Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 9 de xaneiro de 2014 Páx. 905

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 18 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se publica a Resolución do 9 de decembro de 2013, que actualiza unha autorización ambiental integrada de conformidade co disposto na Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

De conformidade coa disposición transitoria primeira da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, o órgano competente para o outorgamento das autorizacións ambientais integradas realizará as actuacións necesarias para a actualización das autorizacións para a súa adecuación á Directiva 2010/75/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro, sobre emisións industriais, con anterioridade ao 7 de xaneiro de 2014, e procederá á súa publicación no boletín oficial correspondente, deixando constancia da súa adaptación á Directiva 2010/75/CE, do 24 de novembro.

Atendendo ao anteriormente exposto, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve publicar a resolución de actualización da autorización ambiental integrada outorgada a Gas Natural SDG, S.A. para a central térmica de Meirama, localizada no termo municipal de Cerceda, provincia da Coruña, co número de rexistro 2006/0319_NAA/IPPC_044.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Resolución do 9 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se actualiza a autorización ambiental integrada outorgada a Gas Natural SDG, S.A. para a central térmica de Meirama, localizada no termo municipal de Cerceda, provincia da Coruña, co número de rexistro 2006/0319_NAA/IPPC_044.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A instalación referida no encabezamento conta con autorización ambiental integrada co número de rexistro 2006/0319_NAA/IPPC_044.

Segundo. O 12.6.2013 foi publicada no Boletín Oficial del Estado (núm. 140) a Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

Terceiro. Esta lei incorpora diferentes medidas, entre outras, a obriga de actualizar, antes do 7 de xaneiro de 2014, aquelas autorizacións ambientais integradas que no momento de entrada en vigor da norma non conteñan as prescricións explícitas recollidas nesa lei.

Cuarto. De acordo co punto 2 da disposición transitoria primeira da Lei 16/2002, do 1 de xullo, considéranse actualizadas as autorizacións ambientais integradas actualmente en vigor que conteñan prescricións explícitas relativas a:

a) Incidentes e accidentes.

b) Incumprimento das condicións das autorizacións ambientais integradas.

c) No caso de xeración de residuos, a aplicación da xerarquía de residuos establecida no artigo 4.1.b).

d) Se é o caso, o informe mencionado no artigo 12.1.f) desta lei, que deberá ser tido en conta para o peche da instalación.

e) As medidas que se deben tomar en condicións de funcionamento diferentes ás normais.

f) Se é o caso, os requisitos de control sobre solo e augas subterráneas.

g) Cando se trate dunha instalación de incineración ou coincineración:

– Os residuos que trate a instalación relacionados segundo a Lista europea de residuos; e

– Os valores límite de emisión que regulamentariamente se determinen para este tipo de instalacións.

Quinto. Co obxecto de dar cumprimento ao artigo 12.1.f) procedeuse a realizar unha análise tanto do contido da autorización ambiental integrada como de toda a información dispoñible en materia de solos e augas subterráneas en relación con esta instalación, e considérase que esta é suficiente.

Sexto. Por outra banda, revisado o contido da autorización ambiental integrada conclúese que procede incorporar na autorización o condicionado que se recolle no anexo da presente resolución.

Sétimo. Así mesmo, procede dar cumprimento ao disposto no artigo 1.19 da Lei 5/2013, do 11 de xuño, que elimina o antigo artigo 25 dedicado á renovación da autorización ambiental integrada.

Oitavo. De conformidade co artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o 29.10.2013 notificóuselle ao titular o contido da proposta da presente resolución para que puidese presentar os documentos e xustificacións que considerase pertinentes, no prazo establecido.

Noveno. O 12.11.2013 recibiuse un escrito remitido polo titular, no que Gas Natural SDG, S.A. solicita que se modifique o segundo parágrafo do punto primeiro da parte resolutiva, de xeito que, onde di: «(…) e, no seu defecto, cando os avances nas mellores técnicas dispoñibles permitan unha redución significativa das emisións, salvo que se produzan (…)», pase a dicir: «(…) e, no seu defecto, cando os avances nas mellores técnicas dispoñibles permitan unha redución significativa das emisións, sen impoñer custos excesivos, salvo que se produzan (…)». Avaliado o escrito presentado polo titular, cómpre indicar que esta SXCAA non considera necesario modificar o texto da proposta de resolución, dado que a puntualización a que fai referencia o titular está xa recollida no punto 4.b) do artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo, artigo que se cita explicitamente no parágrafo que se solicita modificar.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A disposición transitoria primeira da Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, establece que «o órgano competente para o outorgamento das autorizacións ambientais integradas levará a cabo as actuacións necesarias para actualización das autorizacións para a súa adecuación á Directiva 2010/75/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro, sobre emisións industriais, con anterioridade ao 7 de xaneiro de 2014».

Segundo. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental é o órgano competente para a tramitación e seguimento das autorizacións ambientais integradas, de conformidade co disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Tendo en conta o anterior,

Resolvo:

Primeiro. Actualizar a autorización ambiental integrada, co número de rexistro 2006/0319_NAA/IPPC_044, outorgada a Gas Natural SDG, S.A. para a central térmica de Meirama, localizada no termo municipal de Cerceda, provincia da Coruña, incorporando o condicionado recollido no anexo da presente resolución. No caso de producirse contradición co contido da autorización ambiental integrada, prevalecerá o disposto neste anexo.

As condicións desta autorización revisaranse nun prazo de catro (4) anos a partir da publicación das conclusións relativas ás mellores técnicas dispoñibles, en canto á súa principal actividade e, no seu defecto, cando os avances nas mellores técnicas dispoñibles permitan unha redución significativa das emisións, salvo que se produzan antes do prazo indicado modificacións substanciais que obriguen á súa modificación ou que se incorra nalgún dos supostos de revisión de oficio recollidos no artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo.

Segundo. Eliminar os puntos cuarto e sétimo da parte resolutiva da antedita autorización ambiental integrada.

As referencias ao articulado da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, na súa anterior versión, enténdense adaptadas ao actual articulado da devandita lei.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2013

Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Anexo

Incidentes e accidentes.

– O titular procederá inmediatamente á determinación da orixe do problema e adoptará as medidas necesarias para que quede garantida a protección do ambiente e a saúde das persoas ante calquera incidente ou accidente que se produza na instalación. Dentro destas medidas considerarase, no caso de ser necesario, a suspensión da actividade.

– Se esta situación deriva nun incumprimento das condicións impostas na autorización ambiental integrada e/ou pode ter repercusións sobre a saúde das persoas ou o ambiente, o titular procederá a comunicala á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e ao órgano de bacía (neste último caso se o incidente/accidente pode afectar a dominio público), sen menoscabo das comunicacións que deban realizarse a outros organismos afectados.

– No prazo máximo de sete (7) días tras a comunicación, o titular deberá remitir aos referidos órganos, un informe no cal figure, como mínimo:

• As causas do incidente.

• A hora na que se produciu e a súa duración.

• As características das emisións producidas, no caso de existiren.

• As medidas adoptadas tanto para corrixir a situación como para prever novos incidentes.

• A hora e forma en que se comunicou o suceso aos distintos organismos.

Incumprimento das condicións das autorizacións ambientais integradas.

– O incumprimento das condicións recollidas nesta resolución suporá a adopción das medidas de disciplina ambiental recollidas no título IV da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, sen prexuízo do establecido na lexislación sectorial, que seguirá sendo aplicable.

Aplicación da xerarquía de residuos establecida no artigo 8 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

– Priorizarase en todo momento a prevención na xeración de residuos, así como a preparación para a súa reutilización e reciclaxe. No caso de xeración de residuos cuxa reutilización ou reciclaxe non sexa posible, estes destinaranse a outro tipo de valorización, evitando a súa eliminación sempre que sexa posible.

Condicións de funcionamento diferentes das normais.

– En caso de fugas e fallos de funcionamento na instalación, observarase o disposto na epígrafe de Incidentes e accidentes deste anexo.

– A instalación deberá determinar cales son os seus períodos de arranque e parada. Contará ademais cun rexistro (físico ou dixital), adecuadamente protexido contra danos ou contra modificacións non autorizadas e á disposición da Administración, no cal se anotarán:

• Os criterios técnicos e/ou os parámetros en que se basea a determinación destes períodos.

• A data e a súa duración.

– O titular deberá comunicar á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental calquera parada temporal da actividade que poida afectar o normal cumprimento das condicións establecidas ao longo desta resolución. Así mesmo, deberá comunicar, no momento de producirse, o seu reinicio.

Condicións para o cesamento definitivo da actividade.

– Antes do inicio, ben de calquera acción de adecuación do recinto industrial ou ben do seu desmantelamento, o titular deberá comunicar o cesamento da actividade e informar da data prevista para o peche.

A citada comunicación deberá vir acompañada dunha memoria en que se especifiquen as actuacións que o titular vai levar a cabo en relación co cesamento da actividade e para evitar calquera risco de contaminación. Concretamente, en relación coa protección do solo e das augas subterráneas, observarase o disposto no artigo 22 bis da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, tendo en conta se a instalación dispón de informe base ou non.

– Esta memoria será obxecto de avaliación por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sendo preciso un informe favorable para a súa execución.

– De concluírse que existe un risco para a saúde humana ou o ambiente, tomaranse as medidas necesarias destinadas a retirar, controlar, conter ou reducir as substancias perigosas relevantes, para que, tendo en conta o uso actual ou futuro do lugar, non se cree o dito risco.