Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 9 de xaneiro de 2014 Páx. 898

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 18 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se publica a Resolución do 9 de decembro de 2013 que actualiza unha autorización ambiental integrada, de conformidade co disposto na Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

De conformidade coa disposición transitoria primeira da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, o órgano competente para o outorgamento das autorización ambientais integradas realizará as actuacións necesarias para a actualización das autorizacións para a súa adecuación á Directiva 2010/75/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro, sobre emisións industriais, con anterioridade ao 7 de xaneiro de 2014, e procederá á publicación destas no boletín oficial correspondente, deixando constancia da súa adaptación á Directiva 2010/75/CE, do 24 de novembro.

Atendendo ao anteriormente exposto, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve publicar a resolución de actualización da autorización ambiental integrada outorgada a Gas Natural SDG, S.A. para a central térmica de ciclo combinado, localizada no termo municipal de Arteixo, provincia da Coruña, co número de rexistro 2004/0215_NAIA/IPPC_015.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Resolución do 9 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se actualiza a autorización ambiental integrada outorgada a Gas Natural SDG, S.A. para a central térmica de ciclo combinado localizada no termo municipal de Arteixo, provincia da Coruña, con número de rexistro 2004/0215_AIA/IPPC_015.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A instalación referida no encabezamento conta con autorización ambiental integrada co número de rexistro 2004/0215_AIA/IPPC_015.

Segundo. O 12.6.2013 foi publicada no Boletín Oficial del Estado (núm. 140) a Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

Terceiro. Esta lei incorpora diferentes medidas, entre outras, a obriga de actualizar, antes do 7 de xaneiro de 2014, aquelas autorizacións ambientais integradas que no momento da entrada en vigor da norma non conteñan as prescricións explícitas recollidas nesa lei.

Cuarto. De acordo co punto 2 da disposición transitoria primeira da Lei 16/2002, do 1 de xullo, considéranse actualizadas as autorizacións ambientais integradas actualmente en vigor que conteñan prescricións explícitas relativas a:

a) Incidentes e accidentes.

b) Incumprimento das condicións das autorizacións ambientais integradas.

c) No caso de xeración de residuos, a aplicación da xerarquía de residuos establecida no artigo 4.1.b).

d) De ser o caso, o informe mencionado no artigo 12.1.f) desta lei, que deberá ser tido en conta para o peche da instalación.

e) As medidas que se tomarán en condicións de funcionamento diferentes ás normais.

f) De ser o caso, os requisitos de control sobre solo e augas subterráneas.

g) Cando se trate dunha instalación de incineración ou coincineración:

– Os residuos que trate a instalación relacionados segundo a Lista europea de residuos e

– Os valores límite de emisión que regulamentariamente se determinen para este tipo de instalacións.

Quinto. Co obxecto de dar cumprimento ao artigo 12.1.f) procedeuse a realizar unha análise tanto do contido da autorización ambiental integrada como de toda a información dispoñible en materia de solos e augas subterráneas en relación con esta instalación, e considérase que esta é suficiente.

Sexto. Por outra banda, tras revisar o contido da autorización ambiental integrada, conclúese que procede incorporar na autorización o condicionado que se recolle no anexo da presente resolución.

Sétimo. Así mesmo, procede dar cumprimento ao disposto no artigo 1.19 da Lei 5/2013, do 11 de xuño, que elimina o antigo artigo 25 dedicado á renovación da autorización ambiental integrada.

Oitavo. De conformidade co artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o 29.10.2013 notificóuselle ao titular o contido da proposta da presente resolución, para que puidese presentar os documentos e xustificacións que considerase pertinentes no prazo establecido.

Noveno. O 29.11.2013 recibiuse un escrito remitido polo titular, no cal Gas Natural SDG, S.A. solicita que se modifique o segundo parágrafo do punto primeiro do «Resolvo», de xeito que, onde di: «(…) e no seu defecto cando os avances nas melloras técnicas dispoñibles permitan unha redución significativa das emisións, salvo que se produzan (…)», pase a dicir: «(…) e no seu defecto cando os avances nas melloras técnicas dispoñibles permitan unha redución significativa das emisións, sen impoñer custos excesivos, salvo que se produzan (…)». Avaliado o escrito presentado polo titular, cómpre indicar que esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental non considera necesario modificar o texto da proposta de resolución, dado que a puntualización a que fai referencia o titular está xa recollida no punto 4.b) do artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo, artigo que se cita explicitamente no parágrafo que se solicita modificar.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A disposición transitoria primeira da Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, establece que «o órgano competente para o outorgamento das autorizacións ambientais integradas levará a cabo as actuacións necesarias para actualización das autorizacións para a súa adecuación á Directiva 2010/75/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro, sobre emisións industriais, con anterioridade ao 7 de xaneiro de 2014».

Segundo. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental é o órgano competente para a tramitación e seguimento das autorizacións ambientais integradas, de conformidade co disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Tendo en conta o anterior:

Resolvo:

Primeiro. Actualizar a autorización ambiental integrada, co número de rexistro 2004/0215_AIA/IPPC_015, outorgada a Gas Natural SDG, S.A. para a central térmica de ciclo combinado, localizada no termo municipal de Arteixo, provincia da Coruña, e incorporar o condicionado recollido no anexo da presente resolución. No caso de producirse contradición co contido da autorización ambiental integrada, prevalecerá o disposto neste anexo.

As condicións desta autorización revisaranse nun prazo de catro (4) anos a partir da publicación das conclusións relativas ás mellores técnicas dispoñibles, en canto a súa principal actividade, e no seu defecto cando os avances nas mellores técnicas dispoñibles permitan unha redución significativa das emisións, salvo que se produzan antes do prazo indicado modificacións substanciais que obriguen á súa modificación ou que se incorra nalgún dos supostos de revisión de oficio recollidos no artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo.

Segundo. Eliminar os puntos quinto e oitavo do «Resolvo» da antedita autorización ambiental integrada.

As referencias aos artigos da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación na súa anterior versión enténdense adaptadas aos actuais artigos da dita lei.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor, no prazo dun mes, recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2013

Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Anexo
Incidentes e accidentes

– O titular procederá inmediatamente á determinación da orixe do problema e adoptará as medidas necesarias para que quede garantida a protección do ambiente e a saúde das persoas ante calquera incidente ou accidente que se produza na instalación. Dentro destas medidas considerarase, no caso de ser necesario, a suspensión da actividade.

– Se esta situación deriva nun incumprimento das condicións impostas na autorización ambiental integrada e/ou puidese ter repercusións sobre a saúde das persoas ou o ambiente, o titular procederá a comunicarlla á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e ao órgano de bacía (neste último caso se o incidente/accidente puidese afectar o dominio público), sen menoscabo das comunicacións que deban realizarse a outros organismos afectados.

– No prazo máximo de sete (7) días tras a comunicación, o titular deberá remitir aos referidos órganos un informe en que figure como mínimo:

• As causas do incidente.

• A hora en que se produciu e a súa duración.

• As características das emisións producidas, no caso de existiren.

• As medidas adoptadas tanto para corrixir a situación como para prever novos incidentes.

• A hora e forma en que se comunicou o suceso aos distintos organismos.

Incumprimento das condicións das autorizacións ambientais integradas.

– O incumprimento das condicións recollidas nesta resolución suporá a adopción das medidas de disciplina ambiental recollidas no título IV da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, sen prexuízo do establecido na lexislación sectorial, que seguirá sendo aplicable.

Aplicación da xerarquía de residuos establecida no artigo 8 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados:

– Priorizarase en todo momento a prevención na xeración de residuos, así como a preparación para a súa reutilización e reciclaxe. No caso de xeración de residuos cuxa reutilización ou reciclaxe non sexa posible, estes destinaranse a outro tipo de valorización, evitando a súa eliminación sempre que sexa posible.

Condicións de funcionamento diferentes das normais.

– En caso de fugas e fallos de funcionamento na instalación, observarase o disposto na epígrafe de «incidentes e accidentes» deste anexo.

– A instalación deberá determinar cales son os seus períodos de arranque e parada. Contará ademais cun rexistro (físico ou dixital) adecuadamente protexido contra danos ou contra modificacións non autorizadas e á disposición da Administración, no cal se anotarán:

• Os criterios técnicos e/ou os parámetros en que se basea a determinación destes períodos.

• A data e a súa duración.

– O titular deberá comunicarlle á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental calquera parada temporal da actividade que poida afectar o normal cumprimento das condicións establecidas ao longo desta resolución. Así mesmo, deberá comunicar, no momento de producirse, o seu reinicio.

Condicións para o cesamento definitivo da actividade

– Antes do inicio, ben de calquera acción de adecuación do recinto industrial ou ben do seu desmantelamento, o titular deberá comunicar o cesamento da actividade, e informará da data prevista para o peche.

Á citada comunicación deberá xuntarse dunha memoria en que se especifiquen as actuacións que o titular vai levar a cabo en relación co cesamento da actividade e para evitar calquera risco de contaminación. Concretamente, en relación coa protección do solo e das augas subterráneas, observarase o disposto no artigo 22 bis da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, tendo en conta se a instalación dispón de informe base ou non.

– Esta memoria será obxecto de avaliación por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e será preciso un informe favorable para a súa execución.

– De concluírse que existe un risco para a saúde humana ou o ambiente, tomaranse as medidas necesarias destinadas a retirar, controlar, conter ou reducir as substancias perigosas relevantes, para que, tendo en conta o uso actual ou futuro do lugar, non se cree o dito risco.