Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2014 Páx. 4569

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Moraña

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria que tivo lugar o día 27 de decembro de 2013, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal de Moraña (PXOM), elaborado polo equipo redactor da Oficina de Arquitectura, Urbanismo e Planificación, S.L.P.

Segundo. Que o plan aprobado inicialmente con todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, sexa sometido:

a) Ás consultas previstas no documento de referencia elaborado pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (segundo Resolución do 15 de setembro de 2010).

b) Ao trámite de información pública durante un prazo de tres meses, contados desde o día seguinte á publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. Durante o dito prazo, os interesados poderán formular as alegacións que se consideren pertinentes para a defensa dos seus dereitos e intereses. A dita información pública tamén o será para os efectos de sustentabilidade ambiental e a prevista no artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. Ademais, o anuncio publicarase en dous dos xornais de maior difusión da provincia.

c) Simultaneamente, e durante o mesmo prazo, daráselles audiencia aos municipios limítrofes.

Terceiro. Solicitar das administracións públicas competentes, ao mesmo tempo que o trámite de información pública, os informes sectorais que resulten necesarios e que deberán ser emitidos no prazo máximo dun mes, excepto que a lexislación sectorial sinale outro prazo.

Cuarto. Enviar ao órgano ambiental a documentación completa do plan, unha vez transcorrido o prazo de consultas e información pública e con carácter previo á aprobación provisional.

Quinto. Este acordo de aprobación inicial determina por si só, a suspensión de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos en que as determinacións do novo planeamento supoñan modificación da ordenación urbanística vixente. Para estes efectos, conforme o previsto no artigo 77.2 da Lei 9/2002, determínanse como áreas afectadas pola suspensión de licenzas debido á aprobación inicial do PXOM de Moraña, polo período máximo de dous anos, os seguintes ámbitos:

1. Solo urbano de Santa Lucía:

Solo urbano vixente que no novo PXOM se incorpora ao ámbito do P-01 e ao sector de solo urbanizable SUD-02.

Nos ámbitos dos P-02, SUD-01, SUD-02, SUD-03, SUD-04, SUND-01 e SUND-02 do novo PXOM.

2. Solo de núcleo rural:

Nos ámbitos que no novo PXOM pasan a clasificarse como solo rústico.

3. Solo rústico apto:

a) Solo rústico apto para a tramitación de novos desenvolvementos urbanísticos.

b) Solo rústico apto nos ámbitos que no novo PXOM pasan a clasificarse como solo de núcleo rural ou solo urbanizable delimitado ou non delimitado.

c) Solo rústico protexido nos ámbitos que no novo PXOM pasen a clasificarse como solo de núcleo rural ou solo urbanizable delimitado ou non delimitado.

4. Ámbitos destinados aos sistemas xerais programados seguintes:

Enlace SUD-04 coa estrada PO-221.

SXV-ZV005: zona verde As Cortiñas.

SXV-ZV006: zona verde Campo da Feira Vella.

SXV-ZV007: zona verde afluente rego Grixó.

SXE-DP005: instalacións deportivas As Cortiñas.

SXE-SA003: ampliación centro de saúde.

O expediente completo poderá consultarse nas instalacións da Casa da Cultura ADR Castelao, sita na Rúa 3, nº 13, de Santa Lucía de Moraña, das 10.00 ás 14.00 horas e na páxina web www.morana.org.

Moraña, 13 de xaneiro de 2014

María Luisa Piñeiro Arcos
Alcaldesa