Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 2014 Páx. 5615

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 11/2014, do 23 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de ensanche e acondicionamento da estrada provincial E.P. 8502 Valga-Baño (concello de Valga).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión do día vinte e cinco de outubro de dous mil trece, aprobou o proxecto de obras de ensanche e acondicionamento da estrada provincial E.P. 8502 Valga-Baño (concello de Valga) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan a Deputación e o informe do técnico provincial, a finalidade da actuación proxectada sobre a estrada provincial E.P. 8502 Valga-Baño é mellorar a seguridade viaria a través dun ensanche e mellora do trazado actual.

A xustificación do proxecto busca a minoración do risco de accidentes, xa que a estrada obxecto da obra une o centro de Valga co colexio de Baño, o que comporta unha grande intensidade de tráfico rodado e de viandantes. A actuación prevista consiste en ampliar a capa de rodaxe e dotar a estrada de beiravías, sendo necesario retirar muros e diversas instalacións viarias.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xaneiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de ensanche e acondicionamento da estrada provincial E.P. 8502 Valga-Baño (concello de Valga), debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xaneiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza