Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2014 Páx. 3891

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2013, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de oficial maior do Concello de Ourense, entre funcionariado con habilitación de carácter estatal.

De conformidade co disposto no artigo 37 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, en concordancia coa disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e no exercicio da competencia atribuída polo artigo 15.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e pola Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias, esta dirección xeral

DISPÓN:

Publicar as bases da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, do posto de traballo de oficial maior do Concello de Ourense que se achega como anexo a esta resolución, de acordo coas seguintes disposicións:

Primeira. O posto de traballo que se convoca poderá ser solicitado polos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, pertencentes á subescala e categoría en que estea clasificado o posto.

Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que se atopen nas situacións previstas nas letras a) e b) do artigo 28 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

Segunda. Os interesados dirixirán as súas solicitudes á corporación convocante dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e xuntarán á solicitude a documentación acreditativa de reunir os requisitos para o seu desempeño nos termos que figuran na convocatoria.

Terceira. Os aspirantes deberán suxeitarse ás bases da convocatoria publicadas neste diario oficial.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2013

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO

Decreto da Dirección Xeral de Recursos Humanos e Servizos Xerais (Decreto de delegación nº 3731, do 18 de xullo de 2013).

Ourense, 26 de novembro de 2013.

Vistas as bases para o proceso selectivo dun oficial maior para o Concello de Ourense, polo sistema de libre designación, entre funcionarios da Administración local con habilitación de carácter estatal, subescala de secretaría, categoría superior, esta dirección xeral, con base no informe técnico emitido e en uso das súas atribucións conferidas polo Decreto da Alcaldía nº 3731, do 18 de xullo de 2013,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as bases para o proceso selectivo dun oficial maior para o Concello de Ourense, polo sistema de libre designación, entre funcionarios da Administración local con habilitación de carácter estatal, subescala de secretaría, categoría superior.

1. Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover, polo sistema de libre designación establecido no número 5.2 da disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do Estatuto básico do empregado público, e nos artigos 19 e 36 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, o posto de oficial maior do Concello de Ourense, reservado a funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter estatal, subescala de secretaría, categoría superior.

2. Corporación.

Concello de Ourense.

3. Denominación e clase do posto.

Oficial maior do Concello de Ourense, reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter estatal, subescala de secretaría, categoría superior.

4. Características do posto.

4.1. O posto que se deberá prover está incluído na relación de postos de traballo aprobada pola Xunta de Goberno Local e publicada no BOP de Ourense do 19 de xuño de 2012.

4.2. O complemento de destino asignado ao posto é o correspondente ao nivel 30 e o seu sistema de designación o de libre designación.

4.3. O complemento específico anual fixado para o posto é de 40.492,80 € brutos.

5. Requisitos.

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado:

1. Estar integrado/a na subescala de secretaría, categoría superior. Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que se encontren nas circunstancias establecidas nas letras a) e b) do artigo 28 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

2. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. No seu defecto, o interesado deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, que se valorará como «apto» ou «non apto», destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

6. Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse á Alcaldía dentro do prazo dos quince días naturais seguintes ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e deberá indicarse nelas, ademais do contido mínimo do establecido no artigo 70.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común, o número de rexistro persoal, a situación administrativa en que se encontre o/a solicitante e o seu destino. A elas deberá axustarse a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base 5.

Xunto coas solicitudes, os/as aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e outros méritos que consideren oportuno pór de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

7. Nomeamento.

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía procederá, no prazo dun mes, de ser o caso, tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a ditar a resolución correspondente, que deberá ser motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, a observancia do procedemento e a competencia para o nomeamento. Dela dará conta ao Pleno da corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia para anotación e publicación no Diario Oficial de Galicia.

En consideración, co sistema de provisión, o nomeamento realizarao discrecionalmente a Alcaldía-Presidencia, en atención aos méritos achegados polos aspirantes.

8. Toma de posesión.

O prazo para a toma de posesión será de tres días hábiles de tratarse de postos de traballo na mesma localidade, ou dun mes en caso contrario. Os ditos prazos contarán a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse no prazo de tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución sobre o nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

9. Impugnación.

Contra a presente resolución e cantos actos administrativos deriven dela os interesados poderán interpor o recurso potestativo de reposición, nos termos e prazos sinalados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Carmen Rodríguez Dacosta
Directora xeral de Recursos Humanos e Servizos Xerais