Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 2014 Páx. 5617

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 12/2014, do 30 de xaneiro, polo que se aproba o plan de conservación do espazo natural de interese local Puzo do Lago.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30º faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espazos naturais. A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define no seu título I, con carácter xeral, os espazos naturais que deben ser considerados merecentes dunha protección especial, e dispón un réxime xeral de protección e a posibilidade de establecer réximes de protección preventiva. Entre as oito categorías de espazos naturais protexidos que establece a Lei 9/2001, inclúese a figura de espazo natural de interese local (ENIL en adiante).

A regulación do procedemento de declaración dos ENIL foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, de 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural. Así mesmo, a Lei 9/2001, establece no seu artigo 31 que como instrumento para a planificación dos ENIL se configuran os plans de conservación, que, de acordo co artigo 37, serán os instrumentos que establezan o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

A declaración definitiva require que o Concello de Maside presente ante a consellería competente en materia de conservación da natureza o plan de conservación do espazo, o que fixo o pasado 1 de xullo de 2011.

Mediante a Orde do 23 de xaneiro de 2014, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, declarouse de forma definitiva o ENIL Puzo do Lago, localizado no Concello de Maside.

O plan de conservación presentado está conforme cos contidos mínimos referidos no artigo 38 da lei, desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, e establece o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo, polo que procede a súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

O ENIL Puzo do Lago comprende unha superficie de 30,60 ha e inclúe terreos clasificados como dominio público hidráulico.

A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado.

Na tramitación emitiron informes o Servizo de Conservación da Natureza de Lugo e a S.X. de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Vista a documentación presentada polo Concello de Maside ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en que propón a aprobación do plan de conservación do lugar denominado Puzo do Lago como espazo natural de interese local, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza estableceu un período de información pública e audiencia aos/ás interesados/as na tramitación da declaración definitiva deste ENIL mediante Resolución do 9 de xullo de 2013 (DOG nº 146, do 1 de agosto), despois do cal resulta procedente elevalo ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto.

Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xaneiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación

1. Apróbase o plan de conservación do ENIL Puzo do Lago, declarado mediante Orde do 23 de xaneiro de 2014 da Consellería competente en materia de conservación da natureza.

2. No anexo I deste decreto, recóllese o plan de conservación do ENIL Puzo do Lago, no cal se establece o réxime de uso e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideran necesarias para a conservación do espazo.

3. Toda a información ambiental que xustifica a declaración do ENIL Puzo do Lago quedará á disposición de calquera interesado/a no Concello de Maside, xestor do espazo.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I
Plan de conservación do espazo natural de interese local Puzo do Lago

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza do plan

Este plan é o instrumento específico para a delimitación do seu ámbito, tipificación dos valores naturais que o integran e determinación da relación do espazo natural co resto do territorio, e conforme o previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

Artigo 2. Finalidade

O plan de conservación do ENIL Puzo do Lago, como documento estratéxico e orientador, ten os seguintes obxectivos:

a) Apoiar o desenvolvemento e a conservación dos valores naturais e da biodiversidade a través do mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais, garantindo a conexión das poboacións de fauna e flora silvestres e preservando a diversidade xenética.

b) Identificar e xeorreferenciar o espazo natural, os valores que o caracterizan e a súa integración e relación co resto do territorio.

c) Sinalar o réxime de protección que proceda para o espazo natural, co obxecto de manter, mellorar ou restaurar ecosistemas, en funcionalidade e conectividade.

d) A subsidiariedade e o fomento da participación pública, a través de cooperación e colaboración activa dos sectores sociais e económicos implicados, asumindo unha responsabilidade compartida na conservación.

e) A prevención e a planificación para impedir a deterioración ambiental. As políticas sectoriais integrarán as consideracións ambientais na súa planificación e porán en marcha os mecanismos necesarios para evitar danos ao ambiente; identificando tanto a capacidade e a intensidade do uso do patrimonio natural e da biodiversidade e a xeodiversidade para poder así determinar as alternativas de xestión e as limitacións que deban establecerse á vista do seu estado de conservación.

f) Definir e sinalar o estado de conservación das compoñentes do patrimonio do espazo natural, da súa biodiversidade e da súa xeodiversidade, así como dos procesos ecolóxicos e xeolóxicos no ámbito territorial tratado.

g) A internalización dos custos ambientais, tendo en conta, en sentido amplo, o principio de «quen contamina paga». As medidas compensatorias ou actuacións correctoras deberán ser asumidas e programadas como un elemento máis do proceso produtivo.

h) O desenvolvemento sustentable, favorecendo bos usos e aproveitamentos respectuosos co medio. Este uso debe ser compatible co mantemento dos ecosistemas e non reducir a viabilidade doutros recursos a que se asociase nin reducir as posibilidades de gozo deles ás xeracións futuras. Procurarase a posta en valor dos compoñentes da biodiversidade e tratarase de que os beneficios xerados polo uso dos recursos revertan en favor dos axentes implicados.

i) Prever e promover a aplicación das medidas de conservación, así como de restauración, de todos os recursos naturais e dos seus compoñentes que requiran ser conservados ou restaurados.

j) Contribuír ao establecemento e a consolidación de redes ecolóxicas compostas por espazos de alto valor natural que permitan os movementos e a dispersión das poboacións de especies tanto de flora como de fauna e o mantemento dos seus fluxos, de forma que garantan a funcionalidade dos distintos ecosistemas presentes no ENIL.

Artigo 3. Ámbito territorial

1. A área comprendida por este ENIL atópase no termo municipal de Maside, provincia de Ourense e conta cunha superficie de 30,60 ha.

2. Os límites do ENIL son os que figuran no anexo I da Orde do 23 de xaneiro de 2014 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se declara de forma definitiva o ENIL Puzo do Lago.

Artigo 4. Efectos do plan

Conforme o artigo 39 da Lei 9/2001, as previsións deste plan de conservación serán vinculantes tanto para as administracións públicas como para os/as particulares, prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e a súa aprobación levará unida a revisión dos plans territoriais.

Artigo 5. Vixencia e revisión

1. O ENIL Puzo do Lago inclúe propiedades privadas, así como terreos clasificados como dominio público hidraúlico. A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado.

2. As determinacións do presente plan de conservación entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e continuarán en vigor ata que se revise o plan polo cambio significativo e suficiente das circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación. En calquera caso, a falta de modificacións excepcionais deberá revisarse pasados cinco anos.

Artigo 6. Contido do plan

En relación cos contidos mínimos exixibles aos plans de conservación, o plan do ENIL Puzo do Lago cumpre co disposto no artigo 6.4 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural, e integra as seguintes epígrafes:

I. Introdución.

II. Delimitación do seu ámbito de protección.

III. Identificación dos valores que hai que protexer e dos posibles riscos que poidan afectar os seus valores naturais.

III.1. Descrición da UAH1-área de bosques mixtos caducifolios-As Grovas.

– Vexetación.

– Fauna.

– Calidade paisaxística.

– Valoración cualitativa e valores para conservar.

– Posibles riscos que poden afectar os valores naturais.

III.2. Descrición da UAH2-área de bosques mixtos caducifolios-plantación.

– Vexetación.

– Fauna.

– Calidade paisaxística.

– Valoración cualitativa e valores para conservar.

– Posibles riscos que poden afectar os valores naturais.

III.3. Descrición da UAH3-área da lagoa.

– Vexetación.

– Fauna.

– Calidade paisaxística.

– Valoración cualitativa e valores para conservar.

– Posibles riscos que poden afectar aos valores naturais.

III.4. Descrición da UAH4-área de campo de golf.

– Vexetación.

– Fauna.

– Calidade paisaxística.

– Valoración cualitativa e valores para conservar.

– Posibles riscos que poden afectar aos valores naturais.

IV. Normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais, destinados a protexer, conservar ou mellorar os valores ambientais do ENIL.

IV.1. Directrices de usos e actividades xenéricas para todo o ámbito do ENIL.

IV.2. Exclusións de actividades e usos non permitidos no ENIL.

IV.3. Zonificación: normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais.

IV.3.A. UAH1 área de bosques mixtos caducifolios-As Grovas.

IV.3.B. UAH2 área de bosques mixtos-plantación.

IV.3.C. UAH3 área da lagoa.

IV.3.D. UAH4 área de campo de golf.

V. Normas relativas ao uso público, actividades científicas ou educativas.

V.1. Obxectivos do uso público, actividades científicas ou educativas.

V.2. Normas e directrices de uso público, actividades científicas ou educativas.

VI. Anexos.

VI.1. Cartografía a escala adecuada e xeorrefenciada de delimitación xeral do ENIL.

VI.2. Cartografía a escala adecuada e xeorrefenciada de delimitación do ENIL: unidades ambientais.

Título II
Xustificación, categoría de protección e obxectivos

Artigo 7. Xustificación

A finalidade básica do plan de conservación dun espazo natural de interese local é garantir a conservación dunha serie de valores naturais, culturais, estéticos e científicos recoñecidos pola sociedade e apoiados por unha normativa legal.

Os obxectivos deben alcanzarse en territorios onde a poboación utilizou ao longo da historia os recursos naturais, modificando as paisaxes e as comunidades biolóxicas. A incorporación de formulacións de índole socioeconómica á preocupación central da consideración do benestar da poboación que habita nestes territorios e no seu contorno, así como ao recoñecemento e a valoración dunha relación positiva entre certo tipo de aproveitamentos económicos e a garantía de pervivencia dos valores naturais.

Na declaración dos espazos naturais poden considerarse oportunidades para promover modelos máis sustentables de desenvolvemento, exportables ao resto do territorio, é por iso polo que non se deberían considerar como unidades illadas do resto do territorio. Os espazos naturais non poden concibirse de forma estática, senón que deben incorporar os avances científicos e tecnolóxicos e deberán dar resposta aos cambios sociais e económicos do contorno en que están inseridos.

O interese natural do ENIL Puzo do Lago radica fundamentalmente na presenza de diversidade vexetal, con predominio na seu maior parte as especies autóctonas.

Tanto a fauna, como a flora, o patrimonio arqueolóxico e a paisaxe, entre outros aspectos, configuran un conxunto paisaxístico e natural merecente dunha protección especial.

É por iso que, ante a gran diversidade de especies e hábitats, e ao amparo da normativa de conservación, concrétanse neste plan os recursos que van ser obxecto de conservación e a orientación principal do ENIL Puzo do Lago será a da conservación e protección dos valores naturais e a rexeneración daqueles degradados pola actividade humana.

Artigo 8. Categoría de protección

O ENIL Puzo do Lago comprende, de acordo coa delimitación establecida na Orde do 23 de xaneiro de 2014 de declaración definitiva, unha superficie de 30,60 ha, que inclúe terreos clasificados como dominio público hidráulico.

En consecuencia, coa elaboración e aprobación do plan de conservación queda definido o instrumento de xestión deste espazo natural de interese local, baixo a denominación de espazo natural de interese local Puzo do Lago; nas 30,60 ha téñense en conta tanto as propiedades públicas coma as privadas.

O ENIL Puzo do Lago é espazo natural protexido cuxa declaración non leva unida a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos. Tampouco implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

Artigo 9. Obxectivos de conservación

A declaración do ENIL Puzo do Lago establécese coa finalidade de crear un réxime de protección deste espazo natural mediante directrices de xestión axeitadas, harmonizándoo co exercicio das competencias que legalmente a Administración poida realizar; co exercicio dos dereitos privados; co goce e visita ao espazo natural, o estudo e contemplación dos seus valores, o aproveitamento ordenado das súas producións e demais actividades que se executen dentro del. Estes obxectivos xerais quedan definidos no plan de conservación.

Título III
Medidas de xestión

Artigo 10. O instrumento de planificación

1. De acordo cos obxectivos de conservación, e unha vez identificados os principais compoñentes e valores do espazo natural, no ámbito do plan diferéncianse os usos e aproveitamentos dos diferentes recursos naturais en función de se estes son ou non tradicionais.

O plan recoñece os aproveitamentos a favor dos particulares respecto dos seus montes. O ditos aproveitamentos terán que exercerse de xeito sustentable e conforme as previsións de ordenación contidas no plan de ordenación do respectivo monte (no caso de que exista) e seren compatibles coa conservación das especies e hábitats protexidos (en todo caso).

2. Para a súa consecución, o plan regula os usos e actividades, definindo as directrices que se adoptarán no aproveitamento destes. As necesidades de conservación e restauración deberán compatibilizarse cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que viven neste territorio.

3. O plan de conservación articula unha serie de riscos que poden afectar os valores naturais e incorpora unha listaxe de factores de diferentes índoles que poden producir efectos negativos sobre os valores que se pretende protexer.

Capítulo I
Directrices xerais

Artigo 11. Directrices en relación co uso público

Tentarase compatibilizar o uso público do territorio do ENIL coa conservación, preservación e mantemento dos seus valores, recollendo as súas realidades.

Artigo 12. Directrices para as actividades científicas

É imprescindible informar e divulgar a importancia e riqueza dos valores naturais co fin de incrementar o cambio de percepción sobre os ecosistemas presentes e para conseguir sensibilizar a sociedade sobre a necesidade da súa conservación.

Artigo 13. Directrices para as actividades educativas

Procurarase unha actitude favorable cara á conservación das persoas visitantes do espazo natural mediante unha axeitada orientación educativa do sistema de uso público.

Capítulo II
Cargas e gravames existentes no espazo

Artigo 14. Cargas e gravames

1. Dentro das actividades consideradas como cargas e gravames sinálase que hai unha unidade (UAH4) en que existe un campo de golf.

2. A declaración do espazo natural Puzo do Lago como ENIL non suporá limitacións á realización desta actividade. Por outra banda, considérase un posible risco que pode afectar os valores naturais da zona as actividades e eventos hípicos levados a cabo durante o ano, en especial a chamada «festa do cabalo», que se realizarán de forma que non impacten negativamente sobre o ENIL.

Título IV
Desenvolvemento do plan de xestión

Artigo 15. Desenvolvemento

O desenvolvemento do plan de conservación de Puzo do Lago levarase a cabo seguindo as directrices e as liñas de traballo recollidas nel, establecéndose deste xeito o modelo de xestión recollido no artigo 2.

Para este fin valoraranse, analizaranse e corrixiranse os posibles riscos que poidan afectar os seus valores naturais no relativo á actividade agraria, á forestal, ás obras de infraestruturas, ao turismo incontrolado e á masificación do uso público, aos incendios forestais, ao sobrepastoreo e á deforestación. Velarase pola conservación dos valores do ENIL que se poden ver afectados pola contaminación do contorno, das súas augas ou da presenza de especies exóticas invasoras.

Título V
Normativa de protección

Artigo 16. Usos permitidos e non permitidos

1. Con carácter xeral considéranse usos permitidos os seguintes:

a) Promoverase un uso sustentable do territorio favorecendo aquelas actividades e aproveitamentos respectuosos cos valores naturais presentes e a súa diversidade ecolóxica e paisaxística.

b) Fomentarase a utilización dos compoñentes naturais do espazo dun modo e a un ritmo que non ocasione a diminución a longo prazo da biodiversidade, de modo que se aseguren as posibilidades de satisfacer as necesidades e as aspiracións das xeracións actuais e futuras.

c) Velarase polo mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e dos ecosistemas.

d) Velarase pola preservación da variedade, singularidade e beleza dos ecosistemas naturais e da paisaxe, evitando ou, se é o caso, minimizando a súa degradación.

e) Velarase polo mantemento do territorio do espazo natural de interese local libre de lixos, residuos e verteduras, eliminándose, en todo caso, os vertedoiros e entulleiras incontrolados.

f) Darase preferencia ás medidas de conservación, preservación e restauración dos hábitats naturais e das especies silvestres de flora e da fauna facendo especial fincapé naqueles considerados como prioritarios ou de interese comunitario, e naquelas consideradas como protexidas por normativas internacionais, comunitarias, nacionais ou galegas.

g) Velarase pola correcta conservación da zona húmida oligotrófica.

h) Buscarase o bo estado ecolóxico e de calidade da auga da lagoa.

i) Canto á prevención de incendios forestais, seguirase o ditaminado na Lei 3/2007, do 9 de abril (DOG nº 74, do 17 de abril), de prevención e defensa contras os incendios forestais de Galicia e polo plan de prevención e defensa contra os incendios forestais municipal (PLAMIM). As actuacións obrigadas na Lei 3/2007 respecto ás liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica enténdense circunscritas ás especies arbóreas nelas citadas, e débese evitar a eliminación da vexetación arbustiva baixo estas liñas cando non haxa obriga de facelo, en aplicación estrita dos criterios que fixa a regulamentación electrotécnica vixente. Calquera clase de obras destinadas á prevención de incendios forestais que deban ser realizadas nos montes incluídos dentro do territorio do espazo natural de interese local deberán someterse con anticipación á súa execución a un informe previo do organismo competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

j) O Concello buscará a colaboración dos actores locais para a correcta conservación dos valores naturais do espazo do ENIL.

k) Mellorarase a calidade de vida dos/as habitantes do concello mediante a adopción de medidas de dinamización e desenvolvemento rural.

2. En xeral calquera actividade destinada a mellorar as condicións naturais e paisaxísticas deste espazo ou a facilitar a realización de actividades científicas e didácticas, así como escolares e divulgativas.

3. Con carácter xeral, considéranse usos non permitidos os seguintes:

a) No se permitirán as actividades extractivas; estas explotacións producen un impacto paisaxístico crítico, incompatible cos obxectivos de protección do espazo natural, dos seus hábitats e das especies de interese para a conservación e, por outra parte, contan con moi poucas posibilidades de restauración a curto ou medio prazo.

b) O territorio delimitado polo espazo natural de interese local considerarase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas instalacións de enerxía eólica.

c) O territorio delimitado polo espazo natural de interese local considerarase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas instalacións de enerxía hidroeléctrica.

d) O territorio delimitado polo espazo natural de interese local considerarase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novos aproveitamentos industriais de enerxía fotovoltaica.

e) Considéranse usos non permitidos no ámbito do espazo de interese natural:

1º. As actividades agrogandeiras intensivas.

2º. A captación directa da auga do Puzo do Lago, non sendo da que desauga nas épocas de enchente.

3º. A vertedura de entullos, lixo ou calquera outro residuo.

f) Ademais dos usos non permitidos de modo xeral no espazo do ENIL, considéranse usos non permitidos na UAH3 (zona do lago):

1º. A captación directa da auga do Puzo do Lago, non sendo da que desauga nas épocas de enchente.

2º. A roza da vexetación hidro/helofítica.

3º. O uso de herbicidas, biocidas ou pesticidas.

4º. As labras mecánicas, así como as subsolaxes.

5º. A recolección de calquera especie vexetal acuática ou terrestre da zona.

6º. Molestar intencionadamente, perseguir, capturar ou dar morte á especie ameazada na categoría de vulnerable Hyla arborea (ra de Santo Antón), segundo o especificado no artigo 10 do Real decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

7º. A caza e a pesca deportiva. Neste senso o Tecor Santa Águeda-Barbantiño OU-10148 cambia a superficie que abrangue a UAH3 como superficie non cazable para o que se pon en contacto e inicia os trámites correspondentes co servizo de Conservación da Natureza de Ourense.

g) Restricións e usos non permitidos na UAH4 (campo de golf):

1º. Non se permite a captación directa da auga da lagoa, non sendo dos excesos sobrantes de auga que desauga a lagoa por un pequeno regato que sae do seu extremo SO.

2º. En prol do bo estado ecolóxico e calidade da auga da lagoa, dentro da área do campo de golf non se permite utilizar herbicidas, insecticidas e funxicidas ou fertilizantes químicos, nunha franxa de dous metros ao redor do regato que sae do extremo SO da lagoa e máis do pequeno estanque artificial.

3º. A construción de calquera infraestrutura de servizos do campo de golf deberíase proxectar fóra da delimitación do ENIL (como xa se proxectou o do campo de adestramento e cafetaría actuais), polo que ten que contar cun informe previo do persoal técnico municipal que dictamine neste senso.

Artigo 17. Usos autorizables

1. Considéranse sometidos a autorización administrativa os seguintes usos:

a) A escavación ou modificación da topografía do terreo.

b) Aquelas actividades que supoñan unha perda dos valores considerable, unha deterioración significativa dos ecosistemas ou unha alteración apreciable das condicións de habitabilidade para as especies do ENIL.

c) A apertura de camiños e movemento de terras, ademais das vías de saca de madeira. É necesario destacar que tanto os camiños ou as vías que se atopen no dominio público hidráulico como na súa zona de policía requirirán autorización previa do organismo de bacía.

d) As construcións e instalacións destinadas a establecemento de acuicultura.

Artigo 18. Uso público, actividades científicas e educativas

1. Respecto do uso público e das actividades científicas e educativas, aplicaranse as normas e directrices de ordenación dos recursos naturais seguintes:

a) Auga.

1º. As zonas de solo rústico de protección de augas rexeranse pola actual lexislación. Cabe destacar que o réxime de concesión de autorizacións e concesións será o recollido na Lei de augas (Real decreto lei 4/2007, do 13 de abril, polo que se modifica o texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo) e o Regulamento do dominio público hidráulico (Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas).

2º. Tamén é necesario destacar que para a redacción do presente plan de conservación se ten en conta a planificación hidrolóxica existe na bacía (plan hidrolóxico Norte I).

3º. Preservaranse as marxes do lago e restauraranse aquelas zonas que sufran alteracións importantes por actuacións e usos inadecuados.

4º. Anteporanse o mantemento da calidade da auga e os seus valores ecolóxicos aos usos recreativos.

5º. Conservaranse ou restauraranse os muíños da zona de estudo.

b) Xeoloxía e morfoloxía do chan.

Os xacigos, areeiras, vertedoiros, entulleiras, canteiras e demais elementos de incidencia espacial estarán totalmente prohibidos.

c) Vexetación.

1º. Protexeranse as formacións vexetais e as especies propias de ribeira. Estableceranse as medidas necesarias para evitar as alteracións da cobertoira vexetal que poidan repercutir negativamente na protección dos solos fronte á erosión superficial, a regulación hídrica e os valores paisaxísticos da zona que se vai declarar como ENIL.

2º. Aplicaranse medidas de protección e conservación da flora endémica, rara ou ameazada, evitando a plantación e difusión de especies invasoras, e tenderase á eliminación progresiva das actualmente existentes na zona de estudo.

3º. Potenciaranse as plantacións de especies autóctonas xa existentes na medida do posible.

4º. Dentro dos límites do ENIL permitirase a rehabilitación e adecuación de estruturas xa existentes, asociadas a explotacións agrícolas, forestais ou gandeiras tradicionais.

d) Fauna.

Como norma xeral protexerase e conservarase o conxunto da fauna existente dentro do ENIL.

e) Paisaxe.

1º. Velarase polo mantemento do ENIL libre de lixo e verteduras incontroladas.

2º. Procurarase que os tendidos eléctricos e liñas telefónicas causen o menor impacto posible na paisaxe e, na medida do posible, serán substituídos por conducións subterráneas.

3º. Os elementos de sinalización ou calquera elemento que se xere como consecuencia da declaración do ENIL deberá integrarse no medio natural, de maneira que cause o mínimo impacto.

f) Actividades de información e interpretación.

Sinalizaranse todos os accesos ao ENIL, empregando para iso materiais e deseños que compatibilicen a visibilidade dos sinais coa súa integración na paisaxe, así como a normativa exposta no Decreto 138/2008, do 22 de maio, polo que se regula a sinalización turística de Galicia.

g) Recursos históricos-artísticos e culturais.

1º. En xeral, promoverase o coñecemento e a divulgación dos valores arqueolóxicos, histórico-artísticos e etnográficos.

2º. De forma xeral, dentro do ENIL Puzo do Lago pódese desenvolver unha serie de actividades debido principalmente á variedade orográfica característica da zona onde se sitúa.

3º. Este espazo presenta un elevado valor paisaxístico e natural en que se poden implantar zonas de lecer e esparexemento ao aire libre, de modo compatible coa propia natureza. Tamén se poden practicar o sendeirismo así como outras actividades relacionadas coa natureza.

Artigo 19. Excepcións

Excepcionalmente, e sempre que iso non supoña o prexuízo do mantemento nun estado de conservación favorable do ENIL, poderán quedar sen efecto estas prohibicións, logo de autorización expresa da consellería con competencias en materia de conservación da natureza, sen prexuízo das autorizacións perceptivas recollidas na normativa vixente que poidan resultar de aplicación.

Artigo 20. Do procedemento sancionador

O réxime para sancionar aquelas infraccións que poidan cometerse no espazo natural será, con carácter xeral, o establecido no título III da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, sen prexuízo de todas aquelas normas vixentes que poidan resultar de aplicación ás ditas infraccións ou ilícitos de calquera clase.