Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 27 de decembro de 2013 Páx. 50341

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2013, do director xeral de Agader, pola que se aproba o novo marco financeiro do programa Leader Galicia 2007-2013, cofinanciado con Feader, e se modifican as bases reguladoras para a selección de programas de desenvolvemento rural e para a selección e o recoñecemento de entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013, aprobadas polo Acordo do Consello de Dirección de Agader do 30 de maio de 2008.

O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), mediante o Acordo do 30 de maio de 2008, aprobou as bases reguladoras para a selección de programas de desenvolvemento rural e para a selección e o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013, e convocou o correspondente proceso de selección. O citado acordo fíxose público mediante a Resolución do 30 de maio de 2008 no DOG núm. 115, do 16 de xuño de 2008 (corrección de erros DOG núm. 140, do 21 de xullo).

Posteriormente, e por Acordo do 23 de decembro de 2008 (publicado no DOG núm. 15, do 22 de xaneiro, mediante a Resolución do 30 de decembro de 2008), o Consello de Dirección de Agader modificou as anteditas bases reguladoras, coa finalidade de adecuadas ao Regulamento 800/2008, da Comisión, do 8 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común, en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado, e mais de mellorar a eficiencia do procedemento de xestión das axudas, regulado no réxime de axudas, que figura como anexo III das citadas bases.

Desde o punto de vista financeiro, na actualidade concorren dúas circunstancias que requiren reformular o escenario financeiro do programa Leader Galicia 2007-2013:

– Por un lado, a reprogramación das taxas de cofinanciamento efectuadas para o Programa de desenvolvemento rural (PDR en diante) de Galicia 2007-2013, mediante a Decisión da Comisión do 18 de marzo de 2013 pola que se aproba a revisión do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período de programación 2007-2013 e se modifica a Decisión C (2008) 703 da Comisión, do 15 de febreiro de 2008, pola que se aproba o Programa de desenvolvemento rural.

– Por outro lado, a extensión do período de execución de fondos ata finais de 2015, ao abeiro do artigo 71 do Regulamento 1698/2005, o que exixe modificar os cadros financeiros dos grupos de desenvolvemento rural (GDR en diante), orzados ata o ano 2013, sen que tal modificación implique un incremento da asignación inicial que resulta do PDR de Galicia 2007-2013 para o eixo 4 Leader, senón unha reasignación dos fondos non comprometidos correspondentes ás anualidades anteriores.

Por outra banda, a experiencia na tramitación e xestión do programa Leader Galicia desde a súa posta en marcha ata a actualidade puxo de manifesto a necesidade de modificar algúns dos aspectos predefinidos, en especial no referente á coherencia e á compatibilidade de axudas coas convocadas por outros departamentos da Administración autonómica, derivados da posibilidade existente neste período de programación de que o eixo 4 Leader puidese financiar actuacións enmarcadas nos outros 3 eixos do PDR Galicia 2007-2013.

Tamén son necesarias modificacións no referente a cuestións de procedemento, xa que debe terse en conta que, neste período e por primeira vez, parte da xestión que antes realizaban os GDR é asumida pola propia axencia, o que deu lugar a problemas de axuste á normativa económico-financeira dos procedementos de concesión das axudas. É necesario, así mesmo, adoptar medidas que permitan acompasar o ritmo de execución ás dispoñibilidades financeiras.

Neste senso, unha vez pechado o prazo de recepción de solicitudes ao amparo das diferentes convocatorias, é preciso atender en primeiro lugar as obrigas xa contraídas e proceder á apertura dunha nova convocatoria para o período 2013-2015.

Ademais, cómpre introducir modificacións que permitan unha maior axilidade na xestión así como no aproveitamento dos recursos dispoñibles, encamiñando o financiamento exclusivamente cara a aqueles proxectos que achegan un valor engadido ao territorio en termos de xeración de emprego e/ou riqueza.

Ademais, o 1.9.2013 finalizou o prazo para a presentación de solicitudes nos GDR, polo que, unha vez operativo o novo escenario financeiro 2013-2015, e unha vez resoltos os expedientes existentes da convocatoria anterior, cos remanentes dispoñibles que cada GDR poida ter, se regula a apertura dunha nova convocatoria de recepción de novos proxectos.

Desde un punto de vista competencial, o artigo 6.1.d) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento de Agader, atribúelle ao Consello de Dirección a competencia para aprobar os procedementos de selección das solicitudes de financiamento de plans, programas e actuacións vinculados aos GDR. Pola súa banda, o 25 de marzo de 2013 o Consello de Dirección de Agader delegou no director xeral de Agader a competencia para aprobar o novo marco financeiro do programa Leader Galicia 2007-2013 e para modificar as bases reguladoras que o rexen, con base na proposta de modificación que se presentou a ese órgano.

Por todo o anterior, o director xeral de Agader, logo de tramitar o procedemento nos termos legais e regulamentarios establecidos pola lexislación vixente,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar o marco financeiro do programa Leader Galicia 2007-2013 para os anos 2013-2015, de acordo coa seguinte repartición por anualidades e fontes financeiras:

Conta orzamentaria

Anualidades

Importe (€)

01/01 01/41/00 (12.A1.712A.)

656601 (760.0)

2013

2.236.253,25

2014

2.450.000,00

2015

3.003.000,06

656701 (770.0)

2013

165.824,87

2014

12.100.000,00

2015

14.831.143,15

656801 (780.0)

2013

638.924,38

2014

150.000,00

2015

183.857,15

656811 (781.0)

2013

41.786,78

2014

1.617.016,00

2015

1.981.999,65

01/01 01/43/00 (12.A1.712A.)

656811 (781.0)

2013

309.695,81

2014

3.263.403,00

2015

3.433.687,00

As mesmas cantidades recollidas neste cadro estarán consignadas nas aplicacións 12.21.712A.760, 12.21.712A.770, 12.21.712A.780 e 12.21.712A.781 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural e do Mar.

As contías indicadas poderán incrementarse sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito segundo recolle o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, e publicaranse no DOG o aludido incremento e a súa contía.

O cadro resumo dos importes totais por anualidades recóllese a continuación:

Conta orzamentaria

Anualidades

Importe (€)

01/01 01/41/00 (12.A1.712A.)

2013

3.082.789,28

2014

16.317.016,00

2015

20.000.000,01

01/01 01/43/00 (12.A1.712A.)

2013

309.695,80

2014

3.263.403,00

2015

3.433.687,00

TOTAL

2013

3.392.485,08

2014

19.580.419,00

2015

23.433.687,01

O anterior marco financeiro autorizado polo Consello da Xunta, en virtude do artigo 58.6 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establecía un límite na anualidade do ano 2013 por importe de 30.822.366,64 euros.

O marco financeiro que agora se aproba consigna un menor importe na anualidade 2013; a parte non autorizada dos fondos retén o crédito ao tempo que establece os importes para as anualidades 2014 e 2015.

Os novos importes que se autorizan para a anualidade 2013 correspóndense co seguinte detalle:

Conta orzamentaria

Anualidades

Importe (€)

01/01 01/41/00 (12.A1.712A.)

656601 (760.0)

2013

2.236.253,25

656701 (770.0)

2013

165.824,87

656801 (780.0)

2013

638.924,38

656811 (781.0)

2013

41.786,78

01/01 01/43/00 (12.A1.712A.)

656811 (781.0)

2013

309.695,80

Segundo. Modificar as bases reguladoras para a selección de programas de desenvolvemento rural e para a selección e o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013, aprobadas polo Acordo do Consello de Dirección de Agader, do 30 de maio de 2008, que se xuntan á presente resolución como anexo, no seu formato de texto refundido.

Esta modificación entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación.

Terceiro. Aprobar unha nova convocatoria de admisión e selección de proxectos dentro deste marco financeiro e con cargo ás novas dotacións que se recollen nesta resolución naqueles GDR que conten con remanentes para ela.

Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2013

(Por delegación. DOG núm. 148, do 5 de agosto de 2013)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral de Agader

ANEXO
Texto refundido da modificación das bases reguladoras

Apéndice I. Bases reguladoras.

I. Obxecto.

O obxecto das presentes bases é establecer as normas para a presentación e selección de programas de desenvolvemento rural no marco dos artigos 61 e seguintes do Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, e para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013, nos termos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

II. Definicións.

Para os efectos destas bases, enténdese por:

a) Grupo de desenvolvemento rural (GDR): entidade de natureza asociativa sen ánimo de lucro, integrada por un conxunto equilibrado e representativo das institucións e dos axentes socioeconómicos do territorio de actuación, responsable da elaboración e execución dun programa de desenvolvemento rural.

b) Programa de desenvolvemento rural: documento elaborado por un GDR, en que se define unha estratexia de desenvolvemento integrado dun territorio e se determina o procedemento para a súa aplicación.

c) Medida: conxunto de operacións que contribúen á consecución de cada un dos obxectivos de:

– Aumento da competitividade do sector agrario e forestal.

– Mellora do ambiente e do contorno rural.

– Mellora da calidade de vida nas zonas rurais e diversificación da economía rural.

– A cooperación entre os distintos territorios rurais da Unión Europea.

– Mellora da gobernanza dos territorios rurais.

III. Grupos de desenvolvemento rural.

1. Requisitos.

Os GDR deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Adoptar a forma xurídica de asociacións, con suxeición á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

As que estean en proceso de constitución ou modificación no momento da publicación da convocatoria deberán estar formalmente constituídas con suxeición aos requirimentos destas bases antes da resolución da convocatoria.

b) Estar compostos por un conxunto dos interlocutores, públicos e privados, con arraigo no territorio, de xeito equilibrado e representativo tanto desde o punto de vista sectorial como territorial. O grupo deberá documentar que seguiu un proceso participativo e aberto a todos os axentes do territorio que na fase previa á aplicación do Leader manifestasen dun ou doutro xeito o seu interese en implicarse no programa do seu territorio. Esta metodoloxía participativa debe acreditarse desde o inicio das actuacións postas en marcha para a constitución do GDR, mesmo para a determinación de cal sexa a estrutura de que valerse.

En ningún caso poderán formar parte dos GDR as persoas físicas.

Na composición do GDR rexerá o principio de portas abertas. Para estes efectos, os respectivos estatutos deberán garantir a incorporación, tanto na constitución como ao longo de todo o período de execución do programa, de todas aquelas entidades con implantación local que, reunindo os requisitos exixidos para adquirir a condición de asociados, soliciten a súa incorporación. Unha vez seleccionados os programas de desenvolvemento rural, os GDR requiriranlle ás entidades que soliciten a súa incorporación como asociados que acrediten un ano de actividade no ámbito territorial do GDR.

c) En todos os órganos decisorios, as entidades de natureza privada deberán de representar máis do 50 % dos votos. En todo caso, na xunta directiva ou órgano decisorio similar estarán representados, cando menos, as asociacións de mulleres, as asociacións de mozos/as, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas agrarias con presenza no territorio de actuación do GDR e que formen parte deste.

Tamén poderá ser convocado ás reunións dos citados órganos decisorios, con voz pero sen voto, un representante de Agader.

Os estatutos deberán incorporar as regras necesarias relativas ao cumprimento dos requisitos xerais previstos nas letras b) e c) e, necesariamente, deberán prever as seguintes regras referidas ao sistema de toma de decisións e elección de cargos:

a) Todos os asociados son elixibles para calquera dos cargos dos órganos decisorios.

b) No proceso de toma de decisións, cada membro dos órganos decisorios ten un voto.

c) Para os efectos de adopción de acordos, os órganos decisorios só estarán validamente constituídos cando os representantes do sector privado supoñan máis do 50 % dos membros presentes ou representados.

d) Ter capacidade para definir unha estratexia de desenvolvemento no territorio e para asumir as tarefas de colaboración na súa xestión, así como a eficacia dos mecanismos de funcionamento, de toma de decisións, e a transparencia na atribución de funcións e responsabilidades.

e) Dotarse dun equipo técnico con formación e capacidade para xestionar a estratexia de desenvolvemento proposta. No procedemento de contratación do persoal garantiranse, en todo caso, os principios de igualdade, mérito e capacidade, publicidade e concorrencia. O equipo técnico, contratado directamente polo GDR, deberá acreditar un nivel de cualificación suficiente para asumir o peso principal da xestión do programa de desenvolvemento rural. Só puntualmente os GDR poderán contratar asistencias técnicas externas de apoio á xestión; deberá respectarse en todo caso, neste proceso de contratación, os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

f) Dispor de medios técnicos suficientes, en particular, daqueles requiridos para a utilización da ferramenta informática que facilite Agader para a xestión do programa Leader.

g) Comprometerse a participar, polo menos, nun proxecto de cooperación interterritorial ou transnacional, cando se faga a convocatoria para tal fin.

h) Comprometerse a traballar en rede.

2. Funcións.

Os GDR terán como función principal executar o programa de desenvolvemento rural seleccionado ao abeiro destas bases. No marco desta función xenérica, corresponderalles aos GDR:

– Informar e asesorar a poboación rural sobre o contido e alcance do programa de desenvolvemento rural e incentivar a participación activa nel.

– Promover e captar iniciativas, así como acompañar os promotores no proceso de maduración de proxectos.

– Avaliar e seleccionar proxectos promovidos polos promotores do territorio.

– Efectuar, por delegación de Agader, o control e seguimento da execución dos proxectos.

Os GDR axustarán a súa actividade aos principios de colaboración, obxectividade, imparcialidade, eficacia, eficiencia, transparencia, publicidade e libre concorrencia.

3. Natureza.

Unha vez seleccionados, na súa relación con Agader terán a dobre condición de entidade colaboradora na xestión de subvencións respecto das medidas 411, 412 e 413 (estratexias de desenvolvemento local), e de beneficiario da subvención respecto da medida 431 (funcionamento do GDR, adquisición de capacidades e promoción territorial). Non poderán obter esta dobre condición as entidades nas cales concorra algunha das circunstancias referidas nos parágrafos 2º e 3º do artigo 10 da LSG.

IV. Réxime de incompatibilidades.

O xerente ou o máximo responsable técnico terá dedicación exclusiva á entidade colaboradora e non ocupará cargos electos nos órganos do GDR.

V. Ámbito territorial.

Para os efectos da aplicación do programa Leader Galicia 2007-2013, terá a consideración de territorio elixible todo o territorio rural galego, con exclusión das entidades singulares de poboación de máis de 2.000 habitantes sitas nos concellos non comprendidos nas zonas de reequilibrio do Plan de reequilibrio territorial de Galicia 2007-2010.

O programa de desenvolvemento rural que elabore un GDR para poder concorrer a esta convocatoria deberá ter como ámbito territorial unha das áreas de actuación definidas no anexo I destas bases.

A delimitación das áreas definidas no anexo I poderá modificarse sempre e cando os axentes socioeconómicos dun termo municipal incluído nunha determinada área acrediten a súa vontade inequívoca e acordada de integrarse nunha área diferente coa que teña contigüidade territorial e, pola súa vez, os axentes socioeconómicos das áreas afectadas (tanto a de orixe como a de destino) acepten expresamente esa modificación.

En ningún caso, as modificacións respecto do mapa territorial definido no anexo I destas bases poderá supor un incremento no número de GDR.

Por cada territorio só se admitirá unha candidatura, de xeito que todos os axentes do territorio interesados en promover un programa de desenvolvemento rural deberán de acordar unha única proposta de actuación. A concorrencia de máis dunha candidatura por territorio fará que non se resolva a concesión dun programa para ese territorio, co que se pasaría, para ese territorio, a unha segunda convocatoria en que os distintos aspirantes deberán presentar unha candidatura unificada.

No suposto de que nesta convocatoria queden zonas do territorio rural galego sen cubrir cun GDR, ben porque non se presenta ningunha candidatura axustada á delimitación territorial proposta ou porque a candidatura presentada non cumpre os requisitos da convocatoria ou a súa calidade non lle permita superar a puntuación mínima establecida no baremo, Agader realizaría unha segunda convocatoria de selección de programas de desenvolvemento rural e de GDR responsables da súa execución, facendo uso da posibilidade recollida no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 aprobado pola Comisión Europea.

Nesa segunda convocatoria poderían concorrer GDR daqueles territorios que non quedasen cubertos na primeira. Dependendo das áreas que quedasen sen asignación de fondos na primeira convocatoria, Agader determinará, de cara á segunda, cal será a proposta de delimitación territorial.

VI. Programas de desenvolvemento rural.

1. Os GDR elaborarán os programas de desenvolvemento rural de acordo coa estrutura e cos contidos referidos no anexo II destas bases.

2. Nos citados programas, os GDR definirán unha estratexia de actuación que deberá cumprir, cando menos, os seguintes requisitos:

a) Estar orientada ao desenvolvemento endóxeno e sustentable do territorio en que se aplique, ao fortalecemento e diversificación do tecido empresarial e da actividade económica, á fixación da poboación, á elevación das rendas e do benestar social dos seus habitantes, así como á conservación do patrimonio natural e cultural.

b) Ser coherente coas necesidades do territorio.

c) Ser complementaria coas intervencións doutros programas e medidas que se apliquen no territorio, en particular e, de ser o caso, cos programas de desenvolvemento local xestionados polos grupos de acción costeira (GAC) constituídos ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1198/2006, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP).

Para estes efectos, os GDR que se constitúan nos territorios de actuación dos GAC deberán deseñar no seu programa de desenvolvemento rural de forma nítida os criterios concretos de demarcación respecto das actuacións financiadas polos GAC, así como os mecanismos de coordinación de actuacións entre as dúas entidades.

d) Como criterios xerais, nestes territorios deberase ter en conta no deseño da estratexia que:

1º) As actuacións vinculadas ao sector pesqueiro e aquelas outras en que os beneficiarios estean relacionados coa actividade pesqueira serán financiadas exclusivamente polo FEP.

2º) Os GDR deberán adoptar as medidas oportunas que aseguren un nivel de investimento equilibrado en todo o seu ámbito territorial de actuación, de forma tal que naqueles concellos en que se aplique un programa de desenvolvemento promovido por un GAC non se produza un sobrefinanciamento en relación con aqueloutros en que, por razón de localización xeográfica, só se vai aplicar o programa de desenvolvemento rural promovido polo GDR.

e) Ter unha concepción e aplicación multisectorial, aplicando enfoques innovadores. A innovación debe entenderse non só como innovación tecnolóxica, senón tamén como exploración de novos xeitos de enfrontarse aos retos de cada territorio.

f) Ser viable desde unha perspectiva económica, social e ambiental.

g) Contribuír á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e á participación da mocidade na vida económica e social.

3. A estratexia proposta por cada GDR centrarase nalgún ou nalgúns dos obxectivos dos eixos 1, 2 e 3 do Regulamento 1698/2005, e incluíra, como posibles actuacións, operacións correspondentes ás seguintes medidas:

a) Medida 411 - Dinamización do sector agrario e forestal:

1º Investimentos no sector agrario. Proxectos de investimento en explotacións agrarias, coa finalidade de mellorar o seu rendemento global, nos seguintes supostos:

– Que impliquen a introdución de novas técnicas de produción no sector.

– Os que teñan como obxectivo a recuperación de variedades tradicionais.

– Os relacionados co apoio a novas producións non existentes ou testemuñais no territorio do GDR.

– Os que afecten producións extensivas en áreas ambientalmente sensibles.

2º Aumento do valor económico dos montes. Proxectos que impliquen a posta en valor de superficies de montes veciñais en man común ou de asociacións de propietarios, sempre que sexan actuacións singulares, excluíndo as plantacións forestais regulares e os tratamentos silvícolas asociados a elas.

3º Aumento do valor engadido dos produtos agrarios e forestais, unicamente nos casos en que non exista outra liña ou medida en que o proxecto ou actuación puidese ser encadrable, sempre que non estea sometido a unha limitación sectorial polo departamento competente.

b) Medida 412 - Mellora ambiental e do contorno rural:

1º Investimentos non-produtivos en explotacións agrarias.

2º Investimentos non-produtivos en espazos forestais.

3º Investimentos non-produtivos para a adecuación, recuperación e posta en valor do patrimonio natural no contorno rural.

c) Medida 413 - Diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida:

1º Diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non agrarias.

2º Creación, ampliación e modernización de pemes.

3º Fomento de actividades turísticas.

4º Servizos básicos para a economía e a poboación rural.

5º Renovación e desenvolvemento de poboacións rurais e conservación e mellora do patrimonio rural.

4. Os GDR axustarán a distribución dos fondos públicos por medidas da súa estratexia ás porcentaxes seguintes, sen prexuízo de que Agader poida autorizar variacións desas porcentaxes entre GDR, en atención ás características das respectivas estratexias:

a) O 25 % dos fondos públicos para actuacións que se encadren nos obxectivos da medida 411.

b) O 5 % dos fondos públicos para actuacións que se encadren nos obxectivos da medida 412.

c) O 70 % dos fondos públicos para actuacións que se encadren nos obxectivos da medida 413.

5. Do total de fondos públicos asignados a cada estratexia de desenvolvemento rural, polo menos o 75 % destinarase a financiar proxectos produtivos. Desta forma, a porcentaxe de fondos públicos destinados a proxectos non produtivos non poderá ser superior ao 25 %, sen prexuízo de que Agader poida autorizar variacións nesta porcentaxe de ata o 35 %, en función das características do territorio e sempre que queden plenamente xustificadas na estratexia. Para estes efectos, teranse en conta as variables de índole socioeconómica vinculadas ao despoboamento, envellecemento da poboación, niveis de poboación dependente, nivel de renda etc.

6. O importe e a porcentaxe de axuda pública que pode corresponder aos proxectos de natureza produtiva virá determinado polos límites establecidos para cada medida no réxime de axudas que se incorpora como anexo III destas bases, e no cal se definen as condicións de subvencionabilidade dos proxectos promovidos no territorio no marco das medidas 411, 412 e 413 e, en todo caso, axustarase ao disposto na normativa sobre axudas de Estado.

7. O importe e a porcentaxe de axuda pública que pode corresponder aos proxectos de natureza non produtiva axustarase ás intensidades máximas de axuda que a continuación se refiren, segundo a prioridade do proxecto de que se trate:

a) Proxectos non produtivos de prioridade alta. Intensidade de axuda ata o 100 %:

1º Servizos de igualdade e benestar á poboación, sempre que non exista informe desfavorable do departamento sectorial competente.

2º Implantación de TIC no medio rural, tales como telecentros, aulas de informática, plataformas dixitais de servizos á poboación en xeral, sempre que non exista informe desfavorable do departamento sectorial competente.

b) Proxectos non produtivos de prioridade media. Intensidade de axuda ata o 70 %:

1º Actuacións de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica, tales como actuacións ambientais, aulas de natureza, centros de interpretación, museos, intervencións arqueolóxicas, recuperación de construcións de interese arquitectónico, social ou cultural.

2º Centros de promoción de recursos ou puntos de información turística, co máximo dun proxecto desta tipoloxía por GDR e sempre que non exista unha iniciativa semellante.

c) Outros proxectos non produtivos. Intensidade de axuda ata o 50 %:

1º Infraestrutura de lecer: ludotecas, áreas recreativas, parques ou espazos de ocio.

2º Instalacións deportivas, en coordinación co departamento sectorial competente.

3º Todos os proxectos non recollidos nos dous puntos anteriores que poidan ser elixibles e teñan a natureza de non produtivos.

8. Cada GDR, no proceso de definición da súa estratexia de desenvolvemento, poderá propoñer unha priorización de proxectos non produtivos distinta desta que, en calquera caso, para poder ser aplicada, deberá ser aprobada por Agader, en función da súa xustificación e adaptación ás prioridades do PDR de Galicia 2007-2013.

9. Para as entidades públicas locais non serán elixibles dentro das estratexias de desenvolvemento rural os proxectos de sinalización territorial, nin os proxectos de infraestruturas asociadas a servizos de prestación obrigatoria por parte das entidades locais ou servizos esenciais declarados de reserva a favor das entidades locais, nos termos establecidos nos artigos 26 e 86.3, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

10. En aplicación do artigo 37.4 do Regulamento 1974/2006, que dispón que os Estados membros velarán por que se seleccione de forma prioritaria os GDR que integren a cooperación nas súas estratexias de desenvolvemento local, o programa incluirá un plan de cooperación entre territorios rurais, que prevexa a realización de accións comúns e integradas, máis alá do simple intercambio de experiencias, co obxectivo último de potenciar o traballo en rede e contribuír á transferibilidade de iniciativas que poidan ser de interese para outros territorios. O plan de cooperación poderá incluír actuacións intercomarcais (entre territorios de Galicia), interterritoriais (con territorios doutras comunidades autónomas) ou transnacionais (entre territorios de distintos Estados membros e a cooperación con territorios de terceiros países), que se xestionarán a través dos procedementos selectivos que se convoquen con posterioridade.

VII. Financiamento dos programas de desenvolvemento rural.

1. Os programas de desenvolvemento rural financiaranse ata o límite de fondos públicos establecido no PDR, e de acordo co cadro orzamentario aprobado polo Consello de Dirección de Agader. O financiamento de cada programa de desenvolvemento rural completarase coa achega dos promotores, que deberá de representar polo menos unha porcentaxe do 140 % respecto do total dos fondos públicos asignados á estratexia.

2. Os cadros orzamentarios expresarán, por medidas, anos e fontes financeiras, o importe asignado a cada GDR para o desenvolvemento da estratexia (medidas 411, 412 e 413), así como para financiar os gastos de funcionamento e executar as accións de adquisición de capacidades e promoción do territorio (medida 431).

3. En relación co importe asignado para as medidas 411, 412, 413 e 431, os cadros orzamentarios iniciais aprobados polo Consello de Dirección para cada GDR consignarán un importe equivalente ao 78,8220 % dos fondos aprobados no PDR.

4. A asignación inicial de fondos entre os respectivos GDR realizarase en función de:

a) Superficie: peso da superficie da zona respecto ao total da superficie elixible no programa Leader de Galicia.

b) Poboación: porcentaxe que supón a poboación da zona elixible para o programa de desenvolvemento rural do GDR respecto ao total da poboación de Galicia elixible para o programa Leader de Galicia.

c) Porcentaxe da superficie e da poboación en concellos non incluídos en grupos de acción costeira.

d) Puntuación obtida por cada GDR no proceso de selección segundo se detalla na epígrafe X destas bases.

5. Calquera asignación posterior de fondos terá en consideración, ademais das puntuacións empregadas na asignación inicial, criterios de eficacia e eficiencia entre os que cabería considerar:

a) O tempo transcorrido entre a resolución da convocatoria do programa Leader Galicia, feita por Agader, e a convocatoria de axudas do programa Leader de cada GDR. Para este cómputo descontarase, nos casos que proceda, o tempo en que esa convocatoria foi interrompida por estar o proceso de contratación do equipo xestor do GDR en revisión por parte de Agader.

b) O número de proxectos do GDR con informe de control de elixibilidade favorable verificado por Agader.

c) A relación entre os informes de control de elixibililidade remitidos polos GDR e os verificados por Agader.

d) O volume financeiro dos proxectos no GDR con informe de control de elixibilidade verificado por Agader.

e) O nivel de compromiso de fondos.

f) O nivel de execución de fondos.

g) As incidencias de non elixibilidade.

h) A posta en marcha de proxectos de cooperación.

i) As incidencias na xestión do procedemento e na tramitación de expedientes.

Os criterios que se adopten para a asignación posterior de fondos consensuaranse cos GDR, serán aprobados por Agader e serán obxecto de publicidade.

6. Respecto dos importes asignados para a execución das medidas 411, 412 e 413, os GDR terán a condición de entidades colaboradoras na xestión da subvención, nos termos establecidos na base III, e contra este importe seleccionarán os proxectos presentados polos promotores do territorio.

7. O importe asignado para as medidas 411, 412 e 413 servirá de base para o cálculo dos gastos vinculados á medida 431, ata unha porcentaxe máxima do 20 %.

8. No marco da medida 431 serán elixibles os gastos necesarios para a constitución do GDR e para a elaboración do programa de desenvolvemento rural causados desde a data de publicación destas bases no DOG.

9. Para facer fronte aos gastos de funcionamento ordinario, Agader autorizaralle a cada GDR unha dotación equivalente ao 16 % dos fondos asignados á estratexia de desenvolvemento (submedida 431 A).

10. Como mínimo un importe equivalente ao 4 % dos fondos asignados á estratexia destinaranse a actividades de adquisición de capacidades e promoción do territorio (submedida 431 B).

11. Os rendementos financeiros que, de ser o caso, poidan xerar os fondos librados a favor dos GDR no marco da medida 431 deberán aplicarse ás actividades que se executen nesa medida, segundo o disposto no artigo 17.5 da LSG.

12. Nos meses previos ao final de 2015, o exceso de fondos asignados á medida 431 que non se comprometeran, por non causaren os GDR dereito á súa percepción de acordo cos criterios anteriores, sumaranse aos fondos vinculados ao desenvolvemento da estratexia de cada GDR, ou ben distribuiranse entre outros GDR no suposto de que un GDR determinado non teña proxectos para executar nas medidas da estratexia.

13. Os cadros financeiros asignados a cada GDR poderán sufrir modificacións como consecuencia, entre outras circunstancias, de modificacións no orzamento do PDR, de reprogramacións, ou da redistribución de fondos entre GDR. Respecto deste último suposto, no caso de atraso na execución do programa de desenvolvemento rural, e de cara a un mellor cumprimento do PDR no seu conxunto e a unha maior eficiencia das dotacións financeiras deste, poderase axustar a contribución financeira posta á disposición dun GDR á evolución real do programa de desenvolvemento rural, reasignando as dotacións procedentes destes axustes a aqueles GDR cuxo grao de desenvolvemento investidor supere as dotacións anuais asignadas inicialmente.

14. Así mesmo, os GDR velarán porque o prazo de execución dos proxectos promovidos no marco das medidas 411, 412 e 413 non comprometa o cumprimento da regra n+2 establecida con carácter xeral no artigo 29 do Regulamento 1290/2005, do 21 de xuño, sobre o financiamento da política agraria común. A eventual concesión de prórrogas de execución aos promotores de proxectos estará supeditada á seguridade de cumprimento da devandita regra n+2.

15. No suposto de que durante o período de execución do programa Leader, este se dote con fondos adicionais, distribuiranse entre os GDR sen necesidade de nova convocatoria para o efecto. Se a dotación de fondos adicionais se produce nos tres primeiros anos de execución do programa, a distribución entre os GDR farase na mesma proporción en que se faga a repartición inicial de fondos vinculada á selección dos GDR. Se a dotación de fondos adicionais se produce con posterioridade, a distribución entre os GDR farase cos criterios previstos nesta base para as reparticións posteriores de fondos.

16. Os fondos adicionais que, de ser o caso, decidan achegar as entidades públicas locais ou outras entidades para a execución do programa, aínda cando non formen parte do cadro financeiro aprobado para cada GDR, aplicaranse preferentemente ao financiamento dos gastos que se causen no marco da medida 431.

VIII. Presentación de solicitudes.

Os GDR presentarán as solicitudes para a selección de programas de desenvolvemento rural no prazo previsto na convocatoria.

Xunto coa solicitude, presentarán a proposta de programa de desenvolvemento rural, que axustará o seu contido e a súa estrutura ao previsto no anexo II destas bases.

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Agader, e presentaranse, dentro do prazo que se determine na convocatoria, no Rexistro Xeral de Agader, situado na avda. do Camiño Fráncés, nº 10 baixo, 15771, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

IX. Consentimentos e autorizacións.

A presentación da solicitude de axuda comportará a autorización do GDR para que Agader obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado de achegar as correspondentes certificacións. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole as ditas certificacións non puidesen ser obtidas por Agader, poderán serlle requiridas ao GDR.

Segundo o previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Agader publicará no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases. Así mesmo, de conformidade co anexo IV do Regulamento (CE) nº 1974/2006, do 25 de decembro, e co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, Agader publicará na súa páxina web as concesións das axudas reguladas nestas bases, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos e da súa publicación.

Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a solicitude da axuda levará implícito o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de Economía e Facenda.

Non obstante, os interesados poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando poidan afectar o honor e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar, e á propia imaxe.

X. Procedemento de selección.

I. Instrución do procedemento.

Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución realizaraos de oficio a Subdirección de Relacións cos Grupos de Acción Local, nos termos previstos no capítulo segundo do título VI da LRXAP.

No suposto de defectos na documentación presentada xunto coa solicitude, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da LRXAP. Así mesmo, e de acordo co artigo 71.3 da LRXAP, poderase requirir a modificación ou mellora da solicitude e do propio programa de desenvolvemento rural.

II. Comisión de selección.

Unha vez completos os expedientes, darase traslado deles á comisión de selección, que se constituirá como órgano encargado de valorar os programas de desenvolvemento rural e formalizar a proposta de resolución.

A comisión de selección terá a seguinte composición:

– Presidente: o director xeral de Agader ou persoa en quen delegue.

– Vogais:

• Unha persoa en representación da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

• Dúas persoas en representación de Agader.

• Unha persoa en representación de cada unha das seguintes direccións xerais da Consellería do Medio Rural:

– Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

– Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

• Unha persoa en representación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

• Unha persoa en representación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

• Unha persoa en representación da Secretaría Xeral da Igualdade, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

– Secretario: (con voz pero sen voto): o xefe da Área Xurídica de Agader.

O presidente poderá invitar a participar nas reunións da comisión de selección aquelas persoas que, pola súa condición de expertos, considere oportuno, que asistirán con voz, pero sen voto.

A comisión de selección valorará os programas de desenvolvemento rural presentados polos GDR en réxime de concorrencia competitiva.

Os criterios para a selección dos programas de desenvolvemento rural serán os seguintes:

I. Criterios referidos ao territorio de actuación do GDR: 50 puntos.

• Variación da poboación no último decenio: 10 puntos (a variación máis negativa, maior puntuación).

• Indicador municipal de renda dos fogares (IMRF): 10 puntos (a menor IMRF, maior puntuación).

• Índice de envellecemento (porcentaxe de poboación de 65 ou máis anos): 8 puntos (a maior índice de envellecemento, maior puntuación).

• Densidade de poboación: 7 puntos (a menor densidade, maior puntuación).

• Peso do emprego agrario no emprego total: 5 puntos (a maior nivel de emprego agrario, maior puntuación).

• Porcentaxe da superficie en espazos naturais protexidos: 5 puntos (a maior superficie, maior puntuación).

• Porcentaxe de superficie en zonas de montaña e outras áreas desfavorecidas: 5 puntos (a maior superficie, maior puntuación).

II. Criterios referidos ao GDR: 25 puntos.

• Composición e representatividade sectorial e territorial: 5 puntos.

• Estruturas de participación e funcionamento proposto polo GDR: 4 puntos.

• Características de apertura, integración e participación do proceso constituínte e da formulación da candidatura: 4 puntos.

• Grao de participación dos axentes do territorio na formulación do programa: 4 puntos.

• Achega de infraestruturas e recursos materiais polos socios do GDR para a implementación do programa: 4 puntos.

• Compromiso de uso da lingua galega na súa relación coa Administración e na implementación do programa, de acordo co previsto no artigo 20.2.l da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia: 4 puntos.

III. Criterios referidos ao programa: 25 puntos.

• Calidade e coherencia territorial do programa de desenvolvemento rural coa diagnose e as actuacións propostas: 7 puntos.

• Plan de difusión: 3 puntos.

• Incidencia da estratexia formulada sobre elementos innovadores: 3 puntos.

• Incidencia da estratexia formulada sobre a valorización de recursos endóxenos: 3 puntos.

• Incidencia da estratexia na xeración de novas oportunidades para mulleres e mozos/as: 3 puntos.

• Incidencia ambiental da estratexia: 3 puntos.

• Plan de cooperación: 3 puntos.

Para ser seleccionado será necesario acadar tanto no bloque II como no bloque III unha puntuación mínima de 10 puntos.

Unha vez valorados os programas de acordo cos criterios referidos, a comisión de selección efectuará a proposta de resolución, que necesariamente deberá expresar, de forma motivada, os resultados da valoración de cada programa de desenvolvemento rural, a relación daqueles para os cales se propón a subvención, os importes concretos asignados para a súa execución e os GDR responsables da súa presentación. Conterá, así mesmo, a relación de programas de desenvolvemento rural para os que non se propón subvención, con expresión dos motivos que fundamentan a súa denegación.

Previamente á proposta de resolución, deberá acreditarse que os GDR esán ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

III. Resolución.

O Consello de Dirección de Agader resolverá o procedemento de selección de programas de desenvolvemento rural.

A selección dun programa de desenvolvemento rural supón, respecto do GDR responsable da súa presentación neste proceso selectivo, a súa selección como entidade colaboradora con Agader na xestión do citado programa.

O prazo para resolver e notificar a resolución do procedemento será o que se determine nas respectivas convocatorias. O transcurso deste prazo sen terlles notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a súa solicitude.

A resolución notificarase aos GDR mediante carta certificada con xustificante de recepción. Os GDR seleccionados disporán dun prazo de 10 días para aceptar ou rexeitar a dobre condición de entidade colaboradora na xestión do programa respecto das medidas 411, 412 e 413, e de beneficiario da subvención respecto da medida 431, segundo o modelo que se remitirá xunto coa resolución de concesión. Transcorrido o dito prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, e procederase á sinatura do correspondente convenio.

Unha vez aprobados os respectivos programas de desenvolvemento rural, as modificacións de contido que supoñan unha reprogramación ou unha modificación das normas de xestión do programa deberán ser comunicadas a Agader para os efectos da súa autorización. Igualmente deberán comunicar, para que Agader as autorice, as normas internas relacionadas coa xestión do programa.

En todo caso, as modificacións que supoñan unha alteración das circunstancias tidas en conta para a selección dos programas de desenvolvemento rural e dos GDR poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

XI. Convenios.

Os GDR seleccionados formalizarán un convenio de colaboración con Agader, de acordo co previsto no artigo 13 da LSG, en que establecerán as regras que deben aplicar as partes na xestión do programa de desenvolvemento rural e, en particular, as condicións e obrigas que asumen os GDR en virtude da súa dobre condición como entidades colaboradoras e como beneficiarios da subvención, nos termos previstos no anexo IV.

Os convenios incorporarán os cadros financeiros para a execución do programa e a delimitación territorial do ámbito de actuación do GDR.

Con carácter previo á súa sinatura, o contido do modelo de convenio poderá ser obxecto de modificacións puntuais para os efectos de adaptalo ao mellor cumprimento dos obxectivos do programa Leader.

O incumprimento por parte dun GDR das súas obrigas coas administracións públicas financeiras e cos promotores de proxectos poderá dar lugar á resolución do convenio e á perda da condición de entidade colaboradora. Neste caso, Agader arbitrará o procedemento necesario para asegurar a continuidade da aplicación do programa de desenvolvemento rural no territorio, asumindo a súa xestión de forma directa ou ben a través doutra entidade.

XII. Reintegro.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas no marco da medida 431 en concepto de subvención, xunto cos xuros de mora correspondentes, nos casos previstos no artigo 33 da LSG e de acordo co procedemento que se regula nos artigos 37 e seguintes da citada lei; todo iso sen prexuízo das sancións que, de ser o caso, poidan corresponder.

XIII. Réxime sancionador.

Con carácter xeral, resulta de aplicación o réxime de infraccións e sancións administrativas que regula o título IV da LSG.

O incumprimento das obrigas asumidas polo GDR en atención á súa condición de entidade colaboradora considerarase infracción leve cando non constitúan infracción grave ou moi grave, segundo o previsto nos artigos 54 e seguintes da LSG.

XIV. Normativa de aplicación.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse polas seguintes normas:

– Decisión da Comisión Europea C (2008) 703, do 15 de febreiro, pola que se aproba o Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, e modificado pola Decisión da Comisión C (2010), do 5 de marzo.

– Regulamento (CE) nº 1290/1995, do Consello, sobre financiamento da política agraria común.

– Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), modificado polos regulamentos (CE) nº 473/2009, do 25 de maio, e 74/2009, do 19 de xaneiro.

– Regulamento (CE) nº 1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, modificado polos regulamentos (CE) nº 1175/2008, do 27 de novembro, 363/2009, do 4 de maio, 482/2009, do 8 de xuño, e 108/2010, do 8 de febreiro e 679/2011, do 14 de xullo, da Comisión.

– Regulamento (CE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se es-tablecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

XV. Recursos.

Poderase recorrer contra as resolucións expresas ou presuntas dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases:

– Potestativamente, mediante recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de tres meses contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

– Directamente, mediante recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

XVI. Réxime transitorio.

Unha vez aprobado o novo escenario financeiro para as anualidades 2013-2015 e rematado o prazo de admisión de solicitudes polos GDR establecido nas bases anteriores, os créditos existentes asignaranse, en primeiro lugar, á concesión de prórrogas de execución de proxectos con resolución de concesión xa emitida e, en segundo lugar, a emitir resolucións de axuda para aqueles proxectos que quedasen pendentes de resolución da convocatoria anterior. Os remanentes que poidan existir en cada GDR destinaranse á apertura dunha nova convocatoria de selección de novos proxectos.

ANEXO I
Ámbito territorial

De acordo co establecido no punto V destas bases reguladoras, para os efectos da aplicación do programa Leader Galicia 2007-2013, terá a consideración de territorio elixible todo o territorio rural galego, con exclusión das entidades singulares de poboación de máis de 2.000 habitantes sitas nos concellos non comprendidos nas zonas de reequilibrio do Plan de reequilibrio territorial de Galicia 2007-2010.

GDR-1: Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Valadouro (O), Cervo, Ourol, Vicedo (O), Viveiro, Xove, Barreiros, Ribadeo, Trabada.

GDR-2: Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Pastoriza (A), Vilalba, Xermade.

GDR-3: Baleira, Fonsagrada (A), Negueira de Muñiz, Pontenova (A), Meira, Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto.

GDR-4: Castroverde, Corgo (O), Friol, Guntín, Lugo(excepto núcleo de Lugo), Outeiro de Rei, Rábade.

GDR-5: Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro.

GDR-6: Incio (O), Láncara, Paradela, Páramo (O), Samos, Sarria, Triacastela.

GDR-7: Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Carballedo, Chantada, Taboada, Portomarín.

GDR-8: Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas de Sil, Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra do Brollón (A), Saviñao (O), Sober.

GDR-9: Beariz, Boborás, Carballiño (O), Irixo (O), Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Arnoia (A), Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia.

GDR-10: Amoeiro, Barbadás (excepto núcleo de Valenzá(A)), Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense (excepto núcleo de Ourense), Pereiro de Aguiar (O), Peroxa (A), San Cibrao das Viñas, Toén, Vilamarín.

GDR-11: Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, Teixeira (A), Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives (A), San Xoán de Río, Viana do Bolo, Vilariño de Conso.

GDR-12: Barco de Valdeorras (O), Bolo (O), Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, Rúa (A), Rubiá, Veiga (A), Vilamartín de Valdeorras.

GDR-13: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, Gudiña (A), Mezquita.

GDR-14: Baltar, Blancos (Os), Calvos de Randín, Porqueira, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia.

GDR-15: Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Paderne de Allariz, Taboadela, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Bola (A), Rairiz de Veiga, Vilar de Santos.

GDR-16: Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, Cartelle, Celanova, Gomesende, Merca (A), Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás, Verea.

GDR-17: Arbo, Cañiza (A), Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Neves (As), Ponteareas (excepto núcleo de Ponteareas), Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas (excepto núcleo de Esfarrapada (A)).

GDR-18: Guarda (A) (excepto núcleo de Guarda (A)), Oia, Rosal (O), Tomiño, Tui (excepto núcleo de Tui), Baiona (excepto núcleo de Baiona), Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Porriño (O) (excepto núcleo do Porriño), Redondela (excepto núcleos de Redondela, Angorén e Laredo), Soutomaior (excepto núcleo da Calle), Vigo (excepto núcleos de Pereiró, Freixeiro, A Bagunda, A Ceboleira, Pardavila e Vigo), Fornelos de Montes.

GDR-19: Bueu (excepto núcleo de Bueu), Cangas (excepto núcleo de Cangas), Marín (excepto núcleo de Marín), Moaña, Barro, Campo Lameiro, Cotobade, Lama (A), Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra (excepto núcleo de Pontevedra), Vilaboa.

GDR-20: Caldas de Reis (excepto núcleo de Caldas de Reis), Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas, Valga, Cerdedo, Estrada (A), Forcarei.

GDR-21: Cambados (excepto núcleo de Cambados), Grove (O) (excepto núcleo de Grove (O)), Illa de Arousa (A) (excepto núcleo de Arousa), Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo (excepto núcleos de Portonovo e Sanxenxo), Vilagarcía de Arousa (excepto núcleo de Vilagarcía), Vilanova de Arousa.

GDR-22: Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces.

GDR-23: Arzúa, Boimorto, Pino (O), Touro, Curtis, Vilasantar, Melide, Santiso, Sobrado, Toques.

GDR-24: Baña (A), Negreira, Ames (excepto núcleos do Milladoiro e Bertamiráns), Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela (excepto núcleo de Santiago de Compostela), Teo (excepto núcleos dos Tilos e Cacheiras), Val do Dubra, Vedra, Santa Comba.

GDR-25: Boiro (excepto núcleo de Boiro), Pobra do Caramiñal (A)(excepto núcleo da Pobra do Caramiñal), Rianxo (excepto núcleo de Rianxo), Ribeira (excepto núcleos de Palmeira e Ribeira), Muros, Lousame, Noia, Outes, Porto do Son, Dodro, Padrón, Rois.

GDR-26: Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Carnota, Camariñas, Vimianzo, Zas, Mazaricos.

GDR- 27: Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laracha (A), Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso.

GDR-28: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso (excepto núcleo de Sigüeiro), Tordoia, Trazo.

GDR-29: Abegondo, Arteixo (excepto núcleos de Arteixo, Vilarrodís, Oseiro, Meicende e Pastoriza), Bergondo, Cambre (excepto núcleos de Cambre, A Barcala, O Graxal e O Temple), Carral, Culleredo (excepto núcleos de Acea de Ama, O Burgo, Fonteculler e Vilaboa), Oleiros (excepto núcleos de Porto de Santa Cruz (O) e Perillo), Sada (excepto núcleo de Sada), Aranga, Betanzos, Cesuras, Coirós, Irixoa, Miño (excepto núcleo de Miño), Oza dos Ríos, Paderne.

GDR-30: Vilarmaior, Cabanas, Capela (A), Monfero, Pontedeume (excepto núcleo de Pontedeume), Pontes de García Rodríguez (As), Moeche, San Sadurniño, Somozas (As).

GDR-31: Ares (excepto núcleo de Ares), Cedeira, Fene, Ferrol (excepto núcleo de Ferrol), Mugardos (excepto núcleo de Mugardos), Narón (excepto núcleo de A Solaina e A Gándara de Arriba), Neda, Valdoviño, Cariño, Cerdido, Mañón, Ortigueira.

Este ámbito territorial quedará recollido no anexo I dos convenios de colaboración entre Agader e cada un dos grupos de desenvolvemento rural.

ANEXO II
Contido e estrutura do programa de desenvolvemento rural

Os GDR presentarán os programas de desenvolvemento rural en CD. Ademais, presentarán un exemplar en papel, en formato DIN-A4.

Os programas deberán responder á estrutura e aos contidos que se indican a continuación:

Parte I. GDR.

I. Datos identificativos.

1. Denominación e CIF.

2. Domicilio social, teléfono, fax, correo electrónico.

3. Copia compulsada do DNI do representante legal e da documentación acreditativa da súa representación.

II. Personalidade xurídica.

1. Copia compulsada da acta constituínte.

2. Copia compulsada dos estatutos.

3. Copia compulsada do regulamento de réxime interno, de ser o caso.

4. Inscrición no Rexistro de Asociacións dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

5. Relación de asociados, con identificación do seu carácter público ou privado. Implantación no territorio e representatividade.

6. Composición actual da xunta directiva ou órgano decisorio similar. Cargos, nomes e representación que posúe cada compoñente.

7. Relación de entidades ás cales se denegou a súa integración, e daqueloutras que están pendentes de aceptación.

8. Informe sobre o grao de participación social na elaboración do programa.

Xunto coa anterior documentación, deberá presentarse unha declaración de non estar incursa a asociación en ningunha das circunstancias referidas nos parágrafos 2º e 3º do artigo 10 da LSG.

Para a presentación desta declaración e da documentación que se relaciona nos puntos 5 a 8 anteriores, os interesados poderán utilizar os modelos normalizados que figuran incorporados no documento «Guía práctica para a elaboración das candidaturas dos GDR», que está ao dispor dos interesados na páxina web de Agader.

A anterior documentación debe permitir a análise precisa dos seguintes aspectos relativos ao GDR:

– Requisitos e procedemento para a adquisición e perda da condición de asociado.

– Sistema de participación:

– Porcentaxe de participación de entidades públicas e privadas nos órganos de decisión do GDR.

– Mecanismos de participación dos asociados.

– Sistema de toma de decisións do GDR:

– Composición e funcións da asemblea xeral e da xunta directiva.

– Convocatorias, dereitos de voto. Maiorías. Delegación de facultades.

– Funcións dos órganos do GDR.

III. Descrición (previsión) do equipo técnico e humano adscrito á xestión do programa

1. Persoal adscrito á xestión do programa. Organigrama. Procedemento de contratación do equipo xestor.

2. Medios técnicos: local, medios informáticos.

Parte II. Territorio.

Mapa territorial incluído no ámbito de actuación do GDR e en que se vai aplicar o programa de desenvolvemento rural.

No suposto de que o mapa territorial proposto polo GDR non se corresponda coas áreas territoriais definidas por Agader no anexo I destas bases, deberá xuntarse a documentación que xustifica esta modificación, nos termos previstos no parágrafo 2º da base V.

Parte III. Estratexia.

1. Análise da situación de partida do territorio, descrición, problemática, necesidades, recursos, posibilidades...

2. Obxectivos xerais e instrumentais.

3. Estratexia proposta:

– Actuacións por medidas, segundo o modelo normalizado de fichas de actuacións por medidas que se incorpora á Guía práctica para a elaboración das candidaturas dos GDR, que está ao dispor dos interesados na páxina web de Agader.

– Tema aglutinante, de ser o caso.

– Exemplos de actuacións concretas que se estean empezando a xestar no territorio.

4. Efectos esperados respecto da situación de partida: indicadores de resultado e de impacto. Para estes efectos, tomarán como referencia os indicadores que derivan do PDR (segundo modelo normalizado que se incorpora á Guía práctica para a elaboración das candidaturas dos GDR), e aqueles outros que o GDR considere en atención á situación do seu territorio e ao contido do seu programa.

5. Complementariedade e coherencia con outros programas de desenvolvemento que se apliquen no territorio.

Parte IV. Plan de cooperación con outros territorios.

O plan de cooperación proposto por cada GDR deberá referir os seguintes contidos:

– Obxectivos perseguidos mediante a aplicación do plan.

– A súa articulación coas políticas de desenvolvemento rural e a coherencia co programa de desenvolvemento rural.

– A estratexia prevista para acadar os obxectivos propostos. Proxectos concretos: breve descrición, ámbito xeográfico, valor engadido que suporá a cooperación, GDR coordinador, entidades participantes no proxecto, estrutura xurídica común adoptada para a execución do proxecto, de ser o caso, resultados esperados...

– A repercusión sobre o ambiente e o colectivo de mulleres e mozos/as.

– Previsión financeira.

Parte V. Normas para a xestión do programa.

As normas referidas á xestión do programa deberán ter os seguintes contidos mínimos:

I. Límites de axuda pública máxima (cuantitativos e porcentaxes) en función dos diferentes tipos de proxectos, dentro dos límites máximos definidos no réxime de axudas.

II. Criterios para a selección e priorización de proxectos: baremo e regras para a asignación das porcentaxes de axuda pública.

O baremo proposto por cada GDR haberá de ser público, obxectivo e deberá axustarse ao seguinte esquema xeral:

a) Requisitos de subvencionalidade dos proxectos:

– Carácter innovador, entendido non só como innovacións tecnolóxicas senón como a exploración de novos xeitos de enfrontarse aos retos que se presentan no territorio.

– Viabilidade: o proxecto debe ser viable técnica e economicamente, e comprobarase especialmente a súa viabilidade financeira.

– Adecuación do proxecto á estratexia do programa de desenvolvemento definida.

b) Baremo para proxectos produtivos.

1. Situación xeográfica. 40 puntos.

1.1. Características económicas do concello en que se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Este criterio valorarase en función do indicador municipal de renda dos fogares (IMRF) do ano 2002 publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Estableceranse polo menos catro tramos de discriminación aos cales asignar as distintas notas (en función dos datos a nivel galego); en calquera caso os concellos cun IMRF superior á media galega terán cero puntos neste criterio.

1.2. Características demográficas do concello en que se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Este criterio poderá valorarse en función dun ou varios indicadores relativos á estrutura e dinámica de poboación: densidade de poboación, variación da poboación entre os anos 2002 e 2007 de acordo coas cifras do padrón municipal de habitantes, envellecemento. Estableceranse polo menos catro tramos de discriminación aos cales asignar as distintas notas (en función dos datos a nivel galego) e os concellos co rango máis favorable, por exemplo que gañasen poboación nese período, terán cero puntos neste criterio.

1.3. Núcleo ou entidade de poboación onde se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Para priorizar os proxectos que se implanten nas áreas máis rurais de cada concello, o GDR establecerá varios rangos de tamaño dos núcleos de poboación, asignando máis puntuación canto menor sexa o tamaño dos núcleos. Para estes efectos tomaranse inicialmente os datos do nomenclátor de 2007. Distinguiranse polo menos tres intervalos e, en calquera caso, os núcleos cunha poboación igual ou superior a 2.500 habitantes terán neste criterio cero puntos.

1.4. Outros criterios xeográficos. Máximo de 10 puntos.

Cada GDR poderá establecer outros criterios de carácter xeográfico, cun peso máximo de 10 puntos, de tal xeito que a suma deste item e os tres anteriores dea un total máximo de 40 puntos. Entre estes outros criterios poderanse valorar elementos como a distancia a núcleos de poboación grandes, limitacións naturais (zonas de montaña, outras zonas desfavorecidas...), espazos naturais protexidos etc.

2. Características do promotor do proxecto. 10 puntos.

O GDR establecerá un ou máis criterios para favorecer aqueles proxectos promovidos por determinados colectivos, como poden ser mulleres, mozos/as e persoas con discapacidade. Ademais, deberá valorarse o uso do galego por parte do promotor na execución ou desenvolvemento do proxecto de acordo co previsto no artigo 20.2º.l da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Incidencia no emprego. 25 puntos.

Cada GDR poderá establecer un ou varios criterios para avaliar a incidencia do proxecto sobre o emprego. O factor máis relevante para puntuar terá que ser a creación de emprego neto, pero tamén se poderá valorar a incidencia sobre o emprego de determinados colectivos (mulleres, mozos, persoas con discapacidade...) ou outros aspectos.

4. Impacto sobre o territorio. 25 puntos.

4.1. Capacidade de arrastre do proxecto. Este criterio valorará o posible efecto multiplicador do proxecto, a súa capacidade motora para a economía da zona, concretada en criterios obxectivables: transformación de produtos da zona; porcentaxe de utilización, dentro dos input, de recursos endóxenos, que contribúa á valorización destes recursos; capacidade para estimular o xurdimento de novas iniciativas na zona ou afianzar empresas e actividades existentes. Mínimo de 10 puntos.

4.2. Incidencia ambiental. Poderanse valorar cuestións tales como a utilización sustentable dos recursos endóxenos, contribución á biodiversidade e conservación de hábitats, xestión de recursos hídricos, contribución á prevención de incendios etc.

4.3. Outros criterios relativos ao impacto sobre o territorio; afinidade especial ou encaixe na estratexia do GDR. Definiraos o propio grupo.

c) Baremo para proxectos non produtivos.

1. Localización xeográfica. 40 puntos.

1.1. Características económicas do concello en que se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Este criterio valorarase en función do indicador municipal de renda dos fogares (IMRF) do ano 2002 publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Estableceranse polo menos catro tramos de discriminación aos cales asignar as distintas notas (en función dos datos a nivel galego); en calquera caso os concellos cun IMRF superior á media galega terán cero puntos neste criterio.

1.2. Características demográficas do concello en que se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Este criterio poderá valorarse en función dun ou varios indicadores relativos á estrutura e dinámica de poboación: densidade de poboación, variación da poboación entre os anos 2002 e 2007 de acordo coas cifras do padrón municipal de habitantes, envellecemento. Estableceranse polo menos catro tramos de discriminación aos cales asignar as distintas notas (en función dos datos a nivel galego) e os concellos co rango máis favorable, por exemplo que gañasen poboación nese período, terán cero puntos neste criterio.

1.3. Núcleo ou entidade de poboación onde se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Para priorizar os proxectos que se implanten nas áreas máis rurais de cada concello, o GDR establecerá varios rangos de tamaño dos núcleos de poboación, asignando máis puntuación canto menor sexa o tamaño dos núcleos. Para estes efectos tomaranse inicialmente os datos do nomenclátor de 2007. Distinguiranse polo menos tres intervalos e, en calquera caso, os núcleos cunha poboación igual ou superior a 2.500 habitantes terán neste criterio cero puntos.

1.4. Outros criterios xeográficos. Máximo de 10 puntos.

Cada GDR poderá establecer outros criterios de carácter xeográfico, cun peso máximo de 10 puntos, de tal xeito que a suma deste item e os tres anteriores dea un total máximo de 40 puntos. Entre estes outros criterios poderanse valorar elementos como a distancia a núcleos de poboación grandes, limitacións naturais (zonas de montaña, outras zonas desfavorecidas...), espazos naturais protexidos etc.

2. Características do promotor e ámbito de actuación do proxecto. 20 puntos.

2.1. Cando o promotor sexa unha entidade pública priorizaranse, ademais doutros aspectos que decida o GDR, aqueles proxectos cun ámbito de actuación supramunicipal
e/ou promovidos por entes supramunicipais, co fin de potenciar a vertebración comarcal do territorio e planificar as dotacións e os servizos públicos.

2.2. En proxectos de promoción privada valorarase, cando menos, a implicación no proxecto de varias entidades, o peso nesas entidades de determinados colectivos (mulleres, mozos/as, persoas con discapacidade, ...) e o ámbito supramunicipal do proxecto.

2.3. Deberá valorarse o uso do galego por parte do promotor na execución ou desenvolvemento do proxecto de acordo co previsto no artigo 20.2º.l da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Impacto sobre o territorio. 40 puntos.

3.1. Poboación beneficiada co proxecto e incidencia sobre a mellora da súa calidade de vida.

3.2. Potencialidade para favorecer o xurdimento de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego.

3.3. Incidencia ambiental. Poderanse valorar cuestións tales como a utilización sustentable dos recursos endóxenos, contribución á biodiversidade e conservación de hábitats, xestión de recursos hídricos, contribución á prevención de incendios etc.

3.4. Incidencia sobre colectivos determinados: mocidade, promoción da igualdade entre o home e a muller, integración de colectivos de especial dificultade etc.

d) Regras básicas:

– Os rangos de puntuación e as variables ou aspectos concretos que se deben considerar en cada criterio determinaranse do xeito máis obxectivable posible, para que todos os potenciais beneficiarios teñan pleno coñecemento do que se vai ter en conta para avaliar o seu proxecto.

– Determinarase a nota de corte, é dicir, a puntuación mínima que deberá de obter un proxecto para ser subvencionado, e cal será a porcentaxe de axuda para esa nota de corte. Así mesmo, establecerase a puntuación á cal se lle asignará a porcentaxe de axuda máxima, puntuación que pode ser inferior a 100 puntos, xa que na práctica é moi difícil que un proxecto acade os 100 puntos.

As porcentaxes de axuda entre o máximo e o mínimo, unha vez definidas a nota de corte e a nota á cal se lle asignará a porcentaxe de axuda máxima, calcularanse mediante unha relación proporcional directa cos puntos obtidos no baremo, axustada esa porcentaxe a un decimal.

– Nos proxectos non produtivos establecerase unha escala de porcentaxes de axuda diferente para cada un dos grupos de priorización dos proxectos, de tal modo que en cada grupo ou categoría a porcentaxe máxima de axuda se corresponda co tope fixado para esa categoría.

Agader unicamente admitirá a trámite dúas modificacións no baremo de cada GDR ata o final do programa, agás as relativas á corrección de erros sen transcendencia.

III. Mecanismos que garantan os principios de obxectividade, publicidade, imparcialidade e libre concorrencia, con especial referencia aos procesos de toma de decisións e aos procedementos de contratación.

IV. O equipo xestor: funcións e responsabilidades de xestión, organización das tarefas de control e seguimento dos proxectos, con respecto a o principio de segregación de funcións imposto pola normativa do Feader.

V. Sede: referencia á sede do GDR (que deberá localizarse dentro do territorio elixible do programa Leader), e á súa correcta identificación de acordo coa normativa do Feader.

VI. Plan de difusión: referencia á sede do GDR e á súa correcta identificación de acordo coa normativa do Feader, planificación de actuacións informativas e divulgativas, con especial referencia ás actuacións sobre o terreo e material divulgativo que se vai utilizar (publicacións, web...).

Ademais das anteriores normas de xestión, que debe concretar o GDR, a xestión do programa exixe a utilización da aplicación informática que Agader porá ao dispor dos GDR, así como a suxeición ás normas contidas no manual de procedemento Leader.

Parte VI. Plan financeiro.

Previsión financeira por medidas e fontes financeiras utilizando, para estes efectos, o modelo normalizado que está incorporado na Guía práctica para a elaboración das candidaturas dos GDR, que está ao dispor dos interesados na páxina web de Agader.

ANEXO III
Réxime de axudas

O artigo 63 do Regulamento 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, establece que a axuda que se conceda no marco do eixo Leader se destinará á aplicación de estratexias de desenvolvemento rural con vistas a alcanzar os obxectivos de un ou varios dos eixos 1, 2 e 3, á execución de proxectos de cooperación e ao funcionamento dos grupos de desenvolvemento rural e á promoción territorial.

Nesta liña, o PDR de Galicia 2007-2013 establece que as estratexias e as actuacións dos GDR perseguirán os obxectivos dalgún dos eixos 1, 2 e 3 do Regulamento 1698/2005, podendo incluír como elixibles operacións correspondentes ás medidas que o propio PDR relaciona, sendo de aplicación a estas as condicións que establece o citado regulamento. Ademais, establece que as estratexias de desenvolvemento local poderán incluír como elixibles outras operacións non enmarcables en ningunha das medidas do Regulamento (CE) nº 1698/2005, sempre que contribúan á consecución dos obxectivos dalgún dos seus tres eixos.

Neste contexto, o réxime de axudas establece as condicións de subvencionabilidade e xustificación dos proxectos promovidos no territorio ao abeiro das convocatorias que para tal efecto fagan públicas os GDR, así como dos proxectos e gastos causados por estes en relación cos gastos de funcionamento e os proxectos de adquisición de capacidades e promoción territorial.

No marco da metodoloxía Leader, o réxime de axudas así configurado, determina as condicións máximas de subvencionabilidade de proxectos, que os GDR, nos seus respectivos programas de desenvolvemento rural, poderán concretar ou limitar en atención á estratexia formulada.

CAPÍTULO I
Normas xerais

Artigo 1. Proxectos subvencionables

1. No marco deste réxime de axudas, os proxectos e actuacións subvencionables deberán contribuír a acadar algún dos obxectivos indicados a continuación:

a) Aumentar a competitividade dos sectores agrario e forestal.

b) Mellorar o ambiente e o contorno rural.

c) Mellorar a calidade de vida nas zonas rurais e fomentar a diversificación da economía rural.

d) Mellorar a gobernanza das zonas rurais e promover os seus territorios.

2. Os proxectos deberán cumprir as condicións de subvencionabilidade que se especifican nas fichas de elixibilidade I, II, III e IV, segundo a tipoloxía de proxectos e as limitacións sectoriais.

a) Ficha de elixibilidade I. Proxectos enmarcables na medida 411 do PDR de Galicia 2007-2013. Dinamización do sector agrario e forestal.

b) Ficha de elixibilidade II: proxectos enmarcables na medida 412 do PDR de Galicia 2007-2013. Mellora ambiental e do contorno rural.

c) Ficha de elixibilidade III: proxectos enmarcables na medida 413 do PDR de Galicia 2007-2013. Diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida.

d) Ficha de elixibilidade IV: proxectos enmarcables na medida 431 do PDR de Galicia 2007-2013. Gastos de funcionamento do GDR, adquisición de capacidades e promoción territorial.

3. Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar localizados no ámbito territorial elixible de aplicación do programa de desenvolvemento rural de cada GDR, de acordo co recollido no anexo I das bases.

b) Ser viables técnica, económica e financeiramente, para os proxectos de natureza produtiva, e técnica e financeiramente para os non produtivos.

c) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

d) Ser finalistas, é dicir, que na data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados cumpran os obxectivos e funcións para os cales foron aprobados os proxectos. Non tratarse de fases dun proxecto que non constitúan unha actividade finalista.

e) Ter carácter innovador, entendendo innovación non só como innovación tecnolóxica, senón como a exploración de novos xeitos de enfrontarse aos retos de cada territorio.

f) Que o proxecto e/ou actividade para o cal se solicita a axuda non estea iniciado.

Artigo 2. Beneficiarios

1) No marco da estratexia de desenvolvemento formulada polos GDR nos respectivos programas de desenvolvemento rural, poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.

b) As entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.

c) As comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

d) As comunidades de bens non poderán ser beneficiarias.

2) Os beneficiarios deberán de cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia. Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais.

b) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos nos parágrafos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

c) Cumprir os requisitos de peme, nos termos regulados no anexo I do Regulamento nº (CE) 800/2008, do 8 de agosto, da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (en diante, Regulamento xeral de exención por categorías):

1º) Empregar menos de 250 persoas.

2º) Ter un volume de negocio anual que non exceda os 50 millóns de euros ou que o balance xeral anual non exceda os 43 millóns de euros.

3º) Cumprir o criterio de autonomía nos termos previstos na lexislación vixente.

Os datos seleccionados para o cálculo do persoal e os importes financeiros serán os correspondentes ao último exercicio contable pechado, e calcularanse sobre unha base anual. Para o cálculo do persoal teranse en conta os efectivos que corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA), é dicir, ao número de persoas que traballan na empresa a tempo completo durante o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, cóntanse como fraccións de UTA.

Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, para os beneficiarios das axudas a proxectos non produtivos promovidos no marco das fichas de elixibilidade II e III.

Nos termos previstos na ficha de elixibilidade I, poderán ser beneficiarias, ademais das pemes, as empresas intermedias, que empregan menos de 750 persoas e/ou teñen un volume de negocios anual inferior a 200 millóns de euros.

d) Cumprir os demais requisitos que, en función da tipoloxía de proxectos, se especifican nas fichas de elixibilidade.

3) Respecto dos gastos referidos na ficha de elixibilidade IV, os beneficiarios serán os GDR que asinaron o convenio de colaboración con Agader para a xestión dos respectivos programas de desenvolvemento rural.

4) En todos os casos, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar, en nome e por conta deste, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión terán tamén a consideración de beneficiarios da subvención, polo que tamén deberán cumprir e acreditar os requisitos exixidos para cada tipo de beneficiario.

5) En ningún caso se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición establecida para estas no artigo 1, número 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008 (Regulamento xeral de exención por categorías).

6) No marco das medidas amparadas no Regulamento xeral de exención por categorías, non se concederán axudas a favor de empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente logo dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Gastos subvencionables

1. Terán o carácter de gastos subvencionables os cales se especifican nas fichas de elixibilidade para cada medida.

2. Con carácter xeral, son subvencionables:

a) Construción, adquisición e mellora de bens inmobles.

A subvencionabilidade dos edificios xa construídos e dos terreos sobre os que se asentan axustarase aos seguintes condicionantes:

1º Deberá achegarse un certificado dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado (cámara oficial etc) que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

2º Que se achegue unha declaración do propietario que acredite que o ben inmoble non recibiu nos últimos 10 anos ningunha subvención nacional ou comunitaria.

3º Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 anos ou o tempo que exixa a normativa sectorial.

4º Non poderán albergar servizos administrativos de carácter público.

5º De se tratar da compra de edificios, o importe do investimento aplicable á adquisición non superará a porcentaxe do 100 % respecto dos gastos subvencionables.

b) Instalacións e compra de maquinaria e equipamentos, incluídos programas informáticos, ata o valor de mercado.

c) Equipamento e material non funxible.

O equipamento e a maquinaria de ocasión ou de segunda man serán subvencionables nas seguintes condicións:

1º Que o beneficiario teña a condición de peme.

2º Que se presente unha declaración do provedor sobre a orixe do ben, confirmando que non foi adquirido con axuda nacional ou comunitaria.

3º Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado, nin ao custo dos bens novos similares.

4º Que cumpra as características técnicas necesarias, así como as normas e os criterios de aplicación.

d) Adquisición de terreos, de acordo co seguinte réxime:

1º Que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación.

2º Que non estean edificados ou o estean con construcións que deban derrubarse como medio para o desenvolvemento e execución da actividade subvencionable.

3º O custo aceptado de adquisición do terreo non poderá superar o 10 % dos gastos subvencionables da operación.

4º Deberá achegarse un certificado dun taxador independente acreditado como tal, ou dun organismo debidamente autorizado (cámara oficial etc) que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado.

e) Custos xerais, tales como gastos rexistrais e notariais, estudos técnicos, gastos de proxectos, dirección de obra, estudos de viabilidade e outros gastos de consultoría relativos aos investimentos realizados, así como adquisición e expedición de patentes e licenzas, ata o 20 % do investimento subvencionable. No caso das medidas amparadas no Regulamento xeral de exención por categorías, a subvencionabilidade dos activos inmateriais vinculados á transferencia de tecnoloxía mediante a adquisición de dereitos de patentes, licenzas, know-how ou coñecementos técnicos non patentados, deberán cumprir as seguintes condicións:

1º Utilizaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda.

2º Consideraranse activos amortizables.

3º Serán adquiridos a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor ou viceversa.

f) Medios e equipamentos de transporte en proxectos de natureza produtiva, nos seguintes termos:

1º Adquisición de vehículos de transporte afectos en exclusiva a actividades empresariais ou profesionais, segundo se define na normativa tributaria vixente, en proxectos que dean lugar ao inicio dunha actividade económica.

2º Gastos derivados da adecuación de vehículos de transporte de mercadorías para o desenvolvemento da actividade, sempre que non estean obrigados a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.

3º En ningún caso se subvencionará a adquisición e/ou adecuación de vehículos no sector do transporte. Para estes efectos, enténdese que operan no sector do transporte as empresas que realizan operacións de transporte por conta allea.

g) Poderán ser subvencionables os gastos en arrendamentos financeiros de adquisición de activos subvencionables, incluído, de ser o caso, o valor da opción de compra, excepto a marxe do arrendador, xuros dos custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, polo período de vida útil do activo e sen superar o custo de mercado ou a parte proporcional se o contrato finaliza antes.

Soamente serán subvencionables os pagamentos aboados polo arrendatario ao arrendador dentro do período de subvencionabilidade dos gastos.

Artigo 4. Gastos non subvencionables

1. Con carácter xeral, para todas as operacións, non son subvencionables:

a) O IVE recuperable, nin o IVE soportado polos entes públicos que presten servizos sen contraprestación ou mediante contraprestación de natureza tributaria.

b) Os demais impostos indirectos, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, e os impostos persoais sobre a renda.

c) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral, sen prexuízo do disposto con carácter particular na ficha de elixibilidade IV.

d) Os xuros debedores das contas bancarias.

e) Os gastos anteriores ao levantamento dunha acta de non inicio por parte do GDR, a excepción dos gastos relativos a estudos de viabilidade dos proxectos a que van asociados e para os cales se pide a axuda, ou redacción de proxectos, ou ben anteriores á presentación da solicitude de axuda, respecto daqueles proxectos que non requiran acta de non inicio.

f) Os investimentos que se limiten á substitución dun edificio ou unha máquina existentes, ou dunha parte destes, por un edificio ou unha máquina nova e moderna, sen ampliar a capacidade de produción en mais dun 25 % ou sen introducir cambios fundamentais na natureza da produción ou da tecnoloxía correspondente.

g) As obras de mantemento das instalacións.

h) Os xuros, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas.

i) Os gastos de procedementos xudiciais.

j) A compra de dereitos de produción agraria, animais e plantas anuais e a súa plantación en investimentos no sector agrario.

k) As partidas de gastos xerais e beneficio industrial dos proxectos, agás nos proxectos de promoción pública cando estas partidas formen parte do prezo de licitación de acordo coa normativa de contratación administrativa.

l) Quedan excluídos aqueles investimentos promovidos polas entidades locais relacionados coa prestación dos servizos enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, así como os servizos esenciais para os cales o artigo 86 da citada lei declara a reserva a favor das entidades locais e os de prestación mínima previstos no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

m) Os proxectos de sinalización territorial.

Artigo 5. Réxime das contribucións en especie

1. Poderán considerarse gasto subvencionable as contribucións dun beneficiario público ou privado, tales como a subministración de bens ou a prestación de servizos polos que non se efectúen pagamentos en efectivo acreditados polas correspondentes facturas ou documentos equivalentes, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) Que consistan en traballos realizados con maquinaria propia, na prestación de servizos de investigación ou profesionais, ou de man de obra voluntaria non remunerada.

b) Que non estean vinculadas ás operacións de enxeñaría financeira.

c) Que o valor das contribucións poida calcularse e auditarse por separado.

2. A valoración do custo de maquinaria calcularase con base nos custos que figuran nas bases de datos oficiais de prezos.

3. No caso de man de obra voluntaria non remunerada, o seu valor determinarase por hora e día aboada por actividades equivalentes, cando proceda sobre a base dun sistema de cálculo de custos estándar previamente establecido, sempre que o sistema de control ofreza garantías suficientes de que as actividades se levaron a cabo, co límite máximo de 10 €/hora de traballo.

4. No caso de que para a subvencionabilidade do investimento fose exixible proxecto de obra, no seu orzamento as achegas en especie deberán aparecer diferenciadas e desagregadas do resto das unidades de obra. En todos os casos deberase xuntar á solicitude de axuda informe elaborado por un técnico competente na materia en que se valoren detalladamente os custos da achega en especie, diferenciando entre man de obra, materiais e maquinaria.

5. O gasto público destinado a unha operación que inclúa contribucións en especie non poderá ser superior ao total dos gastos subvencionables, excluídas as contribucións en especie, ao final da operación.

Artigo 6. Execución con medios propios

No caso de que o proxecto se vaia executar enteira ou parcialmente con medios humanos propios, o procedemento para a autorización e aprobación do gasto é igual ao descrito anteriormente para as achegas en especie, coa especificidade de que se terá en conta o seu custo salarial real.

Artigo 7. Inicio da subvencionabilidade dos gastos

Consideraranse gastos subvencionables os causados a partir da data da acta de non inicio dos investimentos referidos no artigo 9 deste réxime de axudas ou, de ser o caso, a partir da data da presentación da solicitude de axuda, respecto daqueles investimentos que non requiran acta de non inicio.

CAPÍTULO II
Procedemento de concesión das axudas

Artigo 8. Inicio

1. O procedemento de concesión de axudas iníciase coa convocatoria pública de selección de proxectos por parte do GDR.

2. A convocatoria estará vixente desde o día seguinte ao da publicación da súa apertura por cada GDR e durante todo o período de execución do programa, coa data límite que determine o GDR en función da dispoñibilidade de fondos, que en ningún caso excederá o 31 de marzo de 2015.

3. En relación co proxecto ou actividade que pretendan realizar, os promotores deberán presentar no rexistro do GDR a documentación que a continuación se relaciona:

a) Solicitude de axuda en triplicado exemplar, segundo modelo normalizado (modelo A) que se incorpora a este réxime de axudas e que, en todo caso, estará ao dispor dos interesados nas respectivas sedes dos GDR así como na sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) Documentación (orixinal ou copia cotexada do orixinal polo GDR ou por notario):

1º Documentación acreditativa da personalidade do solicitante (NIF, DNI, CIF). De ser o caso, documentación acreditativa da personalidade do representante e da acreditación da representación.

2º Declaración censual tributaria (modelo 036 ou 037), ou compromiso de comunicar o inicio de actividade á AEAT cando o proxecto supoña o inicio dunha actividade empresarial.

3º Tratándose de persoas xurídicas, escritura de constitución e dos estatutos sociais, debidamente inscritos no rexistro correspondente.

4º Documentación acreditativa do requisito de peme (ou de empresa intermedia, de ser o caso): últimas contas depositadas no rexistro correspondente e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, en que figure o número de persoas empregadas do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance anual, e informe da vida laboral da empresa emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, referido ao ano anterior ao da presentación da solicitude.

5º Declaración, en documento normalizado (modelo B), doutras axudas concedidas
e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, con referencia, de ser o caso, ás axudas
de minimis.

6º Resumo do proxecto en documento normalizado (modelo C ou D). Se se considera conveniente, poderá achegarse unha memoria descritiva do proxecto referida á situación de partida, obxectivos perseguidos, metodoloxía de traballo, e outras explicacións necesarias para a súa comprensión, tendo en conta que esta documentación se vai tomar como referencia para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos e para a súa baremación.

7º Orzamento de gastos desagregado por conceptos, con indicación, de ser o caso, daqueles que supoñan unha achega en especie ou unha execución con medios propios, segundo documento normalizado (modelo E).

8º Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías que determina o Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para os contratos menores (50.000 € no suposto de obra ou os 18.000 € en subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica), deberanse xuntar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de acordo cos criterios de eficacia e economía, e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. As ofertas solicitadas deben coincidir en conceptos para facilitar a comparación entre elas (modelo F). As entidades públicas de carácter local ou comarcal poderán documentar a elección da oferta máis vantaxosa xunto coa primeira solicitude de pagamento, achegando unha certificación das proposicións ou ofertas recibidas para a contratación de que se trate, xunto coa resolución ou acordo de adxudicación definitiva.

9º Para proxectos produtivos, plan de empresa que abranguerá polo menos 5 anos, coa xustificación da súa viabilidade económico-financeira, e para proxectos non produtivos, plan de xestión, segundo os documentos normalizados (modelo C ou D).

10º De ser o caso, documentación acreditativa de que o IVE é efectivamente soportado polo beneficiario e non recuperable.

11º No suposto de investimentos en explotacións agrarias, código de explotación agraria.

12º Certificado de empadroamento ou autorización a Agader para obtelo no caso dos proxectos acollidos á diversificación agraria.

13º Certificación da entidade financeira onde conste a identificación da conta bancaria.

14º Calquera outra documentación ou información que o interesado considere interesante para a análise do proxecto.

Os modelos normalizados necesarios para a presentación da documentación referida estarán ao dispor dos interesados na sede do GDR, así como na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Acta de non inicio

No prazo dos dez días seguintes ao do rexistro da solicitude, o GDR realizará unha inspección in situ, para verificar o non inicio dos gastos ou investimentos para os cales se solicita a axuda, levantando acta para o efecto.

Artigo 10. Análise da solicitude de axuda e da documentación

No suposto de defectos na solicitude ou na documentación, o GDR requirirá o interesado para que no prazo de 10 días corrixa a falta ou xunte os documentos preceptivos. Este prazo poderá ser ampliado prudencialmente ata 5 días, por petición do interesado ou iniciativa do GDR, cando a presentación de tales documentos presente dificultades especiais.

Artigo 11. Emisión do informe de control de elixibilidade (ICE)

1. Compételle ao equipo técnico do GDR emitir o ICE, que reflectirá o resultado da avaliación e baremación do proxecto, ao abeiro do programa de desenvolvemento rural (de acordo cos criterios previstos na parte V do anexo II das bases reguladoras da selección de GDR), deste réxime de axudas e da normativa que resulte de aplicación.

2. O GDR remitirá a Agader o ICE acompañado de todos os documentos orixinais que integran o expediente. De non constar en poder do GDR documentos orixinais, remitiranse copias debidamente cotexadas.

3. No caso de renuncia ou desistencia expresa do promotor non será necesario emitir ICE. O equipo xestor do GDR remitirá a Agader o documento presentado polo promotor e o resto da documentación que forme parte do expediente para proceder á resolución e arquivamento do expediente.

4. O prazo para a emisión do ICE será dun mes contado desde a data en que o expediente estea completo, nos termos previstos anteriormente.

Artigo 12. Verificación do ICE

1. Compételle a Agader realizar a verificación do ICE, ao abeiro do PDR, do programa de desenvolvemento rural que aplica o GDR, deste réxime de axudas, da normativa reguladora do Feader, da normativa sectorial que resulte de aplicación ao proxecto, e dos principios de complementariedade e coherencia coas políticas que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No suposto de carencias ou defectos na documentación que integra o expediente, Agader solicitará do GDR documentación complementaria.

3. Neste momento procedemental, e de acordo co disposto no artigo 29 de Lei 9/2007, do 13 de xuño de 2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 24.2 do Regulamento (UE) nº 65/2001 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, Agader poderá efectuar comprobacións sobre a moderación dos custos propostos, e no caso de detectarse diferenzas substanciais respecto do valor de mercado, efectuarase a redución correspondente no orzamento.

4. A verificación do ICE terá o carácter de informe preceptivo e determinante para os efectos do establecido no artigo 83.3 da Lei 30/1992. Non poderá aprobarse ningún proxecto que non conte coa verificación administrativa da elixibilidade favorable.

Artigo 13. Selección e proposta de resolución da xunta directiva

A xunta directiva do GDR, no prazo máximo de 45 días naturais contado desde a recepción da verificación do ICE, efectuará a proposta de resolución, de xeito motivado, que incluirá a anualización da axuda.

En todo caso, a selección e proposta de resolución por parte da xunta directiva está condicionada á existencia de fondos nas anualidades correspondentes.

Artigo 14. Resolución

1. O director xeral de Agader resolverá sobre a concesión ou denegación da axuda, nos termos contidos na proposta de resolución efectuada pola xunta directiva do GDR, no prazo máximo de 45 días contado desde a data de rexistro en Agader da proposta efectuada pola xunta directiva, sempre condicionado á existencia de dispoñibilidades financeiras.

2. Nos casos en que se constaten erros ou defectos de legalidade na proposta de resolución, Agader devolverá o expediente ao GDR para os efectos de adecuar a proposta de resolución á legalidade vixente ou, de ser o caso, corrixir os erros detectados, no prazo máximo de 45 días naturais. No caso de persistiren os erros ou os defectos observados, o director xeral de Agader resolverá o expediente no sentido da verificación do ICE.

3. A resolución de concesión expresará:

a) A identificación do proxecto para o cal se concede a axuda.

b) O orzamento aceptado, desagregado por partidas.

c) A porcentaxe e o importe de axuda pública, desagregados por fontes financeiras.

d) Prazo máximo de execución e xustificación dos gastos e investimentos, que non excederá dos 18 meses.

e) A posibilidade de concesión de prórrogas.

f) As condicións específicas de execución e xustificación.

g) A compatibilidade ou incompatibilidade con outras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

h) Prazos e modos de xustificación da subvención, posibilidade de pagamentos anticipados, pagamentos parciais, así como o réxime de garantías.

i) Compromisos asumidos polo beneficiario.

j) Réxime de recursos.

4. A resolución de denegación expresará:

a) A identificación do proxecto para o cal se denega a axuda.

b) Causas de denegación e motivación.

c) Réxime de recursos.

5. A resolución notificarase ao interesado no prazo máximo de 5 días contado desde a data en que esta foi ditada, mediante carta certificada con comprobante de recepción. Así mesmo, notificarase ao GDR.

6. No prazo dos 15 días seguintes ao da recepción da notificación da resolución de concesión, o beneficiario deberá aceptala expresamente (utilizando o modelo normalizado de aceptación da axuda) e remitir a citada aceptación ao GDR e a Agader.

7. Se no prazo sinalado non se recibe no GDR e en Agader a aceptación expresa, arquivarase o expediente, e ditarase resolución para o efecto.

8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de 9 meses, contado desde a data da presentación da solicitude de axuda no rexistro do GDR. O promotor poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o dito prazo sen que se notificase a resolución expresa.

Artigo 15. Desistencia e renuncia

1. En calquera momento da tramitación do expediente, o solicitante poderá desistir da súa solicitude de axuda, de forma expresa, mediante a presentación do documento normalizado, que será facilitado polo GDR.

2. A desistencia dá lugar ao arquivamento do expediente, nos termos establecidos na resolución que para o efecto dite o director xeral de Agader.

3. Nos mesmos termos, dá lugar ao arquivamento do expediente:

– A falta de presentación en prazo da documentación requirida ao promotor na fase de instrución do procedemento.

– A falta de aceptación en prazo da subvención concedida e notificada ao promotor.

– A renuncia do promotor á subvención concedida. A renuncia farase constar no documento normalizado que para o efecto será facilitado polo GDR.

4. En todo caso, cando o promotor non poida executar o seu proxecto, deberá presentar a renuncia á subvención concedida. A falta de renuncia nestas circunstancias constituirá causa para iniciar expediente sancionador ademais de, se é o caso, iniciar o procedemento de reintegro respecto das cantidades percibidas ata ese momento en concepto de subvención.

CAPÍTULO III
Modificación da resolución de concesión

Artigo 16. Modificación por cambios de titularidade

1. Poderá subrogarse no lugar do beneficiario outra persoa que cumpra todos os requisitos para ser beneficiario e acepte os compromisos contraídos polo primeiro.

2. A tramitación da subrogación require:

a) Verificación da idoneidade do novo promotor.

b) Sinatura do documento de subrogación polo titular do expediente e polo solicitante da subrogación (documento normalizado).

c) Rebaremación do proxecto en atención ás circunstancias persoais do novo promotor, que poden supoñer unha redución, nunca incremento, da porcentaxe de axuda pública respecto do expediente orixinal.

d) Resolución de concesión de subrogación, asinada polo director xeral de Agader.

Artigo 17. Modificación por cambios no proxecto, no orzamento ou no financiamento

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención, en particular, modificacións que afecten o proxecto, variacións no orzamento aprobado na resolución de concesión e, en todo caso, a obtención concorrente doutras axudas outorgadas polas diferentes administracións públicas ou entes de natureza privada pode dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. A modificación da resolución de concesión polas citadas causas tramitarase de oficio por Agader ou por instancia do GDR ou do beneficiario (documento normalizado).

3. Poderán autorizarse as citadas modificacións sempre que:

a) Non se desvirtúe a finalidade da axuda.

b) Non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

c) Que os novos elementos que motivan a modificación, de concorrer no momento inicial da concesión, non supuxeran a denegación da axuda.

d) Non se superen os límites máximos de axuda pública, pola concorrencia doutras axudas públicas outorgadas para o mesmo proxecto.

Artigo 18. Modificación por ampliación do prazo de execución e xustificación

1. Cando o beneficiario non poida finalizar os investimentos ou cumprir os compromisos nos prazos determinados na resolución de concesión, poderá solicitar a Agader, a través do GDR (documento normalizado), unha prórroga antes do remate do prazo de xustificación, coa indicación dos motivos que a xustifican e o período de prórroga que se solicita. A prórroga non poderá ser superior á metade do prazo concedido inicialmente.

2. En supostos excepcionais, cando o promotor non poida executar ou xustificar o proxecto no prazo prorrogado por causas alleas á súa vontade, Agader poderá conceder unha prórroga extraordinaria, logo de solicitude do interesado en que consten as causas que a determinan e o prazo que se solicita.

Os documentos normalizados referidos neste punto estarán a dispor dos interesados na sede dos respectivos GDR.

Artigo 19. Modificación por cambios na distribución das anualidades da resolución inicial

1. Cando por algún dos motivos recollidos nos artigos 17 e 18 ou por calquera outra causa, os cambios habidos no expediente supoñan unha modificación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, o GDR deberá propoñer a dita modificación.

2. A modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

CAPÍTULO IV
Procedemento de xestión e xustificación das axudas

Artigo 20. Financiamento dos proxectos

En calquera caso, o financiamento dos proxectos rematará por esgotamento do crédito existente ou por acadar as datas finais do programa sen seren emitidas resolucións de concesión de axudas.

Cando se prevexa a posibilidade de efectuar pagamentos á conta na resolución de concesión da axuda sinalarase a distribución plurianual da axuda atendendo ao ritmo de execución da acción subvencionada.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas do beneficiario as previstas con carácter xeral no artigo 11 da LSG e as que se establezan especificamente na resolución de concesión. Entre outras, os beneficiarios asumirán as seguintes obrigas:

a) Executar o proxecto ou realizar a actividade, e xustificar o cumprimento dos requisitos e condicións que fundamentaron a concesión da axuda.

b) Respectar o destino do investimento e manter os empregos consolidados durante os 5 anos posteriores á resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes. Para efectos de mantemento de emprego considéranse empregos consolidados os resultantes da análise e valoración da vida laboral, presentada polo promotor, referentes aos últimos doce meses contados desde a data de solicitude de axuda.

Naqueles proxectos que creen 5 ou máis empregos, un terzo destes deberán estar cubertos no momento da solicitude do pagamento final do expediente, admitíndose, respecto dos restantes, que se creen no prazo máximo de 6 meses contados desde a data do pagamento final.

Cada un dos empregos creados deberá manterse durante o período de 5 anos contados desde a súa ocupación.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos.

d) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas por Agader, polo GDR, así como a calquera outras actuacións de control que poidan realizar os órganos competentes da Administración autonómica, estatal ou comunitaria, achegando canta información lle sexa requirida para os efectos.

e) Comunicar a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos públicos ou privados que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, no momento en que se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos neste réxime de axudas, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas de difusión e publicidade, nos termos que a continuación se especifican, e someterse ao Plan de comunicación do PDR, que estará a dispor dos interesados na páxina web de Agader:

1º No suposto de investimentos en obra civil, mediante a instalación dunha placa cos logotipos das administracións que cofinancian o proxecto e o logotipo de Leader Galicia 2007-2013, segundo o modelo que os GDR facilitarán aos promotores.

2º Cando os investimentos en obra civil sexan de importe superior a 50.000 € deberá de colocarse un panel publicitario, segundo o modelo que os GDR facilitarán aos promotores. Este panel manterase visible durante a execución do proxecto e ata a certificación final. No caso das infraestruturas e investimentos por importe superior a 500.000 € este panel terá carácter permanente.

Os gastos derivados da instalación de placas e paneis terán a consideración de custo elixible.

3º Se o investimento consiste en maquinaria ou elementos móbiles, mediante a colocación dun adhesivo perdurable cos logotipos das administracións financiadoras e o logotipo de Leader Galicia 2007-2013.

Tratándose de estudos, publicacións e outros materiais gráficos, mediante a inclusión dos logotipos das administracións financiadoras e o logotipo de Leader Galicia 2007-2013 nas portadas.

4º As publicacións, carteis, audiovisuais e calquera información ofrecida por medios electrónicos que versen sobre medidas e actividades cofinanciadas por Feader indicarán claramente na páxina de portada a participación da comunidade e a contribución do Feader ao financiamento. Os sitios web, ademais, deberán incluír un enlace co sitio web da Comisión dedicado ao Feader.

2. Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde á resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes. No caso de bens inscritibles nun rexistro público deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida; estes datos deberán ser inscritos rexistro público correspondente.

3. No caso de proxectos técnicos, estudos, planos e outros de natureza similar, o beneficiario deberá garantir a súa dispoñibilidade pública durante un período mínimo de 5 anos contados desde a resolución de pagamento final do proxecto.

Artigo 22. Réxime de xustificación

1. O beneficiario das axudas deberá presentar a xustificación documental dos gastos ou investimentos vinculados á actividade subvencionada dentro do prazo máximo previsto na resolución de concesión.

2. Para estes efectos, o beneficiario presentará no rexistro do GDR a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento, segundo o modelo normalizado que estará a dispor dos interesados na sede do GDR.

b) Facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente, que serán devoltas ao promotor debidamente seladas indicando que o seu importe foi imputado a un proxecto auxiliado no marco do Leader.

c) Documentación acreditativa do pagamento en favor dos acredores:

1º Como regra xeral, presentarase o xustificante bancario de pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en conta, certificación bancaria etc) en que conste o número de factura ou concepto obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

2º Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio etc.) achegarase copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

3º Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

3. Nos casos en que o GDR sexa o pagador, para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor en que figure algunha expresión do tipo recibín en metálico, pagado…

4. Xunto coa primeira solicitude de pagamento deberase achegar a documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se executa o proxecto, ou da dispoñibilidade destes durante o período mínimo equivalente ao que se vai exixir a permanencia do investimento, así como o resto da documentación que especificamente se relacione na resolución de concesión.

5. Para proceder ao pagamento final do expediente, o promotor deberá presentar os permisos, inscricións e/ou licenzas requiridas pola normativa autonómica ou local para o tipo de actividade de que se trate.

6. No caso dunha actuación que requira proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente, o promotor deberá xuntar á primeira xustificación unha copia do resumo do orzamento por capítulos e da súa memoria. Neste suposto, nas xustificacións presentaranse certificacións de obra asinadas por técnico competente.

7. Cando a subvención se conceda para a adquisición de maquinaria e equipamento, no momento da xustificación deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados en que conste marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación.

8. Cando a subvención se conceda para realizar estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén deben achegarse copias se hai edición de libros, folletos, guías etc.

Se a subvención se concede para seminarios ou actividades semellantes entregarase unha copia dos temas tratados e as conclusións.

9. O beneficiario deberá acreditar, se é o caso, que aplicou á actividade subvencionada os rendementos financeiros xerados polos fondos librados por Agader segundo o disposto no artigo 17.5 da LSG.

10. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención, e responder de maneira indubidable á natureza da actividade subvencionada.

11. Os gastos que se deben ter en conta para os efectos da xustificación de investimentos serán os efectivamente pagados polos beneficiarios das axudas a favor dos seus provedores antes do remate do prazo de execución e xustificación dos investimentos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado. No suposto de discrepancias entre Agader e o promotor respecto do valor de mercado dos gastos subvencionables, aplicarase o procedemento previsto no artigo 33 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

12. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención nos termos previstos no artigo 17, Agader poderá aceptar variacións nas diversas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que o incremento non supere o 20 % en cada capítulo e que no seu conxunto non varíe o importe total do gasto aprobado e non desvirtúe as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión. Estas variacións en ningún caso poderán supoñer un incremento dos límites porcentuais previstos neste réxime de axudas para determinadas partidas.

13. Cando non se xustifique a totalidade do investimento ou gasto aprobado na resolución de concesión, o investimento certificarase aplicando ao investimento ou gasto subvencionable xustificado a porcentaxe de subvención inicialmente concedida, sempre e cando se cumprise a finalidade ou obxectivo para o cal se concedeu a axuda.

Artigo 23. Réxime de pagamento

1. O pagamento efectuarase na conta bancaria designada para tal efecto polo beneficiario.

2. Con carácter previo ao pagamento, deberá acreditarse que o beneficiario está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento débeda de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Poderán concederse pagamentos parciais e anticipos de conformidade co disposto no artigo 31.6 da LSG, na norma regulamentaria que a desenvolva e no artigo 56 do Regulamento (CE)1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro.

4. Poderán realizarse pagamentos á conta cando o orzamento aceptado sexa superior a 30.000 €.

O número de pagamentos á conta non poderá ser superior a tres por cada expediente.

Os pagamentos á conta acadarán o 100 % da axuda correspondente ao investimento xustificado.

5. No suposto de que o investimento exixa pagamentos inmediatos, os promotores poderán solicitar un anticipo equivalente, como máximo, á porcentaxe establecida na normativa de aplicación e sen que poida superar a anualidade vixente. En todo caso, o pagamento do anticipo quedará supeditado á constitución da garantía correspondente. Non obstante, no caso das entidades públicas locais, abondará coa garantía escrita da súa autoridade competente, a cal será equivalente ao 110 % do importe anticipado, de maneira que se reflicta o compromiso de aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se estableza o dereito ao importe anticipado.

Artigo 24. Réxime sancionador

Con carácter xeral, resulta de aplicación o réxime de infraccións e sancións administrativas que regula o título IV da LSG.

Artigo 25. Reintegro

1. Procederá o reintegro do importe percibido indebidamente, incrementado, de ser o caso, cos xuros de mora correspondentes, nos casos establecidos no artigo 33.1 da LSG. Os xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a notificación ao beneficiario da obriga de reembolso e o reembolso efectivo ou a dedución da cantidade que debe reembolsarse (artigo 5.2 do Regulamento (CE) 65/2011, do 27 de xaneiro).

2. O procedemento tramitarase de acordo co establecido nos artigos 38 e seguintes da LSG, e nos termos previstos no artigo 77 do Decreto 11/2009.

3. Non procederá o reembolso da axuda nos seguintes supostos:

a) Longa incapacidade profesional do beneficiario.

b) Falecemento do beneficiario.

c) Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.

d) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente as terras da explotación agraria, destrución accidental dos edificios da explotación agraria ou epizootia masiva.

4. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e este acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, a cantidade que se debe reintegrar será unha porcentaxe de subvención percibida igual ao do tempo de incumprimento da actividade ou requisito exixido (mantemento do emprego, prestación do servizo, mantemento do ben etc…)

Artigo 26. Réxime de compatibilidade e acumulación de axudas

1. As axudas concedidas no marco do programa Leader serán incompatibles con calquera outra que, para o mesmo proxecto e finalidade, leven cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...). En particular, de acordo co disposto no artigo 70.7, parágrafo 2, do Regulamento (CE) nº 1698/2005, será incompatible con outras axudas cofinanciadas con Feader, encadradas en calquera dos outros eixos do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013.

2. Coa excepción anterior, as axudas concedidas no marco do programa Leader serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos públicos e privados destinados a financiar o mesmo proxecto, sempre que:

a) O importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

b) O importe total das axudas públicas non exceda os límites máximos previstos na normativa de axudas de Estado.

Artigo 27. Réxime de recursos

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación deste réxime de axudas, esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor:

– Potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de tres meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

– Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 28. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de axuda comporta a autorización do solicitante para obter de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole as ditas certificacións non as pode obter a Agader, poderán serlle requiridas ao solicitante.

2. Segundo o previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Agader publicará no DOG as subvencións concedidas. Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, Agader publicará na súa páxina web as concesións das axudas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos de carácter persoal e da súa publicación.

3. Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a solicitude da axuda levará o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, dependente da Consellería de Economía e Facenda.

4. Non obstante, os interesados poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando podan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio.

5. A presentación da solicitude de axuda tamén comportará a autorización do solicitante para que Agader poida consultar os seus datos de identidade e, se é necesario, de residencia no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia, de acordo co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve.

Artigo 29. Controis

1. Efectuaranse controis administrativos respecto de todas as solicitudes de axuda e solicitudes de pagamento, así como controis sobre o terreo e controis a posteriori nos termos previstos no Regulamento (CE) nº 65/2011, da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, e no Plan galego de controis Feader, que está á disposición dos interesados na páxina web de Agader.

2. Así mesmo, en aplicación do artigo 31 do citado regulamento, cando o importe que derive da solicitude de pagamento presentada polo beneficiario exceda en máis do 3 % ao importe que se derive do estudo por Agader da admisibilidade dos pagamentos, aplicarase unha redución adicional pola diferenza entre ambos os importes.

Artigo 30. Normativa de aplicación

– Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, aprobado pola Decisión da Comisión C (2008), 703, do 15 de febreiro de 2008 e modificado pola Decisión da Comisión C (2010), do 5 de marzo.

– Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, modificado polos Regulamentos (CE) nº 473/2009, do 25 de maio, e 74/2009, do 19 de xaneiro.

– Regulamento (CE) nº 1944/2006, do Consello, do 19 de decembro de 2006, que modifica o Regulamento (CE) nº 1698/2005.

– Regulamento (CE) nº 1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, modificado polos regulamentos (CE) nº 1175/2008, do 27 de novembro, 363/2009, do 4 de maio, 482/2009, do 8 de xuño e 108/2010, do 8 de febreiro e 979/2011, do 14 de xullo, da Comisión.

– Regulamento (CE) nº 65/2011, da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se es-tablecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

– Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008.

– Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de la Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

– Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

CAPÍTULO V
Ficha de elixibilidade I. Actuacións enmarcables na medida 411

Artigo 31. Proxectos subvencionables

1. No marco da medida 411 poderán subvencionarse proxectos que, respondendo ao obxectivo xeral de mellorar a viabilidade dos sectores agrario e forestal, se enmarquen nalgún dos seguintes ámbitos de actuación:

a) Proxectos de investimento en explotacións agrarias que teñan polo menos 1 UTA, nos seguintes supostos:

1º Que impliquen a introdución de novas técnicas de produción que non teñan presenza no sector, a través de proxectos de experimentación susceptibles de difusión posterior.

2º Que teñan como obxectivo a recuperación de variedades tradicionais.

3º Que estean relacionados co apoio a novas producións non existentes ou testemuñais no territorio do GDR.

4º Que afecten producións extensivas en áreas ambientalmente sensibles.

b) Proxectos que impliquen a posta en valor económico de superficies de montes veciñais en man común ou de asociacións de propietarios, sempre que sexan actuacións singulares, excluíndo as plantacións ou actuacións forestais regulares e os tratamentos silvícolas asociados a elas.

Non serán subvencionables os proxectos nos cales máis do 50 % do orzamento consistan en tarefas de roza.

c) Proxectos que aumenten o valor engadido dos produtos agrarios e forestais, nos seguintes supostos:

1º Os proxectos relacionados coa utilización da madeira como materia prima estarán limitados nesta medida ás operacións anteriores á transformación industrial.

2º Os investimentos subvencionados deberán de contribuír, en todo caso, a aumentar o rendemento global da actividade.

3º Os investimentos nesta liña serán financiables unicamente nos casos en que non exista outra liña ou medida na cal o proxecto ou actuación poida ser encadrable e sempre que non estea sometido a unha limitación sectorial polo departamento competente.

2. No marco da medida 411, non se concederán axudas para:

a) Investimentos dirixidos ao comercio polo miúdo en destino, salvo que a comercialización a realicen as organizacións de produtores ou as súas entidades vinculadas, dos produtos dos seus propios asociados ou doutros produtores non asociados.

b) Investimentos dirixidos á obtención de produtos de imitación do leite.

c) Proxectos de transformación e comercialización de produtos agrarios que dean lugar a un produto non incluído no anexo I do Tratado, que deberán de enmarcarse na medida 413.

d) A concesión da axuda está supeditada a que existan demandas e saídas normais ao mercado para o obxecto do investimento e a que estes respondan a unha necesidade estrutural ou territorial.

3. En ningún caso se subvencionarán ao abeiro desta medida:

a) Proxectos de infraestruturas rurais.

b) Operacións que poidan optar a unha axuda no marco das organizacións comúns de mercado.

c) Primas e pagamentos directos, tales como as axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria, cesamento da actividade agraria, asesoramento de explotacións agrarias e formación e capacitación agraria.

Artigo 32. Beneficiarios

1. Os beneficiarios dos proxectos promovidos no marco desta medida deberán de cumprir os requisitos que con carácter xeral se establecen no artigo 2 deste réxime de axudas. A condición de beneficiario acreditarase coa presentación da documentación que se refire no citado punto das normas xerais.

2. No sector da transformación e comercialización de produtos agrarios, cando a transformación e/ou comercialización dea lugar a un produto incluído no anexo I do Tratado, poderán ser beneficiarias, ademais das pemes, as empresas intermedias.

3. Teñen a consideración de empresas intermedias as que empregan a menos de 750 persoas ou teñen un volume de negocios anual inferior a 200 millóns de euros.

4. No sector da transformación e comercialización de produtos forestais a condición de beneficiario restrínxese ás microempresas. De acordo co anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías, teñen a consideración de microempresas aquelas empresas que ocupan a menos 10 empregados e cun volume de negocios anual ou un balance xeral anual que non supera os 2 millóns de euros.

Artigo 33. Financiamento

1. A intensidade de axuda que pode percibir un proxecto no marco da medida 411 de axudas non excederá os seguintes límites porcentuais e cuantitativos:

a) Investimentos no sector agrario:

Regra xeral: 40 % sobre o gasto subvencionable.

No sector da produción agraria, cando o promotor teña a consideración de agricultor mozo, a porcentaxe máxima de axuda poderá aumentar un 10 % adicional. Así mesmo, cando o proxecto se desenvolva dentro das zonas catalogadas como zonas desfavorecidas, de montaña ou Rede Natura 2000, a porcentaxe máxima de axuda poderá aumentar un 10 % adicional.

b) Proxectos que supoñan un aumento do valor económico dos montes

Regra xeral: 50 % sobre o gasto subvencionable.

Se o proxecto se desenvolve dentro das zonas catalogadas como zonas desfavorecidas, de montaña ou rede natura 2000, a porcentaxe máxima de axuda (50 %) poderá aumentar un 10 % adicional.

c) Proxectos que supoñan un aumento do valor engadido dos produtos agrarios e forestais:

Cando o promotor teña a consideración de empresa intermedia: ata o 25 % sobre o gasto subvencionable.

No resto dos casos (pemes): ata o 50 % sobre o gasto subvencionable.

d) En todos os casos, o importe máximo da axuda será de 250.000 €.

2. As axudas concedidas no marco desta medida ampáranse no Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

CAPÍTULO VI
Ficha de elixibilidade II. Actuacións enmarcables na medida 412

Artigo 34. Tipoloxía de proxectos

1. No marco da medida 412 poderán subvencionarse proxectos de investimento de carácter non produtivo que, respondendo ao obxectivo xeral de mellora do ambiente e do contorno rural, se enmarquen nalgún dos ámbitos de actuación que a continuación se relacionan.

a) Investimentos non produtivos en explotacións agrarias, cando se trate de actuacións realizadas para a mellora da paisaxe en zonas Natura 2000 ou outras zonas de alto valor natural.

b) Investimentos non produtivos en espazos forestais, tales como:

1º Restauración de ámbitos forestais de alto valor natural e paisaxístico e de conservación da biodiversidade. O valor será acreditado mediante informe emitido polo departamento da Xunta competente na materia.

2º Fomento do uso social, educativo e recreativo dos montes.

c) Investimentos non produtivos para a adecuación, recuperación e posta en valor do patrimonio natural no contorno rural. O valor será acreditado mediante informe emitido polo departamento da Xunta competente na materia.

Artigo 35. Beneficiarios

Os beneficiarios dos proxectos promovidos no marco desta medida deberán cumprir os requisitos que con carácter xeral se establecen no artigo 2 deste réxime de axudas. A condición de beneficiario acreditarase coa presentación da documentación que se refire no citado artigo.

Artigo 36. Gastos subvencionables

1º Ademais dos gastos referidos no artigo 3 deste réxime de axudas, poderanse subvencionar nesta medida os gastos derivados da realización de estudos técnicos vinculados aos investimentos obxecto da axuda (plans de protección de zonas naturais e de interese paisaxístico, recuperación de tradicións culturais, inventarios...).

2º En ningún caso serán subvencionables os gastos de plans de ordenación do monte e deslindamentos.

Artigo 37. Financiamento

1. Porcentaxe máximo de axuda pública: ata o 100 %, sen prexuízo dos límites que, de ser o caso, se establezan nos respectivos programas de desenvolvemento rural, sobre a base da tipoloxía de proxectos que se establece na epígrafe VI das bases reguladoras para a selección do programas de desenvolvemento rural e para a selección e recoñecemento dos GDR como entidades colaboradoras.

2. Importe máximo de axuda pública: 250.000 €.

CAPÍTULO VII
Ficha de elixibilidade III. Actuacións enmarcables na medida 413

Artigo 38. Tipoloxía de proxectos

1. No marco da medida 413 poderán subvencionarse proxectos que, respondendo ao obxectivo xeral de mellora da calidade de vida en zonas rurais e diversificación da economía rural, se enmarquen nalgún dos seguintes ámbitos de actuación:

a) Diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non agrarias. Proxectos que impliquen o inicio ou a mellora dunha actividade produtiva complementaria da propia actividade agraria que se desenvolva na explotación agraria, tales como:

1º Transformación e venda de produtos agrarios ou especialidades locais na propia explotación.

2º Elaboración e venda de produtos artesanais.

3º Agroturismo: acondicionamento e mellora das instalacións da explotación agraria de cara a ofrecer servizos turísticos complementarios ao aloxamento. Os investimentos que impliquen a creación de prazas de aloxamento estarán supeditadas ás limitacións sectoriais recollidas no capítulo IX deste réxime de axudas.

4º Servizos educativos, culturais, recreativos, ambientais asociados á valorización de patrimonio natural e/ou cultural ou a ecosistemas agrarios e/ou forestais do territorio.

5º Prestación de servizos á poboación.

b) Creación, ampliación e modernización de pemes, en sectores da economía distintos ao da produción agraria primaria.

Para estes efectos, enténdese por modernización a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio fundamental na natureza da produción ou na tecnoloxía correspondente.

c) Fomento de actividades turísticas:

1º Infraestruturas a pequena escala, tales como centros de información turística, coa limitación establecida de un por cada territorio do GDR e sempre que non exista previamente unha iniciativa semellante.

2º Rutas de sendeirismo e outras infraestruturas turísticas.

3º Desenvolvemento e/ou a comercialización de novos produtos e servizos turísticos relacionados co turismo rural.

d) Servizos básicos para a economía e a poboación rural:

Implantación e/ou mellora de servizos, incluídas as actividades culturais e de ocio, para a poboación rural, e as correspondentes infraestruturas a pequena escala, así como actividades vinculadas á mellora dos sectores produtivos do territorio, de acordo co establecido no PDR de Galicia.

e) Renovación e desenvolvemento de poboacións rurais e conservación e mellora do patrimonio rural:

1º Mantemento, restauración e mellora do patrimonio natural.

2º Desenvolvemento de lugares de alto valor natural.

3º Investimentos relativos á restauración, mellora e posta en valor do patrimonio cultural.

4º A subvencionabilidade do proxecto dependerá de que o departamento da Xunta competente na materia acredite o interese da proposta ou ben estea definido como de interese no plan de mantemento, restauración, mellora ou posta en valor do patrimonio natural ou cultural que o GDR pode elaborar e que estea aprobado por Agader.

2. Nos proxectos produtivos de creación, dos ámbitos de actuación b) Creación, ampliación e modernización de pemes, en sectores da economía distintos ao da produción agraria primaria e c) Fomento de actividades turísticas, é requisito necesario a xeración de emprego, como mínimo, equivalente a 0,25 empregos anuais. Para estes efectos, enténdese por xeración de emprego a creación de novos postos de traballo, fixos, eventuais, a tempo parcial ou a tempo completo, e independentemente do réxime laboral que os regule. Nos demais proxectos produtivos é requisito necesario o mantemento dos empregos existentes, considerándose empregos que se van consolidar os resultantes da análise e valoración da vida laboral, presentada polo promotor, referentes aos últimos doce meses contados desde a data de solicitude de axuda.

Artigo 39. Beneficiarios

1. Tratándose de proxectos de diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non agrarias, os beneficiarios serán exclusivamente os membros dunha unidade familiar ata segundo grao de relación ligada a unha explotación agraria, entendendo como tales as persoas físicas ou xurídicas ou grupo de persoas físicas ou xurídicas, con excepción dos traballadores agrarios. Nos casos en que un membro da unidade familiar da explotación sexa unha persoa xurídica ou un grupo de persoas xurídicas, ese membro debe exercer unha actividade agrícola na explotación no momento en que se presente a solicitude de axuda. Tratándose de persoas físicas, a acreditación do carácter de beneficiario exixe a presentación, xunto co resto da documentación referida no artigo 8.3 deste réxime de axudas, do certificado de empadroamento municipal, para os efectos de constatar a convivencia do solicitante na explotación agraria.

2. Unicamente poderán ser beneficiarios dos ámbitos de actuación d) Servizos básicos para a economía e a poboación rural e e) Renovación e desenvolvemento de poboacións rurais e conservación e mellora do patrimonio rural, as entidades sen ánimo de lucro, entidades públicas locais e comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común.

Artigo 40. Gastos subvencionables

Ademais dos gastos referidos no artigo 3, poderanse subvencionar gastos derivados da realización de estudos e proxectos técnicos, sempre ligados a investimentos materiais, nos seguintes ámbitos: detección de novas iniciativas empresariais e mercados potenciais; novos circuítos de distribución comercial; deseño, promoción e/ou comercialización de produtos turísticos.

Artigo 41. Financiamento

A intensidade de axuda que pode percibir un proxecto no marco da medida 413 non excederá os límites porcentuais e cuantitativos que a continuación se relacionan:

1. Proxectos vinculados á diversificación cara a actividades non agrarias e de creación, ampliación e modernización de pemes:

a) 50 % do gasto subvencionable cando o beneficiario teña a condición de pequena empresa, ou 40 % do gasto subvencionable cando o beneficiario teña a condición de mediana empresa. O beneficiario deberá achegar unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, o 25 % dos custos subvencionables, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

b) Importe máximo de axuda: 250.000 €.

c) Esta axuda ampárase nos artigos 13 e 26 do Regulamento xeral de exención por categorías, segundo a natureza dos gastos.

2. Proxectos vinculados ás epígrafes fomento de actividades turísticas, servizos para a economía e a poboación rural e renovación e desenvolvemento de poboacións rurais e conservación e mellora do patrimonio rural:

a) Proxectos de natureza produtiva:

1º Porcentaxe máxima de axuda: 50 % sobre o gasto subvencionable.

2º Importe máximo da axuda: 200.000 €.

3º Esta axuda ampárase no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis. De acordo con este regulamento, a axuda total de minimis concedida a un beneficiario determinado non será superior a 200.000 € durante un período de tres exercicios fiscais.

b) Proxectos de natureza non produtiva:

1º Porcentaxe máxima de axuda: ata o 100 %, sen prexuízo dos límites que, de ser o caso, se establezan nos respectivos programas de desenvolvemento rural, en función da tipoloxía de proxectos.

2º Importe máximo de axuda: 250.000 €.

3º Para os proxectos non produtivos vinculados a actividades económicas que estean promovidos por titulares distintos das entidades públicas locais, o importe máximo da axuda será de 200.000 €, os cales se ampararán nas axudas de minimis do Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006.

Artigo 42. Proxectos non produtivos

Para os efectos previstos no artigo 41, terán a consideración de proxectos non produtivos aqueles que cumpran os seguintes requisitos:

1. Que estean promovidos por entidades sen ánimo de lucro, entidades públicas locais, CMVMC ou mancomunidades de MVMC.

2. No caso das entidades públicas locais, que non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica por si mesma ou de maneira coadxuvante ou que constituíndo unha actividade económica os ingresos que xeren procedan de taxas. Cando os ingresos procedan de prezos públicos terán a consideración de non produtivos no caso de que o beneficio neto non supere o valor de capitalización do investimento ao xuro legal do diñeiro.

No caso de xestión da actividade económica por medio de concesión, o proxecto terá a consideración de produtivo.

3. No caso de proxectos promovidos por entidades sen ánimo de lucro ou comunidades ou mancomunidades de montes veciñais en man común, serían non produtivos os que non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica por si mesma ou de maneira coadxuvante.

No caso de constituír unha actividade económica, aplicaranse, para a súa consideración como proxectos produtivos ou non produtivos, os mesmos criterios que para as entidades públicas locais en materia de prezos públicos.

4. En todo caso, os proxectos non produtivos deberán ser de interese público, é dicir, deberán ser proxectos que afecten, interesen ou beneficien á poboación en xeral.

CAPÍTULO VIII
Ficha elexibilidade IV. Medida 431. Gastos de funcionamento, adquisición de capacidades e promoción territorial

Artigo 43. Beneficiarios

Os GDR seleccionados en virtude das correspondentes convocatorias e que subscribisen con Agader un convenio de colaboración para a aplicación dun programa de desenvolvemento rural no marco do programa Leader Galicia 2007-2013.

Artigo 44. Obxectivos da medida

Dotar os GDR da estrutura e capacidade suficiente para cumprir o seu labor de promoción, dinamización e desenvolvemento do seu territorio en xeral, e en particular, da estrutura necesaria, tanto material como humana, para executar a estratexia de desenvolvemento referida no seu programa.

Artigo 45. Gastos subvencionables

Terán a consideración de subvencionables os gastos de funcionamento dos GDR e os gastos de adquisición de capacidades e promoción do territorio, nos seguintes termos:

1. Gastos de funcionamento.

a) Gastos do persoal que integra o equipo técnico do GDR: retribucións salariais, cotizacións á Seguridade Social, indemnizacións.

b) Asistencias técnicas á xestión.

c) Subministracións exteriores (material de oficina e similar).

d) Compra ou alugamento de material informático, telemático e de reprografía. Gastos relativos á sede do GDR (alugamento, acondicionamento, equipamento, gastos correntes…).

e) Gastos vinculados ao traballo en rede.

f) Outros gastos necesarios para realizar as funcións que lle corresponden como entidade colaboradora de Agader, tales como gastos de representación institucional ata un importe máximo de 1.000 €/ano, axudas de custo e desprazamento ou gastos asociados ás reunións dos órganos de decisión do GDR, a excepción de calquera tipo de retribución por asistencia a elas.

g) Non son subvencionables:

1º) Os gastos por despedimentos improcedentes.

2º) Os xuros debedores das contas bancarias, nin os xuros, as recargas, os gastos derivados de transferencias bancarias, as sancións administrativas e penais nin os gastos de procedementos xudiciais que afecten os GDR.

2. Adquisición de capacidades e promoción do territorio.

a) Difusión do programa no territorio de actuación, incluíndo os gastos do equipo técnico neste tipo de actividades.

b) Encontros, xornadas, seminarios e congresos.

c) Estudos, informes, publicacións.

d) Mapas, guías, edición de material de promoción, valorización e difusión do territorio, portais e páxinas web.

e) Viaxes, presenza en feiras e eventos.

f) Rutas.

g) Proxectos sectoriais colectivos, de coordinación, accións conxuntas.

h) Accións de formación vinculadas á aplicación da estratexia.

i) Valorización do patrimonio cultural inmaterial.

Artigo 46. Condicións de subvencionabilidade

As condicións de subvencionabilidade dos conceptos e das actividades subvencionables figurarán referidas nos respectivos convenios de colaboración que os GDR seleccionados subscribirán con Agader.

Artigo 47. Inicio da subvencionabilidade dos gastos

A subvencionabilidade dos gastos iníciase desde a data de publicación no DOG da primeira convocatoria para a selección dos programas de desenvolvemento rural e para a selección e recoñecemento dos GDR como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013.

Artigo 48. Financiamento

1. Gastos de funcionamento:

a) Os gastos de funcionamento dos GDR financiaranse dentro dos límites do cadro financeiro anexo ao convenio de colaboración que asinen con Agader e de acordo cos importes máximos autorizados por Agader anualmente, de acordo co disposto na epígrafe VII das bases de selección de programas e de GDR.

b) Porcentaxe máxima de axuda pública ata o 100 %, cos seguintes límites cuantitativos e porcentuais calculados sobre o total do importe da medida 431:

1º Gastos de persoal: salarios brutos máximos imputables ao programa.

– Xerente ou máximo responsable técnico de programa: 36.000 €/ano.

– Técnico: 28.000 €/ano.

– Administrativo: 18.000 €/ano.

2º Asistencias técnicas: ata o 12 % do total do importe anual autorizado por Agader para sufragar os gastos de funcionamento.

3º Axudas de custo:

– Causadas en territorio de Galicia: ata o importe que establece a normativa de aplicación ao persoal da Administración autonómica para o grupo II.

– Causadas en territorio de fóra de Galicia: ata o importe que establece a normativa de aplicación ao persoal da Administración autonómica para o grupo I.

2. Adquisición de capacidades e promoción do territorio:

a) Os gastos destinados á adquisición de capacidades e promoción do territorio financiaranse dentro dos límites que figuran no cadro financeiro anexo ao convenio de colaboración asinado con Agader e de acordo cos importes máximos autorizados por Agader anualmente, de acordo co disposto na epígrafe VII das bases de selección de programas e de GDR.

b) Porcentaxe máxima de axuda pública: ata o 100 %.

c) O conxunto dos gastos vinculados aos conceptos que a continuación se relacionan non excederá o 10 % do total da medida 431, cun límite individual de investimento por proxecto de 20.000 € (sen IVE):

– Encontros, xornadas, seminarios, congresos, certames ou feiras.

– Estudos, informes, publicacións, edición de libros ou guías, páxinas web.

– Viaxes e presenza en feiras.

Artigo 49. Xustificación e pagamento

Os gastos vinculados á medida 431 xustificaranse nos termos previstos na parte xeral deste réxime de axudas, coa particularidade de que poderán presentar xustificacións de gasto sen periodicidade concreta, que darán lugar aos correspondentes pagamentos parciais.

Nos termos previstos no Acordo do Consello da Xunta, na súa xuntanza de 8 de outubro de 2009, o importe conxunto dos pagamentos á conta e os pagamentos anticipados referidos á medida 431 poderán acadar o 100 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados. Así mesmo, exime os GDR da obriga de constituír garantías nos pagamentos á conta, cando o importe conxunto dos pagamentos á conta e os pagamentos anticipados sexa superior aos 18.000 €.

CAPÍTULO IX
Limitacións sectoriais

Artigo 50. Limitacións sectoriais

Dentro da liberdade de promover proxectos encadrados nas medidas anteditas, de cara a evitar diverxencias entre as actuacións incentivadas desde distintas administracións públicas e para buscar a maior complementariedade posible entre elas, nalgúns sectores cómpre establecer limitacións adicionais:

1. Investimentos no sector da transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais. Aplicaranse as limitacións e restricións que estableza o departamento sectorial competente nas correspondentes ordes de axuda.

2. Investimentos en establecementos turísticos. Aplicaranse os acordos establecidos entre a departamento competente en materia de turismo e Agader.

3. Investimentos no sector das enerxías renovables. Quedan excluídos de financiamento dentro do programa Leader calquera tipo de investimentos en enerxías renovables para venda á rede.

4. Investimentos en actividades económicas do sector servizos.

a) No comercio polo miúdo só son subvencionables establecementos dedicados á valorización de produtos con singularidade específica propios do territorio do GDR onde se localicen.

b) Os investimentos en actividades de asesoría, axencias de seguros, perrucarías, tinturarías, talleres de reparacións, empresas de servizos agrícolas e forestais, despachos profesionais e asimiladas só serán subvencionables en concellos onde non haxa ningún establecemento que preste ese servizo.

c) Os proxectos de elaboración de estudos, celebración de eventos, certames ou feiras, edición de libros ou guías, páxinas web, terán un límite máximo de axuda de 10.000 € por proxecto.

5. Centros sociais e o seu acondicionamento e equipamento. Só serán subvencionables proxectos en centros de uso aberto á poboación en xeral, sendo a axuda máxima de 50.000 € por proxecto. Non serán subvencionables os investimentos en centros sociais.

6. Agader poderá pedir informes ou asinar convenios cos departamentos correspondentes de comunidade autónoma, que garanten a coherencia e complementariedade da oferta de axudas públicas entre os distintos órganos da Administración autonómica.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Convenio de colaboración entre Agader e o GDR para a aplicación dun programa de desenvolvemento rural no marco do eixo 4 (metodoloxía Leader) do PDR de Galicia 2007-2013

Convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e o Grupo de Desenvolvemento Rural «Nome_da_asociación», para a aplicación dun programa de desenvolvemento rural no marco do eixo 4 (Metodoloxía Leader) do PDR de Galicia 2007-2013

En «lugar», «data».

REUNIDOS

Dunha parte, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, Agader), representada por don/dona «nome do conselleiro/a», conselleiro/a do Medio Rural en virtude do Decreto 213/2005, do 3 de agosto, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, e presidente de Agader, en virtude do artigo 8 do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento de Agader, e da disposición adicional oitava do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, con facultades para formalizar este convenio segundo o Acordo do Consello de Dirección de Agader do 30 de maio de 2008.

E doutra parte, o Grupo de Desenvolvemento Rural «Nome_da_Asociación» (en diante, o GDR), con sede en «Enderezo» - «Población», e con código de identificación fiscal «CIF», representado por don/dona «Presidente/a», nomeado/a por acordo da xunta directiva do «data» e facultado/a para a sinatura deste convenio polo artigo «artigo» dos seus estatutos,

EXPOÑEN:

Primeiro. A Decisión da Comisión Europea C (2008) 703, do 15 de febreiro, aprobou o Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 (en diante, o PDR), ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).

Segundo. O PDR prevé a posta en marcha dunha serie de medidas a través de estratexias integradas de desenvolvemento promovidas por grupos de desenvolvemento rural nos termos sinalados no artigo 62.1 do Regulamento (CE) nº 1698/2005.

Terceiro. De conformidade coas bases reguladoras da selección de programas de desenvolvemento rural e de entidades colaboradoras aprobadas mediante Acordo do Consello de Dirección de Agader do 30 de maio de 2008 (DOG núm. 115, do 16 de xuño de 2008), o GDR presentou un programa de desenvolvemento rural, formulado co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento sustentable ao longo prazo da zona de actuación. O programa e o GDR sinalados foron seleccionados mediante Acordo do Consello de Dirección de Agader do 23 de decembro de 2008.

Cuarto. De conformidade co previsto na epígrafe XI das bases reguladoras aprobadas no citado acordo do Consello de Dirección de Agader, no número 5.5 do PDR (eixo 4: aplicación da metodoloxía Leader) e no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o GDR e Agader deben asinar un convenio de colaboración en que se regulen as condicións e obrigas que asume a entidade colaboradora para a xestión do programa de desenvolvemento rural.

De conformidade co exposto e no exercicio das súas competencias, as partes reunidas acordan formalizar este convenio, coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto

Este convenio ten por obxecto establecer as regras que deberán aplicar as partes na xestión do programa de desenvolvemento rural seleccionado polo Acordo do Consello de Dirección de Agader do 23 de decembro de 2008 e, en particular, as funcións e obrigas que asume o GDR como entidade colaboradora de Agader de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda. Duración do convenio

A vixencia deste convenio iníciase o día da súa sinatura e producirá efecto ata cinco anos despois do último pagamento realizado no marco do programa de desenvolvemento rural, de xeito que o GDR non poderá disolverse ata que transcorra o devandito período, que alcanzará ata o 31 de decembro de 2020 como máximo, salvo que o GDR garanta previamente ante Agader as responsabilidades contraídas.

Terceira. Ámbito xeográfico

O ámbito xeográfico de aplicación deste convenio é o territorio en que se desenvolverá o programa de desenvolvemento rural seleccionado. Este territorio figura como anexo I.

Cuarta. Orzamento para o cumprimento do programa de desenvolvemento rural

O orzamento público para a aplicación do programa de desenvolvemento rural é o importe da subvención asignada no Acordo do Consello de Dirección de Agader do 23 de decembro de 2008 para o programa sinalado.

O citado orzamento, desagregado por medidas, anualidades e fontes financiadoras, figura como anexo II e constitúe o marco financeiro en relación co que o GDR seleccionará proxectos para o cumprimento dos obxectivos do programa. Así mesmo, serve de base para o cálculo dos gastos de funcionamento do GDR, regulados na cláusula oitava, e dos gastos vinculados ás actuacións de adquisición de capacidades e de promoción do territorio, regulados na cláusula novena. O dito orzamento poderá variar como consecuencia da asignación da reserva de eficacia, segundo o previsto na epígrafe VII das bases reguladoras da selección de programas de desenvolvemento rural e de entidades colaboradoras, das modificacións do PDR, de reprogramacións do programa do GDR, da redistribución de fondos entre programas dos GDR, do incumprimento da regra n+2 ou doutros supostos similares.

Para a execución do programa de desenvolvemento rural aplicarase o orzamento público sinalado nesta cláusula máis o seu cofinanciamento, que acadará, como mínimo, o 116 % do citado orzamento público, o cal representa o 140 % dos fondos públicos achegados á estratexia, e procederá das contribucións dos promotores de proxectos.

Quinta. Principios de actuación

Para o cumprimento dos obxectivos do programa de desenvolvemento rural, tendo en conta o carácter público dos fondos que o financian, a actuación do GDR deberá garantir os principios de colaboración, imparcialidade, publicidade, transparencia, libre concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia. Eses principios plasmaranse, entre outras, nas seguintes normas de actuación do GDR:

Colaboración cos cidadáns en xeral, e coas entidades públicas ou privadas do territorio, pertenzan ou non ao GDR, así como con outros GDR.

Imparcialidade, de modo que os membros dos órganos de decisión do GDR deben ausentarse dos debates e votacións daqueles proxectos en que teñan un interese directo ou indirecto, por motivos de titularidade, económicos ou societarios, de parentesco ata o terceiro grao civil por consanguinidade, afinidade ou adopción, ou de amizade íntima ou inimizade manifesta.

Publicidade, tanto das convocatorias e regras para a selección de proxectos como dos proxectos subvencionados, así como para as contratacións que deba facer o GDR.

Transparencia, materializada en expedientes completos, na ausencia de acordos ocultos, na ausencia de persoas e entidades en debates e acordos que os afecten e na sinatura por persoa delegada en representación do cargo do órgano de decisión que sexa, á vez, perceptor ou interesado na axuda.

Libre concorrencia, sen máis limitacións que as que deriven da convocatoria, tanto para a selección de proxectos como para a contratación, por parte do GDR, dos recursos humanos ou materiais.

Obxectividade ou autolimitación da discrecionalidade, mediante a aplicación aos proxectos das normas do GDR para a xestión do programa, en particular dos criterios para a selección e priorización de proxectos, previamente establecidas e feitas públicas, así como da axeitada motivación da selección ou non de cada proxecto.

Igualdade, de modo que non se dea un tratamento diferente a situacións iguais nin se traten igual situacións diversas.

Non discriminación, de xeito que non se produzan diferenzas de trato fundadas en motivos persoais nin noutras circunstancias alleas ás normas do GDR para a xestión do programa, en particular dos criterios para a selección e priorización de proxectos.

Eficacia, en canto que as actuacións deben orientarse directamente á consecución dos obxectivos do programa de desenvolvemento rural, cuantificando as decisións e analizando as súas posibles consecuencias.

Eficiencia, de xeito que cun menor custo se contribúa a un maior beneficio socioeconómico, en especial entre mulleres e mozos/as, a fin de acadar a mellor proporción entre o rendemento, a utilidade dos investimentos e os gastos de funcionamento.

Para estes efectos, tanto o GDR como as entidades que sexan socios del facilitarán a colocación nos seus taboleiros de anuncios e a inserción nas súas publicacións de cantos documentos, convocatorias, concursos ou anuncios garantan o cumprimento destes principios.

Sexta. Funcións do GDR

O GDR, en canto entidade colaboradora de Agader na xestión do programa de desenvolvemento rural seleccionado, asume as seguintes funcións e obrigas:

Promover a dinamización territorial e a mobilización social.

Promover a valorización do medio rural en xeral, e do seu territorio en particular.

Facilitar a participación da poboación nas accións de desenvolvemento do territorio.

Atender o público nunha ou varias oficinas abertas no ámbito territorial do GDR, en que conste o calendario e horario de atención ao público, en particular o de atención da xerencia aos promotores. A oficina ou oficinas estarán identificadas en lugar visible mediante un cartel ou placa axeitados de modo que non sexa confundible con ningunha dependencia administrativa ou empresarial, e deberá situarse no territorio elixible para efectos do programa Leader.

Asesorar os posibles beneficiarios das axudas do programa sobre a adecuación do seu proxecto ás exixencias daquel, así como sobre a posibilidade de acceder a outro tipo de axudas á marxe das previstas nel.

Informar os posibles beneficiarios sobre as obrigas que asumirán no caso de percibir algunha axuda con cargo ao programa, así como sobre a forma de xustificación do cumprimento das condicións para a concesión das subvencións e dos requisitos para a verificación desta.

Tramitar dilixentemente os expedientes, desde que o promotor presente a solicitude diante do GDR ata que este lle traslade a Agader a decisión sobre a selección, a proposta ou a documentación de que se trate.

Comprobar o cumprimento e a efectividade das condicións ou dos requisitos determinantes para a concesión de subvencións aos promotores de proxectos.

Seleccionar proxectos con cargo ao orzamento sinalado na cláusula cuarta, para darlle cumprimento ao programa de desenvolvemento rural.

Levantar a acta de non inicio dos proxectos, realizar actuacións de seguimento e control dos proxectos subvencionados e comunicarlle a Agader calquera incidencia ou irregularidade.

Executar as actividades da medida 431 do PDR (funcionamento do GDR, adquisición de capacidades e promoción do territorio) e xustificar os gastos correspondentes.

Promover ou participar en proxectos de cooperación transnacional e interterritorial fóra e dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo as bases reguladoras e as convocatorias da Comunidade Autónoma de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

Integrarse na Rede galega de grupos de desenvolvemento rural.

Someterse ás actuacións de comprobación de Agader e de control financeiro.

Levar un rexistro de entrada e saída da documentación que afecte os asuntos vinculados á execución do programa, dándolle traslado inmediato dela a Agader cando corresponda.

Utilizar un sistema de contabilidade independente para os fondos destinados á medida 431 do PDR.

Velar pola correcta asignación dos fondos previstos para cada anualidade e a súa distribución entre proxectos produtivos e non produtivos.

Aplicar o Manual de xestión do programa Leader de Galicia 2007-2013 que aprobe Agader, así como utilizar a aplicación informática correspondente que deseñe e facilite Agader, cubrindo nela todos os campos previstos para cada tipo de actuación.

Aplicar as regras de información e publicidade sobre a axuda do Feader a que se refire o anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, así como o Plan de comunicación do PDR.

Comunicarlle a Agader, para que as autorice, as reprogramacións do programa de desenvolvemento rural, así como as modificacións de calquera norma interna do GDR relacionada coa xestión do programa.

Comunicarlle a Agader, no prazo do mes seguinte a terse producido, as variacións na escritura de constitución, estatutos, regulamento de réxime interior, composición dos órganos de decisión do GDR, enderezo, correo electrónico, xerente e outros datos similares referidos ao GDR.

Elaborar informes, e remitirllos a Agader antes do 1 de xuño de cada ano, sobre a xestión do programa durante o ano anterior. Estes informes deben recoller, polo menos, os acordos da asemblea xeral ou doutros órganos de decisión relativos á xestión do programa, especificamente sobre os aspectos das contas anuais vinculados ao programa, a relación de proxectos subvencionados e rexeitados e o grao de execución dos primeiros, as actuacións de dinamización do territorio, as altas e baixas de socios, o rexeitamento de candidatos a ser socios e as incidencias observadas. Antes de remitilo a Agader, o devandito informe debe ser sometido a aprobación pola asemblea xeral do GDR.

As normas do GDR para a xestión do programa son unha parte esencial do programa de desenvolvemento rural, na medida en que determinan as regras específicas aplicables no desenvolvemento do territorio, e garanten a aplicación dos principios de obxectividade e de transparencia. Por esta razón, a modificación polo GDR das citadas normas, en especial dos criterios de selección e de priorización de proxectos (baremos e regras de asignación de axudas), deberá ser comunicada a Agader para que a autorice.

Na composición do GDR rexerá o principio de portas abertas, entendido como a posibilidade da libre incorporación, tanto no momento da constitución do GDR como ao longo do período de execución do programa, das entidades con implantación local que, reunindo os requisitos exixidos para adquirir a condición de asociadas, soliciten a súa incorporación ao GDR, sempre que, no caso de facelo despois da constitución do GDR, acrediten un ano de actividade no ámbito territorial deste. Coa finalidade de garantir a aplicación do antedito principio, cando se rexeite a solicitude dunha entidade para incorporarse ao GDR, este deberá informala da posibilidade de que recorra diante da asemblea xeral e de que lle comunique a Agader as circunstancias do rexeitamento.

O incumprimento das funcións e obrigas do GDR poderá dar lugar á suspensión temporal dos pagamentos pendentes ata que se corrixan as irregularidades cometidas. Así mesmo, o citado incumprimento poderá supoñer o non incremento dos fondos destinados aos gastos de funcionamento, a non asignación da reserva de eficacia e, en casos de grave irregularidade, a resolución do convenio e a conseguinte perda polo GDR da condición de entidade colaboradora na xestión do programa.

Sétima. Selección de proxectos

O GDR seleccionará proxectos encadrables nas medidas 411 (actuacións que teñan por obxecto a dinamización do sector agrario e forestal), 412 (actuacións que teñan por obxecto a mellora ambiental e o contorno rural) e 413 (actuacións que teñan por obxecto a diversificación da economía rural e a mellora da calidade de vida) do eixo 4 do PDR, segundo os obxectivos do programa de desenvolvemento rural, no marco orzamentario da cláusula cuarta.

O GDR asegurará sempre a libre concorrencia dos interesados, mediante convocatoria pública, ata o límite da dispoñibilidade orzamentaria anual.

O equipo técnico do GDR realizará os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deban seleccionarse os proxectos, de acordo co réxime de axudas. Con esa finalidade o GDR recibirá solicitudes, pedirá documentación complementaria, informes sectoriais da Administración competente e realizará calquera outra actuación propia da instrución segundo os artigos 78 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O equipo técnico do GDR encargarase, así mesmo, de avaliar as solicitudes de axuda en función do programa de desenvolvemento rural, das normas do GDR para a xestión do programa, en particular os criterios de selección e priorización de proxectos (baremo e regras de asignación de axudas), do réxime de axudas, así como das demais normas aplicables sinaladas na cláusula décimo oitava.

Como resultado desa avaliación elaborará o informe de control de elixibilidade (ICE) e enviarao, xunto coa documentación necesaria para valorar a elixibilidade do proxecto, a Agader para a verificación da elixibilidade deste e da correcta aplicación da normativa correspondente por parte do GDR.

Cando o GDR reciba o ICE verificado por Agader, o equipo técnico daralle traslado do ICE, xunto coa documentación que corresponda, ao órgano de decisión do GDR para que, na primeira xuntanza que teña lugar, analice e valore as solicitudes de axuda e decida sobre a selección dos proxectos. A antedita decisión trasladarase a Agader, que resolverá a concesión ou denegación da axuda segundo a proposta de resolución do GDR. Para decidir sobre a selección de proxectos o órgano de decisión do GDR reunirase, polo menos, dúas veces por trimestre. No caso de que non haxa fondos dispoñibles, a decisión sobre a selección trasladarase á primeira xuntanza do seguinte ano.

Se o equipo técnico do GDR, no proceso de instrución e elaboración do ICE, conclúe que o proxecto non é elixible, ou que procede o seu arquivo por non cumprir os requisitos para ser subvencionado ou por desistencia do promotor, daralle traslado do ICE ao órgano de decisión do GDR para que tome o acordo correspondente, decisión que se trasladará a Agader, que resolverá segundo a proposta de resolución do GDR, agás que se constate algún erro ou defecto de legalidade na proposta de resolución.

Para optimizar a execución do programa, en previsión de que os promotores dalgúns proxectos subvencionados non xustifiquen axeitadamente a súa execución, renuncien á axuda ou deban devolvela, ou de que se produza, por calquera razón, un incremento no orzamento asignado ao programa, no ano 2013 o GDR poderá seleccionar proxectos excedendo o marco financeiro do anexo II. Nestes casos seleccionarase o proxecto e outorgarase a subvención condicionándoa á dispoñibilidade futura de fondos axeitados.

As contías liberadas por falta de xustificación da execución de proxectos, renuncia ou devolución deberán ser asignadas a outros proxectos encadrables na mesma medida de orixe das citadas contías. Se non hai proxectos vinculados á mesma medida, deben aplicarse as normas complementarias que Agader dite para estes efectos e, supletoriamente, as regras previstas nas bases reguladoras de selección de programas de desenvolvemento rural e de entidades colaboradoras.

Oitava. Gastos de funcionamento do GDR

1. Para a correcta aplicación do programa de desenvolvemento rural e para o cumprimento das súas funcións, o GDR deberá dotarse dos medios persoais e materiais axeitados, para o cal poderá realizar os seguintes tipos de gastos de funcionamento:

a) Persoal, que terá a cualificación suficiente para asumir o peso principal da xestión do programa.

b) Asistencia á xestión en aspectos puntuais necesarios para a correcta aplicación do programa.

c) Subministracións exteriores.

d) Material informático, telemático e de reprografía.

e) Gastos relativos á sede do GDR (alugamento, acondicionamento, equipamento etc.).

f) Gastos vinculados ao traballo en rede.

g) Outros gastos necesarios para realizar as funcións que lle corresponden como entidade colaboradora de Agader, tales como os gastos de representación institucional, as axudas de custo e desprazamento, gastos asociados ás reunións dos órganos de decisión do GDR, a excepción de calquera tipo de retribución por asistencia a elas.

Non se consideran subvencionables os gastos por despedimentos improcedentes. Tampouco os xuros debedores das contas bancarias, nin os xuros, as recargas, as sancións administrativas e penais nin os gastos de procedementos xudiciais que afecten o GDR.

Con carácter xeral, o GDR terá en conta as seguintes regras sobre os gastos de funcionamento con cargo ao programa:

– As axudas de custo limitaranse ás contías previstas na Administración autonómica galega para o grupo 2º ou para o grupo 1º, respectivamente, segundo a actividade teña lugar en Galicia ou fóra de Galicia.

– Os gastos de representación institucional non excederán os 1.000 euros anuais.

2. A contratación do equipo xestor do GDR axustarase ás seguintes regras:

• A relación entre o GDR e o persoal terá carácter laboral, non mercantil.

• Selección segundo os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria, para a aplicación do programa no marco do PDR.

• O procedemento selectivo constará das seguintes partes: A) Proba escrita, centrada sobre materias de desenvolvemento rural e do PDR, normativa de subvencións e territorio de actuación do GDR; B) Entrevista, cun límite do 25 % da puntuación máxima do proceso selectivo; e C) Méritos, en relación coa experiencia e á formación específica vinculada con programas de desenvolvemento rural, cun límite do 25 % da puntuación máxima do proceso selectivo.

• Na comisión de selección preverase un representante de Agader con voz e sen voto.

• As características dos postos de traballo que poida contratar o GDR serán as seguintes:

• Xerente ou máximo responsable técnico do programa. Titulación mínima: diplomatura universitaria/ enxeñaría técnica. Salario bruto máximo imputable ao programa: 36.000 €.

• Técnico. Titulación mínima: diplomatura universitaria/enxeñaría técnica. Salario bruto máximo imputable ao programa: 28.000 €.

• Administrativo. Titulación mínima: bacharelato/FP II. Salario bruto máximo imputable ao programa: 18.000 €.

• As persoas seleccionadas farán unha declaración na cal conste que non están incursas nas causas de incompatibilidade aplicables ao persoal ao servizo da Comunidade Autónoma galega, así como no caso de que cambien as circunstancias que poidan afectar a compatibilidade.

• O xerente ou máximo responsable técnico do programa terá dedicación exclusiva e non desempeñará cargos electos nos órganos do GDR.

3. A contratación de asistencias técnicas polo GDR axustarase ás seguintes regras:

– As asistencias técnicas só poderán utilizarse para a xestión de aspectos puntuais, como os referidos a servizos técnicos, xurídicos, laborais, fiscais e contables.

– A selección da entidade adxudicataria realizarase segundo os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que rexen a contratación das administracións públicas. Os principios de publicidade e concorrencia materializaranse na publicación de anuncios en medios de comunicación e na concesión dun prazo mínimo de dez días para a presentación de ofertas.

– Os gastos de asistencia á xestión non excederán o 12 % do importe anual asignado para os gastos de funcionamento.

4. Para atender os gastos de funcionamento o GDR percibirá, con cargo á conta orzamentaria 01/01 01/43/10 656800 de Agader, unha dotación económica no marco da medida 431 do PDR. A antedita dotación será como mínimo dun 12 % do orzamento asignado para a aplicación das medidas 411, 412 e 413 do PDR no programa de desenvolvemento rural do GDR. A contía anterior poderá alcanzar o 16 % do antedito orzamento, segundo as regras previstas nas bases reguladoras da selección de programas de desenvolvemento rural e de entidades colaboradoras. Ese incremento será recoñecido por Agader cando autorice a previsión anual de gastos de funcionamento do GDR.

A intensidade da axuda con cargo ao programa para os gastos de funcionamento poderá ser do 100 %, aínda que o GDR poderá obter financiamento suplementario ou recursos materiais dos seus asociados ou doutras entidades para eses fins.

O GDR deberá executar e xustificar os gastos de funcionamento seguindo as regras xerais previstas no réxime de axudas. Ademais, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías que determina o Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para os contratos menores (50.000 € no suposto de obra ou 18.000 € en subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica), deberanse xuntar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou o presten. Así mesmo, poderá aboar anticipos anuais á conta segundo a normativa aplicable ata o 20 % do importe da axuda pública prevista no cadro financeiro do anexo II.

Cando o GDR non precise os equipamentos adquiridos con cargo ao programa, destinaranse a entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades vinculadas ao desenvolvemento rural.

Novena. Actuacións de adquisición de capacidades e de promoción do territorio

No marco da medida 431 do PDR (funcionamento do GDR, adquisición de capacidades e promoción do territorio), o GDR poderá promover actividades do seguinte tipo:

– Difusión do programa no territorio de actuación.

– Encontros, xornadas, seminarios, congresos.

– Estudos, informes, publicacións.

– Mapas, guías, edición de material de promoción, valorización e difusión do territorio, portais e páxinas web.

– Viaxes, presenza en feiras e eventos.

– Sinalizacións turísticas.

– Rutas.

– Proxectos sectoriais colectivos, de coordinación, accións conxuntas.

– Accións de formación vinculadas á aplicación da estratexia.

– Valorización do patrimonio cultural inmaterial.

O importe mínimo de fondos públicos do programa que o GDR destinará á realización das actuacións anteriores será o equivalente ao 4 % dos fondos destinados ás medidas 411, 412 e 413 de cada programa e satisfarase con cargo á conta orzamentaria 01/01 01/43/10 656800 de Agader. A intensidade da axuda con cargo ao programa para as anteditas actuacións poderá ser do 100 %, aínda que o GDR poderá obter financiamento suplementario alleo ao PDR para eses fins.

O GDR distribuirá a axuda destinada ás actuacións reguladas nesta cláusula tendo en conta as seguintes regras. Por unha parte, as axudas de custos limitaranse ás contías previstas na Administración autonómica galega para o grupo 2º ou para o grupo 1º, respectivamente, segundo a actividade teña lugar en Galicia ou fóra de Galicia. Ademais, non excederá o 10 % do total da medida 431 o conxunto dos seguintes gastos:

– Encontros, xornadas, seminarios e congresos.

– Estudos, informes e publicacións.

– Viaxes e presenza en feiras, sen que podan viaxar ou asistir a feiras con cargo ao programa máis de dúas persoas en cada ocasión, salvo que, en casos xustificados, Agader autorice a asistencia de máis persoas.

– Formación.

O GDR realizará a previsión anual de gastos destinados á adquisición de capacidades e de promoción do territorio e presentaralla antes do 30 de novembro de cada ano, en relación co exercicio seguinte, a Agader para que esta a autorice.

Dado que o GDR ten a consideración de beneficiario do PDR en relación coas actuacións sinaladas, estas executaranse e xustificaranse segundo as regras xerais previstas no réxime de axudas. Agader pagará os gastos de adquisición de capacidades e de promoción do territorio que o GDR xustifique mensualmente, calquera que sexa a súa contía. Así mesmo, poderá aboar anticipos anuais á conta segundo a normativa aplicable ata o 20 % do importe da axuda pública prevista no cadro financeiro do anexo II.

Décima. Difusión do programa

Entre as actuacións de adquisición de capacidades e promoción do territorio, debe realizarse a difusión do programa no territorio de actuación. Con esta finalidade o GDR deberá:

– Manter xuntanzas con colectivos, organizacións, grupos de veciños, profesionais vinculados ao desenvolvemento do territorio (ADL, asistentes sociais, axentes de emprego...) na maior extensión posible, co fin de que o programa sexa coñecido pola poboación do territorio e para crear dinámicas de interacción.

– Crear unha páxina web do GDR, mantela actualizada e facilitar a información relevante do GDR a Agader para que esta poida incorporala á súa páxina web.

– Ter á disposición do público no taboleiro de anuncios da oficina ou oficinas, así como nas páxinas web do GDR e de Agader, información actualizada do programa, das axudas dispoñibles no marco deste, normas do GDR para a xestión do programa, convocatorias e demais información relevante.

– Difundir o programa no territorio de actuación, as convocatorias e axudas dispoñibles no seu marco e a apertura de prazos de solicitude, de xeito que os coñeza a maior parte da poboación.

– Difundir de forma periódica, polo menos anualmente, as subvencións concedidas e denegadas con cargo ao programa.

– Facilitar aos promotores os modelos dos carteis, placas ou logotipos para publicitar axeitadamente os proxectos subvencionados.

– Dar a coñecer a sede do GDR mediante placas ou carteis e utilizar os logotipos das administracións financiadoras (Unión Europea-Feader, Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e Agader), segundo a normativa aplicable en cada caso, no material impreso que use o GDR e nas actuacións promovidas por este cando requiran cartel. A placa identificativa das oficinas deberá mencionar, cando menos, o nome do GDR, o programa Leader, os logotipos das administracións financiadoras e o lema Feader: Europa inviste no rural.

– Publicitar o principio de portas abertas dos GDR (libre acceso ao GDR das entidades interesadas).

As citadas actuacións deben cumprir as regras sobre o uso da bandeira europea e o logotipo de Leader regulamentarios, así como do lema Feader: Europa inviste no rural, segundo o previsto no anexo VI do Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

Para a ordenada realización das tarefas antes sinaladas, o GDR debe concretar e executar o plan de difusión presentado no marco do programa de desenvolvemento rural.

Décimo primeira. Actuacións do GDR de control e seguimento de proxectos

O GDR fará as seguintes actuacións relativas ao control e seguimento dos proxectos:

Levantar a acta de non inicio, antes de seleccionar os proxectos, e realizar o seguimento do cumprimento de obrigas en relación cos proxectos subvencionados durante os cinco anos seguintes ao pagamento da axuda, sen que coincida a persoa que levantou a acta de non inicio coa que faga o control posterior ao pagamento. As anteditas funcións realizaranse segundo as exixencias do Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro, e do Plan galego de controis Feader.

Recibir os estudos e traballos que deban presentar os promotores, así como a documentación xustificativa da execución dos proxectos subvencionados, comprobando que está completa, estampillando as facturas co selo do programa e compulsando as copias destas, e enviala a Agader inmediatamente despois de tela recibido. O GDR realizará estas actuacións tendo en conta que a dita xustificación servirá de base para a acreditación polas autoridades nacionais das accións do PDR diante da Comisión Europea, así como para o requirimento a esta do saldo final das axudas concedidas.

Comunicar a Agader, no momento en que as coñeza, as irregularidades que detecte na aplicación do programa de desenvolvemento rural.

O GDR exercerá as funcións de control por delegación de Agader.

Décimo segunda. Comprobación de actuacións e control financeiro

O GDR someterase ás actuacións de comprobación que, respecto da colaboración na execución do programa de desenvolvemento rural e da xestión dos fondos asignados, poida efectuar Agader, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos, estatais como comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida en relación co exercicio das funcións que lle corresponden.

O GDR quedará suxeito ás disposicións comunitarias de control establecidas no Regulamento (CE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Durante os cinco anos seguintes ao último pagamento de gastos vinculados á execución do programa de desenvolvemento rural, o GDR deberá conservar e, de ser o caso, poñer á disposición dos órganos sinalados anteriormente, a documentación administrativa, os libros de contabilidade e todos os documentos xustificativos referidos aos gastos realizados e á efectividade do pagamento.

O beneficiario terá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requerida pola Intervención Xeral da Comunidad Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Décimo terceira. Calendario de xestión

Para a xestión do programa de desenvolvemento rural, o GDR deberá ter en conta as seguintes datas:

1. Data inicial de elixibilidade dos gastos da medida 431: desde a publicación no DOG da convocatoria de selección de programas e entidades colaboradoras.

2. Data inicial de admisión de solicitudes: a de apertura da convocatoria por cada GDR.

3. Data final de modificación do programa de desenvolvemento rural: 30 de xuño de 2015.

4. Data final de admisión de solicitudes: 30 de marzo de 2015.

5. Data final de selección de proxectos polo GDR: 30 de setembro de 2015.

6. Data final de concesión de axudas: 30 de setembro de 2015.

7. Data inicial de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: a partir da data da acta de non inicio ou, de ser o caso, a partir da data de presentación da solicitude de axuda respecto daqueles proxectos que non requiran acta de non inicio.

8. Data final de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: 30 de outubro de 2015.

9. Data final de xustificación de investimentos: 30 de outubro de 2015.

10. Data final de pagamentos aos titulares de proxectos da totalidade da axuda certificada: 30 de novembro de 2015.

Agader, en previsión dun ordenado peche do PDR, poderá variar as datas sinaladas, así como fixar outras para axeitar o ritmo de execución de proxectos á proximidade das datas límite sinaladas.

Décimo cuarta. Contabilidade do GDR

O GDR deberá levar un sistema de contabilidade independente, en que consten todas as intervencións que desenvolva respecto dos gastos, compromisos e pagamentos relacionados coa medida 431 do PDR (funcionamento do GDR, adquisición de capacidades e promoción territorial).

Para os cobramentos e pagamentos referidos á antedita medida, o GDR utilizará unha única conta bancaria.

Décimo quinta. Modificación do convenio

Este convenio poderá modificarse, en función do desenvolvemento efectivo do programa de desenvolvemento rural, mediante a subscrición do oportuno acordo, que deberá asinarse antes da finalización do prazo de vixencia.

Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, cando o orzamento asignado para a execución do programa de desenvolvemento rural varíe como consecuencia de modificacións no orzamento do PDR, da reprogramación solicitada polo GDR e aceptada por Agader, da distribución da reserva de eficacia, do ritmo de execución do citado programa, da redistribución de fondos entre programas dos GDR, do incumprimento da regra n+2 e doutras obrigas, así como noutros casos similares, os cadros financeiros sinalados no anexo II deste convenio entenderanse modificados sen necesidade de tramitación específica.

Ademais, as modificacións normativas e calquera variación do territorio de actuación aprobada por Agader comportará a modificación deste convenio sen necesidade de tramitación específica.

Décimo sexta. Resolución do convenio

Este convenio poderá rescindirse de mutuo acordo entre as partes.

A resolución do convenio suporá que o GDR perde a súa condición de entidade colaboradora e que non poderá percibir as axudas vinculadas ao programa. Os proxectos promovidos polo GDR que se estean executando nese momento deben rematarse e xustificarse segundo as regras xerais.

En caso de grave irregularidade do GDR no exercicio das súas funcións, Agader poderá acordar a resolución do convenio e a perda do GDR da súa condición de entidade colaboradora, que se tramitará respectando os principios aplicables no procedemento sancionador. Para estes efectos considéranse irregularidades graves a ausencia ou atraso inxustificado na tramitación de expedientes, a tramitación neglixente ou arbitraria, a non aplicación do principio de portas abertas no acceso ao GDR, a ausencia de difusión do programa a través de reunións coa poboación, a non adopción de medidas correctoras ou preventivas sinaladas por Agader como consecuencia das funcións desta de seguimento do programa e a perda polo GDR das condicións necesarias para ser seleccionado como entidade colaboradora.

Décimo sétima. Consentimento sobre a publicidade de axudas e sancións

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a sinatura deste convenio leva implícito o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións que reciba o GDR, así como ás sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos nos citados rexistros, que dependen da Consellería de Economía e Facenda.

Décimo oitava. Normativa aplicable á xestión dos fondos asignados ao programa de desenvolvemento rural

Na aplicación deste convenio e na xestión do programa de desenvolvemento rural terase en conta a normativa comunitaria, estatal, autonómica e local aplicable ás actuacións subvencionables. En particular, aplicaranse os seguintes actos e normas:

– A Decisión da Comisión Europea C (2008) 703, do 15 de febreiro, aprobatoria do PDR.

– As bases reguladoras e a convocatoria da selección de programas de desenvolvemento rural e de entidades colaboradoras, aprobadas polo Acordo do Consello de Dirección de Agader do 30 de maio de 2008.

– O programa de desenvolvemento rural para o territorio do GDR, seleccionado polo Acordo do Consello de Dirección de Agader do…

– As normas do GDR para a xestión do programa.

– O réxime de axudas.

– A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– O Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

– O Regulamento (CE) 1290/2005 do Consello, do 21 de xuño, sobre o financiamento da política agrícola común.

– O Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), modificado polos regulamentos (CE) nº 473/2009, do 25 de maio, e 74/2009, do 19 de xaneiro.

– O Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 modificado polos regulamentos (CE) nº 1175/2008, do 27 de novembro, 363/2009, do 4 de maio, 482/2009, do 8 de xuño, e 108/2010, do 8 de febreiro, e 679/2011, do 14 de xullo, da Comisión.

– Regulamento (CE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se es-tablecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Sen prexuízo do anterior, Agader poderá establecer regras complementarias para precisar as funcións e obrigas do GDR e para facilitar a execución do programa de desenvolvemento rural e do PDR.

Así mesmo, Agader poderá concertar convenios e acordos con outras entidades sobre a complementariedade das axudas, a coordinación de actuacións ou outros aspectos que coadxuven á correcta aplicación do PDR, que lle comunicará ao GDR para que os teña en conta no exercicio das súas funcións.

Décimo novena. Carácter e xurisdición

Este convenio ten a natureza dos previstos no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sonlle aplicables as normas específicas previstas na normativa estatal e comunitaria aplicable ao PDR. No seu defecto, os principios establecidos na citada lei aplicaranse para resolver as dúbidas e lagoas que se poidan presentar.

As cuestións litixiosas a que poida dar lugar a interpretación e cumprimento deste convenio, unha vez rematada a vía administrativa, quedarán sometidas ao coñecemento e resolución da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da dita xurisdición.

Vixésima. Disposición transitoria

As axudas que, en virtude de normas transitorias ditadas por Agader, sexan concedidas entre a data do acordo polo que se selecciona tanto o programa de desenvolvemento rural como o GDR colaborador e a data da sinatura deste convenio consideraranse concedidas ao abeiro deste convenio, sempre que non contraveñan o disposto nel, no PDR e na normativa estatal ou autonómica pola que se rexe a aplicación dos programas de desenvolvemento rural.

En proba de conformidade co que antecede, asínase este convenio por duplicado no lugar e na data sinalados ao principio.

O/a presidente/a de Agader e conselleiro/a O/a presidente/a do GDR

do Medio Rural