Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2014 Páx. 3952

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 xaneiro de 2014, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada LMT derivada Calvelle, no concello do Pereiro de Aguiar (expediente IN407A 2013/47-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre autorización administrativa e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia, así como a aprobación do seu proxecto de execución, asinado o 22.7.2013 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado nº 2633, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A petición someteuse a información pública por Resolución do 27 de agosto de 2013, da Xefatura Territorial de Ourense, publicada no DOG do 18.9.2013, no BOP de Ourense do 16.9.2013, no xornal La Voz de Galicia ed. Ourense, do 22.11.2013, no taboleiro de anuncios do concello afectado e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. Dentro do prazo para formular alegacións, presentou escrito a titular do predio nº 27, segundo as numeracións do plano parcelario de proxecto. Destas alegacións, que se refiren aos prexuízos económicos que comporta a nova servidume e a que a instalación, dentro da súa propiedade, transcorra pola traza actual, déuselle traslado á empresa eléctrica solicitante para os efectos oportunos.

Terceiro. As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 104.978,05 euros, son as seguintes:

– LMT aerosubterránea, a 20 kV, de 821 m en aéreo con condutor LA-56/54,6 mm2 e 737 m en subterráneo con condutor RHZ1, con orixe en apoio existente da LMT VLL813, entre derivadas ao CT Os Patos (32A901) e CT As Campinas-Paderne (32AN90) e remate no CT existente Calvelle (32C868).

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1 de maio).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da sinalada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Non se poden aceptar as alegacións presentadas por Delfina Gómez Gómez, titular do sinalado predio nº 27, relativas ao cambio de trazado, xa que este obedece, como sinalan o proxectista e a propia empresa distribuidora na súa contestación a alegacións, a criterios técnicos e xurídicos derivados da ordenación do territorio e da mínima afección ao ambiente e a predios particulares, no intento de lograr a mellor solución técnico-económica para o conxunto da instalación, e iso en consonancia coa ITC LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, que aprobou o Regulamento sobre condicións técnicas e de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.

No tocante ao demérito cómpre dicir que non corresponde a súa resolución a esta fase do procedemento, xa que o órgano competente para determinar o prezo xusto é o Xurado de Expropiación de Galicia, a quen se lle remitirá o expediente logo de levantar as actas previas e incorporadas as follas de valoración contraditorias que presenten as partes.

Cuarto. O proxecto de execución, que recibiu informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución, efectuándose a comprobación sobre o terreo da traza da liña eléctrica, na cal non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás cales se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar, aprobar o proxecto e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Segundo. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado/a se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 3 de xaneiro de 2014

P.S.L. (Decreto 110/2013, do 4 de xullo)
Alfonso Tomás Paz Doniz
Xefe do Servizo de Administración Industrial