Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 7 de xaneiro de 2014 Páx. 336

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación ADO Moure-Pro Deporte.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación ADO Moure-Pro Deporte, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. Carlos Moure Castro, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación ADO Moure-Pro Deporte foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense no 28 de febreiro de 2013, ante o notario Francisco Javier Fernández González, co número de protocolo 377, por Carlos Moure Castro que actúa no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi complementada por outra do 19 de novembro de 2013, outorgada ante o mesmo notario, co número de protocolo 1.966.

3. Segundo consta no artigo 8 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto o fomento do deporte e persegue como fins principais o impulso da actividade deportiva como causa xeradora de hábitos favorecedores da integración e reinserción social e de fomento da solidariedade, a través da promoción e desenvolvemento de plans de promoción do deporte e de actividades socioculturais e lúdico-recreativas dirixidos ao conxunto dos cidadáns, dedicando unha especial atención ás actividades levadas a cabo por grupos de exclusión social e colectivos marxinados, diminuídos físicos e sensoriais, ao deporte escolar, así como ás prácticas deportivas que fomenten a participación e integración das persoas da terceira idade.

A Fundación potenciará a práctica deportiva como elemento fundamental do sistema educativo, da saúde e da calidade de vida, promovendo activamente o deporte como elemento determinante na utilización do tempo de lecer na sociedade contemporánea e a súa implantación como factor corrector de desequilibrios sociais que contribúe á igualdade entre os cidadáns.

A Fundación prestará especial atención á consecución de obxectivos que permitan a integración de colectivos marxinados, de tal modo que estes non se vexan privados dunha participación igualitaria en calquera das modalidades deportivas que organice a Fundación.

A Fundación promoverá e alentará a sociedade para ser activo, coa concienciación de que o deporte de competición pode continuar durante toda a vida, fortalecer e facer crecer o movemento deportivo e así mesmo, promover a amizade e o entendemento entre os deportistas, independentemente da súa idade, xénero, relixión ou condición.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade da entidade fundadora, a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Carlos Moure Castro como presidente; Margarita María Fraga Tejada como vicepresidenta; Carlos Moure Fraga como secretario; e Susana Moure Fraga e Cristina Moure Fraga como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación ADO Moure-Pro Deporte, atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade coa dita proposta, por orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2 de decembro de 2013, clasificouse como de interese deportivo a Fundación ADO Moure-Pro Deporte, e adscribiuse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de Autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 en relación co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación ADO Moure-Pro Deporte, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de interese galego da Fundación ADO Moure-Pro Deporte, polo que:

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación ADO Moure-Pro Deporte.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2013

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza