de Goberno.

2. O réxime de goberno e de administración do servizo de residencias e o das residencias e colexios maiores que o integran establecerase nun regulamento que aprobe o Consello de Goberno, no cal se garantirá a participación dos residentes a través da constitución de consellos de residentes.

Artigo 156

1. A Universidade poderá promover acordos e convenios con entidades públicas e privadas para a construción e xestión de residencias e outras fórmulas de aloxamento e vivenda destinadas aos membros da comunidade universitaria.

2. A Universidade poderá adscribir mediante o adecuado convenio, que deberá ser aprobado polo Consello de Goberno, colexios maiores ou residencias creados por outras persoas físicas ou xurídicas.

Capítulo V
Doutros servizos universitarios

Artigo 157

1. O Servizo de Deportes encárgase de planificar e xestionar as actividades e instalacións deportivas da Universidade de Santiago de Compostela, seguindo as liñas establecidas na planificación estratéxica aprobada polo Claustro Universitario.

2. A práctica deportiva na Universidade é parte da formación do estudantado e considérase de interese para todos os membros da comunidade universitaria. Para estes efectos, a Universidade de Santiago de Compostela promoverá unha acción deportiva integral, saudable, diversa e para todas as persoas, co máximo respecto polo noso ambiente e a nosa cultura. Así mesmo, estimulará a participación nas actividades físico-deportivas de todos os membros da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral, incidindo en políticas de igualdade para as persoas e colectivos de menor práctica deportiva.

3. A Universidade de Santiago de Compostela manterá e potenciará as súas infraestruturas deportivas e establecerá as medidas necesarias que favorezan e fomenten a práctica deportiva por parte dos membros da comunidade universitaria.

4. A Universidade de Santiago de Compostela establecerá convenios coas administracións públicas, con outras universidades e con entidades públicas ou privadas para manter e potenciar as súas infraestruturas deportivas, coordinar o deporte universitario e organizar competicións interuniversitarias que promovan a práctica deportiva en toda a comunidade universitaria.

Artigo 158

1. O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico é o servizo da Universidade de Santiago de Compostela con competencia exclusiva para editar, comercializar e intercambiar libros, revistas e outras publicacións realizadas con cargo a fondos universitarios, calquera que sexa o seu soporte de edición. A organización deste servizo rexerase por un regulamento aprobado polo Consello de Goberno.

2. A Universidade de Santiago de Compostela promoverá a edición de libros e revistas para a difusión da súa produción científica, técnica e cultural e como apoio á docencia, velando polo cumprimento da lexislación vixente en materia de propiedade intelectual.

TÍTULO VI
Dos actos académicos, honras e distincións

Artigo 159

A Universidade, así como os seus centros, institutos de investigación, escolas de doutoramento e outras estruturas de docencia ou investigación, poderán organizar actos académicos solemnes. Entre os que organice a Universidade estarán necesariamente o de apertura do curso e o de conmemoración da festividade de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade, que serán presididos polo reitor.

Artigo 160

1. Son honras e distincións da Universidade de Santiago de Compostela as seguintes:

a) O grao de doutor honoris causa.

b) A medalla e a insignia de ouro da Universidade.

c) Aqueloutras que se establezan por acordo do Consello de Goberno.

2. A imposición de honras e distincións farase en acto público, presidido polo reitor, do que quedará constancia nun rexistro que custodiará a Secretaría Xeral.

Artigo 161

1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá concederlles o grao de doutor honoris causa a persoas físicas sobranceiras no eido da investigación ou da docencia, no cultivo das artes e das letras, ou ben daquelas actividades que teñan unha repercusión notoria e importante desde o punto de vista universitario no terreo científico, artístico, cultural, tecnolóxico, social ou político.

2. O Claustro Universitario aprobará un regulamento no cal se establecerá o procedemento de concesión.

3. O nomeamento de doutor honoris causa debe expedilo o reitor. Procederase á correspondente investidura nun solemne acto académico adecuado ao tradicional uso universitario.

Artigo 162

1. A medalla de ouro da Universidade de Santiago de Compostela concederáselles a persoas ou entidades que sobresaian dun xeito extraordinario pola súa contribución ao sostemento ou ao cumprimento dos fins da institución.

2. A insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela será concedida a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución.

3. Un regulamento do Consello de Goberno establecerá o réxime para a concesión da medalla e da insignia de ouro da Universidade, así como as súas características materiais, que concordarán cos símbolos tradicionais da Universidade.

TÍTULO VII
Do réxime económico e da programación plurianual

Capítulo I
Do patrimonio

Artigo 163

Constitúen o patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela:

a) Os dereitos sobre os bens mobles e inmobles que lle pertenzan por calquera título.

b) Os títulos, os valores, as propiedades incorporais e os restantes dereitos, accións, participacións e obrigacións que lle correspondan.

Artigo 164

1. A Universidade de Santiago de Compostela é titular dos bens de dominio público que estean afectos ao cumprimento das súas funcións e asumirá a titularidade daqueles que no futuro sexan destinados ás mesmas finalidades polo Estado ou pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Exceptúanse, en todo caso, os bens que integren o patrimonio histórico español, aos cales lles será de aplicación a súa normativa específica.

3. A desafectación dos bens de dominio público de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela consonte a lexislación vixente implicará a súa consideración como bens patrimoniais dela.

Artigo 165

1. Os acordos relativos á desafectación dos bens de dominio público e á disposición dos bens patrimoniais corresponderanlle ao Consello de Goberno e deberán ser aprobados polo Consello Social, de conformidade coas normas xerais que rexan nesta materia.

2. Correspóndelle ao Consello Social, tras a proposta do Consello de Goberno e no marco das normas xerais que rexan nesta materia, ditar as normas regulamentarias relativas á administración dos bens de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela, tanto os de dominio público coma os patrimoniais, así como os procedementos para a súa adquisición e para a súa cesión.

Artigo 166

1. Os bens afectos ao cumprimento das súas funcións e os actos que se realicen para o desenvolvemento inmediato destas, así como os seus rendementos, gozarán de exención tributaria, sempre que os tributos e exencións recaian directamente sobre a Universidade en concepto de contribuínte, a non ser que sexa posible legalmente a translación da carga tributaria.

2. A Universidade de Santiago de Compostela, pola súa condición de ente vinculado á Comunidade Autónoma de Galicia, gozará das exencións, bonificacións e reducións propias dos entes públicos de titularidade autonómica nos termos previstos na normativa vixente.

Capítulo II
Da planificación estratéxica e da programación plurianual

Artigo 167

As actuacións da Universidade enmarcaranse na planificación estratéxica aprobada polo Claustro e concretaranse periodicamente na programación plurianual.

Artigo 168

1. A Universidade de Santiago de Compostela elaborará as súas programacións plurianuais, que poderán conducir, de ser o caso, ao asinamento de convenios e contratos programa, que incluirán obxectivos, financiamento e avaliación do seu cumprimento.

2. A programación plurianual concretarase nun programa de catro anos, actualizado cada ano, sobre a actividade da Universidade e mais sobre a avaliación económica dos gastos e dos ingresos correspondentes.

3. A programación incluirá tamén as liñas xerais relativas ás seguintes materias:

a) Os programas de construción de novos edificios e de instalacións de carácter xeral, así como as ampliacións ou modificacións dos xa existentes.

b) O programa xeral de investimentos, tanto de infraestrutura de docencia coma de infraestrutura de investigación.

c) As propostas de creación e supresión de centros ou estudos, así como os cambios na adscrición destes.

d) Os plans de investigación propios, con indicación dos medios de financiamento con que conten e as previsións orzamentarias analizadas para a súa efectiva realización.

e) As variacións que cumpra facer nas relacións de postos de traballo do persoal docente e investigador e de administración e servizos.

f) A creación, modificación e supresión de servizos.

g) En xeral, aquelas decisións que, a medio prazo, contribúan a definir a actividade docente, investigadora, de xestión e de organización interna da Universidade.

Artigo 169

Logo da aprobación das liñas xerais polo Claustro, o Consello de Goberno proporalle a programación plurianual ao Consello Social para a súa aprobación.

Capítulo III
Do orzamento

Artigo 170

A Universidade de Santiago de Compostela aprobará un orzamento anual que conterá os dereitos económicos estimados para liquidar durante o exercicio e a totalidade dos créditos necesarios para dar cumprimento ás obrigas. O orzamento será público, único e equilibrado. A estrutura do orzamento e o seu sistema contable adecuaranse ás normas que, con carácter xeral, estean establecidas para o sector público.

Artigo 171

1. O reitor presentará perante o Claustro Universitario as liñas xerais do orzamento, xunto coas da programación plurianual ou coa súa actualización.

2. Aprobadas as liñas xerais polo Claustro, o reitor presentará o proxecto de orzamento perante o Consello de Goberno, que o enviará ao Consello Social para a súa aprobación.

Artigo 172

O orzamento da Universidade de Santiago de Compostela conterá no estado de ingresos os seguintes recursos:

a) As transferencias fixadas anualmente pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As taxas, prezos públicos e restantes dereitos que legalmente se establezan, así como a compensación que deberá preverse polas exencións e reducións legalmente establecidas.

c) As transferencias, subvencións, herdanzas, doazóns e legados que reciba de calquera entidade pública ou privada.

d) Os rendementos procedentes do seu patrimonio e aqueloutros derivados da actividade universitaria e de actos e prestacións de servizos onerosos.

e) O produto do alleamento dos seus bens e as compensacións orixinadas pola súa cesión onerosa.

f) O produto das operacións de crédito que concertará a Universidade con entidades públicas ou privadas para o financiamento dos seus gastos de investimento.

g) Os remanentes de tesouraría e calquera outro ingreso.

h) Os ingresos derivados de contratos que subscriban a Universidade, os grupos de investigación por ela recoñecidos, os departamentos, os institutos universitarios de investigación, outras estruturas de investigación e o persoal docente e investigador, a través dos anteriores, para a realización de traballos por parte da Universidade de carácter científico, técnico, humanístico ou artístico, así como para o desenvolvemento de ensinanzas de especialización ou actividades específicas de formación.

Artigo 173

O Consello de Goberno aprobará a estrutura do orzamento da Universidade, atendendo aos seguintes criterios:

a) Separación entre operacións correntes, de capital e financeiras.

b) O estado de ingresos atenderá ás clasificacións orgánica e económica.

c) O estado de gastos clasificarase de acordo con criterios orgánicos, económicos e funcionais.

Artigo 174

1. As modificacións de crédito rexeranse polo disposto na lexislación estatal ou autonómica que sexa de aplicación.

2. Correspóndelle ao Consello Social, por proposta do Consello de Goberno, a aprobación:

a) Dos créditos extraordinarios e suplementos de crédito.

b) Das ampliacións de crédito.

c) Das transferencias de crédito de operacións correntes a operacións de capital e de operacións de capital a correntes de programas de mantemento xerais e programas de investimentos.

3. Correspóndelle ao reitor a aprobación:

a) Das xeracións de crédito.

b) Da incorporación de remanentes.

c) Das transferencias de crédito entre partidas do mesmo capítulo ou entre as partidas dos capítulos de operacións correntes e as partidas dos capítulos de operacións de capital.

d) Das transferencias de créditos entre partidas de carácter descentralizado para o funcionamento ordinario de centros, departamentos, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento, outras estruturas universitarias de docencia ou investigación e servizos.

4. O reitor informará ao Consello Social e ao Consello de Goberno das modificacións aprobadas como consecuencia da incorporación de remanentes.

Artigo 175

A falta de aprobación do orzamento anual da Universidade antes do 1 de xaneiro do ano correspondente suporá a prórroga automática do orzamento do ano anterior.

Capítulo IV
Da xestión e do control

Artigo 176

1. A xestión económica e financeira da Universidade de Santiago de Compostela, no marco constituído pola programación plurianual e polo orzamento, reflectirase nas contas anuais.

2. O Consello de Goberno, por proposta da Xerencia e, de ser o caso, a partir do disposto pola Comunidade Autónoma de Galicia, aprobará un regulamento de xestión orzamentaria, que deberá ser ratificado polo Consello Social.

Artigo 177

1. A Universidade de Santiago de Compostela asegurará o control interno dos seus ingresos e gastos e organizará as súas contas segundo os principios de contabilidade das administracións públicas, no marco que estableza a lexislación vixente. Para tal efecto, poderá crearse unha unidade administrativa dotada de autonomía suficiente para garantir o exercicio dos pertinentes controis e avaliacións.

2. As contas anuais comprenden o balance, a conta de resultado económico patrimonial, o estado de cambios no patrimonio neto, o estado de fluxos de efectivo, o estado de liquidación do orzamento e a memoria. Estes documentos forman unha unidade e debe redactarse con claridade e mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira, do resultado económico patrimonial e da execución do orzamento da Universidade de conformidade co Plan xeral de contabilidade pública. A Universidade de Santiago de Compostela poderá, adicionalmente, presentar un informe sobre a xestión dos recursos económicos.

3. As contas anuais serán presentadas polo reitor ao Consello de Goberno para a súa información e mais para o exame da xestión económica realizada. Esta presentación farase no prazo de seis meses desde o peche do exercicio económico.

4. Unha vez que o Consello de Goberno acepte as contas, o reitor someteraas á aprobación do Consello Social e dará conta do seu contido ao Claustro Universitario.

5. A Universidade enviaralle as contas anuais á Xunta de Galicia.

Artigo 178

A memoria económica anual conterá necesariamente:

a) A liquidación definitiva do orzamento, a conta de resultados e o balance de situación.

b) A información dos expedientes de contratación administrativa xestionados no exercicio.

c) Un informe sobre a valoración e a evolución do inventario de bens mobles e inmobles.

d) Un informe polo miúdo sobre a xestión dos recursos económicos.

e) A demais información e documentación exixida pola normativa vixente sobre contabilidade pública.

Artigo 179

1. O Consello Social exercerá con independencia as funcións que lle corresponden en relación coa supervisión das actividades de carácter económico da Universidade, utilizando técnicas de auditoría.

2. O Claustro Universitario poderá tamén crear unha comisión específica para exercer un control sobre as contas da Universidade.

Artigo 180

Correspóndelle ao reitor ditar os actos administrativos relativos ás distintas fases dos procedementos de gasto e pagamento, sen prexuízo da posibilidade de delegación desta competencia, no marco do Regulamento de xestión orzamentaria ou, no seu defecto, das normas de execución orzamentaria en vigor.

Artigo 181

A contratación na Universidade de Santiago de Compostela efectuarase de acordo co oportuno regulamento aprobado polo Consello Social por proposta do Consello de Goberno, dentro do marco da lexislación xeral sobre a materia.

Artigo 182

O reitor posúe a condición de órgano de contratación da Universidade de Santiago de Compostela e asinará no seu nome os contratos.

Artigo 183

1. A Mesa de Contratación estará formada, polo menos, polo reitor ou polo vicerreitor en quen delegue, polo presidente do Consello Social ou persoa que designe, polo xerente ou funcionario do persoal de administración e servizos que designe, por un funcionario do servizo responsable do control interno, por un funcionario da Asesoría Xurídica da Universidade e por un funcionario do servizo responsable da xestión da contratación. Actuará como secretario outro funcionario do servizo responsable da xestión da contratación, con voz pero sen voto.

2. As garantías que teñan que constituírse en metálico ou valores serán depositadas na Tesouraría da Universidade ou na Caixa Xeral de Depósitos ou órgano autonómico equivalente.

3. O Consello de Goberno e o Consello Social serán informados, a través da memoria económica anual, de toda a contratación xestionada no exercicio económico, calquera que fosen os procedementos e as formas de adxudicación empregados, sen prexuízo da facultade dos ditos órganos de solicitar a información que consideren oportuna en calquera momento.

Artigo 184

1. A Universidade, para a promoción e o desenvolvemento dos seus fins, poderá crear empresas, fundacións ou outras persoas xurídicas, por si soa ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas, de acordo coa lexislación aplicable e, cando proceda segundo esta, coa aprobación do Consello Social.

2. O réxime orzamentario destas entidades será o establecido para as desta natureza dependentes da Administración autonómica, e seralles igualmente de aplicación o seu réxime de selección de persoal e contratación.

3. As contas das entidades con participación maioritaria, unha vez formuladas e aprobadas polos seus correspondentes órganos, integraranse nas contas anuais da Universidade.

TÍTULO VIII
Da reforma dos estatutos

Artigo 185

1. A iniciativa para a reforma dos presentes estatutos correspóndelle ao Consello de Goberno ou ao vinte por cento dos membros do Claustro.

2. As iniciativas de reforma tramitaranse consonte o procedemento establecido para este fin no regulamento de funcionamento do Claustro Universitario.

3. A reforma dos estatutos requirirá a aprobación pola maioría absoluta do número total de membros do Claustro.

4. O novo texto será remitido á Xunta de Galicia para a súa ratificación. Se existisen reparos de legalidade, serán emendados de acordo co establecido no procedemento previsto no punto segundo e o texto corrixido remitirase novamente á Xunta de Galicia. O texto definitivamente aprobado terá vixencia a partir do día seguinte á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá contar coa colaboración de profesionais externos no desenvolvemento de actividades prácticas derivadas de convenios ou acordos con ela, para impartiren prácticas tuteladas externas, segundo o que se estableza nestes convenios, e procurará o adecuado recoñecemento desta colaboración.

2. No exercicio da súa autonomía, a Universidade poderá invitar docentes ou investigadores de recoñecido prestixio doutras universidades e centros de investigación españois ou estranxeiros para colaboraren nas súas actividades académicas, por un período máximo dun curso académico.

Disposición adicional segunda

O persoal docente procedente da antiga Escola de Graduados Sociais, integrada na Universidade de Santiago de Compostela por medio do Decreto 241/1991, do 4 de xullo, terá a mesma consideración para todos os efectos, tanto en dereitos como en deberes, que os profesores titulares de escola universitaria.

Disposición adicional terceira

1. Os profesores asociados de ciencias da saúde non se tomarán en consideración para calcular os límites do corenta e nove por cento do persoal docente e investigador contratado e do corenta por cento do persoal docente e investigador contratado laboral temporal, establecidos no artigo 12 destes estatutos.

2. Para os efectos de participación nos órganos de goberno da Universidade, todos os profesores asociados de ciencias da saúde equipáranse a profesores asociados, sen que lles sexa de aplicación o artigo 104.1.a).

Disposición adicional cuarta

Para os efectos de prelación entre as categorías establecidas no artigo 16, os corpos e categorías ordénanse do seguinte xeito:

1. Catedráticos de universidade en activo ou eméritos.

2. Profesores titulares de universidade e catedráticos de escola universitaria en activo ou eméritos.

3. Profesores titulares de escola universitaria e profesores contratados doutores.

4. Profesores colaboradores.

5. Profesores axudantes doutores.

6. Axudantes.

7. Profesores asociados.

8. Outro persoal docente e investigador contratado.

Disposición adicional quinta

1. Poderá integrarse nas escalas propias de persoal funcionario de administración e servizos o persoal laboral pertencente aos grupos profesionais de titulación equivalente, logo da superación dos procesos selectivos que se establezan para o efecto e tras o acordo cos órganos de representación do persoal.

2. A Universidade promoverá, a través dos correspondentes procesos selectivos, a integración na escala administrativa dos funcionarios da escala auxiliar que presten servizos na Universidade de Santiago de Compostela.

Disposición adicional sexta

A Universidade dará publicidade dos acordos e das resolucións de carácter xeral dos seus órganos de goberno, que estarán accesibles a través da súa páxina web desde o momento en que produzan efectos.

Disposición transitoria primeira

1. As figuras existentes no momento de entrada en vigor da Lei orgánica de universidades equipáranse ás establecidas nela do seguinte xeito, para os efectos de participación na vida académica e especialmente nos órganos de representación da Universidade:

a) Axudantes e profesores asociados non doutores que non compatibilicen outra actividade fóra da Universidade, a profesores colaboradores.

b) Axudantes e profesores asociados doutores que non compatibilicen outra actividade fóra da Universidade, a profesores contratados doutores.

c) Profesores asociados que compatibilicen outra actividade fóra da Universidade, a profesores asociados.

2. O persoal dos corpos docentes universitarios e o profesorado colaborador sen título de doutor seguirá a formar parte dos consellos de departamento mentres na Universidade de Santiago de Compostela continúe a haber persoas pertencentes ás ditas categorías de persoal docente.

Disposición transitoria segunda

A Universidade de Santiago de Compostela asume o compromiso da estabilización dos seus cadros de persoal docente e investigador e de persoal de administración e servizos.

Disposición transitoria terceira

O actual Claustro continuará ata completar o período de catro anos para o cal foi elixido e manterá a súa composición actual ata que se produza a súa renovación total. As renovacións parciais faranse respectando a composición vixente no momento da entrada en vigor destes estatutos.

Disposición transitoria cuarta

1. Os demais órganos colexiados de goberno que vexan alterada a súa composición como consecuencia da aprobación desta reforma estatutaria deberán adaptarse na primeira renovación que se produza.

2. En canto as xuntas de centro non determinen no seu regulamento de réxime interno os subsectores a que alude o artigo 95.2, o persoal docente e investigador a tempo parcial representará un máximo do cinco por cento do total de membros da xunta e os estudantes de doutoramento un cinco por cento de dito total.

Disposición transitoria quinta

Os órganos unipersoais de goberno que o sexan no momento da entrada en vigor desta reforma estatutaria continuarán ata o remate do seu mandato. No caso de que se trate do seu segundo mandato, non poderán ser reelixidos.

Disposición transitoria sexta

A Universidade, no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta reforma estatutaria, aprobará as relacións de postos de traballo do persoal de administración e servizos e do persoal investigador contratados con cargo a convenios e proxectos de investigación, que se actualizarán permanentemente con cada contrato. Estes instrumentos determinarán o encadramento no sector IV ou no sector II, respectivamente, para os efectos electorais.

Disposición transitoria sétima

1. O Consello de Goberno adaptará o regulamento electoral xeral da Universidade a esta reforma estatutaria no prazo de seis meses desde a súa entrada en vigor.

2. No prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta reforma estatutaria, o Claustro Universitario e o Consello de Goberno procederán, no ámbito das súas respectivas competencias, á adaptación a ela das demais normas regulamentarias da Universidade actualmente vixentes, así como á aprobación das que sexan necesarias para o seu de-senvolvemento.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.