Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 9 de xaneiro de 2014 Páx. 788

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Illa de San Simón, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 24 de setembro de 2013 tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Illa de San Simón, adoptado polo Padroado o 28 de xuño de 2013.

Segundo. A fundación foi constituída en escritura pública do 14 de febreiro de 2007 pola Xunta de Galicia, polo que ten a condición de fundación do sector público de Galicia; foi clasificada de interese cultural pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 10 de abril de 2007 e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Cultura e Deporte do 24 de abril de 2007 e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2007/4.

Terceiro. De acordo co artigo 6 dos estatutos, os fins da fundación son: desenvolver actividades culturais e educativas primordialmente relacionadas co mar, mediante a organización de congresos, cursos e seminarios, nas illas de San Simón e Santo Antón, declaradas ben de interese cultural coa categoría de sitio histórico polo Decreto 237/1999, do 29 de xullo; conservar e xestionar as instalacións e edificacións das illas de San Simón e Santo Antón; potenciar os valores naturais, culturais e paisaxísticos das illas de San Simón e Santo Antón; fomentar o deporte da vela, mediante a organización dunha escola que contribúa á súa difusión e promoción e impulsar a investigación, en especial a orientada ao mundo do mar e da memoria histórica.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 28 de xuño de 2013, en cumprimento do mandato establecido na disposición adicional cuarta do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, adoptou o acordo de extinción da fundación por imposibilidade material de realizar os fins fundacionais.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo Padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción, que inclúe o proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

c) Memoria económica.

d) Contas da fundación na data de adopción do acordo.

e) Informe da Secretaría Xeral de Cultura.

f) Informe da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

Quinto. De conformidade co artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola súa condición de fundación do sector público da Comunidade Autónoma, a extinción da Fundación Illa de San Simón foi autorizada por acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Consideracións legais.

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación Illa de San Simón, de conformidade co establecido no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, para tal efecto é necesario o acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Pola súa banda, o artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece que a extinción de fundacións do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia debe ser autorizada por acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación e foi autorizado por acordo do Consello da Xunta de Galicia. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Cuarto. En exercicio da facultade prevista no artigo 35 dos estatutos, o Padroado da fundación acorda que os bens e dereitos resultantes da liquidación sexan destinados á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de continuar co cumprimento dos fins propios da fundación a través da Dirección Xeral do Patrimonio.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e na demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Illa de San Simón, adoptado polo Padroado da fundación e autorizado por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de decembro de 2013.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Declarar como destinataria dos bens e dereitos resultantes da liquidación da Fundación Illa de San Simón a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, se poida interpoñer recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2013

P.D. (Orde 25.1.2012; DOG núm. 27, do 8 de febreiro)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria