Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2014 Páx. 1901

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2014 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública dos resultados do estudo para a determinación do réxime de caudais ecolóxicos das masas de auga superficiais da categoría río da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e se crea o Rexistro de partes interesadas para a realización do proceso de concertación.

A planificación hidrolóxica ten como obxectivos xerais acadar o bo estado e a axeitada protección do dominio público e das augas, a satisfacción das demandas de auga, o equilibrio e a harmonización do desenvolvemento rexional e sectorial, incrementando as dispoñibilidades do recurso, protexendo a súa calidade, economizando o seu emprego e racionalizando os seus usos en harmonía co ambiente e cos demais recursos naturais.

De cara a lograr estes obxectivos, o establecemento dun réxime de caudais ecolóxicos contribúe a acadar o bo estado ou o bo potencial ecolóxico nos ríos e mantén, como mínimo, a vida piscícola que de maneira natural habitaría ou podería habitar no río, así como a súa vexetación de ribeira.

Con base nas competencias en materia de planificación hidrolóxica da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa (DHGC), segundo o establecido no artigo 77 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, correspóndenlle a Augas de Galicia os traballos de elaboración, actualización e revisión do Plan Hidrolóxico Galicia Costa e os seus contidos obrigatorios.

No exercicio das devanditas competencias, Augas de Galicia desenvolveu unha serie de estudos para as masas de auga da categoría río, dos cales se obtivo como resultado unha proposta de réxime de caudais ecolóxicos a partir dunha metodoloxía que combina métodos hidrolóxicos e hidrobiolóxicos, definíndose o réxime de caudais mínimos, os caudais máximos, as taxas de cambio e os caudais xeradores. Para o desenvolvemento destes estudos seguíronse as prescricións establecidas na Instrución de planificación hidrolóxica, aprobada pola Orde ARM/2656/2008, do 10 de setembro.

A maiores do proceso de consulta pública, e de acordo co establecido na Directiva 2000/60/CE, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación ao ámbito da política de augas, pola que se debe fomentar a información, consulta e participación activa na planificación hidrolóxica, a implantación deste novo réxime de caudais ecolóxicos estará acompañada doutras actividades de participación pública de cara a unha maior difusión e coñecemento dos resultados e das metodoloxías empregadas, así como da realización dun proceso de concertación que permita obter un réxime de caudais ecolóxicos o máis consensuado posible entre os distintos axentes interesados que posibilite a súa implantación real, compatibilizando os dereitos ao uso da auga co propio réxime de caudais ecolóxicos.

O proceso contará, polo tanto, cunha parte de consulta pública do documento Estudo para a determinación do réxime de caudais ecolóxicos das masas de auga da categoría río da DHGC. Durante este período poderanse presentar as alegacións que se coiden oportunas mediante escrito dirixido a Augas de Galicia.

Ademais, realizarase un proceso de concertación coas partes interesadas, coa celebración das mesas de concertación necesarias para acadar o réxime de caudais definitivo que se implantará en cada masa de auga.

Na páxina web de Augas de Galicia pódese consultar o Proxecto de participación pública para o desenvolvemento do proceso de concertación e implantación do réxime de caudais ecolóxicos nas masas de auga da categoría río da DHGC.

En consonancia, e de cara a facilitar o proceso de concertación, Augas de Galicia creará un Rexistro de partes interesadas no proceso de concertación, en que se dará cabida aos axentes afectados pola implantación do novo réxime de caudais ecolóxicos. Para a inclusión no devandito rexistro, terase en conta o concepto de interesado regulado na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Todos aqueles que desexen participar no proceso de concertación deberán solicitalo, mediante escrito dirixido a Augas de Galicia, no prazo de 45 días a partir da publicación da presente resolución no DOG, xustificando a súa condición de parte interesada de acordo co concepto legal, así como unha persoa de contacto, un teléfono e un enderezo de correo electrónico.

Augas de Galicia valorará as solicitudes e comunicará aos solicitantes a inclusión no Rexistro de partes interesadas, ou a denegación motivada da inclusión, de ser o caso. Unha vez creado o Rexistro de partes interesadas, o proceso de concertación desenvolverase como se define no Proxecto de participación pública para o desenvolvemento do proceso.

Con base no exposto, de acordo co establecido na Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, e de acordo co establecido no texto refundido da Lei de augas, aprobado polo RDL 1/2001, do 20 de xullo, no Regulamento de planificación hidrolóxica e na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, Augas de Galicia anuncia a apertura do período de consulta pública dos resultados do Estudo para a determinación do réxime de caudais ecolóxicos das masas de auga superficiais da categoría río da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, e de solicitude para a inclusión no Rexistro de partes interesadas no proceso de concertación, durante 45 días a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG.

Para tales efectos, a documentación poderase consultar desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio e polo período de 45 días, nas sedes e páxinas web electrónicas do organismo de bacía.

O documento estará á disposición pública no seguinte enderezo electrónico:

http://augasdegalicia.xunta.es

Así mesmo, o texto do documento estará á disposición pública nos seguintes enderezos:

a) Augas de Galicia, Servizos centrais: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9. 15781 Santiago de Compostela.

b) Augas de Galicia, Demarcación Territorial Galicia-Centro: rúa Tomiño, 16, baixo. 15781 Santiago de Compostela.

c) Augas de Galicia, Demarcación Territorial Galicia-Norte: Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Monelos, R/ Vicente Ferrer, 2, 9º. 15008 A Coruña.

d) Augas de Galicia, Demarcación Territorial Galicia-Sur: R/ San Salvador, 2-4º. 36201 Vigo.

A modalidade de participación neste proceso de consulta pública será por escrito, dirixido ao director de Augas de Galicia, praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9. 15781 Santiago de Compostela.

A solicitude de inscrición no Rexistro de partes interesadas no proceso de concertación farase por escrito, dirixido ao director de Augas de Galicia, praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela, xustificando a súa condición de parte interesada de acordo co concepto legal de interesado, unha persoa de contacto, un teléfono e un enderezo electrónico.

En todo caso, os datos dos axentes interesados serán protexidos de acordo co previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e normativa concordante.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2014

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia